Xoán de Mandeville
Nome orixinal | (en) John Mandeville (fr) Jean de Mandeville |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 1300 St Albans, Reino Unido |
Morte | 17 de novembro de 1372 (71/72 anos) Liexa, Bélxica |
Actividade | |
Ocupación | escritor |
Obra | |
Obras destacables
| |
Outro | |
Título | Cabaleiro |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography Vlastenský slovník historický (pt) Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron |
Xoán de Mandeville foi o autor ficticio dun libro de viaxes supostamente autobiográfico titulado Libro das marabillas do mundo, moi lido na Idade Media. En realidade sábese que é un pseudónimo dun certo Jean de Bourgogne ou Jean à la Barbe, médico de Liexa, autor mesmo de tratados sobre medicina, que vivira en Exipto e que probablemente alí concibira a idea de describir unha viaxe por todo Oriente. Como só coñecía Exipto, tramou o seu texto bebendo en varias fontes e creando un narrador ficticio.
O narrador sostiña ser un cabaleiro inglés nado na Abadía de Saint Albans, quen en 1322, durante a festa de San Miguel, emprendera unha viaxe ata Exipto, onde loitou como mercenario do sultán contra os beduínos. Despois internárase cada vez máis ao leste, de Palestina á India e finalmente penetrara na Asia profunda, ata a propia China. Aseguraba que serviu durante quince anos no exército do Gran Khan de Mongolia. Trinta e catro anos despois da súa partida, en 1356, volvera a Europa, onde impulsado e axudado por un médico que coñecera na corte do sultán de Exipto, escribiu en Liexa a difundida compilación do que veu e viviu.
Foi caracterizado como peregrino a Santiago de Compostela, e os seus libros eran vendidos no Camiño.
Dábase como data da súa morte o ano 1372.
Fontes
[editar | editar a fonte]O Libro das marabillas do mundo parécese pretender parangonar co Libro das marabillas de Marco Polo. O mesmo viaxeiro veneciano e Cristovo Colón dixeron estar influenciados polo libro de Xoán de Mandeville.[1] O que Xoán de Mendeville conta de Exipto pódese basear na propia experiencia de Jean de Bourgoigne. Mais o resto bebe nas crónicas de homes da Igrexa, principalmente os primeiros misioneiros dominicos e franciscanos, pioneiros en chegar ao interior de Asia.
Listaxe dalgunhas fontes
[editar | editar a fonte]Obra | Autor | Contido tomado |
---|---|---|
Itinerarius | Guillerme de Boldensele (monxe dominico), escrito en 1336 | Descrición de Constantinopla e Palestina |
Tractatus de distantiis locorum terræ sanctæ | Eugesipo | Descrición de Palestina |
Descriptio terræ sanctæ | Xoán de Würzburg, escrito c. 1165 | Descrición de Palestina |
Libellus de locis sanctis | Teodorico, escrito c. 1172 | Descrición de Palestina |
De statu Saracenarum | Guillerme de Trípoli (monxe dominico), escrito en 1273 | Descrición dos musulmáns |
Historia orientalis ou Flos Historiarum Terrae Orientis | Haitón de Coricos (monxe premonstratense, antigo nobre armenio e posterior abade de Poitiers) | Descrición dos pobos armenio, persa, turco etc. |
Descriptio orientalium | Odorico de Pordenodne (monxe franciscano) | Descrición do país dos tátaros e a China (case textualmente) |
Historia Mongolorum | Xoán de Plano Carpini (monxe dominico) | Descrición de do país dos tátaros e a China |
Amais dos libros de viaxes, o autor tamén toma materiais de obras de natureza xeral doutros autores, como Plinio o Vello, Solino, Flavio Xosefo, e o Speculum Historiale of Vincent de Beauvais.
Manuscritos
[editar | editar a fonte]Existen numerosos manuscritos e edicións impresas do Libro das marabillas do mundo de Xoán de Madeville. As impresións máis antigas son: en francés (Lión, 1480); en alemán (Augsburgo, 1481, 1482); en inglés (Westminster, 1499).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Adams, Percy G. (1988). Travel Literature Through the Ages: An Anthology (en inglés). Garland. ISBN 978-0-8240-8503-2.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]Hartig, Otto. "Jean de Mandeville". The Catholic Encyclopedia. Vol. 9. Nova York: Robert Appleton Company, 1910. 12 Dec. 2015.