Saltar ao contido

Woyzeck

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Texto orixinal con esbozos dos personaxes do doutor e o capitán realizado polo autor

Woyzeck é unha obra teatral de Georg Büchner que comezou a escribir a mediados de 1836 e que á súa morte en 1837 permanecía inconclusa, nun estado moi fragmentario. Postumamente varios autores, editores e tradutores completárona con numerosas e diferentes versións que se levaron aos escenarios. Constitúe unha das obras máis representadas e influentes do repertorio teatral alemán, que deixou unha fonda pegada no teatro alemán do século XX [1]. A versión galega que data de 1984, traducida por Manuel Lourenzo e dirixida por Xúlio Lago, foi a primeira montaxe do Centro Dramático Galego.

Historia e fontes

[editar | editar a fonte]

Considerado un precursor do expresionismo, Büchner relata na obra os efectos deshumanizadores dos poderes sociais, seguindo a Woyzeck, un soldado explotado polos doutores e os oficiais do exército. Denominada "traxedia da clase obreira", é un exemplo temperá de peza protagonizada polos obreiros na literatura moderna alemá.

A peza publicouse por vez primeira en 1879, nunha versión moi modificada realizada polo editor Karl Emil Franzos, porén a primeira montaxe non foi ata o 8 de novembro de 1913 no Residenztheater de Múnic. A historia baséase vagamente na vida de Johann Christian Woyzeck, un rapaz que queda orfo moi novo e que para subsistir traballa nunha fábrica de perrucas, pero non é quen de se adaptar e ingresa no exército, e acabou matando a Christiane Woost, unha viúva coa que vivía, e finalmente foi decapitado en público o 27 de agosto de 1824. Consérvanse 31 escenas sen numerar da man de Bürcher escritas en folios tamén sen numerar e que se asocian a catro estapas de desenvolvemento diferente, sen que quede claro como as quería organizar, aínda máis moitas das escenas son moi curtas e sen elaborar. O seu irmán Ludwig non incluíu o manuscrito na edición das obras completas que publicou en 1850 por consideralo ilexible. Anos despois o editor Franzos tratou quimicamente as follas para facelas lexibles de novo e publicou unha versión moi modificada en Georg Büchner: Sämmtliche Werke und handschriftlicher Nachlaß, dándolle ao personaxe principal o nome de Wozzeck por un erro de transcrición. En 1909 Paul Landau publicou outra versión en Georg Büchners gesammelte Schriften que foi a que Alban Berg tomou como base para a súa ópera Wozzeck.

  1. Richards, David G. (2001) Georg Büchner's Woyzeck: A History of Its Criticism Camden House, p. xi