Woody Allen
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde decembro de 2011.) |
Allan Stewart Koningsberg, coñecido como Woody Allen, nado o 30 de novembro[1][2][3][4] do ano 1935 en Nova York, é un director de cine, guionista, actor, músico e cómico estadounidense.
Ao longo da súa carreira gañou varios Óscars. O seu elevado número de traballos e o seu peculiar estilo convérteno nun dos directores de cine máis respectados e prolíficos dos últimos tempos. Escribe e dirixe tódalas súas películas e mesmo adoita actuar en gran parte delas. As súas obras inspíranse en múltiples temas: literatura, filosofía, psicoloxía, cine europeo e a cidade de Nova York, lugar onde naceu e onde viviu toda a súa vida. As súas grandes influenzas cinematográficas están en directores europeos coma Ingmar Bergman e Federico Fellini, e tamén comediantes coma Groucho Marx e Bob Hope.
Biografía
[editar | editar a fonte]Orixe
[editar | editar a fonte]Nace en Nova York no seo dunha familia xudía de ascendencia rusa e austríaca. Os seus pais son Martin Köningsberg (Nova York, 1900-2001) quen tivo diversos traballos, como taxista ou camareiro, e a contable Nettea Konigsberg (Nova York, 1908-2002), ambos de crenzas xudías. Tamén ten unha irmá máis nova, a produtora Letty Aronson (Nova York, 1943).
Woody Allen pasou a súa infancia na poboación de Flatbush, unha zona de Brooklyn, Nova York. Estudou oito anos nunha escola xudía, logo nunha escola pública e finalmente no instituto Midwood High School. Pese a ser un rapaz intelixente nunca destacou especialmente nos estudos.
Xa de mozo comezou a gañar cartos escribindo chistes para un axente que llelos vendía ós xornais. Durante a súa infancia aprende a toca-lo violín, o que lle axudaría máis tarde na creación das bandas sonoras das súas películas e a converterse nun grande intérprete do clarinete, que adoita tocar en público xunto cunha banda de jazz.
Cinema
[editar | editar a fonte]Con dezaseis anos comeza a escribir para xente famosa coma o actor e escritor Sid Caesar. É nesta época cando troca o seu nome polo de Woody Allen. Ós dezaoito anos matricúlase na Universidade de Nova York, na que estuda cinematografía, pero ante as malas cualificacións acadadas abandona os estudos.
Ós dezanove anos comeza a escribir guións para programas norteamericanos coma The Ed Sullivan Show ou The Tonigh Show. Mentres traballa para o programa de Sid Caesar, Caesar's Hour, coñece a Danny Simon, un famoso guionista de comedias ó que lle pide axuda á hora de estruturar os seus escritos. É tamén neste tempo cando comeza a escribir relatos curtos, a maioría para The New Yorker, e representacións teatrais.
Na década de 1960 inicia a súa carreira como monologuista. Nesta década comeza tamén a escribir guións para a serie de televisión Candid Camera, na que mesmo actúa nalgúns dos episodios. Co tempo os seus traballos caracterizaranse pola súa personalidade neurótica, nerviosa e tímida, trazos característicos das súas personaxes cinematográficas posteriores.
A finais dos anos sesenta escribe pezas de teatro en Broadway, entre as que destacan Play it again Sam. Será en 1969 cando Woody Allen dirixa un guión propio que lle tiña ofrecido ó director británico Val Guest e a Jerry Lewis. Esa película é Take the money and run.
Nos anos setenta xermola a súa relación con Diane Keaton, protagonista da maior parte das súas películas desa época. É unha década de películas de corte narrativo, cómico e surrealista como O durmiñón ou A derradeira noite de Boris Grushenko.
No ano 1977, a carreira de Woody Allen xira de xeito importante logo de dirixi-la película Annie Hall, que foi galardoad con catro premios Óscar: mellor filme, mellor director, mellor actriz e mellor guión. Destaca o feito de que non acudiu a recollelos, senón que preferiu ir tocar coa súa banda ao Michael's Pub, como cada luns.
Nos anos oitenta Mia Farrow substitúe a Diane Keaton tanto no amor como nos filmes. Porén, nunca casaron nin viviron xuntos, senón que residían en lados opostos de Central Park.[5] Nesta época realiza películas como A rosa púrpura do Cairo ou Hannah e as súas irmás, Óscar ó mellor guión. A relación con Mia Farrow entrou en crise a comezos da década de 1990 e rematou cunha violenta ruptura.[6]
Dende a década de 1990, Woody Allen vive con Soon-Yi Previn, filla adoptiva da súa exparella Mia Farrow e o seu marido naquel tempo, o director de orquestra e pianista André Previn. Casaron en 1997.[7][8]
Filmografía
[editar | editar a fonte]- A Rainy Day in New York (2018)
- Wonder Wheel (2017)
- Café Society (2016)
- Irrational Man (2015)
- Maxia ao luar (2014)
- Blue Jasmine (2013)
- To Rome with Love (2012)
- Midnight in Paris (2011)
- You Will Meet a Tall Dark Stranger (2010)
- Whatever Works (2009)
- Vicky Cristina Barcelona (2008)
- Cassandra's Dream (2007)
- Scoop (2006)
- Match Point (2005)
- Melinda and Melinda (2004)
- Anything Else (2003)
- Hollywood Ending (2002)
- The Curse of the Jade Scorpion (2001)
- Small Time Crooks (2000)
- Sweet and Lowdown (1999)
- Celebrity (1998)
- Deconstructing Harry (1997)
- Todos din I love you (1996)
- Poderosa Afrodita (1995)
- Don't Drink the Water (1994) (Filme para a televisión)
- Balas sobre Broadway (1994)
- Misterioso asasinato en Manhattan (1993)
- Maridos e mulleres (1992)
- Sombras e néboa (1992)
- Alice (1990)
- Delictos e faltas (1989)
- New York Stories (1989) (segmento "Oedipus Wrecks")
- Another Woman (1988)
- Setembro (1987)
- Días de radio (1987)
- Hannah e as súas irmás (1986)
- A rosa púrpura do Cairo (1985)
- Broadway Danny Rose (1984)
- Zelig (1983)
- A Midsummer Night's Sex Comedy (1982)
- Lembranzas (1980)
- Manhattan (1979)
- Interiores (1978)
- Annie Hall (1977)
- A tapadeira (1976)
- A derradeira noite de Boris Grushenko (1975)
- O durmiñón (Sleeper) (1973)
- Todo o que sempre quixo saber sobre o sexo e nunca se atreveu a preguntar (1972)
- Bananas (1971)
- Men of Crisis: The Harvey Wallinger Story (1971) curtametraxe para a televisión
- Take the Money and Run (1969)
- What's Up, Tiger Lily? (1966)
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]En 2002, recibiu o Premio Princesa de Asturias das Artes.[9] En 2007, recibiu o doutoramento honoris causa pola Universidade Pompeu Fabra de Barcelona.[10]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ https://books.google.com/books?id=81HYDwAAQBAJ&pg=PT11
- ↑ https://time.com/4100521/woody-allen-biography
- ↑ https://www.yahoo.com/entertainment/celebrity-actor-director-birthdays-week-163947283.html
- ↑ https://web.archive.org/web/20230903021451/http://www.bfi.org.uk/films-tv-people/4ce2b9ef3006f
- ↑ Lax, Eric (February 24, 1991). "Woody and Mia: A New York Story". The New York Times. p. 5 of 12. Consultado o 21-11-2011.
They are not married, neither do they live together; their apartments face each other across Central Park.
- ↑ Gliatto, Tom. "A Family Affair". People. Consultado o November 5, 2011.
- ↑ Tait, Robert (5-5-2016). "Woody Allen 'immune' to criticism over affair with former partner's daughter". The Telegraph (Telegraph Media Group Limited). Consultado o 2-9-2016.
- ↑ Fields-Meyer, Thomas (12-1-1998). "Love in Venice". People (Time Inc.). Arquivado dende o orixinal o 16-08-2016. Consultado o 4-5-2016.
- ↑ "Acta do xurado. Artes 2002". fundacionprincipedeasturias.org/ (en castelán). 4 de xuño de 2002. Archived from the original on 29 de setembro de 2007. Consultado o 1 de xuño de 2021.
- ↑ "Woody Allen, Doctor honoris causa de la UPF". upf.edu (en catalán). 14 de xuño de 2007. Consultado o 7 de novembro de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Woody Allen |
A Galicitas posúe citas sobre: Woody Allen |
- Actores dos Estados Unidos de América
- Directores de cine dos Estados Unidos de América
- Guionistas dos Estados Unidos de América
- Saxofonistas dos Estados Unidos de América
- Óscar ó mellor director
- Nados no Bronx
- Nados en 1935
- Gañadores do premio César
- Óscar ó mellor guión orixinal
- Estadounidenses de ascendencia xudía
- Estadounidenses de ascendencia austríaca
- Estadounidenses de ascendencia rusa
- Premios Princesa de Asturias das Artes
- Doutores honoris causa pola Universidade Pompeu Fabra