Saltar ao contido

Wikipedia:Libro de estilo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Wikipedia:LE»)
Atallo:
WP:LE

O propósito deste libro de estilo é enumerar as convencións ás que se chegou co obxecto de darlle un carácter máis homoxéneo aos artigos da Galipedia. Se todas as achegas seguen un estilo uniforme, resultará máis doado atopar a información, axudando tamén á mellora dos contidos por parte de quen sexa.

O estilo recomendado a continuación baséase nas propias cualidades técnicas do software MediaWiki que emprega este wiki, ademais de basearse en acordos que se seguen noutras wikipedias e mais os que se acordaron na propia Galipedia segundo os usos do galego. Existen diversas formas, todas boas, de redactar artigos. O obxectivo, pois, non é promocionar un único xeito de facer as cousas, senón máis ben evitar xeitos inadecuados.

Redacción

[editar a fonte]

Título dos artigos

[editar a fonte]

Esta guía debe seguirse para os títulos dos artigos dentro da Wikipedia.

  • Deben coincidir co tema xeral que tratan os contidos do artigo.
  • Serán tan curtos como sexa posible; existe unha restrición en canto á lonxitude, pero non é habitual atinxila.
  • Van en singular, salvo se son conceptos colectivos que perdan o seu significado cando se expresen en singular (linguas románicas, Montes Urais).
  • A letra inicial vai en maiúscula (agás en casos excepcionais como eBay) e o resto en minúscula. Isto último obviarase no caso dos nomes propios, tanto de persoa (Manuel Murguía), como de lugar (Península Ibérica), de institución (SERGAS), dunha publicación (A Nosa Terra), ou ben un foguete espacial (Saturno V), entre outros.
  • O habitual é tamén omitir os artigos iniciais a, o, as, os, un, unha, uns ou unhas coas correspondentes contraccións coas preposicións, a menos que formen parte dun nome propio.
  • Os caracteres especiais, como a barra (/), o signo máis ( ) e os corchetes ({ } e [ ]), deben evitarse.
  • O último carácter visible dun título non debe ser un signo de puntuación, salvo que a puntuación sexa parte dun nome propio, unha abreviatura ou unha paréntese ou comiña de peche; é dicir, salvo un signo que achegue información.
  • Cando as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego dan, entre as opcións aceptadas, unha opción preferente, emprégase a opción preferente.[1]

Ligazóns internas

[editar a fonte]

A utilidade desta enciclopedia multiplícase co uso de ligazóns internas. Recoméndase utilizalas naquelas palabras e termos que axuden a comprender mellor e ampliar a información do artigo. No entanto, un exceso de ligazóns internas nunha páxina ten un efecto pouco estético, polo que non se debe abusar delas. Lembra non pór unha ligazón cada vez que apareza unha palabra: basta con ligar a primeira aparición desta.

Cómpre comprobar as ligazóns para asegurarse de que apuntan a onde deben e non a un artigo sobre outra materia cun título homónimo. Así mesmo, podes crear ligazóns a páxinas que aínda non existen pero, á hora de facelo, ten presentes as regras existentes para o título dos artigos. Deste xeito, se nunha páxina na que se cite o río Támega queres ligar co artigo que describa este río, terás que facer a ligazón río Támega, e non só Támega, que non levaría a ningures. Ou se queres ligar co papa Pío X terás que utilizar a fórmula Pío X, papa, que é o formato de título establecido para os papas. A ferramenta chamada "detector de homónimos" pode activarse nas preferencias para detectar e marcar con fondo amarelo aquelas ligazóns internas que van dar a páxinas de homónimos.

Tempos verbais

[editar a fonte]

Ao redactar artigos para a Galipedia, recoméndase usar sempre formas verbais pretéritas para referirse a sucesos que aconteceron no pasado, especialmente nas seccións introdutorias.

Incorrecto:    Miguel de Cervantes perdería unha man na batalla de Lepanto.
Miguel de Cervantes perde unha man na batalla de Lepanto.
Miguel de Cervantes perderá unha man na batalla de Lepanto.
Correcto: Miguel de Cervantes perdeu unha man na batalla de Lepanto.

No caso de usar outros tempos verbais, hai que ter tino con que a redacción non poida dar lugar a confusións.

Cómpre destacar tamén que se debe usar o pasado cando se engadan informacións que probablemente varíen co tempo, como tal, nos datos de poboación dun lugar determinado. É preferible escribir que Santiago de Compostela tiña en 2008 94 339 habitantes no canto de Santiago ten 94 339 habitantes.

Intemporalidade da información

[editar a fonte]
Atallo:
WP:INTEMPORAL

A Wikipedia é unha enciclopedia con vocación de futuro. A información que deamos nos artigos debe estar contextualizada no seu momento e recoméndase dar sempre unha referencia temporal, evitando así que a redacción leve a considerar actuais datos que só foron certos no seu momento. Son rexeitables fórmulas do tipo Mariano Rajoy Brey, actual líder da oposición ou que Ronaldo actualmente xoga en tal equipo.

Tradución das citas na lingua orixinal

[editar a fonte]

As citas textuais incluídas no corpo dos artigos, mediante o uso de modelos do tipo {{cita}}, {{cadro de citas}} ou directamente no propio texto, tradúcense ó galego sempre que sexa posible. Nos casos nos que se destaque dita cita, cómpre indicar de forma visible que é unha tradución da cita orixinal ó galego, e en tódolos casos requírese unha referencia que indique a fonte ou ligue o texto da cita orixinal segundo indica a política correspondente.

En determinadas ocasións pode considerarse axeitado incluír o texto da cita na lingua orixinal en forma de nota o pé, ou no propio corpo do artigo acompañando á tradución ó galego. Este último caso adoita darse cando o texto na lingua orixinal ten unha certa relevancia por si mesmo, fornece contexto adicional ou resulta importante que vaia destacado no corpo do artigo. Isto pode suceder, por exemplo, cando se precisa explicar unha etimoloxía, en poemas, cancións, himnos ou textos literarios, cando se quere resaltar unha expresión ou redacción concreta, cando se representa un documento oficial ou cando a cita na lingua orixinal ten unha notoriedade particular que transcende incluso noutras linguas. A idoneidade de incluír o texto da cita na lingua orixinal nunha nota ó pé ou no corpo do artigo dependerá en cada caso do criterio e/ou acordos do editor ou editores participantes no artigo concreto. Ademais, cando o texto citado é de por si unha tradución do texto orixinal noutra lingua diferente, non se considera axeitado nin útil a súa inclusión no propio corpo do artigo. A inclusión ou non deste tipo de textos en forma de nota ó pé dependerá de novo do criterio do editor ou editores.

Variantes galegas

[editar a fonte]

A Galipedia segue a normativa oficial do galego da RAG. Debido ás reformas producidas no ano 2003 na normativa, existen casos nos que hai dúas ou máis opcións válidas para a escrita dunha palabra. A norma aplicada dentro da Galipedia consiste en respectar as decisións do primeiro editor do artigo. Deste xeito, conservaranse ao longo dos artigos as solucións do tipo ó/ao, -ble/-bel, -ería/-aría ou Galicia/Galiza escollidas polo primeiro editor simplemente por motivos de coherencia. Se se fai un cambio dun amable por un amábel, ou viceversa, esta modificación será revertida. Convén lembrar que ambos os adxectivos son correctos, e non hai preferencia nin por un nin polo outro máis ca a que teña o usuario orixinal.

Estrutura

[editar a fonte]

Co obxectivo de acadar unha maior homoxeneidade en todo o proxecto, existe unha estrutura básica que cómpre ter presente durante a redacción dun artigo.

Introdución

[editar a fonte]

Todos os artigos deben comezar cunha explicación breve que enuncie, nunhas poucas liñas, os trazos máis xerais do concepto. Após a lectura desta introdución débelle quedar claro a quen o lea o fundamental sen necesidade de ir ao resto do artigo. Esta introdución non debe ser unha definición; o lugar para elas é o Galizionario.

O concepto que dá lugar ao artigo debe aparecer neste parágrafo introdutorio en letra grosa e en contexto. Se ese concepto é coñecido por máis nomes e se mencionan na introdución, tamén irán en negra. Non obstante, hai que evitar que eses termos conteñan ligazóns.

Nas biografías, por exemplo, ponse por título o nome polo que é mellor coñecida a personalidade, reservando a mención do nome completo, xunto coas datas de nacemento e morte, a nacionalidade, a razón da súa condición (profesión, implicación en determinados feitos etc.) e outra información relevante (títulos de obras etc.), para a introdución.

Na introdución dos artigos, polo xeral, non fai falla incluír referencias, dado que o único que fai é resumir a información que despois se tratará no desenvolvemento do artigo, no que si cómpren as referencias para a información achegada.

O índice créase automaticamente cando unha páxina ten máis de tres seccións, e aparece por debaixo da introdución. Non é visible cando se está a editar a páxina, senón que xorde ao se visualizar. O seu aspecto define, resumidamente, a estrutura dividida en seccións da páxina, e grazas a el pódese ir ao comezo de calquera delas con premer na súa ligazón no índice. Nos artigos enciclopédicos, polo xeral, non se debe modificar o índice de forma manual.

Subdivisións do texto

[editar a fonte]

Unha vez feita a introdución, pódese entrar en materia e comezar coa creación dos contidos que desenvolvan os aspectos máis importantes do tema.

Seccións

[editar a fonte]

As seccións axudan a unha mellor distribución do texto de xeito que este estea ordenado e sexa máis fácil atopar ou localizar os datos que interesan se o artigo é moi grande, así como facilitar a edición por anacos. Comprende varios parágrafos relacionados reunidos baixo un mesmo apartado. Non é bo crear demasiadas seccións, pero tampouco o é poñer moitos parágrafos seguidos sen diferenciación. Os subtítulos utilizados, polo tanto, deben ser claros e nunca ambiguos ou demasiado xerais. O modelo básico xenérico é Wikipedia:Modelo básico de artigo. Debe lembrarse que nalgúns casos, podes atopar axudas para a denominación e orde das seccións (v. Wikipedia:Lista de modelos e Categoría:Wikipedia:Modelos de estrutura de artigos), estando nalgúns casos estipuladas con especial profusión (Wikipedia:Modelo de concellos).

Os títulos das seccións van en letras minúsculas, agás a primeira letra. Por exemplo: "Estrutura xeral" e non "ESTRUTURA XERAL".

Niveis das seccións

As seccións comezan a dividirse no segundo nivel de cabeceira (== cabeceira ==), xa que o primeiro nivel resérvase para o propio título do artigo e pode dar lugar a confusións na lectura do mesmo. Polo xeral, as seccións dos artigos deberían dividirse nos niveis 2,3 e 4 de cabeceiras, e non se recomenda pasar deste nivel. Se hai algún caso excepcional no que se supere o cuarto nivel de cabeceiras (==== cabeceira ====), a partir dese punto recoméndase empregar os títulos en negra (;Cabeceira), ou o modelo {{TOC límite|4}}, para que non se inclúan no índice e este non quede sobrecargado.

Cabeceiras das seccións
  • Asúmese que as seccións fan referencia ó tema principal do artigo, polo que xeralmente as cabeceiras das seccións non deben referirse de forma redundante ó tema do artigo ou a cabeceiras de niveis superiores, agás en casos concretos nos que sirva para clarificar o contido. Ex: Traxectoria é preferible a A súa traxectoria.
  • As cabeceiras das seccións non deben conter ligazóns internas ou externas. Se fan referencia a un artigo que se considera axeitado ligar, debe facerse por medio dun modelo de tipo {{Artigo principal}} ou no propio corpo do texto.
  • As cabeceiras das seccións e subseccións deberían ser únicas dentro da páxina na medida do posible, para evitar que as posibles ligazóns cara seccións non dirixan á incorrecta e que os resumos de edición non sexan ambiguos.
  • As cabeceiras das seccións non deben incluír referencias ou notas ao pé. As referencias e notas relevantes deben ir incluídas no texto do artigo.
  • As cabeceiras das seccións non deben conter imaxes, incluíndo iconas de bandeiras e símbolos <math>...</math>.
  • Salvo en casos específicos, como títulos de obras ou semellantes, as cabeceiras das seccións non deberían incluír frases e puntuación interrogativa ou de exclamación.
  • Cómpre tentar evitar comezar as cabeceiras das seccións por números (agás por exemplo cando se indica un ano), para reducir a posible confusión coa preferencia global de numeración automática de cabeceiras.
Modelos Véxase tamén e Artigo principal

Cando se inclúan os marcadores {{Artigo principal}} (ou {{AP}}) e {{Véxase tamén}} (ou {{VT}}), estes deben colocarse directamente debaixo das cabeceiras da sección correspondente, antes de calquera imaxe ou texto desa sección. Estes marcadores permiten múltiples artigos como parámetros, polo que deben usarse desa forma e non con múltiples instancias do modelo en cuestión. De usarse ámbolos dous tipos nunha mesma sección {{Artigo principal}} irá antes que {{Véxase tamén}}. Exemplo:

Parágrafos

[editar a fonte]

As seccións, á súa vez, constan de parágrafos. Cada parágrafo trata unha idea distinta á dos demais parágrafos, igual que en calquera outro texto. Sepáranse con dobre espazo.

Notas e Véxase tamén

[editar a fonte]

As notas inclúense no texto entre etiquetas <ref>...</ref> e aparecen automaticamente onde coloquemos a etiqueta <references /> ou o marcador {{Listaref}}. As etiquetas de referencias deben ir colocadas seguidamente despois do texto ó que aplican, sen espazos entre o texto e a etiqueta. Calquera tipo de puntuación debe situarse antes á etiqueta de notas. As referencias adxacentes non deben ter espazos entre elas.

Excepcións: As etiquetas de referencias colócanse antes dos guións, e antes do peche de parénteses cando a nota ou referencia aplica a un dato dentro deles.

Exemplos:

  • Algunhas aves non poden voar,[1] e teñen ás máis pequenas que outras aves.[2][3]
  • París non é a capital de Inglaterra —a capital deste país é Londres[4]— senón de Francia.[5]
  • Kim Jong-un (coreano: 김정은;[6] Hanja: 金正恩[7]) é fillo de Kim Jong-il.[8]

Pode darse o caso de que unha mesma referencia xustifique (ou simplemente apareza en) varias partes dun artigo. Nese caso, á primeira ocorrencia da referencia, a primeira vez que a describimos entre as etiquetas <ref> e </ref>, haberá que asignarlle unha palabra clave. Isto faise mediante name="palabra clave" dentro da etiqueta inicial. Vexamos un exemplo:

Isto é así<ref name="libro1">Isto aparece no Libro 1.</ref>.

En adiante, o resto de referencias faranse incluíndo unha barra inclinada despois da palabra clave do mesmo xeito que na primeira ocorrencia da referencia, coma no seguinte exemplo (continuación do anterior):

Isto é así<ref name="libro1"/>.

A meirande parte dos artigos rematan cunha sección denominada Véxase tamén, na que se listan conceptos relacionados que axudarán a comprender mellor ou complementar o tema. Trátase dunha lista sen explicacións, tan só conta coas ligazóns. Esta sección pode incluír unha bibliografía, unha lista de artigos relacionados cos que se pode ampliar o tema de que trata o artigo e ligazóns a sitios web externos.

A orde das seccións é a seguinte:

== Notas ==
{{Listaref}}
== Véxase tamén ==
Ligazóns, se procede, aos proxectos irmáns da Galipedia:
{{Commonscat}} ou {{Commons}}
{{Wikispecies}}
{{Galifontes}}
{{Galizionario}}
{{Galilibros}}
{{Galicitas}}
{{Portal}}
=== Bibliografía ===
* Recoméndase empregar os marcadores {{Cita libro}} e/ou {{Cita publicación periódica}}.
=== Outros artigos ===
* Ligazóns entre [[ ]].
=== Ligazóns externas ===
* Ligazóns entre [ ].
{{Navbox1}}
{{Navbox2}}
{{Barra portal|portal1|portal2|portal3|...}}
{{Control de autoridades}}
{{En progreso}}/{{sen imaxe}}
{{ORDENAR:...}}
[[Categoría:...]]

Ortotipografía

[editar a fonte]
Véxase tamén: Ortotipografía.

Xeneralidades

[editar a fonte]
  • maiúscula inicial sempre tras un punto, pero non nos nomes comúns no texto.
    • Exemplos de usos erróneos: "O Sueco é unha lingua xermánica... é moi similar ó Danés e o Noruegués"; ou "O Porco Teixo pertence á familia...".
  • negra con uso opcional, pero sen abusar. O concepto que dá pé ao artigo debe aparecer no primeiro parágrafo en negra.
  • vírgulas, puntos e vírgulas, dous puntos e puntos sempre seguidos de espazo;
  • non se usa o dobre espazo;
  • os signos ? e ! non van seguidos de punto (xa o teñen incorporado);
  • Abreviaturas: a. C. e d. C. (antes ou despois de Cristo), e non "entre os séculos VI a. c. e o I d. c.", "Cultivada desde o VIII milenio adC" ou "os celtas, nos S. VI e V a. d. C.".

Números

[editar a fonte]
  • Aínda é estendido o xeito de separar os díxitos da parte enteira de tres en tres por un punto, pero recoméndase usar un espazo como separador e a coma decimal para separar a parte enteira da decimal.[2][3][4] (12 500 libros, e non 12500 nin 12,500 libros), a excepción dos anos (por exemplo 1900), nos que non se usa a separación (non "9 de setembro de 1 975")
  • nos números referidos a anos, páxinas, versos, portais de vías urbanas, códigos postais, apartados de correos, números de artigos legais, decretos, ou leis, non se empregará ningún separador de miles; por exemplo: código postal 32846.
  • as unidades de medida non fan plural: 400 kg, 17 m, 50 000 l. Tampouco levan punto, salvo que sexa punto final (4 m de alto, e non "4 m. de alto"). Escríbense, salvo excepcións, con minúsculas (80 kg de peso e non "80 Kg").
  • os decimais sepáranse por vírgulas (unha altura de 4,3 metros), non por apóstrofes (non 4'3 metros), nin por puntos (non "A industria do viño representa o 4.22% da produción agroalimentaria").
  • os minutos e segundos, como unidades de tempo, represéntanse co nome completo, minutos e segundos, respectivamente, e non se deben confundir cos minutos e segundos dun ángulo. A marca está en 3 minutos 12 segundos; un ángulo de 44° 30' e 40".

Uso da cursiva e as aspas

[editar a fonte]
Atallo:
WP:CURSIVA
Títulos
[editar a fonte]

Póñense en cursiva os títulos de cousas que teñen entidade propia. Así diferéncianse os títulos das novelas e series de televisión dos títulos de poemas e episodios, que irán entre aspas. En particular, van en cursiva os títulos de:

  • Libros, xornais e revistas: A nosa cinza. Unha excepción son a Biblia en si, os libros da Biblia e o Corán.
  • Obras de teatro, películas e series de televisión ou radio: Otelo
  • Composicións musicais longas (p.ex. óperas ou álbums): Madamme Butterfly de Puccini
  • Poemas longos que poidan aparecer publicados sós nun libro: Os Lusíadas
  • Obras de arte: As señoritas de Avignon
  • Videoxogos: Doom, World of Warcraft
  • Palabras procedentes doutros idiomas que aínda non foron asimiladas: un existencialista avant la lettre
  • Palabras cando se fala da palabra en si: Dixo purguratorio en vez de purgatorio
  • Letras cando se fala da letra en si: O dígrafo nh provén do provenzal (tamén se pode usar <nh>, pero lémbrese que isto tamén pode denotar un marcador HTML e para evitalo debe usarse <nowiki>)
  • En bioloxía, o xénero, subxénero, especie e subespecie[5] (agás en virus nos que, segundo as directrices do ICTV, as ordes, familias e subfamilias tamén se escriben en cursiva[6])
Títulos
[editar a fonte]

Úsanse as aspas para os títulos de cousas que forman parte dunha entidade maior. Non se poñen no título do artigo. En particular, van entre aspas os títulos de:

  • Artigos de xornais e revistas, capítulos de libros e ensaios.
  • Capítulos de series de televisión ou radio
  • Cancións e composicións musicais breves
  • Poemas

Como vimos, tamén se pode usar para grafías (grafemas ou dígrafos) no canto da cursiva (nh ou <nh>). Con todo, estas aspas son un pouco distintas (cf. ⟨a⟩ vs. <a>).

É posíbel pór aspas arredor de palabras ou frases que se usan nun sentido non literal e para introducir por primeira vez conceptos non familiares para o lector.

Formatos, tamaños e cores

[editar a fonte]

As modificacións no tamaño da fonte, espazos en branco e cor do texto resultan problemáticas para o estilo xeral da Wikipedia e deben reservarse só para casos específicos.

O uso de fontes cun formato específico diferente do xeral pode causar o seguinte:

  • Reducir a consistencia, provocando que o texto non pareza uniforme
  • Reducir a usabilidade, provocando conflitos con CSSs de usuario á medida e diferentes skins da interface, así como causando inconveniencias para usuarios con deficiencias visuais.
  • Provocar disputas, xa que outros editores poden non estar de acordo na elección do estilo estético para o texto.

Fóra do corpo dos artigos, si é máis habitual empregar textos de diferentes tamaños, en caixas de navegación e información, táboas ou lendas de imaxes e táboas. O tamaño destas fontes debe especificarse en valores relativos (por exemplo en CSS co código font-size: 85%) no lugar de en valores absolutos(por exemplo font-size: 8pt).

Cores no corpo e texto dos artigos

[editar a fonte]

Na Wikipedia, as cores adoitan atoparse dentro de modelos ou táboas. Por norma xeral, os textos coloreados, con fondos de cores ou símbolos con cores no texto principal dos artigos deben evitarse na medida do posible. Un exemplo de uso pouco axeitado é o seguinte:

Non OK: A estrada EX-389 é de titularidade da Xunta de Estremadura. A súa categoría é local. A súa denominación oficial é  EX-380 , de  EX-203  a  EX-A5  por Serrejón.

OK: A estrada EX-389 é de titularidade da Xunta de Estremadura. A súa categoría é local. A súa denominación oficial é EX-380, de EX-203 a EX-A5 por Serrejón.

O máis axeitado é limitar o uso deste tipo de símbolos textuais coloreados (  EX-380  /  EX-203  /  EX-A5 ) ós modelos (infobox/navbox) e táboas ou listas dos artigos, para que o texto principal manteña a claridade e facilidade de lectura.

Os artigos e outras páxinas que usen cores dentro de modelos ou táboas deben ter en consideración varios aspectos de accesibilidade:

  • As cores non deben ser o único método usado para transmitir información importante. Cómpre ter precaución á hora de usar textos e fondos de texto con cores, para que os lectores con deficiencias visuais ou que accedan ó contido impreso ou nun dispositivo sen cor non perdan información importante.
  • Cómpre que o lector poida identificar as ligazóns sen dificultades.
  • Algúns lectores da Wikipedia poden ter algunha deficiencia visual parcial ou total que lles impida percibir as cores correctamente. Os textos deben ter un contraste axeitado co seu fondo.[7]

Listas de puntos e listas numeradas

[editar a fonte]

Por norma xeral é preferible presentar a información en forma de parágrafo continuo no lugar de en forma de elementos dentro dunha lista. En determinadas ocasións si pode ser conveniente manter o formato de lista, en particular cando se precisa destacar os elementos da propia lista.

  • Ó incluír unha lista de puntos ou numerada, debe usarse o código wiki axeitado para a mesma. ( * / ** / ** e # / ## )
  • Non se deben deixar liñas en branco no código wiki entre elementos dunha mesma lista, xa que o software wiki interpreta este código como listas independentes.
  • O uso de listas numeradas resérvase para os casos nos que existe a necesidade de facer referencia ós elementos da lista segundo o seu número, a secuencia dos elementos é de particular importancia ou a numeración ten algún significado particular (como por exemplo nunha listaxe de temas dun álbum musical).
  • Nas enumeracións de elementos sinxelos normalmente non se utiliza signo de puntuación despois de cada membro da enumeración, pero pódese incluír un punto ou punto e coma cando os elementos da lista son oracións completas.[8]

Espazos duros

[editar a fonte]
Atallo:
WP:NBSP

En determinadas ocasións é recomendable forzar un segmento de texto a que apareza por completo nunha soa liña, previndo que se dea un salto de liña dentro desa parte do texto. Para este propósito pódese usar un espazo duro (&nbsp;), que nunca se usará como punto de salto de liña. A diferenza dos espazos normais, espazos duros múltiples adxacentes non se comprimen nun só espazo. Tamén se pode empregar os marcadores {{nowrap}} ou {{nobr}} para envolver un texto que se desexe manter nunha soa liña.

Por norma xeral é desexable previr os saltos de liña cando isto pode dar lugar a confusións na lectura ou dificultala, como nos seguintes casos de exemplo:

  • 17&nbsp;kg
  • 565&nbsp;a. C.
  • 2:50&nbsp;pm
  • 11&nbsp;millóns
  • {{nobr|5° 24′ 21″ N}}
  • Boeing&nbsp;747
  • 123&nbsp;Fake Street

O uso de espazos duros é axeitado segundo o contexto. Aínda que pode ser axeitado usar 12&nbsp;MB no corpo do texto, pode resultar contraproducente nunha táboa (onde o espazo horizontal é limitado) ou innecesario nun parámetro curto dun infobox (no que o salto non se daría de tódalas formas).

Diversos

[editar a fonte]

Indicacións para as referencias e bibliografía

[editar a fonte]

Para as obras, webs e publicacións empregadas como referencias, bibliografía e ligazóns externas, cómpre incluír unha indicación do idioma no que están cando este sexa distinto do galego. Cando se empregan os modelos de citas, esta indicación inclúese no parámetro |lingua=, preferentemente usando o código de lingua correspondente. Exemplos:

  • Evans, Richard J. (2005). The Third Reich in Power (en inglés). Nova York: Penguin Group. ISBN 978-0-14-303790-3.
  • Michel, Henri (1990). La Segunda Guerra Mundial. T. I, Los éxitos del eje: septiembre de 1939-enero de 1943 (en castelán). Akal. ISBN 9788476006207. 

No caso de que as maioría das referencias empregadas nun artigo estean nun mesmo idioma, distinto do galego, poden obviarse as indicacións deste idioma nelas e incluír unha indicación do idioma xeral das referencias. Tamén se pode empregar o modelo {{Todas as ref}} para este propósito. Exemplo:

== Notas ==
''Todas as referencias en inglés agás cando se indique o contrario.''
{{Listaref}}

Por norma xeral, recoméndase que as entradas bibliográficas na sección "Bibliografía" ou nas referencias dos artigos non inclúan os autores en versaleta. O artigo debe seguir o mesmo criterio en tódalas entradas bibliográficas das referencias e bibliografía. Exemplo:

{{Cita libro |título= Teodosio Vesteiro Torres. Aproximación á súa vida e á súa obra|nome= M.|apelidos= Álvarez de la Granja |ano= 1998|editorial= Instituto de Estudios Vigueses|isbn= 84-89599-06-8|ref=harv}}
  • Álvarez de la Granja, M. (1998). Teodosio Vesteiro Torres. Aproximación á súa vida e á súa obra. Instituto de Estudios Vigueses. ISBN 84-89599-06-8. 

Cando se use o modelo {{Listaref}} na sección de "Notas" para as referencias e notas, nalgúns casos cómpre indicar un parámetro de anchura para dividir en columnas a sección segundo a pantalla e resolución da pantalla do lector, particularmente nos casos nos que o artigo posúa moitas referencias ou notas aclaratorias. As instrucións de uso para as diversas opcións atópanse na páxina do propio modelo.

Categorías

[editar a fonte]

Categoriza se podes e sabes. Por norma xeral os artigos que posúan unha categoría propia de seu só se inclúen nesa única categoría, deixando o resto de categorías relevantes incluídas na páxina da categoría e non no artigo. En Wikipedia:Categorías están as indicacións de uso e creación das categorías.

Marcadores de traballo en progreso

[editar a fonte]

Cando un artigo está pouco desenvolvido é habitual colocar nel un marcador de traballo en progreso nel para indicar que precisa unha ampliación do seu contido. Estes marcadores inclúense ó final do artigo, baixo as caixas de navegación e o modelo {{Control de autoridades}} pero antes das categorías.

Notas de cabeceira nos artigos e seccións

[editar a fonte]
Véxase tamén: Wikipedia:Homónimos.

As notas de cabeceira son notas curtas situadas na cabeceira dos artigos ou das seccións do mesmo. Estas notas de cabeceira axudan o lector a localizar un artigo diferente que pode que estean a procurar. O lector pode chegar a un artigo que conteña unha destas notas por medio dunha redirección, porque o artigo desexado emprega un título máis específico ou porque o artigo procurado e o artigo no que recae o lector teñen nomes moi semellantes. As notas de cabeceira fornecen unha ligazón interna ó artigo que pode estar buscando o lector ou a unha páxina de títulos homónimos.

As notas de cabeceira adoitan indicarse en letra cursiva, xusto antes do texto da introdución inicial e das caixas de información e imaxes que poida ter o artigo no inicio. Os modelos máis empregados habitualmente neste tipo de notas son {{Outros homónimos}}, {{Non confundir}} e {{Redirección}} para a cabeceira dos artigos, e {{Artigo principal}}, {{Véxase tamén}} e {{Véxase tamén categoría}} para as notas de cabeceira das seccións.

As normas xerais para a inclusión deste tipo de notas de cabeceira son as seguintes:

  1. As notas deben ligar, na medida do posible, directamente a os títulos dos artigos ou páxinas de homónimos, sen empregar ligazóns con máscaras (usando o carácter "|"). As ligazóns a redireccións tamén deben evitarse na medida do posible.
  2. As explicacións deben manterse no mínimo posíble, incluíndo só a información vital necesaria para dirixir ó lector, deixando que sexa o propio texto e introdución do artigo o que axude a clarificar o tema tratado no artigo que contén a nota.
  3. Só se deberían mencionar artigos doutros temas nos casos nos que hai unha alta posibilidade de que o lector chegue ó artigo por erro na procura dun tema completamente diferente.
  4. Nos casos nos que un tema notable adoita coñecerse cun termo determinado, pero o artigo que leva ese termo no seu título trata sobre outro tema distinto, é moi recomendable engadir unha nota de cabeceira que ligue co tema concreto ou cunha páxina de homónimos dende a que se poida chegar a ese outro artigo.
  5. Na medida do posible, deben limitarse as notas de cabeceira a unha por inicio de páxina. Isto tamén debe aplicarse na medida do posible ó uso deste tipo de notas de cabeceira nas seccións do artigo.
  1. Real Academia Galega (2012) [1982]. Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (PDF) (23ª ed.). Editorial Galaxia. ISBN 978-84-87987-78-6. VG 82-2012. 
  2. Adaptación española da norma internacional da Oficina Internacional de Pesas e Medidas
  3. Normas internacionais sobre a escritura de números e magnitudes
  4. Na Ortografía da lingua galega, de Begoña González Rei (Galinova Editorial, 2004), apúntase: "Frecuentemente utilízase o punto, aínda que nos últimos tempos se recomenda prescindir do punto e separar os millares cun espazo fino"
  5. Isto está indicado no Código de Nomenclatura Zoolóxica, Apéndice B6. Cita: "Os nomes científicos de taxons do grupo xénero ou especie deberían escribirse nun tipo de letra (fonte) diferente da usada no texto, ditos nomes imprímense xeralmente en cursiva, o cal non debería utilizarse para nomes de taxóns superiores..." (Orixinal: "The scientific names of genus- or species-group taxa should be printed in a type-face (font) different from that used in the text; such names are usually printed in italics, which should not be used for names of higher taxa."). International Commission on Zoological Nomenclature. INTERNATIONAL CODE OF ZOOLOGICAL NOMENCLATURE. Apendices. Porén, no Código botánico adoptan na práctica o criterio de escribir todos os taxons con cursiva (ver por exemplo IAPT - Artigo 16)
  6. ICTV Rules of ortography. Cita: "In formal taxonomic usage, the accepted names of virus orders (e.g., Mononegavirales), families (e.g., Picornaviridae), subfamilies (e.g., Parvovirinae), and genera (e.g., Hepacivirus) are printed in italics and the first letters of the names are capitalized. Species names are printed in italics... Names of virus strains, on the other hand, are not italicized..." / "No uso taxonómico formal, os nomes aceptados de ordes de virus (por exemplo, Mononegavirales), familias (por exemplo, Picornaviridae, subfamilias (por exemplo, Parvovirinae) e xéneros (por exemplo, Hepacivirus) imprímense en cursiva e coa primeira letra dos nomes en maiúscula. Os nomes de especies imprímense en cursiva... Por outra parte, os nomes das cepas non se poñen en cursiva..."
  7. "Understanding SC 1.4.3: Contrast (Minimum)". W3 (en inglés). 
  8. "Puntuación I". Criterios lingüísticos. USC. 

Frecha. Volver á páxina de axuda.