Saltar ao contido

Virus Reston

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Reston virus (RESTV)
Clasificación científica
Grupo: V (Virus ARN monocatenario negativo)
Orde: Mononegavirales
Familia: Filoviridae
Xénero: 'Ebolavirus'
Especie: Reston ebolavirus
Virus membros (Abreviación)

Reston virus (RESTV)

O virus Reston (ou Reston virus, RESTV) é un ebolavirus pertencente á especie Ebolavirus Reston (Reston ebolavirus), da familia Filoviridae, orde Mononegavirales. O virus Reston describiuse en 1990 como unha nova "cepa" do virus Ebola (EBOV).[1] É o único "virus" pertencente á súa "especie", e un dos cinco pertencentes ao xénero Ebolavirus.[2] O nome deste virus procede da localidade de Reston, Virxinia, Estados Unidos, onde se descubriu. A diferenza doutros ebolavirus nunca produciu enfermidade nos humanos; só en animais.

O RESTV descubriuse en macacos cangrexeiros que se utilizaban como animais de experimentación en 1989 nos Laboratorios Hazleton (agora chamadaos Covance) en Reston, Virxinia. Este episodio causou grande alarma e atraeu moita atención dos medios de comunicación ao estar Reston preto de Washington, D.C. e pola letalidade coñecida dos ebolavirus. Porén, axiña se viu que, malia a súa consideración como axente de nivel de bioseguridade 4, o virus Reston non era patóxeno para os humanos, e só afectaba a monos;[3][4] a esaxeración da súa letalidade debeuse a que foi confundido co virus da febre hemorráxica simia (SHFV) co cal os monos afectados estaban coinfectados.[5]

De acordo coas regras de nomenclatura do ICTV, o nome deste virus non se escribe en cursiva (virus Reston, Reston virus) e abréviase oficialmente como RESTV, pero si vai en cursiva o da súa especie (Reston ebolavirus) e demais taxons superiores.

Cando se descubriu nos laboratorios de Reston en 1990, o virus Reston foi considerado unha "cepa" do virus Ebola.[1] En 2000, recibiu o nome de virus Ebola Reston (Reston Ebola virus)[6][7] e en 2002 o seu nome foi cambiado a ebolavirus Reston (Reston ebolavirus).[8][9] A primeira abreviación utilizada para este virus foi EBOV-R (para o Ebola virus Reston) e despois usouse REBOV (para Reston Ebola virus ou Reston ebolavirus). Finalmente, o virus recibiu o seu nome actual de virus Reston (Reston virus) en 2010, coa abreviación RESTV.[2]

Un virus da especie Reston ebolavirus é un virus Reston (RESTV) se ten as propiedades dos ebolavirus Reston e o seu xenoma diverxe do do prototipo Reston virus, Reston virus variante Pennsylvania (RESTV/Pen), en ≤10% a nivel de nucleótidos (de todos modos, polo momento é o único "virus" atopado da súa "especie").[2]

Descubrimento

[editar | editar a fonte]

En 1898 desatouse un gromo de infección polo virus da febre hemorráxica simia (SHFV) en monos duns laboratorios de Reston, Virxinia. Estudando estes virus en mostras tomadas de ditos monos (macacos cangrexeiros ou Cynomolgus) o microscopista electrónico do USAMRIID Thomas W. Geisbert descubriu un filovirus similar en aparencia ao virus Ebola. Os macacos foran importados de Filipinas polos Laboratorios Hazleton de Reston, Virxinia. Este filovirus foi despois illado polo Dr. Peter B. Jahrling, e nun período de tres meses un terzo dos monos morreron a un ritmo de 3 mortes diarias.[10]

Tomáronse mostras de sangue de 178 persoas que manexaron os animais durante este incidente.[11] En seis delas detectouse seroconversión, dando positivo nas probas de ELISA. Porén, todas elas permaneceron asintomáticas sen desenvolver a enfermidade. En xaneiro de 1990, unha das persoas que manexaban os animais nos laboratorios Hazelton cortouse mentres realizaba unha necropsia do fígado dun mono infectado, polo que foi posta baixo vixilancia baixo a dirección do Centro de Prevención e Control de Enfermidades (CDC) durante o período de incubación do virus. Esta persoa tampouco enfermou, polo que se concluíu que o virus tiña unha baixa patoxenicidade para os humanos.[12]

Investigación

[editar | editar a fonte]
macaco cangrexeiro (tamén chamado Cynomolgus) importados de Filipinas que eran portadores de filovirus.

Despois do descubrimento destes filovirus naqueles macacos cangrexeiros, os CDC fixeron unha investigación para rastrear a súa procedencia na que se concluíu que foran importados de Filipinas, onde non houbera ningún informe previo de infeccións por SHFV nin ebolavirus. Sospeitouse que os monos contraeran ambas as infeccións durante a súa viaxe a bordo das aeroliñas KLM antes de chegar a Reston. Os envíos foron rastreados ata a cidade de Nova York, Texas, e Cidade de México, pero non se atopou ningún caso de infección.[13]

En xaneiro de 1990, os Laboratorios Hazelton recuperáronse das súas previas perdas e empezaron a importar monos de novo do mesmo establecemento de Manila, Filipinas, que proporcionara os animais orixinais. Os monos importados quedaron infectados e fíxoselles a eutanasia.[11] En febreiro os CDC recibiron informes desta enfermidade en Alice, Texas. En marzo a División de Corentena dos CDC estableceu unha prohibición temporal da importación de monos aos Estados Unidos desde calquera parte do mundo.[14]

Despois de que se anunciara un gromo de enfermidade causada por filovirus en Reston, Virxinia, realizouse un exame serolóxico para avaliar a prevalencia da infección. Dos primeiros centenares de soros recibidos nos CDC, aproximadamente o 10% presentaron algunha reacción co antíxeno dos ebolavirus, aínda que xeralmente de baixo nivel.En contra do que se agardaba, a maioría dos monos que deron positivo procedían de Indonesia.[15]

En maio de 1990 enviouse un equipo de investigación a Indonesia. Durante a investigación, presentouse a hipótese de que os animais puideron coinfectarse, xa que os monos sospeitosos de estar enfermos eran normalmente situados en gaiolas grandes que contiñan outros 20 a 30 monos sospeitosos de enfermidade. A maioría dos monos foran importados da illa de Sumatra. O equipo de investigación non atopou trazas do virus en calquera dos casos.[16]

Despois das investigacións en Indonesia, realizouse un experimento no laboratorio de bioseguridade de nivel 4 dos CDC no condado de DeKalb, Xeorxia, con 32 monos: 16 eran monos verdes (Cercopithecus aethiops) e outros 16 macacos cangrexeiros (Macaca fascicularis). A metade dos monos verdes e a metade dos macacos cangrexeiros foron inoculados co virus Reston e a outra metade co virus Ebola. A infección co virus Ebola foi letal en practicamente todos os monos. Porén, a maioría dos monos infectados co virus Reston curáronse nun mes. Os monos superviventes conserváronse durante dous anos para detectar calquera traza de virus, e non se atopou ningunha. Aínda así, os monos seguían tendo un alto nivel de antíxeno.[5]

Casos post-Reston

[editar | editar a fonte]

Despois desta proba realizada nas instalacións dos CDC do condado de DeKalb, dous dos monos que sobreviviran á infección polo virus Reston foron infectados cunha grande dose de virus Ebola para tratar de producir unha vacina contra o Ebola. Un dos dous monos desenvolveu resistencia á enfermidade, pero o outro morreu.[5]

Como caso curioso, o edificio onde ocorrera o gromo inicial de Reston foi demolido en 1995 e no seu soar construíuse un novo edificio, que despois de servir para diversas funcións, acabou sendo en 2009 unha gardería infantil.[17]

O virus Reston reapareceu nun gromo en Italia en 1992, e despois noutro gromo en 1996 nunha instalación para a exportación de monos de Filipinas.

En decembro de 2008, uns porcos dunha zona ao norte de Manila, deron positivo para o virus. Os CDC e a Organización Mundial da Saúde investigaron o gromo.[18] Despois, en 2009, as autoridades sanitarias filipinas anunciaron que un traballador dunha granxa de porcos fora infectado co virus. A infección no home foi asintomática, pero a fonte de infección non se estableceu con seguridade, e esta podería ser o primeiro caso de transmisión do virus Reston de porcos a humanos, unha posibilidade que causou grande preocupación, pero que aínda se ten que confirmar.[19]

  1. 1,0 1,1 Geisbert, T. W.; Jahrling, P. B. (1990). "Use of immunoelectron microscopy to show Ebola virus during the 1989 United States epizootic". Journal of Clinical Pathology 43 (10): 813–816. PMC 502829. PMID 2229429. doi:10.1136/jcp.43.10.813. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Kuhn, Jens H.; Becker, Stephan; Ebihara, Hideki; Geisbert, Thomas W.; Johnson, Karl M.; Kawaoka, Yoshihiro; Lipkin, W. Ian; Negredo, Ana I; et al. (2010). "Proposal for a revised taxonomy of the family Filoviridae: Classification, names of taxa and viruses, and virus abbreviations". Archives of Virology 155 (12): 2083–103. PMC 3074192. PMID 21046175. doi:10.1007/s00705-010-0814-x. 
  3. Special Pathogens Branch CDC (2008-01-14). "Known Cases and Outbreaks of Ebola Hemorrhagic Fever". Center for Disease Control and Prevention. Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2008. Consultado o 2008-08-02. 
  4. McCormick & Fisher-Hoch 1999, p. 300
  5. 5,0 5,1 5,2 McCormick & Fisher-Hoch 1999, pp. 307–309
  6. Netesov, S. V.; Feldmann, H.; Jahrling, P. B.; Klenk, H. D.; Sanchez, A. (2000). "Family Filoviridae". En van Regenmortel, M. H. V.; Fauquet, C. M.; Bishop, D. H. L.; Carstens, E. B.; Estes, M. K.; Lemon, S. M.; Maniloff, J.; Mayo, M. A.; McGeoch, D. J.; Pringle, C. R.; Wickner, R. B. Virus Taxonomy—Seventh Report of the International Committee on Taxonomy of Viruses. San Diego, USA: Academic Press. pp. 539–48. ISBN 0-12-370200-3. 
  7. Pringle, C. R. (1998). "Virus taxonomy-San Diego 1998". Archives of Virology 143 (7): 1449–59. PMID 9742051. doi:10.1007/s007050050389. 
  8. Feldmann, H.; Geisbert, T. W.; Jahrling, P. B.; Klenk, H.-D.; Netesov, S. V.; Peters, C. J.; Sanchez, A.; Swanepoel, R.; Volchkov, V. E. (2005). "Family Filoviridae". En Fauquet, C. M.; Mayo, M. A.; Maniloff, J.; Desselberger, U.; Ball, L. A. Virus Taxonomy—Eighth Report of the International Committee on Taxonomy of Viruses. San Diego, USA: Elsevier/Academic Press. pp. 645–653. ISBN 0-12-370200-3. 
  9. Mayo, M. A. (2002). "ICTV at the Paris ICV: results of the plenary session and the binomial ballot". Archives of Virology 147 (11): 2254–60. doi:10.1007/s007050200052. 
  10. McCormick & Fisher-Hoch 1999, pp. 277–279
  11. 11,0 11,1 Waterman, Tara (1999). "Ebola Reston Outbreak Standford Honors Thesis". Stanford University. Consultado o 2008-08-02. 
  12. McCormick & Fisher-Hoch 1999, pp. 298–299
  13. McCormick & Fisher-Hoch 1999, pp. 286–289
  14. McCormick & Fisher-Hoch 1999, pp. 294–295
  15. McCormick & Fisher-Hoch 1999, pp. 302–303
  16. McCormick & Fisher-Hoch 1999, pp. 304–305
  17. http://www.kindercare.com/our-centers/center-details/303031/
  18. Gale, Jason (2008-12-11). "Pig Ebola May Lead Scientists to 'Elusive Reservoir' of Virus". New York City: Bloomberg L.P. Consultado o 2008-12-22. 
  19. McNeil Jr, Donald G. (2009-01-24). "Pig-to-Human Ebola Case Suspected in Philippines". The New York Times. Consultado o 2009-01-26. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]