Vaso sanguíneo
Aparencia
Un vaso sanguíneo é unha estrutura oca e tubular que conduce o sangue impulsada pola acción do corazón.
Tipos de vasos sanguíneos
[editar | editar a fonte]Os vasos sanguíneos clasifícanse en tres grupos:
- Arterias: as arterias son as encargadas de levar o sangue dende o corazón aos órganos, carrexando o osíxeno (excepto nas arterias pulmonares, onde transporta sangue con dióxido de carbono) e os nutrientes. Este sangue denomínase arterial ou oxigenado na circulación maior e ten unha cor vermella intensa. Teñen as paredes grosas e lixeiramente elásticas, pois soportan moita presión. A musculatura das súas paredes permítelle aos vasos contraerse e dilatarse para controlar a cantidade de sangue que chega aos órganos.
- Veas: levan o sangue dende os órganos e os tecidos até o corazón e dende este aos pulmóns, onde se intercambia o dióxido de carbono co osíxeno do aire inspirado, (agás nas veas pulmonares, onde se transporta sangue oxigenada). Este sangue chámase venoso e é de cor máis escuro. Posúen válvulas unidireccionais que impiden o retroceso do sangue.
- Capilares: teñen a súa orixe na división progresiva das arterias en ramificacións cada vez máis pequenas até chegar aos vasos capilares, que posúen finísimas paredes, e a través dos cales pasan as células sanguíneas, do mesmo xeito que os gases respiratorios, os nutrientes e o resto das substancias que transporta o sangue.
Estrutura dos vasos sanguíneos
[editar | editar a fonte]A estrutura do sistema cardiovascular é repetitiva e consiste na disposición concéntrica de tres capas de diferentes variedades de catro tecidos básicos, que son os seguintes:
- Túnica íntima: é a capa interna, formada por un endotelio, a súa lámina basal e tecido conectivo subendotelial laxo. Está encargada do contacto co medio interno.
- Túnica media: é unha capa formada por capas concéntricas de células musculares lisas entre as cales se interpoñen cantidades variables de elastina, fibras reticulares e proteoglicanos, que nas arterias está bastante máis desenvolvida cá nas veas, e que practicamente non existe nos capilares.
- Fibras de coláxeno e fibras elásticas. Varía de espesor dende relativamente fino na maior parte do sistema arterial até bastante groso nas vénulas e veas, onde representa o principal compoñente da parede do vaso. Pola túnica adventicia circulan os propios vasos sanguíneos, chamados vasa vasorum que irrigan aos vasos sanguíneos de gran calibre como a arteria aorta.
A estrutura da parede dos vasos do aparato circulatorio é diferente segundo a súa función:
- As arterias son os vasos que teñen a parede máis grosa, formada por tres capas: unha interior ou íntima, formada polo tecido denominado endotelio, unha intermedia, con moitas células de músculo liso e fibras elásticas, e unha exterior ou adventicia, con fibras de coláxeno e elástica. A arteria máis grande do organismo, a arteria aorta, pode chegar a medir até 25 mm de anchura nunha persoa adulta, e esa parede permítelle resistir as presións que xera cada latexo do corazón.
- As veas teñen nas súas paredes as mesmas capas cás arterias, pero moito máis finas, sobre todo a capa muscular, xa que debe levar o sangue que volve ao corazón a unha presión máis baixa. Ao longo do seu percorrido, sobre todo nas extremidades inferiores, teñen válvulas que impiden o retroceso do sangue. As dúas veas máis grandes do organismo son as veas cavas, a superior, procedente da cabeza e a parte superior do corpo, e a inferior, procedente da parte inferior do corpo. Poden chegar a medir até 25 mm de anchura, aínda que cunhas paredes moito máis finas que as da arteria aorta.
- Os vasos capilares son os máis finos e a súa parede está formada só por unha capa de células endoteliais. Os capilares comunican as ramificacións terminais das arterias, denominadas arteríolas, coas primeiras ramificacións que darán lugar ás veas, chamadas vénulas. O diámetro dos capilares permite xusto o paso das células sanguíneas aliñadas.
- Os vasos linfáticos orixínanse nos capilares linfáticos, situados nos mesmos territorios que os capilares sanguíneos, logo vanse agrupando para formar vasos máis grosos, que teñen paredes ricas en tecido conectivo e válvulas no seu interior para evitar o refluxo do líquido linfático e, por último, reúnense en dous grandes condutos denominados troncos linfáticos, que son a canle torácica e a gran vea torácica. No traxecto dos vasos linfáticos existen con frecuencia abultamientos que reciben o nome de ganglios linfáticos.
- A ramificación dos vasos dos vasos sanguíneos é aorta-arteria-arteríola-capilares-venula-veas-vea cava e repetindo a circulación sistemática.