Saltar ao contido

Uridín difosfato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Uridín difosfato
Identificadores
Número CAS 58-98-0
PubChem 1158
ChemSpider 19952429
MeSH Uridine diphosphate
ChEMBL CHEMBL130266
Ligando IUPHAR 1749
Propiedades
Fórmula molecular C9H14N2O12P2
Masa molecular 404.161

Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.

O uridín difosfato ou difosfato de uridina, abreviadamente UDP, é un nucleósido difosfato formado polo nucleósido uridina esterificado con dous fosfatos en forma de pirofosfato. Os seus compoñentes son a base nitroxenada uracilo unida por enlace N-glicosídico co azucre ribosa, que se establece entre o carbono 1 da ribosa e o nitróxeno 1 da base, e dous fosfatos esterificados no carbono 5' da ribosa, que están unidos entre si por enlace anhidro.

Pode sintetizarse a timina a partir de UDP. A transformación final a dTMP é catalizada polo encima timidilato sintetase[1][2].

Nos animais, poden incorporarse á glicólise outros azucres distintos da glicosa. Nestas reaccións o UDP funciona como coencima transportador de grupos hexosa. No fígado a galactosa pode converterse en glicosa por medio de dúas reaccións. A primeira é unha reacción catalizada por unha transferase entre a UDP-glicosa e a galactosa-1-fosfato, que rende glicosa-1-fosfato e UDP-galactosa. Na segunda reacción, o encima UDP-glicosa 4 epimerase transforma a UDP-galactosa en UDP-glicosa. Despois a glicosa pode liberarse do UDP [3].

Na síntese de sacarosa e glicóxeno, os residuos de azucre necesarios chegan en forma de UDP-glicosa. O papel da UDP-glicosa na síntese do glicóxeno foi descuberto polo premio Nobel arxentino Luis Federico Leloir. O UDP-glicosa e UDP-glicuronato interveñen na ruta de transformación da glicosa en ácido glicurónico e ácido ascórbico [3].

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]