Un conto de Nadal
- Este artigo trata sobre o libro, para as adaptacións véxase A Christmas Carol
Un conto de Nadal | |
---|---|
Ilustración do conto | |
Título orixinal | A Christmas Carol |
Autor/a | Charles Dickens |
Ilustrador/a | John Leech |
Orixe | Inglaterra (Reino Unido) |
Lingua | inglés |
Tema(s) | Nadal e viaxe no tempo |
Xénero(s) | Christmas fiction e novela curta |
Editorial | Chapman & Hall (inglés); Xerais e Kalandraka (galego) |
Data de pub. | 19 de decembro de 1843 (inglés); 1985 (galego) |
Precedido por | Martin Chuzzlewit |
Seguido por | The Chimes |
[ editar datos en Wikidata ] |
Un conto de Nadal, Canto de Nadal ou Canción de Nadal (A Christmas Carol no orixinal inglés) é un libro de Charles Dickens. O autor escribiuno en menos dun mes, co obxecto de obter cartos cos que pagar débedas. Non obstante, a obra tornou nun dos maiores clásicos de Nadal de todos os tempos. Dickens describiuna coma o seu "libriño de Nadal", e foi publicado por vez primeira o 19 de decembro de 1843, con ilustracións de John Leech. A historia transformouse decontado nun éxito, habida conta de que vendeu máis de seis mil copias nunha semana.
Sinopse
[editar | editar a fonte]Ebenezer Scrooge é un home avarento que non gusta do Nadal. Traballa nun escritorio en Londres co coitado de Bob Cratchit, o seu pobre, mais feliz empregado, pai de catro fillos, cun cariño especial ao seu Pequeno Tim, que ten problemas nas pernas.
Nunha véspera de Nadal Scrooge recibe a visita do seu ex socio Jacob Marley, finado había sete anos naquel mesmo día. Marley dille que o seu espírito non pode ter paz, xa que non fora bo nin xeneroso en vida, mais que Scrooge había ter unha oportunidade, e por iso tres espíritos o visitarían.
O primeiro espírito chega, un ser cunha luz que abrollaba da súa cabeza e un apagador de candeas embaixo do brazo a xeito de chapeu. Este é o Espírito dos Nadais Pasados, que leva Scrooge de volta no tempo e mostra a súa adolescencia e o inicio da súa vida adulta, cando Scrooge aínda amaba o Nadal. Triste coas lembranzas, Scrooge enfía o chapeu na cabeza do espírito, ocultando a luz. O espírito desaparece deixando Scrooge de volta ao seu cuarto.
O segundo espírito, o do Nadal Presente, é un xigante riseiro cunha coroa de acivro e un fachuzo na man. Amosa a Scrooge as celebracións do presente, incluíndo a humilde noiteboa dos Cratchit, a familia do seu empregado, onde ve que, malia careceren de cartos, son moi felices e unidos. O facho na man do espírito ten a utilidade de dar un sabor especial á cea daqueles que fosen "contemplados" coa súa luz. Na fin da viaxe, o espírito revela baixo o seu manto dous cativos de caras terríbeis, a Ignorancia e mais a Miseria, e pide que os homes teñan coidado con elas. Despois diso marcha.
O terceiro espírito, o dos Nadais Futuros, preséntase coma unha figura alta envolta nun traxe negro que oculta o seu rostro, deixando só unha man aparente. O espírito non di res, mais apunta, e mostra a Scrooge a súa morte solitaria, sen amigos.
Logo da visita dos tres espíritos, Scrooge amence coma outro home. Pasa a amar o espírito do Nadal, e a ser xeneroso cos que precisaban, e a axudar ao seu empregado Bob Cratchit, tornándose un segundo pai para o Pequeno Tim. Disque ninguén celebraba o Nadal con máis entusiasmo ca el.
Despois da obra
[editar | editar a fonte]Talvez o personaxe máis coñecido inspirado nesta obra sexa Scrooge McDuck (nome en inglés), coñecido en España coma Tío Gilito e en Portugal coma Tio Patinhas , o pato avarento do Universo Disney que, xunto con Mickey Mouse, protagonizou a versión animada Mickey's Christmas Carol, baseado n'Un conto de Nadal.
É posíbel encontrar tamén unha referencia no filme Shrek. Na parte final, cando os personaxes cantan xuntos, o bonequiño de xenxibre di, apoiado nunha muleta: "Deus benza a todos". Esa é unha fala de Tiny Tim, que tamén ten deficiencia. O que mostra a referencia de Charles Dickens en tempos actuais.
Houbo tamén en 1988 unha relectura a través do filme Scrooged, onde Bill Muray interpreta un presidente, arrogante e sádico, dunha grande empresa de comunicación que é visitado na véspera de Nadal polas tres pantasmas.
Outra referencia feita é no filme The Polar Express, con Tom Hanks. Nel o protagonista que non cre no Nadal pasa por un vagón no tren ateigado de bonecos. Un monicreque de nariz aquilino preséntase como Ebenezer Scrooge e o chama de escéptico.
En 1992, The Muppets adaptaron a obra no filme The Muppet Christmas Carol, que protagonizou Michael Caine no papel de Scrooge e a ra Kermit (chamada Gustavo en España e sapo Cocas en Portugal) no papel de Bob Cratchit. Gonzo aparece no papel do propio Charles Dickens, que é o narrador do filme.
Outra homenaxe ás obras de Nadal de Dickens é pouco coñecida. Á luz da morte do escritor, unha meniña que vendía flores ás portas dun teatro de Londres falou: "Morreu Dickens? E o Papá Noel, será que morreu tamén?"[1]
O filme Barbie in a Christmas Carol é considerada a versión feminina d'Un conto de Nadal. A historia fala de Eden Starling, unha cantante famosa (porén egoísta) que odia o Nadal. Hai personaxes que son análogos: Eden Starling (Ebenezer Scrooge), Catherine Britto (Bob Cratchit) e Marie (Jacob Marley).
En 2009, a Disney lanzou o filme de animación en 3D, A Christmas Carol, en Galiza dobrada ao castelán co título Cuento de Navidad, no que Jim Carrey interpreta Scrooge con captura de movemento.
O día 25 de decembro de 2010, retransmitiuse un especial de Nadal da serie británica Doctor Who, que levou o nome A Christmas Carol, adaptando máis unha vez o conto de Nadal de Charles Dickens.
A finais de 2011, a DC Comics lanzou a graphic novel Batman: Noel. Escrita e deseñada por Lee Bermejo, Batman: Noel mostra o Cabaleiro das Tebras como un amargado e sen esperanzas Scrooge, Catwoman coma a pantasma do pasado, Superman coma a pantasma do presente, e o Joker coma a pantasma do futuro.
Traducións ao galego
[editar | editar a fonte]Xerais publicou en 1985 Un conto de Nadal en tradución de Alfonso Prada[2].
Kalandraka publicou a obra en 2011 co título Canto de Nadal, en capa dura, con 308 páxinas e traducido por Carlos Acevedo.
En 2012 a editorial Vicens Vives publicou dúas adaptacións da obra a cargo de Isabel Soto, unha para a colección "Pillota", destinada ao ensino primario, co título Noiteboa de pantasmas[3], e outra para a colección infantil "Cucaina" que se chamou Conto de Nadal[4]; así mesmo, en 2013 a editorial catalá sacou unha terceira versión, nesta ocasión unha tradución directa, na colección xuvenil "Aula das Letras", intitulada Canción de Nadal, a cargo de Iolanda Mato[5].
Un filme de 2006 foi dobrado ao galego pola TVG.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cântico de Natal & Os Carrilhões
- ↑ Ficha da obra Arquivado 22 de maio de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.
- ↑ Ficha en BiTraga Arquivado 21 de maio de 2018 en Wayback Machine..
- ↑ Ficha da obra Arquivado 22 de maio de 2018 en Wayback Machine. na páxina web da editorial.
- ↑ Ficha da obra Arquivado 22 de maio de 2018 en Wayback Machine. na páxina web da editorial.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Dickens, Charles (2004). Cântico de Natal & Os Carrilhões. São Paulo: Editora Martin Claret. ISBN 85-7232-292-2.Dickens&rft.btitle=Cântico de Natal & Os Carrilhões&rft.date=2004&rft.genre=book&rft.isbn=85-7232-292-2&rft.place=São Paulo&rft.pub=Editora Martin Claret&rft_val_fmt=info:ofi/fmt:kev:mtx:book" class="Z3988">
- Roig, B.; Domínguez, M.; Mociño, I. (2006). Produción da literatura infantil e xuvenil en galego (CD-ROM). ISBN 978-84-611-5082-3.Mociño, I.&rft.au=Dom�nguez, M.&rft.aufirst=B.&rft.aulast=Roig&rft.btitle=Produción da literatura infantil e xuvenil en galego&rft.date=2006&rft.genre=book&rft.isbn=978-84-611-5082-3&rft_id=https://www.usc.es/export9/sites/webinstitucional/gl/proxectos/lijmi/descargas/elinea1.pdf&rft_val_fmt=info:ofi/fmt:kev:mtx:book" class="Z3988">