Tribunal Superior de Xustiza de Galicia
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia | |
---|---|
Tipo | tribunal superior de xustiza |
Data de fundación | 1989 |
Sede | A Coruña |
País | Galicia |
Na rede | |
http://www.poderjudicial.es/cgpj/es/Poder-Judicial/Tribunales-Superiores-de-Justicia/TSJ-Galicia/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia é o órgano que culmina a estrutura da Administración de Xustiza na Comunidade Autónoma. Con sede na cidade da Coruña, exerce xurisdición a través de tres salas: Sala do Civil e Penal, Sala do Contencioso-Administrativo e Sala do Social. Ademais, a súa Sala de Goberno desempeña funcións gobernativas sobre a xudicatura galega.
Nos supostos admitidos polo ordenamento xurídico este tribunal resolve recursos contra as sentenzas das audiencias provinciais, os xulgados do contencioso-administrativo e os xulgados do social. Xulga en única instancia determinadas demandas en procesos civís, contencioso-administrativos e laborais, e instrúe e xulga causas criminais contra autoridades aforadas. O recurso de casación fundado na infracción de normas do dereito propio de Galicia é tamén competencia do Tribunal Superior de Xustiza, mentres que nos demais casos está atribuído ao Tribunal Supremo.
O presidente do Tribunal Superior de Xustiza, con categoría de maxistrado do Tribunal Supremo, exerce a representación do poder xudicial en Galicia.
O seu actual presidente é José María Gómez y Díaz-Castroverde.
Lista de presidentes
[editar | editar a fonte]- Xosé Cora (1989-1990)
- Xosé Ramón Vázquez Sandes (1990-1999)
- Xesús Souto Prieto (1999-2006)
- Antonio González Nieto (presidente en funcións, 2006 - febreiro 2009)
- Miguel Ángel Cadenas Sobreira (2009 - 2019)
- José María Gómez y Díaz-Castroverde (dende xullo de 2019[1])
Planta do Tribunal Superior de Xustiza
[editar | editar a fonte]Sala do Civil e Penal: un presidente e cinco maxistrados. Sala do Contencioso-Administrativo: un presidente e dezaoito maxistrados (véxase BOE do 10/06/2010, inclúense as dúas prazas creadas polo Real decreto 819/2010,que serán efectivas cando o determine o Ministerio de Xustiza). Sala do Social: un presidente e dezasete maxistrados. O presidente do Tribunal o é tamén da Sala do Civil e Penal. A Sala do Contencioso-Administrativo está organizada actualmente en catro seccións; tamén está organizada en catro seccións a Sala do Social.
Sede
[editar | editar a fonte]O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia está instalado no Pazo de Xustiza da Coruña, na Praza de Galicia. O edificio, de estilo modernista con influencia neoclásica foi construído entre os anos 1926 e 1929 seguindo planos do arquitecto Antonio Palacios[2].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Gómez y Díaz-Castroverde es el nuevo presidente del Tribunal Superior de Xustiza
- ↑ O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia Páxina web da Xunta de Galicia. Recuperado o 30 de xullo de 2015.