Tim Caroutas
Nome orixinal | Thymos Nikitas Caroutas McDiarmid |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 2 de xaneiro de 2003 (21 anos) Illawarra, Australia |
Altura | 1,83 m. |
Actividade | |
Ocupación | futbolista |
Deporte | fútbol |
Posición de xogo | Extremo |
Thymos Nikitas Caroutas McDiarmid, coñecido como Tim Caroutas, nado en Illawarra, Nova Gales do Sur, Australia, o 2 de xaneiro de 2003, é un futbolista australiano que xoga como centrocampista no Espanyol B, da Segunda Federación.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]De ascendencia grega,[1] naceu en Australia, onde comezou a xogar ao fútbol ata que aos 15 anos se trasladou a Cataluña, onde entrou na canteira do Cornellà. Pasou polo equipo cadete e o xuvenil, e o 16 de decembro de 2020, con 17 anos, debutou co primeiro equipo na Copa do Rei, nun partido ante o Marino.[2]
En xullo de 2022 mudouse a Galicia, onde fichou polo Fabril, da Terceira División RFEF.[1] Xusto despois da súa chegada incorporouse ao primeiro equipo do Deportivo da Coruña, adestrado por Borja Jiménez, para realizar a pretempada, e debutou con este nun partido amigable contra o Racing Vilalbés na Magdalena, converténdose no primeiro futbolista australiano e oceánico en vestir a camiseta do club nos seus 116 anos de historia.[3] Marcou o seu primeiro gol co Deportivo no seguinte partido amigable, tamén na Magdalena, na goleada por 7-1 sobre a Ponferradina, equipo da Segunda División.[4]
A súa progresión viuse truncada na primeira xornada do Fabril na tempada 2022/23, nun partido contra o Paiosaco na Porta Santa, onde rompeu o ligamento cruzado do seu xeonllo dereito, o que o afastou dos terreos de xogo durante toda a campaña.[5] Reapareceu un ano despois, na xornada inaugural da tempada 2023/24 da Segunda Federación, categoría á que o seu equipo ascendeu durante a súa ausencia, e aínda que disputou 26 encontros, non conseguiu asentarse na titularidade.[6]
En xullo de 2024 deixou A Coruña e asinou como novo xogador do Espanyol B, da mesma categoría.[6]
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Fabril
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "El Fabril ficha a Tim Caroutas y libera a Runy, que se marcha al Villanovense". La Opinión A Coruña (en castelán). 25 de xullo de 2022. Consultado o 5 de agosto de 2022.
- ↑ "17 de dec. de 2020" (en castelán). 17 de decembro de 2020. Consultado o 5 de agosto de 2022.
- ↑ "O Dépor impón a súa lei na segunda metade do clásico do verán branquiazul". 30 de xullo de 2022. Consultado o 5 de agosto de 2022.
- ↑ "O Dépor mostra unha gran cara ante a Ponferradina (7-1)". 3 de agosto de 2022. Consultado o 5 de agosto de 2022.
- ↑ "Los peores presagios se confirman: rotura de ligamento cruzado de Tim". DxT Campeón (en castelán). 17 de setembro de 2022. Consultado o 16 de xullo de 2024.
- ↑ 6,0 6,1 "Tim Caroutas cambia de filial y firma por el Espanyol B" (en castelán). 16 de xullo de 2024. Consultado o 16 de xullo de 2024.