Pobo tártaro de Crimea
Os tártaros de Crimea (Qirimtatar, tamén Qirim, Qirimli e Qirim türkü), plural: Qirimtatarlar (así mesmo Qirimlar, Qirimlilar, Qirim türkleri) son un grupo étnico de orixe turca que residía orixinariamente na península de Crimea, ao sur de Ucraína e ao leste de Rusia, e que migraron durante o século XX cara a Turquía e Asia Central, retornando a Crimea contra 1980. Falan a súa propia lingua, o tártaro de Crimea, que forma parte do grupo das linguas altaicas, subgrupo das linguas turcas.
No ámbito relixioso profesan o islam e pertencen á escola hanafí (en árabe فى ), unha das catro escolas de pensamento (madhabs) ou xurisprudencia (fiqh) dentro do islam sunní.
O nome provén dos mongois Ta-ta, que habitaban no noroeste do Gobi até o século V.
Historia
[editar | editar a fonte]Idade Media
[editar | editar a fonte]Tras seren subxugados no século IV pola dinastía Liao, migraron no século V cara ao sur, fundando o Imperio Mongol baixo Xenxis Khan. Máis tarde, cando gobernaba o seu neto Batu Khan, trasladáronse cara ao oeste, levando consigo moitos uraloaltaicos turcos até as chairas de Ucraína e Rusia. Os da costa sur (costa norte do mar Negro), mesturados con escitas, gregos bizantinos e italianos (xenoveses) eran ben coñecidos pola súa habilidade na xardinaría, a súa honestidade e os seus hábitos de traballo. Os tártaros montañeses eran moi parecidos aos do Cáucaso, mentres que os das estepas tiñan unha orixe mixta con turcos e mongois.
Idade Moderna: o khanato de Crimea
[editar | editar a fonte]O khanato de Crimea foi o Estado dos tártaros de Crimea desde 1441 até 1783. En 1475, a península foi invadida polos turcos coa axuda dos príncipes tártaros, os cales controlaban parte da zona. Turcos e tártaros retiveron a súa posesión até 1777, época en que desapareceron os últimos gotnios ou godos de Crimea.
O khanato de Crimea foi un dos estados máis poderosos da Europa Oriental até o século XVIII. En tanto que musulmáns, os tártaros de Crimea xogaron un papel indiscutíbel na extensión das fronteiras do islam, pero o khanato de Crimea tiña tamén alianzas coa República das Dúas Nacións, cos cosacos de Zaporozhia e co Gran Ducado de Moscova, porque os tártaros gabábanse tamén de seren mercenarios ao servizo dos soberanos cristiáns: en 1497, por exemplo, axudaron ao voivoda de Moldova, Estevo o Grande, a repeler as tropas polacas que ían exixirlle a súa submisión á República das Dúas Nacións.
Os tártaros, porén, a miúdo lanzaron ataques aos principados de Moldova e de Valaquia, á República das Dúas Nacións e a Moscovia. As campañas das forzas tártaras poden clasificarse en sefers, operacións militares oficialmente declaradas e dirixidas polo mesmo khan, e çapuls, incursións levadas a cabo por grupos de nobres, moitas veces ilegais porque adoito contraviñan tratados asinados polo khan cos Estados veciños. Por cada prisioneiro, o khan recibía unha prima ("savga") fixada dun 10 % ao 20 % do prezo do prisioneiro. Porque o khanato mantivo durante moito tempo, até o século XVIII, un masivo tráfico de escravos cara ao Imperio Otomán e o Medio Oriente. Teodosia (Kaffa) foi un dos máis famosos e importantes mercados de escravos.[1]
Noutro sentido, os tártaros (e os seus exploradores, carreteiros, xinetes e latoeiros xitanos) podían tamén ser vencidos e perder a súa identidade no seo dos Estados cristiáns. Cando a conversión dos tártaros ao islam aínda non era completa, cando os tártaros e os xitanos, orixinalmente xamánicos, perdían unha campaña contra os cristiáns, moitos gobernantes pasáronse ao cristianismo: os xitanos convertéronse en servos (robis) [2] dos boiardos ou dos mosteiros polacos, moldovos ou rusos, pero os príncipes tártaros tamén eran capturados e retidos como prisioneiros para pedir rescate; e algúns, ao non poderen ser liberados, preferían converterse á ortodoxia e integrarse na aristocracia cristiá, como o khan Demir, que foi a orixe da familia principesca moldova Cantemir.[3] Outros instalábanse en terra cristiá como campesiños pacíficos, pero foron capaces de manter a súa identidade, como os tártaros de Podlaquia.
No século XVII o khanato de Crimea comezou a súa decadencia, como consecuencia da decadencia do Imperio Otomán, o que implicou un cambio no equilibrio dos poderes na Europa Oriental que favorecería aos seus veciños cristiáns. Os tártaros de Crimea estaban sendo cada vez máis a miúdo derrotados, e a cabalaría tártara, falta de equipamento, soportou grandes perdas contra os exércitos ruso, polaco e romanés, equipados con armas modernas.
A finais do século XVII, a Rusia moscovita converteuse nun inimigo demasiado poderoso para que o khanato de Crimea continuase coa súa pillaxe. Os tempos das capturas de escravos en Rusia ou en Ucraína acabaran. Estas perdas económicas erosionaron á súa vez o apoio da nobreza ao khan, que tivo que afrontar os conflitos internos. Os nogais, que proporcionaban unha parte significativa das forzas militares do khanato, retiraron tamén o seu apoio ao khan antes do final do Imperio.
Na primeira metade do século XVII, os calmucos crearon un khanato no curso inferior do Volga e, baixo Ayuka Khan, fixeron numerosas expedicións contra o khanato de Crimea e os nogais. Cando os calmucos se integraron en Rusia e xuraron protexer a súa fronteira sur, o khanato calmuco tomou unha parte activa en todas as campañas militares rusas dos séculos XVII e XVIII, subministrando máis de 40.000 cabaleiros ben equipados.
En 1687-1689, a rexente rusa Sofía Alexéievna, medio irmá de Pedro o Grande, intentou sen éxito tomar o control do khanato de Crimea, aínda vasalo do Imperio Otomán, nas campañas de Crimea.
As forzas combinadas dos rusos e os ucraínos atacaron o khanato. E foi durante a guerra ruso-turca de 1735-1739 cando os rusos chegaron finalmente a penetrar na península de Crimea. Outras batallas tiveron lugar durante o reinado de Catarina II de Rusia. A guerra ruso-turca de 1768-1774 acabou o 21 de xullo de 1774, cando Rusia e Turquía firmaron o Tratado de Küçük Kaynarca. De acordo co tratado, o Imperio Otomán recoñecía a independencia dun reducido khanato de Crimea (de facto, un estado satélite de Rusia) e daba a Rusia o dereito a construír dous portos no mar Negro, cousa que até entón lle estaba vedada.
O khanato de Crimea sobreviviu, pois, á guerra, pero quedou sumido na ruína e dividido entre faccións enfrontadas que apoiaban a Rusia ou a Turquía. O reinado do último khan de Crimea, Sahin Giray 1782-1783, estivo marcado polo crecemento da influencia rusa e a violencia da administración do khan contra a oposición interna. O 8 de abril de 1783, violando o tratado, e usando como pretexto a guerra civil que por esta causa desangraba o país, Catarina II interveu na guerra civil; os rusos ocuparon Crimea e depuxeron ao último anexionando de facto o conxunto da península á gubernia da Táurida. En 1787, Sahin Giray refuxiouse no Imperio Otomán e foi quizais executado polas autoridades otomás por traizón por orde do novo sultán, Abdul Hamid I, que non lle perdoou o seu papel na negociación da paz con Rusia e o conseguinte abandono de Turquía na guerra. A pesar diso, a familia real Giray subreviviu até hoxe en día.
Turquía non aceptou formalmente a anexión de Crimea a Rusia en 1783, polo que a visita de Catarina II á península en 1787 foi utilizada como pretexto para a nova guerra ruso-turca que estalou ese ano.
Século XX
[editar | editar a fonte]A guerra de Crimea (1853) e as leis de 1860, 1863 e 1874 provocaron o éxodo de moitos tártaros de Crimea.
Despois da Revolución rusa de 1917 e o derrubamento do Imperio ruso, formouse na rexión habitada polos tártaros de Crimea a República Popular de Crimea e, máis tarde, a efémera República Socialista Soviética da Táurida.
Durante a segunda guerra mundial, a poboación tártara de Crimea reduciuse a consecuencia da política de Stalin que en 1944 os acusou de ser colaboradores dos nazis, polo que foron deportados en masa á Asia Central e outras rexións da Unión Soviética. Moitos morreron de enfermidades e malnutrición. Este período coñécese como Sürgün ("exilio" en tártaro de Crimea e en turco). Moitos tártaros de Crimea foron enviados principalmente á República Socialista Soviética de Uzbekistán. Tamén foron oficialmente abolidos como nación por Stalin.
A deportación comezou o 17 de maio de 1944 en todas as localidades habitadas da República Socialista Soviética Autónoma de Crimea. Máis de 32.000 efectivos da NKVD participaron na acción. 193.865 tártaros foron deportados, deles, 151.136 á RSS de Uzbekistán; 8.597 á República Socialista Soviética Autónoma de Mari; 4.286 á RSS de Casaquistán, e o resto (29.486) a varias óblasts da República Socialista Federativa Soviética de Rusia.
Entre maio e novembro de 1944, 10.105 tártaros de Crimea morreron de inanición na RSS de Uzbekistán (o 7 % dos deportados a dita república). En total, cerca de 30.000 (o 20 %) morreron no exilio durante o seguinte ano e medio, segundo os datos da NKVD (o 46 % segundo os activistas tártaros de Crimea).
Desde finais da década de 1980, ao redor de 250.000 tártaros de Crimea regresaron á súa patria orixinaria en Crimea. Os activistas de Crimea reclaman o recoñecemento do Sürgün como xenocidio.[4] Tras a súa chegada, causáronse tensións persistentes cos rusos da península sobre dereitos territoriais.[5] Tamén a carencia de vivendas adecuadas para os repatriados e a denegación da cidadanía ucraína foron outros dos problemas aos que tiveron que enfrontarse os cosacos á súa volta.
Anos recentes
[editar | editar a fonte]En tempos máis recentes, ademais dos que viven na península de Crimea, existe unha gran diáspora de tártaros de Crimea en Turquía, Romanía, Bulgaria, Europa Occidental e América do Norte, así como pequenas comunidades en Finlandia, Lituania, Belarús e Polonia.
Na actualidade hai máis de 250.000 tártaros de Crimea na propia península e outros 250.000 no exilio, que permanecen en Asia Central (principalmente en Uzbekistán). Calcúlase que uns 5.000.000 de turcos son descendentes dos tártaros de Crimea que emigraron nos séculos XIX e XX. Na rexión da Dobruxa, en Romanía e Bulgaria, hai ao redor de 100.000 tártaros de Crimea, 60.000 no lado romanés e uns 40.000 no búlgaro.
Actualmente os tártaros de Crimea están representados polo Congreso do Pobo Tártaro de Crimea, que é membro fundador da Organización das Nacións e Pobos Non Representados (UNPO, polas súas siglas en inglés), creada en 1991.
De acordo co censo de 2001, os tártaros representan o 12 % da poboación total.[6] No ano 2006 comezaron as primeiras transmisións de televisión en tártaro de Crimea. Tamén posúen radios e periódicos.[7]
Tras o estalido da Crise de Crimea de 2014, o presidente do Congreso do Pobo Tártaro de Crimea, Refat Chubárov, expresou a súa preocupación de que os tártaros de Crimea se verían ameazados como consecuencia da toma do poder por parte dos rusos. Afirmou que Crimea era parte de Ucraína e advertiu sobre un colapso na “orde mundial” se Rusia tiña éxito na separación de Crimea de Ucraína.[8] Tamén anunciou que os tártaros de Crimea boicotearían o referendo sobre o status político de Crimea do 16 de marzo, xa que o consideran ilexítimo.[9] Aínda que parte da papeleta de dito referendo estará en tártaro de Crimea.
Serguéi Aksiónov, primeiro ministro de Crimea, afirmou o 10 de marzo que os preparativos para a anexión da rexión á Federación Rusa están en marcha, en previsión do resultado do referendo do 16 de marzo. Aksiónov comprometeuse a que habería unha presenza significativa de tártaros no futuro goberno crimeo e que o seu idioma, o tártaro de Crimea, tamén sería oficial.[10] O 12 de marzo o presidente da Duma de Estado, Serguéi Naryshkin, anunciou que refrendarán garantías para os tártaros de Crimea se os habitantes deste territorio deciden incorporarse a Rusia, establecendo o status oficial do tártaro de Crimea xunto ao ruso e ao ucraíno; a representación nos órganos executivos e lexislativos de todos os niveis; e programas anuais de asistencia.[11] O 16 de marzo, entre un 40 e un 50 % dos tártaros crimeos participaron no referendo, onde se impuxo a opción de adhesión a Rusia que se completou o 18 de marzo.[12]
Os tártaros de Crimea decidiron o 29 de marzo en Bajchisarai crear unha autonomía dentro da nova república rusa. O Kurultái aprobou unha resolución sobre “a realización do dereito á autodeterminación do pobo tártaro no seu territorio histórico: Crimea” para crear unha autonomía nacional e territorial para os tártaros crimeos. A asemblea popular tamén se dirixiu á ONU, ao Consello de Europa, á Unión Europea, a OSCE e a Organización de Cooperación Islámica para que apoien a aspiración do pobo tártaro de Crimea á autodeterminación.[13][14]
Distribución histórica dos tártaros en Crimea
[editar | editar a fonte]Os números en cada demarcación indican as porcentaxes da poboación tártara.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Escravitude (en inglés) Consultada o 17 de marzo de 2014.
- ↑ 'Robis é frecuentemente traducido erroneamente por "escravos", aínda que o status dos "robis" era diferente ao da escravitude, porque o rob (do eslavo robota, "o traballo") non podía pertencer a un particular, senón a un dominio señorial ou eclesiástico, e podía redimirse a si mesmo se tiña suficiente ouro, ou revenderse se tiña débedas. Ver Neagu Djuvara, Les pays roumains entre l'Orient et l'Occident, P.U.F., Paris, 1989.
- ↑ Stéphane Zweguintzow, "Les Roma de l'ex-URSS", en Échos de Russie et de l'Est, Éd. B. de Saisset, 1994,
- ↑ "Crimean Tatars Call On Kyiv To Restore Their Rights" Arquivado 16 de xuño de 2008 en Wayback Machine., en Radio Free Europe/Radio Liberty, 12 de decembro de 2005. Consultado o 30 de marzo de 2014.
- ↑ "What is so dangerous about Crimea?". BBC. 27 de febreiro de 2014. Consultado o 39 de marzo de 2014.
- ↑ Brad Cook. "Putin Grab for Crimea Shows Trail of Warning Signs West Ignored" (en inglés). Bloomberg. Consultado o 30 de marzo de 2014.
- ↑ Regions and territories: Crimea. BBC News.
- ↑ "Chubarov: Russian invasion of Crimea is threat to world peace, security". Kyiv Post. 2 de marzo del 2014. Consultado o 2 de marzo 2014.
- ↑ "Crimean Tatar Leader Tells People To Stay At Home, Avoid Confrontations". Radio Free Europe. 6 de marzo del 2014. Consultado o 30 de marzo de 2014.
- ↑ "Los preparativos para la anexión de Crimea a Rusia "ya están en marcha"". La Vanguardia. 10 de marzo de 2014. Consultado o 10 de marzo de 2014.
- ↑ "El Parlamento ruso apoyará garantías para los tártaros de Crimea tras la adhesión". RIA Novosti. 14 de marzo de 2014. Arquivado dende o orixinal o 15 de marzo de 2014. Consultado o 30 de marzo de 2014.
- ↑ "Recuento parcial del referendo en Crimea: el 95,5% apoya la adhesión a Rusia". RT en español. 16 de marzo de 2014. Consultado o 30 de marzo de 2014.
- ↑ "Tártaros en Crimea anuncian "el comienzo del proceso para la creación de una autonomía territorial y nacional"". NTN24. 29 de marzo de 2014. Arquivado dende o orixinal o 30 de marzo de 2014. Consultado o 30 de marzo de 2014.
- ↑ Putin maniobra para cerrar la crisis. Consulta tártara. ‘’La Voz de Galicia’‘, 30 de marzo de 2014.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Pobo tártaro de Crimea |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Campana, Aurélie; Dufaud, Grégory & Tournon, Sophie (ed.) (2010): Les Déportations en héritage. Les peuples réprimés du Caucase et de Crimée, hier et aujourd'hui. Rennes: Presses universitaires de Rennes. ISBN 978-2-7535-0986-3.
- Conquest, Robert (1970): The Nation Killers: The Soviet Deportation of Nationalities. Londres: Macmillan Publishers. ISBN 0-333-10575-3.
- Fisher, Alan W. (1978): The Crimean Tatars. Stanford, CA: Hoover Institution Press. ISBN 0-8179-6661-7.
- Fisher, Alan W. (1998): Between Russians, Ottomans and Turks: Crimea and Crimean Tatars. Istanbul: Isis Press. ISBN 975-428-126-2.
- Nekrich, Alexander (1978): The Punished Peoples: The Deportation and Fate of Soviet Minorities at the End of the Second World War. Nova York: W. W. Norton. ISBN 0-393-00068-0.
- Williams, Brian G. (2001): The Crimean Tatars: The Diaspora Experience and the Forging of a Nation, Leyden: Brill.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Tártaros
- Tartaria
- Cumanos
- Godos de Crimea
- Khanato de Crimea
- Dinastía Giray
- Guerras ruso-turcas
- Nogái
- Tártaros del Volga
- Tártaros de Lipka
- Nacionalismo ucraíno
- Rusofobia
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- TatAr.Net
- Official web-site of National Party of Crimean Tatars "Milli Firka"
- Official website of Qirim Tatar Cultural Association of Canada
- Official web-site of Bizim QIRIM International Nongovernmental Organization
- International Committee for Crimea
- UNDP Crimea Integration and Development Programme
- Crimean Tatar Home Page
- Crimean Tatars
- State Defense Committee Decree No. 5859ss: On Crimean Tatars (See also Three answers to the Decree No. 5859ss)
- Crimean Tatars Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine.