Saltar ao contido

Suso Vaamonde

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaSuso Vaamonde
Biografía
Nacemento(gl) Xesús Vaamonde Polo Editar o valor en Wikidata
20 de decembro de 1950 Editar o valor en Wikidata
Ponte Caldelas, España Editar o valor en Wikidata
Morte16 de febreiro de 2000 Editar o valor en Wikidata (49 anos)
Vigo, España Editar o valor en Wikidata
Causa da mortecancro Editar o valor en Wikidata
País de nacionalidadeGaliza Galiza
Actividade
Ocupacióncantautor, compositor Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1966 Editar o valor en Wikidata - 1999 Editar o valor en Wikidata
Xénero artísticoFolk Editar o valor en Wikidata

Páxina websusovaamonde.com Editar o valor en Wikidata
BNE: XX859850 BUSC: vaamonde-suso-1950-2000 Musicbrainz: 2585c292-fe57-44b2-9793-1224a9797c45 Discogs: 4156201 Editar o valor en Wikidata

Xesús Vaamonde Polo, nado en Rego do Vargo (A Insua, Ponte Caldelas) o 20 de decembro de 1950 e finado en Vigo o 16 de febreiro de 2000, foi un cantautor galego, máis coñecido como Suso Vaamonde.[1]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Estudou no Colexio Apóstol Santiago de Vigo. Compositor dende os dezaseis anos, comezou a darse a coñecer na antiga Asociación Cultural de Vigo. Seguindo por este camiño, entrou dende mozo en contacto coa movida roqueira en Vigo, que o levou a formar parte dos grupos musicais Os Copens e Marco Balorento, este último en 1967,[1] e co que gañou o seu primeiro premio nun festival organizado por unha emisora de radio da cidade. Os seus comezos son máis ben beat e rock, con Os Copens xa se achegaba ao folk, a Bob Dylan, Joan Baez, Peter, Paul & Mary… e xa comeza a compor en galego.[2]

De aí pasou ó movemento Voces Ceibes a principios dos anos 70, deixando un pouco de lado o seu labor de letrista para, acompañado da súa guitarra, poñer voz e música a ducias de poemas. Tanto en grupo como na súa posterior carreira en solitario, o seu traballo de cantautor xirou sobre un triplo pensamento que o acompañou ata o leito de morte: defensa dun pobo, dunha terra e dunha fala.[1]

En xuño de 1979, na pontevedresa praza da Ferrería nun recital antinuclear, decidiu engadir unha estrofa máis ó popular "Uah!":[3]

Cando me falan de España
sempre teño unha disputa
que se España é miña nai
eu son un fillo de puta.

Estas manifestacións foron consideradas "inxurias á Patria con publicidade" e foi condenado en novembro de 1980 a seis anos e un día de prisión.[4] Suso Vaamonde optou por exiliarse, viaxando por Londres e Alemaña e afincándose finalmente na capital venezolana, Caracas.[1] Nestes catro anos fóra de Galicia recibiu apoios de moitos países, pero especialmente de Portugal, a través de artistas que lle prestaron a súa solidariedade: Zeca Afonso, José Mário Branco, Fausto, Adriano Correia de Oliveira,...; personalidades da canción coas que Suso Vaamonde compartiu moitas veces escenario.[5]

No 1984 decidiu volver e entregarse. Logo de 46 días na Prisión Provincial de Ourense, un indulto liberouno definitivamente: pode que nisto influíse a propia petición de revisión de condena que Suso Vaamonde fixera ó naquel entón presidente Felipe González; porén, foi o seu antigo compañeiro de Voces Ceibes, Xaime Barreiro (Chuspe),[6] quen máis forte presión fixo dende o seu posto de senador socialista. Unha vez indultado, ofreceu un recital no cárcere ourensán onde estivera recluído, na honra dos que ata o momento foran os seus compañeiros. Así conta o seu irmán Senén a volta e o indulto[7]:

"Cando sucedeu o da canción en Pontevedra -en alusión a unhas estrofas que entonou Suso nas que renegaba de ser español- eu estaba na mili. Lembro que marchou para o exilio e que, alí, en Caracas, tivo unha conversa co presidente español daquela, Felipe González, quen lle prometeu un indulto. Meu pai tamén mantivera conversas aquí. Pero, claro, para obter o indulto tiña que voltar. Fómolo buscar ao Porto e estivo 43 días en prisión ata que o liberaron", relata Senén.

Volta ás xiras

[editar | editar a fonte]

Posteriormente aos duros anos volveu comezar unha xira por tódolos escenarios de fóra e dentro de España coa súa música reivindicativa: loitar por un mundo no que aínda había moito por facer; a través de discos, colaboracións, e demais actividades que tivesen que ver coa música e coa proclama a través da palabra. Nos últimos anos o seu traballo centrouse na produción de diferentes artistas e grupos musicais, a través do seu propio selo discográfico, Trebón,[8] para relanzar novos valores e axudar á creación musical galega en diferentes estilos (corais, bandas de música, rock,...), empuxando á formación de grupos tan afamados como A Roda (no que coincidiu co seu irmán Luís).

Púxolle música a textos de Castelao, Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Alfredo Brañas, Xosé Luís Méndez Ferrín, Uxío Novoneyra, Bernardino Graña, Xosé Neira Vilas, Manuel María, Ramón Cabanillas, Fermín Bouza Brey, Roberto Blanco Torres, Manuel Rodríguez López, Aquilino Iglesia Alvariño, Valentín Lamas Carvajal etc. Levou as súas voces por España, Portugal, Francia, Suíza, Alemaña, Inglaterra, Arxentina ou Venezuela.[1]

Homenaxes e pasamento

[editar | editar a fonte]

O 12 de novembro de 1999 recibiu unha homenaxe en Salvaterra de Miño, nun acto celebrado pola Sociedade Cultural e Desportiva do Condado, en agradecemento e recoñecemento do labor e traxectoria do cantautor, foi emitida en directo pola Radio Galega.[9] Alí xa se sabía que no verán dese mesmo ano se lle detectara un cancro, pouco despois de realizar o seu último recital, en honra ó seu amigo e entón alcalde de Moraña, José Eiras, que se xubilaba coma mestre. Logo xa non puido cantar máis... ata o día da súa homenaxe. No pavillón, lugar onde se celebraba esta homenaxe, había arredor dos 3.000 asistentes e unha morea de artistas: A Quenlla, Muxicas, Bieito Romero (Luar na Lubre), Emilio Cao, Uxía Senlle, Tino Baz, Saraibas, As Cantareiras do Berbés, María Manuela, A Roda, Treixadura,... O acto comezou ás 22 horas e rematou cara ás 6 da madrugada despois de subir ao escenario o propio autor..[10]

A "Persoa máis representativa na historia da música do noso país",[11] en palabras do poeta Manuel María, morreu o 16 de febreiro de 2000, cando contaba con 49 anos de idade, sobre as 7 da mañá, na Clínica Fátima de Vigo.[12] Este feito supuxo un golpe para a identidade e a música galegas, en opinión de diferentes persoeiros da vida cultural. O seu pasamento tivo en medios de comunicación a repercusión da que, porén, prescindiran as súas cancións. O funeral pola súa morte levouse a cabo na Igrexa dos Xesuítas, onde estudara dende os once anos: nesta cerimonia soaron as súas cancións en voces de compañeiros e do seu irmán Luís. Posteriormente, veu a súa homenaxe en morte. Foi o sábado 19 de febreiro de 2000 á beira do río Oitavén ó seu paso polo concello de Ponte Caldelas,[13] onde se verteron definitivamente as súas cinzas, tal e como el pedira. Alí reuníronse representantes da vida cultural e política galegas, ademais de xente do pobo, co fin de unir música e poesía de que se convertera nun referente da música de compromiso de Galicia. Interpretaron cancións que Suso Vaamonde popularizara, grupos como A Quenlla, A Roda, Pilocha ou Tino Baz, e recitaron poemas diferentes escritores presentes, coma Méndez Ferrín ou Bernardino Graña. Tamén se leron escritos redactados especialmente para esta homenaxe, por poetas coma Xosé María Álvarez Cáccamo e Manuel María. O himno galego soou cando as cinsas foron vertidas no río, e, coma colofón final, os presentes entoaron o "Volvín á terra pro perdín o amor", de Bernardino Graña, que cantara en vida Suso Vaamonde. Méndez Ferrín despediuse cun "Suso terá sempre coa súa palabra de esperanza o sentimento de home ceibe".[14]

No lugar onde as súas cinsas foron esparexidas érguese unha placa conmemorativa, ó igual que nalgunha que outra rúa de lugares como Chapela[15] ou Vigo.[16]

En 2020 púxoselle o seu nome á Casa do Pobo de Rego do Vargo e celebrouse unha homenaxe na súa honra.[17]

Obra musical[18]

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Xesús Vaamonde Polo Galegos". galegos.galiciadigital.com. Consultado o 2022-03-31. 
  2. "Suso Vaamonde - La Fonoteca" (en castelán). Consultado o 2022-03-31. 
  3. Pato, Alfonso (2022-03-27). "Suso Vaamonde: el cantautor rebelde y primer artista condenado por censura en la democracia". ElDiario.es (en castelán). Consultado o 2022-03-31. 
  4. "Suso Vaamonde, a estirpe do cantor popular". anosaterra. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2022. Consultado o 31 de marzo de 2022. 
  5. "Primera biografía autorizada del músico Suso Vaamonde". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2022-03-31. 
  6. Diario, Nós. "A historia do cantor que se exiliou do Réxime do 78". Nós Diario. Consultado o 2022-03-31. 
  7. Mar Mato "Manuel María y Vaamonde regresan" Faro de Vigo, 14/2/2016 (en castelán).
  8. "musicaengalego: SUSO VAAMONDE Voz de Trebón". musicaengalego. Consultado o 2022-03-31. 
  9. "Homenaxe a Suso Vaamonde CRTVG". www.crtvg.es. Consultado o 2022-03-31. 
  10. "Suso Vaamonde". susovaamonde.com. Consultado o 2022-03-31. 
  11. Eulixe. "Suso Vaamonde, el músico gallego condenado 41 años antes de Pablo Hasel". Eulixe (en castelán). Consultado o 2022-03-31. 
  12. Hermida, Xosé (2000-02-16). "Muere Suso Vaamonde, histórico cantautor gallego". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2022-03-31. 
  13. Manuel Bragado "Suso de Vaamonde" Faro de Vigo, 22/2/2010.
  14. "Ártabra 21: Aos 15 anos da morte de Suso Vaamonde - Como hei vivir mañá sen a luz túa? - Volvín à terra pro perdín o amor - Vídeo". Ártabra 21. Consultado o 2022-03-31. 
  15. "Rúa Suso Vahamonde - Callejero de Redondela - Callejero.net". redondela.callejero.net (en castelán). Consultado o 2022-03-31. 
  16. Club, Callejero. "Estado del tráfico en Rúa Suso Vaamonde Polo". Callejero (en castelán). Consultado o 2022-03-31. 
  17. "O nome de Suso Vaamonde xa permanece na historia da Casa do Pobo de Regodobargo". pontevedraviva. Consultado o 31 de marzo de 2022. 
  18. "Suso Vaamonde". Discogs (en castelán). Consultado o 2022-03-31. 
  19. "Suso Vaamonde Buscar". susovaamonde.com. Consultado o 2022-03-31. 
  20. "Suso Vaamonde Buscar". susovaamonde.com. Consultado o 2022-03-31. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]