Saltar ao contido

Super Aguri F1

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Super Aguri
Nome completo Super Aguri Formula One Team
Bandeira Xapón
Baseada en Leafield, Oxfordshire, Reino Unido e Toquio, Xapón
Tempadas en activo 3 (2006 - 2008)
Número de pilotos 5
Debut Gran Premio de Bahrain de 2006
Carreiras 39
Campionatos de Construtores 0
Campionatos de Pilotos 0
Vitorias 0
Pole positions 0
Voltas Rápidas 0
Puntos totais 4
Derradeiro GP Gran Premio de España de 2008

Super Aguri Formula One, tamén coñecida como Super Aguri F1 ou Super Aguri, foi unha escudería de Fórmula 1 xaponesa, que participou na categoría durante tres tempadas, desde 2006 até 2008. Foi fundada polo expiloto xaponés de F1 Aguri Suzuki, que exercía de Xefe de Equipo, sendo Mark Preston o Director Técnico e Paul Bowen o Enxeñeiro Xefe. Con sede social en Toquio, Xapón, posúe a fábrica e as antigas instalacións de Arrows en Leafield[1], no condado de Oxfordshire do Reino Unido.

Formada co apoio de Honda, estaba considerada como unha especie de equipo B non oficial [Cómpre referencia]. Esta subminístralle os motores dos monoprazas, e dálle certa cobertura financeira en momentos necesarios e puntuais, como no pago dos 48 millóns de dólares necesarios para o ingreso da escudería na competición [Cómpre referencia].

O día 6 de maio de 2008, Aguri Suzuki confirmou a retirada da escudería da competición con efectos inmediatos por motivos económicos. Logo de dous días, Super Aguri foi posta en mans de administradores independentes, co obxectivo de atoparen un comprador.

A creación da escudería

[editar | editar a fonte]

Pouco antes do remate da tempada de 2005, concretamente a principios de outubro, comezaron a xurdir certos rumores [Cómpre referencia] sobre a posibilidade de que algúns equipos poderían estar preparando escuderías B, aludindo á intención de Red Bull Racing da establecer un novo equipo de promesas que logo cristalizaría na Scuderia Toro Rosso, ou a posíbeis pactos entre Direxiv e McLaren[2], ou, no caso de Honda, con Super Aguri[3][4], que aínda que non tiña experiencia na Fórmula 1, si que a tiña noutras competicións, por exemplo coa escudería Super Aguri Fernández Racing da IRL.

Por outra banda, despois de que BAR, que tras ser mercada na súa totalidade por Honda remataba a súa andaina na Fórmula 1, decidira prescindir de Takuma Sato semellaba que este piloto non ía conseguir un asento titular en ningunha escudería en competición para a tempada de 2006. Debido á gran popularidade e cariño co que este piloto conta no seu país natal, o Xapón, os seareiros comezaron a meter presión a Honda, tamén xaponesa, para que esta lle renovase o contrato, ou que polo menos lle buscase un posto de piloto titular [Cómpre referencia]. Porén, Honda xa tiña cubertos os seus dous postos con Jenson Button e con Rubens Barrichello.

Pouco despois da confimación de Honda de que estes ían se-los seus pilotos titulares, Sato anunciaba que lle chegara unha oferta para o equipo B[5], do que a esas alturas aínda non se sabía apenas nada, excepto certos asentimentos do proxecto por parte de Nick Fry[6], Xefe de Equipo de Honda Racing.

O 1 de novembro de 2005, 15 días antes do remate do prazo de inscrición para a tempada do ano seguinte, Aguri Suzuki convocaba unha rolda de prensa na que se facía a presentación do equipo e se comunicaba a intención de que Super Aguri, respaldada por Honda, formase parte das grellas de saída de 2006[7]. Pero a escudería non figuraba na lista definitiva de confirmación de participantes publicada pola FIA[8], feita pública o día 1 de decembro, debido a que os 48 millóns de dólares non chegaran a tempo antes da data límite[9].

Isto deixaba á escudería xaponesa nunha situación bastante complicada, aínda que restaba unha segunda oportunidade, o ingreso mediante o beneplácito unánime do resto das escuderías en competición [Cómpre referencia] e por suposto, o posterior aboamento dos 48 millóns de dólares necesarios. O día 21 de decembro, confirmábase dende a escudería de Aguri Suzuki que se conseguiran os 10 asinamentos dos demais equipos[10], e o 26 de xaneiro de 2006 a FIA comunicaba oficialmente que Super Aguri cumprira cos dous requisitos e a súa inscrición na competición[11]. Porén, houbo moitas dificultades na recolección de asinamentos, pois Renault e Ferrari opuxéronse inicialmente, retirando as súas trabas pouco despois [Cómpre referencia], Williams esixía probas de que ía ser un equipo estábel [Cómpre referencia], e Midland negábase incondicionalmente case até o final.[12]

Tempada de 2006: Comezos difíciles

[editar | editar a fonte]

A tempada de 2006 presentábaselle moi complicada para Super Aguri, principalmente por dous motivos: a inexperiencia da escudería na Fórmula 1 e o pouco tempo restante para deseñar e construír xa non un monopraza competitivo, senón simplemente un chasis.

De feito, o día seguinte á confirmación de que tiñan os 10 asinamentos, dende Super Aguri admitíase que non lles daría tempo a ter un monopraza novo dispoñíbel para o primeiro Gran Premio da tempada[13]. Polo tanto, pensaron en dúas solucións, ou empregaren uns chasis da tempada de 2005 cedidos por Honda (os BAR Honda 007) [Cómpre referencia] ou mercaren os monoprazas dunha escudería que xa non estivese en liza e adapta-lo chasis á normativa actual.

A primeira opción, a do Bar Honda 007, ficaba descartada axiña, pois o Pacto da Concordia establecía que unha escudería debía posuír a propiedade intelectual sobre o seu chasis ou que os posuíse unha escudería que xa non competise [Cómpre referencia]. Restaba a opción de mercar uns monoprazas antigos para adapta-lo chasis, que foi a que se tomou finalmente, mercándolle a Paul Stoddart, ex-propietario de Minardi e coleccionista de coches, un Arrows A23 de 2002[14], que tras ser adaptado, deu como resultado o Super Aguri SA05, equipado cun motor Honda RA806E 2.4 V8 e con pneumáticos Bridgestone, que se utilizaría até que rematasen de construír un chasis novo.

O día 15 de febreiro facíanse públicos os pilotos oficiais que ían conducir para Super Aguri, en principio para toda a tempada, Takuma Sato e Yuji Ide, ámbolos dous xaponeses.[15], sendo o francés Franck Montagny o terceiro piloto. O 14 de febreiro, o Super Aguri SA05 debutaba en adestramentos libres no Circuíto de Kemble, Reino Unido[16]; e 14 días despois desvelábanse nuns tests en Silverstone as cores coas que a escudería ía competir nesta tempada, o vermello e o branco[17]. Nos tests anteriores, o monopraza sempre corría de totalmente pintado de branco[16].

O comezo da tempada en marzo foi moi titubeante, con Sato rematando a carreira no derradeiro posto dos que completaran a quilometraxe completa da carreira, e Ide retirándose por problemas mecánicos en ámbalas dúas carreiras. No terceiro Gran Premio, os dous pilotos foron capaces de completaren a distancia de carreira, notándose unha leve melloría no rendemento do monopraza.

Pero a cuarta carreira da tempada, o Gran Premio de San Marino trouxo un golpe moi duro para Ide, pois na primeira volta tivo unha colisión con Christijan Albers que fixo que o holandés tivese que retirarse. Este accidente fixo que os comentarios sobre a inexperiencia do piloto xaponés[18] cristalizasen na cesión do seu posto como piloto titular a Montagny o 5 de maio [Cómpre referencia], seguindo Super Aguri o consello recibido neste asunto pola Federación Internacional do Automóbil[19]. Cinco días despois, a Superlicenza de Ide sería revogada[20], polo que non pode correr de novo nun monopraza de Fórmula 1 até 2007 [Cómpre referencia].

Franck Montagny a bordo do Super Aguri SA06.

No Gran Premio de Europa, Super Aguri contou por primeira vez cun terceiro monopraza no adestramento libre do venres, pilotado por Montagny[21]. Até esa carreira, era a única escudería, das que tiñan permiso para utilizalo, que non facía correr o seu terceiro coche [Cómpre referencia].

O Gran Premio de Alemaña marcou un novo punto de inflexión na tempada da escudería, pois sería o primeiro no que o SA06 co mesmo motor que o seu predecesor, participaría [Cómpre referencia]. Aínda que sen ser quen de remata-la quilometraxe establecida, impresionou grazas ós postos acadados na cualificación, na que superou os monoprazas de Midland. Inicialmente o seu debut estaba planificado para o Gran Premio anterior, o de Francia[22]. Ademais, en Alemaña Montangy deixoulle o posto de segundo piloto titular ó xaponés Sakon Yamamoto, quen sería o condutor que remataría a tempada.

Nos seguintes Grandes Premios, o rendemento do Super Aguri mellorou, chegando Sato a acadar a décima posición en Brasil, o derradeiro da tempada, onde Yamamoto logrou a sétima mellor volta en carreira, a menos dun segundo da volta rápida. A nota negativa desta segunda metade da tempada foi a descualificación de Sato en China por ignora-las bandeiras azuis que sinalan que un piloto está a piques de ser dobrado [Cómpre referencia].

A tempada 2006 rematou con esta escudería no undécimo e derradeiro posto da cualificación de escuderías, con 0 puntos, igual que os seus catro pilotos durante ese ano. Sato remataría vixésimo terceiro, Ide vixésimo cuarto, Montagny vixésimo quinto e Yamamoto vixésimo sexto.

Tempada de 2007: Chegan os primeiros resultados

[editar | editar a fonte]
Anthony Davidson conducindo o SA07 no Gran Premio de Bahrain de 2007.

Os plans para o 2007 de Super Aguri, comezaban a desvelarse o 15 de novembro de 2006, cando se anunciaba que os pilotos titulares serían Takuma Sato e Anthony Davidson, antigo terceiro piloto de Honda[23]. Ademais, o 17 de decembro de 2006 confirmouse que o piloto holandés Giedo van der Garde foi contratado como terceiro piloto para o ano 2007[24], e nove días despois confirmábase a Sakon Yamamoto no posto de segundo piloto de probas[25]

A finais de xaneiro, comezaron a chegar malas novas para Super Aguri, xa que o día 22, se confirmaba que o Super Aguri SA07 non pasara o primeiro crash test da FIA[26] necesario para competir cando a parte traseira do monopraza se esnaquizou máis do permitido [Cómpre referencia], o que ocasionou un redeseño que demorou a presentación do coche até dous días antes dos primeiros adestramentos libres da tempada. Así mesmo, o día 2 de febreiro, Spyker F1 confirmaba a Van Der Garde como piloto probador ante as protestas de Super Aguri, os cales afirmaban ter un contrato válido[27] , provocando así a primeira das batallas legais[28] entre as dúas escuderías, que previsibelmente será continuada por mor dos dereitos de propiedade intelectual do SA07, xa que Spyker afirma que pertencen a Honda e polo tanto non poden utiliza-lo monopraza[29].

Xa sobre a pista, o rendemento do SA07 permitiu á escudaría atinxir mellores resultados dos esperados, amosando a súa capacidade cando na cualificación do GP de Australia, o primeiro do ano, lograron pasa-lo primeiro corte e rematar Davidson 10º e Sato 11º. No GP de España Takuma Sato conseguiu o primeiro punto na historia de escudaría cando acadou o oitavo posto, resultado que se vería mellorado no GP do Canadá cando Sato de novo finalizou sexto, conseguindo outros tres puntos.

O 26 de xullo, o piloto de probas Sakon Yamamoto abandonaba a disciplina do equipo para correr para Spyker F1[30].

Tempada de 2008: Catro GP's e retirada da competición

[editar | editar a fonte]

Resultados completos en Fórmula 1

[editar | editar a fonte]

(Lenda) (Os resultados en letra grosa indican que o piloto acadou a pole position.)

Ano Chasis Motor Rodas Pilotos 1 2 3 4 5 6 7 8 9 10 11 12 13 14 15 16 17 18
2006
(0 pts, 11º)
SA05\SA06 Honda RA806E 2.4 V8 B BAH MAL AUS SAN EUR ESP MON RU CAN USA FRA ALE HUN TUR ITA CHN XPN BRA
Takuma Sato 18 14 12 Ret Ret 17 Ret 17 15 Ret Ret Ret 13 NC 16 DSC 15 10
Yuji Ide Ret Ret 13 Ret
Franck Montagny Ret Ret 16 18 Ret Ret 16
Sakon Yamamoto Ret Ret Ret Ret 16 17 16
2007
(4 pts, 9º)
SA07 Honda RA807E 2.4 V8 B AUS MAL BAH ESP MON CAN USA FRA RU EUR HUN TUR ITA BEL XPN CHN BRA
Takuma Sato 12 13 Ret 8 17 6 Ret 16 14 Ret 15 18 16 15 15 14 12
Anthony Davidson 16 16 16 11 18 11 11 Ret Ret 12 Ret 14 14 16 Ret Ret 14
2008
(0 pts, 11º)
SA08 Honda RA808-E V8 B AUS MAL BAH ESP TUR MON CAN FRA RU ALE HUN EUR BEL ITA SIN XPN CHN BRA
Takuma Sato Ret 16 17 13 RetM
Anthony Davidson Ret 15 16 Ret RetM

Estatísticas

[editar | editar a fonte]
Piloto Monoprazas Dorsais Grand Prix
disputados
Mellor
clasificación
Abandonos Chegadas nos
puntos
Mellor clasificación
en carreira
Puntos
conseguidos
Takuma Sato SA05
SA06
SA07
SA08
22
22
22
18
11
7
17
4
17º
17º
10º
19º
5
1
3
1
0
0
2
0
12º
10º

13º
0
0
4
0
Yuji Ide SA05 23 4 18º 3 0 13º 0
Franck Montagny SA05 23 7 19º 4 0 16º 0
Sakon Yamamoto SA06 23 7 19º 4 0 16º 0
Anthony Davidson SA07
SA08
23
19
17
4
11º
21º
5
2
0
0
11º
15º
0
0
  1. (en castelán) Super Aguri quere usar monoprazas de Arrows, en gp.update.net[Ligazón morta]
  2. (en castelán) Rumores de pacto entre Direxiv e McLaren para crearen unha segunda escudería Arquivado 05 de decembro de 2005 en Wayback Machine.
  3. (en castelán) Creará Honda un equipo B?[Ligazón morta]
  4. (en castelán) Está Super Aguri detrás do 11º equipo?[Ligazón morta]
  5. (en castelán) Sato recibe unha oferta para o equipo B de Honda[Ligazón morta]
  6. (en castelán) Nick Fry: "Posíbel 11º equipo en Fórmula 1"[Ligazón morta]
  7. (en inglés) A presentación de Super Aguri, en grandprix.com
  8. (en inglés) Lista de participantes de 2006 da FIA Arquivado 07 de xuño de 2007 en Wayback Machine.
  9. (en inglés) Falta Super Aguri, en grandprix.com
  10. (en inglés) Aguri Suzuki confirma que ten os 10 asinamentos, en grandprix.com
  11. (en castelán) A FIA confirma a inscrición de Super Aguri para 2006, en f1racing.net Arquivado 23 de febreiro de 2006 en Wayback Machine.
  12. (en castelán) Williams quere "unha proba" de Super Aguri, en f1racing.net[Ligazón morta]
  13. (en castelán) Super Aguri: "O coche non estará listo para o primeiro GP", en f1racing.net[Ligazón morta]
  14. (en castelán) Super Aguri: "O SA05 é diferente ó Arrows", en f1racing.net[Ligazón morta]
  15. (en castelán) Super Aguri confirma os seus pilotos para 2006, en f1racing.net[Ligazón morta]
  16. 16,0 16,1 (en castelán) Super Aguri debuta en Kemble, en gpupdate.net[Ligazón morta]
  17. (en castelán) Super Aguri desvela as súas cores para o 2006, en f1racing.net[Ligazón morta]
  18. (en castelán) Aguri: "Ide continúa, por agora", en gpupdate.net Arquivado 05 de setembro de 2008 en Wayback Machine.
  19. (en castelán) Montagny substituirá a Ide, en f1racing.net Arquivado 08 de xullo de 2006 en Wayback Machine.
  20. (en castelán) Ide quédase sen Superlicenza de Fórmula 1, en f1racing.net. Arquivado 08 de outubro de 2006 en Wayback Machine.
  21. (en castelán) Super Aguri preparada para usa-lo terceiro monopraza, en f1racing.net Arquivado 13 de maio de 2006 en Wayback Machine.
  22. (en castelán) Super Aguri estreará o SA06 en Alemaña, en f1racing.net Arquivado 08 de xullo de 2006 en Wayback Machine.
  23. (en castelán) Davidson correrá para Super Aguri en 2007, en f1racing.net[Ligazón morta]
  24. (en castelán) Super Aguri ficha a Van der Garde como terceiro piloto, en f1racing.net[Ligazón morta]
  25. (en castelán) Yamamoto será o segundo probador de Super Aguri, en f1racing.net[Ligazón morta]
  26. (en inglés) Super Aguri, forzado a atrasa-la presentación do SA07
  27. (en castelán) Super Aguri:Temos un contrato válido con Van Der Garde Arquivado 12 de febreiro de 2007 en Wayback Machine.
  28. (en castelán) Super Aguri tomará accións legais contra Spyker Arquivado 10 de febreiro de 2007 en Wayback Machine.
  29. (en castelán) Spyker, preparado para denuncia-la fraude Arquivado 09 de febreiro de 2007 en Wayback Machine.
  30. (en castelán) Spyker ficha a Yamamoto, en f1.gpupdate.net Arquivado 04 de agosto de 2007 en Wayback Machine.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]


Os monoprazas de Super Aguri
SA05 - 2006 SA06 - 2006 SA07 - 2007 SA08 - 2008