Saltar ao contido

Spitzenkörper

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Catro vistas microscópicas paralelas dunha hifa en crecemento de Neurospora crassa co Spitzenkörper claramene visible no extremo (por exemplo, en vermello na imaxe de abaixo).

O Spitzenkörper é unha estrutura atopada nas hifas dos fungos que funciona como un centro organizador do crecemento das hifas e da morfoxénese. Consta de moitas pequenas vesículas e aparece nos extremos en crecemento das hifas, durante a xerminación de esporas e nos puntos onde se producen ramificacións das hifas. A súa posición nos extremos das hifas relaciónaos coa dirección do crecemento das hifas. O Spitzenkörper forma parte do sistema endomembranoso da célula nos fungos.[1]

As vesículas están organizadas arredor dunha área central que contén unha densa rede de microfilamentos. Con frecuencia aparecen polisomas nas proximidades do límite posterior do núcleo do Spitzenkörper, e esténdense microtúbulos dentro e a miúdo a través do Spitzenkörper; atópanse ademais corpos de Voronin na rexión apical próxima ao Spitzenkörper.[2]

O citoplasma do ápice está ocupado case exclusivamente por vesículas secretoras e microvesículas. Nos fungos superiores (Ascomycota e Basidiomycota), as primeiras están dispostas como unha capa esférica arredor das últimas, e o conxunto da formación sería o Spitzenkörper ou "corpo apical". O Spitzenkörper pode verse nas hifas en crecemento con microscopio óptico. As hifas dos Oomycota e algúns Eumycota inferiores (especialmente os Zygomycota) non conteñen un Spitzenkörper recoñecible, e as vesículas están distribuídas máis libremente na cúpula apical da hifa.[3]

  1. Steinberg, G. (2007). "Hyphal growth: a tale of motors, lipids, and the spitzenkörper". Eukaryotic Cell 6 (3): 351–360. PMC 1828937. PMID 17259546. doi:10.1128/EC.00381-06. Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2011. Consultado o 03 de xuño de 2011. 
  2. Harris, S.; Read, N.; Roberson, R.; Shaw, B.; Seiler, S.; Plamann, M.; Momany, M. (2005). "Polarisome meets spitzenkörper: microscopy, genetics, and genomics converge". Eukaryotic cell 4 (2): 225–229. doi:10.1128/EC.4.2.225-229.2005. PMC 549335. PMID 15701784. [1].
  3. John Webster and R. W. S. Weber. (2007). Introduction to Fungi.United States of America by Cambridge University Press, New York.PP:841.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]