Saltar ao contido

Schottische

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

 

Schottische
Danza
Danza tradicional Schottische de Baviera, tamén chamado Bayrisch-Polka, fotografía de 1975.
GalegoSchottische, chotis
Título orixinalSchottische, Šotyš, skotská
AnoOrixinouse no século XIX
XéneroDanza
EstiloTradicional, descrito moitas veces como polca lenta.
RelatedPolca, Mazurca
Time2/4 ou 4/4
DuraciónVariable
InstrumentaciónDiversa, tipicamente instrumentos tradicionais (gaita, violín, acordeón etc.)
CommentDanza de orixe europea que se espallou por varias partes do mundo

O schottische, schotis ou chotis, entre outros nomes, é un tipo de composición e baile tradicional que se orixinou no século XIX e que aparentemente se orixinou en Bohemia.[1]

Foi popular nos salóns de baile da época vitoriana como parte da moda do baile popular bohemio e deixou as súas pegadas na música folk de países e rexións do mundo, incluíndo Europa, América Latina e partes de Asia.[2]

O paso básico schottische está formado por dous pasos laterais á esquerda e á dereita, seguidos dun xiro en catro pasos.[3] En varios países, os pasos laterais e os xiros son substituídos por pasos de salto de Strathspey.[4]

O schottische é considerado por The Oxford Companion to Music como unha especie de polca máis lenta, con orixe continental-europea.[5]

Os schottisches bailados en Europa, onde se orixinaron, son diferentes de como se bailan nos Estados Unidos. A versión europea (ou continental), moitas veces chamada "skoteesh", adoita bailarse con música máis rápida e é bastante restrinxida nos seus movementos. A versión estadounidense adoita ser máis "aberta", coa primeira parte expresada por paseos, xiros individuais ou movementos similares, e a segunda parte máis frecuentemente expresada como un pivote próximo.

Terminoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome "Schottisch" é alemán e significa "escocés",[6] pero, curiosamente, non se orixinou en Escocia, aínda que foi logo introducido alí como danza no mesmo século XIX. Estendeuse rapidamente a lugares de Arxentina, Finlandia, Francia, Italia, Noruega, Portugal, Brasil, España, Suecia, Dinamarca, México ou os Estados Unidos, entre outros Estados nación actuais.

Na República Checa, actual Estado onde se sitúa a orixe probábel da danza, tamén era coñecida como "Šotyš".[7] Báilase nas súas variantes folclóricas máis tradicionais como danza de exhibición, e tamén na escena balfolk.

É coñecido noutras linguas con outros nomes derivados, como chotis (termo aceptado en galego),[8][9] schotis,[10] schottis,[11] xote ou xótis,[12] chotiça,[13] shodish, sciortis, sciotzè, sòtis etc. e variantes da mesma música e danza como chamamé,[14] jenkka (letkajenka, letkiss),[15] o norteño mexicano, ou directamente como variacións da polca (Bayrisch-Polka, polka tremblante ou "tramblanka" en Polonia, polca lenta en Chile etc.).[16]

Orixes de difusión

[editar | editar a fonte]
Schottische (chotis) en Madrid, agosto de 2017

A pesar do seu nome, o Schottisch non se orixinou en Escocia. Créese que a danza foi introducida nas illas británicas, onde se tornaron moi populares despois de fusionarse con outras variantes, desde a Europa continental arredor do século XIX.[17]

En Alemaña e Austria, coñecéronse variantes como o Rheinländer ou o Bayrisch-Polka. En Madrid, a danza converteuse no popular "chotis", un símbolo da cidade.[18] Algunhas das melodías, como "Madrid, Madrid, Madrid" do compositor mexicano Agustín Lara, foron moi coñecidas, e os autores das zarzuelas[19] crearon unha serie de novos chotis.[20]

Illas británicas e mundo anglosaxón

[editar | editar a fonte]

En Irlanda está intimamente relacionado co tipo de melodía highland, aínda que posúe proporcións máis altas de negras.[21] O chamado "schottische alemán" ou só "alemán" (Gearmáinis) foi popular en Donegal e na diáspora irlandesa, especialmente Filadelfia. Tamén coñecido como "barn", é un baile a dúas mans con melodías que rematan cada frase de oito compases con tres negras lixeiramente acentuadas. No sur dos Estados Unidos a principios do século XX o schottische combinouse co ragtime; o "ragtime schottische" máis popular da época foi "Any Rags" de Thomas S. Allen en 1902. En Nova Orleans, a banda de Buddy Bolden e outros grupos de proto-jazz eran coñecidos por tocaren schottisches. En Australia houbo compositores destas danzas, como Christian Helleman e Henry Marsh.

En Escocia, o Highland Schottische[22] combina elementos do schottische tradicional co reel, con dúas formas principais. Ambas teñen un ritmo parecido á polca, asociadas ás melodías "Brochan Lom" e "Laddie With the Plaidie". Na versión máis popular de céilidh, acompañada de exclamacións, o home sitúase á esquerda, a muller á dereita, e únense coas mans esquerdas, co brazo dereito do home no ombreiro da muller. Comezan con pasos de Highland antes de avanzar e pivotar, e rematan con saltos e xiros. Unha variante coñecida como peacock dance "danza do pavo real", popular en Argyll nos anos 1920 e 30, destacaba os pasos do home. Nunha versión simplificada non se require a unión de mans, pero os bailaríns sostéñense mutuamente co brazo ao redor da cintura.

Schottisch en Iberoamérica

[editar | editar a fonte]

O Schottisch viaxou a Iberoamérica coas vagas migratorias europeas, onde foi adaptado e modificado de acordo coas tradicións locais. En México, por exemplo, é tocado en diferentes rexións, particularmente no norte do país (chamado norteño), con instrumentos tradicionais como o acordeón.[23] En Arxentina, introducida por inmigrantes alemáns do Volga e derivado en chotis e chamamé, en Uruguai e en Chile, a danza foi introducida no século XIX e tamén foi adaptada á música local.[24]

En Portugal, unha forma de schottische chamada xoutiça, xote, xótis, chótis ou pisadinha[25] quedou moi estandarizada para exhibicións de folclore. As parellas, formando círculos de 4, 6 ou 8, danzan abrazadas e xirando en conxunto. Posteriormente, cruzan no centro do círculo e, após varios cruces, agrúpanse no centro. Todos os movementos son executados en parella, sen intercambiar de compañeiro.[26]

No Brasil, o xote desenvolveuse en gran medida na zona nordeste, especialmente no Sertão, onde creou variacións como baião e arrasta-pé, que adoitan agruparse na denominación de forró. Todos estes ritmos son típicamente bailados por parellas, sendo xote o estilo de baile máis lento e sinxelo, no que a parella alterna pasos esquerda-esquerda-hop-dereita-dereita-hop.

Galiza, Schottish e polcas

[editar | editar a fonte]

Aínda que Galiza non ten unha tradición específica do Schottisch, a presenza da polca é moi significativa no país. Diversas polcas, máis lentas ou máis animadas, tiveron ampla presenza música tradicional galega e de folk con numerosos grupos e artistas incorporando este ritmo nas súas composicións. Artistas e grupos tradicionais galegos, como Milladoiro, Luar na Lubre, Susana Seivane, Matto Congrio e moitos outros teñen nas súas discografías mostras de polcas, lentas ou rápidas,[27][28][29][30][31][32] e o Schottish ou polca lenta é ás veces incluído en eventos temáticos de danza.[33][34]

  1. "CHOTIS". Etimologías de Chile - Diccionario que explica el origen de las palabras (en castelán). Consultado o 2023-09-26. 
  2. Haid, Gerlinde (2005). Oesterreichisches Musiklexikon. Verlag der Österreichischen Akademie der Wissenschaften. ISBN 3-7001-3046-5. 
  3. "How to dance the Schottische". www.freewheelers.org. Consultado o 2023-09-27. 
  4. "Scottish folk dance: Strathspey & Tulloch". Consultado o 2023-09-26. 
  5. Scholes, Percy Alfred; Ward, John Owen (1970). The Oxford companion to music. Londres ; Nova York : Oxford University Press. ISBN 978-0-19-311306-0. 
  6. "chotis; Palabra do día". Portal das Palabras. 2020-12-28. Consultado o 2023-10-16. 
  7. "antologie hudby". www.antologiehudby.cz (en checo). Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2023. Consultado o 2023-09-27. 
  8. "chotis". digalego.xunta.gal. 
  9. "Dicionario". Real Academia Galega. Consultado o 2023-09-26. 
  10. "CHOTIS - Definición y sinónimos de chotis en el diccionario español". educalingo.com (en castelán). Consultado o 2023-09-27. 
  11. "Schottis i Turer (traditional Swedish folk dance)". Consultado o 2023-09-26. 
  12. "Xote: o que é essa dança e ritmo musical". Significados (en portugués). Consultado o 2023-09-26. 
  13. "Generalidades sobre as danças populares portuguesas". Folclore.PT (en portugués). 2021-03-02. Consultado o 2023-09-26. 
  14. "Fundación memoria del Chamamé". www.fundacionmemoriadelchamame.com. Consultado o 2023-09-26. 
  15. "Orchester Roberto Delgado - Letkiss" (en francés). 1964. Consultado o 2023-09-26. 
  16. "Los pasos de la polca: una alegre danza para celebrar la vida. - Marcando el Paso" (en castelán). 2023-02-19. Consultado o 2023-09-26. 
  17. "Schottische". Britannica;. Encyclopaedia Britannica. 
  18. "El Chotis madrileño". Madrid.es. [Ligazón morta]
  19. "zarzuela-operetta". Turismo Madrid; esmadrid.com (en inglés). 
  20. galichy (2020-01-28). "Chotis: the dance of Madrid". JewishToledo and JewishSegovia (en inglés). Consultado o 2023-09-27. 
  21. Vallely, F. (1999). The Companion to Traditional Irish Music. New York University Press: New York, pp. 187–188, 330
  22. "Highland Schottische". Consultado o 2023-09-27. 
  23. Pell, Merié Ellen (2005). Música y bailes populares de las regiones de México. Editorial Trillas. 
  24. González Rodríguez, Juan Pablo (2005). "Historia social de la música popular en Chile, 1890-1950 /". descubridor.academia.cl (en Spanish). Consultado o 2023-09-26. 
  25. "Como se escreve xote ou Chote?". vocepergunta.com. Consultado o 2023-09-27. 
  26. "Aula de Xote -- Professores Bruno Dias e Luciana Cavalcanti". Consultado o 2023-09-27. 
  27. Fernández de Rota, Anxo (2003). Historia da música galega. Editorial Galaxia. ISBN 978-8482885995. 
  28. "pezas; polcas". Folkotecagalega.gal. 
  29. "Chotis de Pascuña - partitura". folkotecagalega.gal. 
  30. "Danza do Saviñao / Polca do Saviñao". Consultado o 2023-10-16. 
  31. "MILLADOIRO Sí Beag, Sí Mhór Polka". Consultado o 2023-10-16. 
  32. "Polka De Vilagarcia". Consultado o 2023-10-16. 
  33. "Baile Assalto de dezembro". Folque. 2016-12-02. Consultado o 2023-09-26. 
  34. "IES de Brión. Galician dance "Chotis de Vilaxóan". 3º ESO A bilingual group. May, 2013". Consultado o 2023-10-16. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]
Partitura de Schottisch bávaro.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]