Saxitario (constelación)
Sagittarius | |
---|---|
Nome latino | Sagittarius |
Abreviatura | Sgr |
Xenitivo | Sagittarii |
Simboloxía | O Arqueiro |
Ascensión recta | 19 h |
Declinación | −25° |
Área | 867 graos cadrados
Rango 15º |
Número de estrelas
(magnitude < 3) |
7 |
Estrela máis brillante | ε Sgr (Kaus Australis)
(magnitude ap. 1.9) |
Choiva de meteoros |
Ningunha |
Constelacións
lindeiras |
|
Visible en latitudes entre 55° e −90°
Mellor visibilidade ás 21:00 (9 p.m.) durante o mes de agosto | |
Saxitario[1][2] (do latín Sagittarius) é unha constelación do zodíaco, xeralmente representada coma un centauro sostendo un arco. Saxitario atópase entre Scorpius ó oeste e Capricornus ó leste.
Características destacables
[editar | editar a fonte]As estrelas máis brillantes forman un asterismo facilmente recoñecible, a Teteira, a súa asa está formada polas estrelas ζ Sagittarii, τ Sagittarii, σ Sagittarii e φ Sagittarii, o tello por φ Sagittarii, λ Sagittarii e δ Sagittarii, o corpo da Teteira fórmano ζ Sagittarii, φ Sagittarii, δ Sagittarii e ε Sagittarii, sendo o "picho" as estrelas δ Sagittarii, ε Sagittarii e γ Sagittarii.
En Saxitario atópanse dúas cefeidas visibles a simple vista, X Sagittarii e W Sagittarii. A Estrela Pistola (en inglés Pistol Star) atópase nesta constelación; invisible a simple vista, é porén unha das estrelas máis luminosas da galaxia. A variable KW Sagittarii é unha das estrelas coñecidas de maior tamaño.
É unha constelación moi frecuentada polos afeccionados á astronomía, xa que nela atópanse gran cantidade de obxectos do espazo profundo, cúmulos estelares e nebulosas. Ó oeste de γ Sagittarii atópase o centro galáctico da Vía Láctea.
Estrelas principais
[editar | editar a fonte]- α Sagittarii (Rukbat), con magnitude aparente 3.97, é superada en brillo por numerosas estrelas da constelación a pesar de te-la designación de Bayer Alpha.
- β Sagittarii (Arkab), en realidade dúas estrelas distintas: β¹ (Arkab Prior) é unha estrela binaria branco-azulada; β² (Arkab Posterior) é unha estrela branco-amarela de magnitude 4,28.
- γ Sagittarii, tamén dúas estrelas: γ¹ é unha variable cefeida chamada W Sagittarii cun período de 7,59 días; γ² recibe o nome de Nash ou Alnasl.
- δ Sagittarii (Kaus Medius, Kaus Media ou Kaus Meridionalis), estrela xigante de cor laranxa e magnitude 2.72, a cuarta en brillo dentro de Saxitario.
- ε Sagittarii (Kaus Australis), a máis brillante da constelación con magnitude 1.85, unha estrela xigante branco-azulada a 145 anos luz.
- ζ Sagittarii (Askella ou Ascella), a terceira máis brillante da constelación con magnitude 2.63, é unha estrela binaria con ambas estrelas brancas.
- η Sagittarii, xigante vermella de magnitude 3,11 cunha feble compañeira a 3,6 segundos de arco.
- λ Sagittarii (Kaus Borealis), tamén xigante de cor laranxa e magnitude 2,81.
- μ Sagittarii (Polis), superxigante branco-azulada e binaria eclípsante distante uns 3600 anos luz.
- π Sagittarii (Albaldah), sistema estelar triplo a 440 anos luz.
- σ Sagittarii (Nunki), con magnitude 2.02, é a segunda estrela máis brillante a pesar de te-la designación de Bayer Sigma. O seu nome é de orixe babilonio.
- Terebellum, asterismo constituído por catro estrelas visualmente moi próximas; ω Sagittarii e 62 Sagittarii forman parte del.
- X Sagittarii, variable cefeida cun brillo que varía entre magnitude 4,24 e 4,84 nun período de 7,013 días.
- KW Sagittarii, aínda que de magnitude visual 9.35, é unha superxigante cun tamaño de 1460 veces o radio solar, unha das estrelas máis grandes coñecidas.
- RY Sagittarii, estrela variable R Coronae Borealis, a segunda máis brillante da súa clase.
- Estrela Pistola (V4647 Sagittarii), unha estrela hiperxigante, 2 millóns de veces máis luminosa co Sol, situada preto do centro da Vía Láctea.
- V3961 Sagittarii, variable Alfa2 Canum Venaticorum cun período excepcionalmente longo de 2300 días.
- WR 104 (V5097 Sagittarii), estrela de Wolf-Rayet na que se detectou unha espiral de gas e po.
- HD 169830, anana amarela rica en metais que alberga dous planetas extrasolares.
- HD 172051, anana amarela análoga ó Sol; é un obxectivo prioritario na procura de planetas terrestres que poidan albergar vida.
- HD 179949, estrela amarela algo maior co Sol cun planeta extrasolar.
- Ross 154 (V1216 Sagittarii), pequena anana vermella distante 9,68 anos luz do sistema solar.
- Gliese 783 (J. Herschel 5173), sistema estelar a 19,7 anos luz.
- SWEEPS J175902.00−291323.7, distante anana vermella cun planeta cun período orbital que é de tan só 10 horas.
- LBV 1806-20, aínda que visualmente só ten magnitude 35, é considerada a estrela máis luminosa da Vía Láctea.
- WR 102ka, unha das estrelas máis luminosas da nosa galaxia; é practicamente invisible ó estar rodeada de po.
- S2, nome da estrela que se atopa máis próxima ó burato negro supermasivo do centro galáctico.
Obxectos Notables do espazo profundo
[editar | editar a fonte]Vista dende a Terra, a Vía Láctea presenta a súa parte máis densa a través de Saxitario, que é onde está o centro da galaxia. Por iso pódense atopar aquí moitos cúmulos e nebulosas:
- O gran cúmulo de Saxitario (M22), de magnitude 5.1, un obxecto fácil de ver con prismáticos. A 10.000 anos luz é un dos máis próximos.
- Cúmulo globular M55, formado por unhas 100.000 estrelas.
- A Nube Estelar de Saxitario (M24).
- Nebulosa da Lagoa (M8), rodeando a un cúmulo de estrelas NGC 6530. Nunha noite escura poden verse a simple vista ó norte da parte máis fértil da Vía Láctea.
- Nebulosa Trífida (M20), coas tres franxas de nubes escuras que a dividen.
- Nebulosa Omega (M17), tamén chamada do Cisne ou do calzador, pode verse claramente con axuda exclusiva de prismáticos.
- Nebulosa da Araña Vermella (NGC 6537), nebulosa planetaria que alberga unha das estrelas máis quentes que se coñecen.
- NGC 6818 e NGC 6578, nebulosas planetarias; a primeira delas atópase a uns 6000 anos luz de distancia.
- Cúmulo aberto M18, 1º ó sur da Nebulosa Omega.
- Cúmulo globular M69 e o próximo M70, ambos situados preto do centro galáctico.
- Cúmulo globular M75, de magnitude 9,18 que se atopa a 67.500 anos luz de distancia.
- Cúmulo globular M54, que non forma parte da Vía Láctea e foi o primeiro cúmulo extragaláctico descuberto.
- Menos prominentes, pero tamén destacables, os cúmulos globulares NGC 6624, NGC 6638, NGC 6642, NGC 6652 e NGC 6723.
- No 1999 un violento estoupido en V4641 Sgr revelou a localización do burato negro máis próximo a Terra.[3]
- A radiofonte Sagittarius A, onde se atopa Sagittarius A*, que se asocia có burato negro supermasivo do centro da galaxia.
- A galaxia Anana Elíptica de Saxitario (SagDEG), pequena galaxia satélite da Vía Láctea que forma parte do Grupo Local.
- Galaxia de Barnard (NGC 6822), prototipo de galaxia primitiva, e galaxia Anana Irregular de Saxitario (SagDIG), ambas do Grupo Local.
Mitoloxía
[editar | editar a fonte]Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2021.) |
Existía gran controversia entre os mitólogos antigos sobre se esta constelación representaba ou non a un Centauro. Eratóstenes e Hixino inclinábanse pola opinión de que non era un centauro afirmando que ningún centauro tiña usado. Defenderon que se trataba dun sátiro chamado Croto, que vivía na compaña das Musas no monte Helicón. Croto, ademais de inventa-lo arte de disparar frechas, inventou o aplauso, mentres escoitaba ás Musas. Estas, compracidas, pedíronlle a Zeus que puxera a Croto entre as constelacións. Para outros, coas súas dúas caras, animal e humano, Saxitario era o centauro Quirón que criou a Xasón, Aquiles e Eneas. Famoso como profeta, doutor e sabio, era fillo de Filira e Cronos, tamén pai de Zeus, quen sorprendido no acto, converteuse en garañón e fuxiu ó galope deixando a Filira. Ela, desgustada polo seu fillo medio-home, medio-cabalo, converteuse así mesma nun tilo*.
As antiga lendas gregas subliñan que Saxitario era un centauro, fillo de Saturno e Filira e que se converteu a si mesmo en cabalo para escapar da súa celosa muller, Rhea.
Saxitario é representada coma un centauro armado cun arco tal coma era vista polos gregos. En culturas máis antigas, coma por exemplo os babilonios, era representada coma ó deus Pabilsag (o cal posuía as e cabeza de león).
Na mitoloxía grega, Saxitario era moitas veces identificado coma Quirón, aínda que esta identificación era máis usual coa constelación de Centaurus. A constelación Sagitta foi considerada algunhas veces coma unha frecha disparada por Saxitario.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para saxitario.
- ↑ Cambados Márquez, Xoaquín Evaristo. "Algunhas notas referentes ó nome galego estándar das constelacións" (PDF). Consultado o 12 de outubro de 2016.
- ↑ National Radio Astronomy Observatory (ed.). "Dramatic Outburst Reveals Nearest Black Hole". Consultado o 08-30-2008.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Saxitario |