Saltar ao contido

Salvador Golpe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Salvador Golpe Varela»)
Modelo:BiografíaSalvador Golpe

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento27 de xullo de 1850 Editar o valor en Wikidata
Oza, España Editar o valor en Wikidata
Morte23 de xuño de 1909 Editar o valor en Wikidata (58 anos)
A Coruña, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónescritor, autor, político, poeta Editar o valor en Wikidata
Partido políticoAsociación Regionalista Gallega
Solidaridad Gallega Editar o valor en Wikidata
Membro de
Xénero artísticoPoesía, narrativa
Familia
CónxuxeCarmen Túñez Prado
Carmen Rodríguez Bermúdez Editar o valor en Wikidata
Fillos7 Editar o valor en Wikidata

Galiciana: 5909 BNE: XX1286445 BUSC: golpe-varela-salvador-1850-1909

Salvador Golpe Varela, nado en Oza (Oza-Cesuras) o 27 de xullo de 1850 e finado na Coruña o 23 de xuño de 1909, foi un intelectual, xornalista, ensaísta, poeta e político galego. A corrente ideolóxica do rexionalismo galego, movemento galeguista acontecido durante as primeiras décadas do século XX está presente tanto na súa actividade política e cultural como na súa produción literaria.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Salvador Golpe de novo.

Vida privada

[editar | editar a fonte]

Naceu no pazo de Paio, fillo de Manuel Golpe Núñez e Rita Varela de Sotomayor. Casou con Carmen Túñez Prado, con quen tivo cinco fillos e de quen enviuvou en 1879. Casou en segundas nupcias con Carmen Rodríguez Bermúdez, coa quen tivo dous fillos máis.

Actividade profesional e intelectual

[editar | editar a fonte]

A súa actividade profesional desenvolveuse na Coruña, onde exerceu como avogado e xuíz municipal.

Tamén levou a cabo na capital coruñesa o seu labor como concelleiro no concello da cidade e como activista do chamado movemento rexionalista,[1] formado por un grupo de intelectuais galegos que, entre os anos 1880 e 1906, e no marco do pensamento romántico, reivindican o recoñecemento da identidade do pobo galego en diversos eidos: no eido político reclamábase o autogoberno; no aspecto literario, a recuperación e revalorización das producións da literatura popular; en canto ao xornalismo, demándase unha prensa comprometida coa defensa da lingua e a cultura galega.[2] Foi fundador da Asociación Regionalista Gallega[3] e máis tarde da Liga Rexionalista, da que foi presidente.

Iniciouse como xornalista en El Diario de Santiago (1875) e fundou con Ramón Faginas El Clamor de Galicia. Cando se unificou con El Noroeste en 1880 baixo o título El Clamor del País, foi o seu director até 1887. Xunto con Ramón Faginas e o seu irmán, Xoán Golpe -un dos impulsores do movemento agrario Solidaridad Gallega-, fundou en 1894 o periódico rexionalista Unión Gallega, do que tamén foi director. Tamén colaborou en La Ilustración Cantábrica, La Ilustración Católica, Revista de Galicia, El Domingo, La Semana, Galicia Diplomática, El Duende, Galicia Humorística, La Pequeña Patria, La Patria Gallega e Galicia.

Artigo do autor na Revista Gallega n.º 27 (16.07.1899).

No eido cultural, foi membro do faladoiro coruñés da Cova Céltica, na librería de Carré, cuxo órgano de difusión foi a Revista Gallega, dirixida por Galo Salinas. Trátase dun grupo de intelectuais, entre os que se atopaban Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Manuel Lugrís Freire ou Xosé Baldomir, todos eles rexionalistas, que se reunían para reflexionar sobre a situación de Galicia.

Ao igual có resto dos integrantes deste faladoiro, Salvador Golpe foi fundador e académico numerario da Real Academia Galega dende que foi creada, o 4 de setembro de 1905, ademais de secretario da mesma dende decembro de 1906, cargos ambos que desempeñou ata o seu falecemento. Asemade foi socio fundador, membro activo e secretario da Sociedad para el Folck-lore Gallego,[4] presidida por Doña Emilia Pardo Bazán, que se ocupaba de

recoger y conservar esas tradiciones que se pierden, esas costumbres que se olvidan, esos vestigios de, quizás, remotas edades, que corren peligro de desaparecer. P. Gumersindo Placer López,prólogo a Refranero Gallego (publ. en El Obrero de Nazareth, mayo 1929 - enero 1930).

Obra en prosa

[editar | editar a fonte]
  • De La Coruña a la cárcel pasando por Galicia (A Coruña, 1894), relata a loita por defender a permanencia da Capitanía de Galicia na Coruña, ante a intención do goberno de trasladala a León, o que os rexionalistas entenderon como unha afronta por parte do nacionalismo central.
  • Patria y Región (A Coruña, 1897), é unha defensa da ideoloxía rexionalista baseada no concepto de que a idiosincrasia dun pobo é, en último termo, unha cuestión xenética, e que a orixe común xunto co clima e a xeografía dan lugar ao carácter e o idioma característicos dun pobo, elementos diferenciadores nos que se sustenta a súa identidade.
  • Regionalismo y Lenguaje é o discurso que leu nos Xogos Florais de Betanzos o 29 de setembro de 1901,[5] que foi publicado pola Escola Tipográfica da Casa de Misericordia de Coruña en 1902. Xunto cunha defensa do pensamento rexionalista na que destaca a importancia do clima e o medio físico na formación do carácter e a lingua dun pobo, fai unha breve historia dos Xogos Florais onde afirma que nacen co rexurdir do rexionalismo para promover o uso das linguas propias.
  • Refraneiro agrícola-meteorolóxico (1906). Esta escolma é froito do interese dos rexionalistas pola cultura popular galega. Foi publicada baixo o pseudónimo de Pedro de Merille, primeiro en folletín, no semanario La Defensa de Betanzos, ao longo de 1906, e posteriormente faríase edición á parte. En 1994 reeditouna a Asociación cultural Eira Vella de Betanzos.
  • Lámbrica (A Coruña, 1907), foi a súa derradeira publicación, un ensaio que trata de demostrar que este antigo enclave se situaba nas proximidades do río Lambre.

Obra poética

[editar | editar a fonte]

Aínda que escribiu numerosas composicións, non publicou ningún libro de poesía, quizais por considerar prioritaria a súa dedicación ás actividades políticas.

Entre os seus poemas, que se publicaron soltos en revistas e xornais galegos e españois, a maior parte viran en torno a temas e motivos característicos do Rexionalismo, como a paisaxe galega, que se consideraba un elemento sustentador da identidade do pobo, ou a nostalxia de Galicia (morriña ou saudade).

Exemplo desta temática son dous poemas, Adios a Galicia e Meus Amores (ou Dous Amores),[6] que foron musicados respectivamente por Xoán Montes e Xosé Baldomir. Lograron unha gran popularidade no seu tempo e hoxe en día forman parte do folclore musical galego. Adios a Galicia, co título de As lixeiras anduriñas, é un dos temas que o grupo de música tradicional Fía na Roca incluíu no ano 2001 no seu disco Contravento.

Ademais destas composicións de loanza á súa terra, compuxo algúns poemas de tipo relixioso, nos que se amosa como fervente católico, e outros adicados a personaxes da sociedade coruñesa do seu tempo, como Amores en el cielo, a Emilia Pardo Bazán, ou Receta de sopa montañesa, incluído no libro La cocina práctica, de Manuel Mº Puga e Parga, a quen está dedicado. Tamén en verso escribiu o seu propio epitafio:

De los seres que amé no me he olvidado;

dales, Señor, la paz, y a mí consuelo,
y cuando tenga que dejar el suelo
en donde he sido tan desventurado

reúnenos a todos en el cielo.
  1. Segundo Xosé Ramón Barreiro, o Rexionalismo en Galicia reivindica o dereito a «gozar dunha vida autonómica, pero coordinada a un fin nacional común» (Barreiro Fernández, X. R., en Galicia Historia, tomo VII, Historia Contemporánea Política, s.XIX, Hércules Ediciones, A Coruña, 1993)
  2. O propio Salvador Golpe, no seu discurso Regionalismo y Lenguaje (1902), lido nos Xogos Florais de Betanzos de 1901, cita como fontes das súas ideas rexionalistas a Montesquieu, Taine, Varela Montes e Víctor Duruy, segundo refire Beatriz García Turnes en O papel da lingua na construción da identidade galega durante a época rexionalista (1875 - 1916) Actas do I Simposio Internacional sobre o Bilingüismo, Santiago de Compostela, diciembre 2003. A autora suxire, ademais, unha posible influencia herderiana.
  3. Segundo Darío Villanueva, no Rexionalismo pódene distinguir dúas tendencias; os católicos-moderados-carlistas, en Santiago de Compostela, e o liberais-republicanos-progresistas, na Coruña, que confluíron na primeira organización política galega independente, a Asociación Regionalista Gallega, cuxo órgano de expresión foi o xornal La Patria Gallega. Villanueva, D. (coord) Literatura de Galicia, tomo XXI Séculos Escuros. Século XIX Hércules de Ediciones.
  4. El 1. º de febrero de 1884, se constituía en La Coruña la Asociación del Folk-Lore Gallego, en esta forma:

    Presidente: doña Emilia Pardo Bazán.
    Vice: D. Ramón Pérez Costales.
    Secretario: D. Salvador Golpe.
    Vice: D. Ramón Segade.
    Contador: D. Narciso Pérez Reoyo.
    Tesorero: D. Antonio de la Iglesia.
    Vocales: D. José Pérez Ballesteros, D. Cándido Salinas, D. Francisco María de la Iglesia, D. Víctor López Seoane.

    Bibliotecario: D. Juan de la Osa.
    P. Gumersindo Placer López, prólogo a Refranero Gallego (publ. en la revista ferrolana El Obrero de Nazareth, mayo 1929 - enero 1930.
  5. Nos III Xogos Florales de Betanzos, en 1901, figuraban Manuel Murguía como presidente, Francisco Tettamanci como secretario, e como vocales Andrés Martínez Salazar e Salvador Golpe.
  6. Tamén hai un texto galego de autor culto pero que, musicado e cantado, fai moito que o pobo cántao e transmite, alleo ao feito de que se trata dun texto dun poeta letrado. Refírome ao poema -Dous amores-, do rexionalista Salvador Golpe (1850-1909), excelentemente musicado por Xosé Baldomir. No opúsculo, figura, entre composicións folclóricas, sen mención de autor (nin o literario nin o musical). Carente, pois, desa mención, funciona como unha canción anónima máis. O texto do poema de Salvador Golpe, tal como figura neste opúsculo de 1937, é:

    Dous amores a vida/
    gardar me fan/
    a Patria e o que adouro/
    no meu fogar./
    A familia e a terra/
    dond’eu nacín/
    sin eses dous amores/
    non sei vivir./
    Cando da miña Patria/
    non vexa o sol,/
    cando xa no meu peito/
    non sinta amor./
    Ven morte, ven axiña/
    cabo de min/
    que sin amor nin patria/
    non sei vivir.

    Xesús Alonso Montero, Cuando la inocente copla popular se politiza: de la derecha a la izquierda

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]