Saltar ao contido

Salgueiro bravo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Salgueiro bravo

Flores de salgueiro e abella
Estado de conservación
Non está ameazada

Clasificación científica
Reino: Plantae
Filo: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Malpighiales
Familia: Salicaceae
Xénero: Salix
Especie: S. atrocinerea
Nome binomial
'Salix atrocinerea'

O salgueiro bravo, salgueiro negro ou salgueiro zao[1] (Salix atrocinerea), é unha arboriña ou arbusto do xénero Salix (salgueiros), da familia das salicáceas moi común nos terreos húmidos e solos pobres de toda Galicia.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Arbusto ou arboriña de até 12 metros, coas pólas dereitas e alongadas; as máis novas, pilosas; as de máis dun ano, con tendencia a ficar sen pelo e lustrosas; casca de cor acastañada cincenta ou castaña escura, e madeira –ao se desprender a casca- con costelas lonxitudinais saíntes. As follas son enteiras ou con dentes grosos e pouco marcados, rugosas, cos nervios prominentes, de xeito ovado ou lanceolado, porén algo máis anchas na parte apical; ao nacer son aveludadas e moi pilosas polas dúas bandas, pero pola face superior tenden a perder o pelo tornando a cor verde escura; a parte inferior de cor cincenta, a miúdo con pelos ferruxinosos. Os pecíolos son duns 5 – 15 mm, canaliculados pola parte superior. As flores dispóñense en candeas moi peludas que nacen antes que as follas; os masculinos son ovados ou ovadoblongos, case sentados, con brácteas foliáceas na base; as brácteas do amento son de base pálida e terminación castaña escura, moi pilosas, cada unha con dous longos estames na súa axila e un nectario alongado; os amentos femininos son cilíndricos, con brácteas semellantes, cada unha cun nectario e mais un pistilo ovado-cónico densamente piloso e con pedicelo claramente máis longo que o nectario, rematado nun estilo curto con 4 lóbulos estigmáticos. O froito é unha cápsula tomentosa que se abre en dúas valvas, con sementes cubertas de pelos abrancazados.

Coma todas es especies do xénero Salix, é moi propenso ao hibridismo con outros salgueiros, polo que o seu recoñecemento pode ser complexo.

Híbridos

[editar | editar a fonte]
  • Salix × expectata híbrido entre Salix atrocinerea e Salix cantabrica
  • Salix × quercifolia, híbrido entre Salix atrocinerea e Salix caprea
  • Salix × guinieri, híbrido entre Salix atrocinerea e Salix cinerea
  • Salix × mairei, híbrido entre Salix atrocinerea e Salix pedicellata
  • Salix × altobracensis, híbrido entre Salix atrocinerea e Salix bicolor
  • Salix × viciosorum, híbrido entre Salix atrocinerea e Salix purpurea
  • Salix × secalliana , híbrido entre Salix atrocinerea e Salix salviifolia
  • Salix × multidentata , híbrido entre Salix atrocierea e Salix trianda
  • Salix × stipularis híbrido entre Salix atrocinerea e Salix viminalis

Fenoloxía

[editar | editar a fonte]

Florece dende o mes de xaneiro até marzo ou abril, segundo a localidade, sendo a diseminación das sementes anemócora, é dicir, grazas ao vento, e se produce de marzo a abril.

Mora en terreos frescos, con preferencia polos pobres en bases, en ribeiras areentas ou con grixos de ríos, regueiros e lagoas, en prados e en sebes con certa humidade edáfica; áchase dende o nivel do mar deica os 2.000 m de altitude, até o piso subalpino. En Galicia é unha das especies principais das ribeiras, bouzas e brañas. Coloniza rapidamente os solos pobre, coma os noiros das autoestradas, especialmente na zona sur de Galicia, substituíndoo no norte o bidueiro.

Distribución

[editar | editar a fonte]

A súa distribución europea é especialmente atlántica e acada no norte as Illas Británicas. Moi frecuente en Galicia, de feito, das oito especies de salgueiros, é o bravo a máis común. Atópase en toda a Península Ibérica.

En África, atópase en Marrocos e en Tunisia.

En Oceanía foi introducida e naturalizada en Nova Zelandia, considerándose especia invasiva.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

O nome galego vén do xenérico latino Salix que provén do celta sal (achegado) e lis (auga), indicativo dos lugares onde podemos atopalo. O nome da especie, atrocinerea, provén do adxectivo latino cinereus (cincento) co prefixo atro (escuro), en referencia ao veludo cincento algo sucio que cobre as follas e pólas novas.

Ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Coñécense fósiles de Salix dende o Terciario, e en concreto do salgueiro bravo, dende hai un millón de anos. Esta continuidade no tempo, deu lugar a que ao seu carón coevoluíran multitude de insectos (máis de 200) que precisan da súa presenza para existir,sendo, despois do carballo e xunto co bidueiro, a árbore coa maior cantidade de especies dependentes, entre elas, algunhas tan fermosas e pouco abondosas como a bolboreta Nymphalis antiopa.

Os ingleses levaron, entre outras especies, o salgueiro a Nova Zelandia. A frugalidade desta especie causou un serio problema ecolóxico nas illas, ocupando todas as zonas húmidas e desprazando as especies autóctonas.

No eido forestal usouse dende a antigüidade para fixar noiros e ribeiras. É unha das especies necesarias para a restauración de ríos, pola versatilidade e a pouca esixencia en canto a solos. É moi útil para frear as riadas.

Empregaban os poceiros unha póla nova de salgueiro suxeita coas dúas mans para atopar auga.

Mentres que outras especies do xénero, como o vimieiro, empréganse acotío en cestaría, o salgueiro ten unha madeira moi nodosa e difícil de traballar, relegándose o seu uso para atar feixes.

Etnobotánica

[editar | editar a fonte]

As propiedades medicinais e terapéuticas do salgueiro foran xa descubertas por Hipócrates (século IV a.C.) para tratar as febres e as dores de cabeza, e que fixo que un dos primeiros traballos científicos sobre as propiedades medicinais dunha árbore, fora realizado en 1763 sobre a casca do salgueiro.

Así, a casca emprégase coma febrífugo, para tratar o reumatismo, a artrite, estados inflamatorios de estados autoinmunitarios, a gota, a disentería, a diarrea, as neuralxias e as dores de cabeza. As follas úsanse tamén coma febrífugo, e serven para tratar cólicos. Con todo, esta especie, a diferenza dos S. Pentandra e S. Praecox, non posúe na casca salicina.

Etnoloxía

[editar | editar a fonte]

O mesmo que ocorre con outras árbores coma o carballo, ao salgueiro bravo e a outras especies do xénero Salix atribuíronselle dende a antigüidade moitas virtudes máxicas e feiticeiras. Proba disto é que a palabra inglesa witch (bruxa, meiga) deriva do nome inglés que designa xenericamente aos salgueiros: willow. Era so os salgueiros onde as meigas levaban a cabo os seus feitizos. En Asturias utilizábanse pólas de salgueiro para romper feitizos e quitar do corpo diferentes males e doenzas.

Nomes comúns

[editar | editar a fonte]
  • Galego: salgueiro, salgueiro bravo, salgueiro común, salgueiro negro, salgueiro zao, salgueira, salgueiro cincento, zao.

O lugar poboado con salgueiros chámase: salceda ou salgueira.

  1. Nomes vulgares galegos en Guía das árbores de Galicia A Coruña, Baía Edicións, 1997; Termos esenciais de botánica Universidade de Santiago de Compostela, 2004 e VV. AA. (2012) Vocabulario forestal Universidade de Santiago de Compostela / Deputación de Lugo

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]