SPAL
SPAL | ||||
---|---|---|---|---|
Nome | Società Polisportiva Ars et Labor | |||
Alcume(s) | Gli Spallini I Biancazzurri Gli Estensi | |||
Fundación | 1907 | |||
Estadio | Paolo Mazza Ferrara, Italia | |||
Inauguración | 1928 | |||
Capacidade | 16.134 | |||
Presidente | Joe Tacopina | |||
Adestrador | Roberto Venturato | |||
Liga | Serie B | |||
2021/22 | 15º | |||
Na rede | ||||
https://www.spalferrara.it/ | ||||
| ||||
A Società Polisportiva Ars et Labor, máis coñecida como SPAL, é un club de fútbol italiano con sede en Ferrara. Milita na Serie B, a segunda categoría do fútbol italiano. Fundado en 1907, dende 1928 disputa os seus partidos como local no estadio Paolo Mazza, que leva o nome de Paolo Mazza (presidente do club entre 1946 e 1977). En total, o SPAL participou en 24 tempadas da Serie A e en 27 da Serie B. O mellor resultado histórico do club foi o quinto posto na Serie A 1959/60. Ao ano seguinte acadou a final da Copa Italia.
Historia
[editar | editar a fonte]Desde a fundación ata a segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]O club foi fundado en Ferrara en marzo de 1907 como Circolo Ars et Labor polo sacerdote salesiano Pietro Acerbis. Nos seus inicios era principalmente unha asociación cultural e relixiosa, ata que en 1913 converteuse nun club polideportivo, tomando o nome de Società Polisportiva Ars et Labor (SPAL). O equipo comezou a súa actividade profesional baixo o auspicio da Federación Italiana de Fútbol en 1919, competindo no torneo de segunda categoría.
Militou na máxima categoría de 1920 a 1925, chegando ao playoff de clasificación para as finais nacionais na tempada 1921/22. Desde 1925 ata a segunda guerra mundial, militou na Serie B e na Serie C. Durante este período destacaba no club Mario Romani, máximo dianteiro histórico do club con 130 goles en 189 partidos. Entre 1939 e 1943 o club cambiou temporalmente o seu nome a AC Ferrara, vestindo as cores branco e negro da cidade. Trala suspensión dos campionatos por mor da guerra, en 1945 o club volveu ao nome de SPAL e aos equipamentos celeste e branquiazuis.
O período dourado na Serie A
[editar | editar a fonte]En 1946 Paolo Mazza converteuse no presidente do club. Despois de cinco tempadas consecutivas na Serie B, o SPAL gañou o ascenso á Serie A despois de rematar primeiro na tempada 1950/51. O equipo branquiazul mantívose na máxima división durante a maior parte das décadas de 1950 e 1960, disputando 16 das 17 tempadas da Serie A de 1951 a 1968.
Na campaña 1959/60 conseguiu o mellor resultado en liga da súa historia, acabando quinto. Dous anos despois, na tempada 1961/62 acadou a final da Copa Italia, que acabou perdendo diante do Napoli. Durante esa época saíron da canteira do club futbolistas que logo conseguiron éxito noutros clubs como Fabio Capello.
Na tempada 1963/64 o SPAL caeu á Serie B, pero só un ano despois regresou á máxima categoría, na que se mantivo ata 1968. Ese mesmo ano proclamouse campión da Copa da Amizade Italo-Suíza.
Dende os anos 70 ata o século XXI
[editar | editar a fonte]Durante as décadas de 1970, 1980 e 1990 o SPAL xogou principalmente na Serie B e na Serie C/C1. Paolo Mazza deixou a presidencia en decembro de 1976 e foi substituído por Primo Mazzanti. O antigo presidente morreu en decembro de 1981 e tres meses despois o Stadio Comunale de Ferrara foi rebautizado co seu nome.
A partir de 1990, con Giovanni Donigaglia como presidente e Giovan Battista Fabbri como adestrador, o club logrou ascensos consecutivos dende a Serie C2 á Serie B.
Últimos anos
[editar | editar a fonte]O club quebrou en 2005,[1] e foi refundado como SPAL 1907 Srl.[2] No verán de 2012, tras sufrir unha segunda quebra, o club foi refundado por segunda vez como Società Sportiva Dilettantistica Real SPAL e comezou a súa nova vida na Serie D.[3][4]
Ao final da tempada 2012-13 o club retomou o seu nome orixinal. En xullo de 2013, o club acordou unha fusión co Giacomense, dando lugar ao SPAL 2013. Na 2015/16, o equipo conseguiu o ascenso á Serie B por primeira vez desde a tempada 1992/93, tras quedar primeiro no grupo B da Lega Pro. Ao ano seguinte proclamouse campión da Serie B, logrando así o ascenso á Serie A tras 49 anos de ausencia.[5] O equipo mantívose na máxima categoría ata 2020, cando caeu de novo á Serie B. Na seguinte campaña acadou os cuartos de final da Copa Italia.
Cores e símbolos
[editar | editar a fonte]As cores do equipo son o azul claro e o branco, que derivan do emblema dos salesianos. O equipamento como local, dende 1962, consiste nunha camiseta de raias verticais brancas e azuis, e pantalóns e medias brancas.
O escudo actual é de forma ovalada, con fondo azul claro e cunha banda branca na parte superior, na que está escrito o acrónimo SPAL en caracteres dourados. Na parte inferior aparece o emblema branco e negro da cidade. Desde 1980 e ata mediados da década de 1990, o escudo oficial contiña tamén un cervo, outro dos símbolos do club.
Estadio
[editar | editar a fonte]O SPAL xoga os seus partidos como local no estadio Paolo Mazza, con capacidade para 16.134 espectadores. Foi inaugurado en setembro de 1928 co nome de Stadio Comunale, e recibiu o seu nome actual en febreiro de 1982, en homenaxe ao expresidente do club Paolo Mazza, falecido dous meses antes. Anteriormente o club xogaba no Campo di Piazza d'Armi.
Xogadores
[editar | editar a fonte]Capitáns
[editar | editar a fonte]
|
|
|
Presidentes
[editar | editar a fonte]
|
|
Adestradores
[editar | editar a fonte]
|
|
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Serie B (2): 1950/51, 2016/17.
- Serie C (5): 1937/38, 1972/73, 1977/78, 1991/92, 2015/16.
- Serie C2 (1): 1997/98.
- Copa Italia Serie C (1): 1998/99.
- Supercopa de Serie C (1): 2016.
- Copa da Amizade Italo-Suíza (1): 1968.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Who are SPAL? The incredible rise of Serie A’s new boys as club prepare for first top-flight fixture since 1968" (en inglés). 18 de agosto de 2017. Consultado o 29 de setembro de 2022.
- ↑ "COMUNICATO UFFICIALE N. 66/A" (PDF). Federación Italiana de Fútbol (en italiano). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 4 de marzo de 2016. Consultado o 29 de setembro de 2022.
- ↑ "La Ficg oggi iscrive la Real Spal in serie D" (en italiano). 8 de agosto de 2012. Consultado o 29 de setembro de 2022.
- ↑ "Real Spal al primo giorno di 'scuola': "Tornerà ai livelli che le competono"" (en italiano). 3 de agosto de 2012. Consultado o 29 de setembro de 2022.
- ↑ "Spal da leggenda, è campione della serie B" (en italiano). 19 de maio de 2017. Consultado o 29 de setembro de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Sitio web oficial (en italiano).