Saltar ao contido

Ryan Babel

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRyan Babel

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(nl) Ryan Guno Babel Editar o valor en Wikidata
19 de decembro de 1986 Editar o valor en Wikidata (37 anos)
Ámsterdam, Países Baixos Editar o valor en Wikidata
Altura185 cm Editar o valor en Wikidata
Peso85 kg Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade2003 Editar o valor en Wikidata -
Nacionalidade deportivaPaíses Baixos Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
LigaFußball-Bundesliga e Premier League Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoExtremo esquerdo Editar o valor en Wikidata
Número deportivo49 Editar o valor en Wikidata
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
2002–2003   Países Baixos sub-17 6(3)
2003–2004   Países Baixos sub-19 6(2)
2004–2007 AFC Ajax 111(24)
2007–2011 Liverpool F.C. 147(22)
2011–2012 TSG 1899 Hoffenheim 51(6)
2012–2013 AFC Ajax 22(5)
2013–2015 Kasımpaşa Spor Kulübü 59(14)
2015–2015 Al Ain Football Club 8(1)
2015–2015   Deportivo da Coruña 12(5)
2016–2019 Beşiktaş JK 89(29)
2019–2019 Fulham F.C. 16(5)
2019–2022 Galatasaray Spor Kulübü 100(17)
2022–2023 Eyüpspor 29(5)
  Selección nacional Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
2005–2007   Países Baixos sub-21 5(2)
2005–2011   Países Baixos 43(5)
Participou en
2010Mundial de Fútbol Suráfrica 2010
2008Xogos Olímpicos de 2008
2006Mundial de Fútbol Alemaña 2006 Editar o valor en Wikidata

Sitio webryanbabel.nl Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm2295576 Twitter: RyanBabel FIFA: 216733 UEFA: 68721 Editar o valor en Wikidata

Ryan Guno Babel, nado en Ámsterdam o 19 de decembro de 1986, é un exutbolista neerlandés, que xogaba de extremo. Comezou a destacar moi novo nas filas do Ajax, o que o levou rapidamente á internacionalidade, converténdose no cuarto futbolista de menos idade en marcar un gol coa selección dos Países Baixos. Despois de tres anos co primeiro equipo do Ajax foi traspasado ao Liverpool inglés, onde xogou catro tempadas sen conseguir asentarse. Nos seguintes anos pasou por clubs de ata seis países diferentes, entre eles o Hoffenheim, o Deportivo da Coruña ou o Fulham. Xogou en catro clubs turcos, gañando títulos co Beşiktaş e o Galatasaray, e tivo dous pasos máis polo Ajax, co que gañou unha segunda Eredivisie.

Internacional en categorías inferiores e campión de Europa sub-21, disputou 69 partidos coa selección absoluta, sendo convocado para as Copas do Mundo de 2006 e 2010. Na segunda delas proclamouse subcampión do mundo, aínda que non xogou ningún minuto durante o torneo.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu en Ámsterdam o 19 de decembro de 1986 nunha familia de ascendencia surinamesa ligada ao deporte. Seu pai Guno era adestrador de baloncesto e súa nai Asta fora atleta, ao igual que súa irmá Janice.[1] Criouse no conflitivo barrio de Bijlmermeer e en 1992 a súa casa salvouse por pouco do impacto do voo 1862 de El Al, que se estrelou no seguinte bloque de edificios matando a 43 persoas en terra.[1]

Comezou a xogar ao fútbol no SV Diemen e no ASV Fortius, admirando a futbolistas neerlandeses de orixe surinamés como Ruud Gullit, Frank Rijkaard, Clarence Seedorf, Patrick Kluivert ou Edgar Davids.[2] Realizou tres probas para entrar no Ajax, sendo rexeitado as tres veces, pero cando tiña 11 anos foi o Ajax quen o foi buscar para lle ofrecer un posto na súa canteira.[1]

Pasou sete anos nas categorías inferiores do club, ata que en 2004, con 17 anos, debutou co primeiro equipo na Eredivisie da man do adestrador Ronald Koeman, xogando como dianteiro titular nunha vitoria por 4-0 sobre o ADO Den Haag no Johan Cruyff Arena e dándolle a asistencia a Nicolae Mitea para o cuarto gol.[3] O Ajax acabou conquistando o título de liga, pero Babel non xogou máis partidos esa tempada.

Subiu definitivamente ao primeiro equipo na tempada 2004/05, na que disputou un total de 27 encontros entre liga, Copa dos Países Baixos, Liga de Campións e Copa da UEFA, sumando 9 goles. Comezou a seguinte campaña marcando o gol da vitoria contra o PSV na Supercopa dos Países Baixos e anotou tanto na ida como na volta da eliminatoria ante o Brøndby que clasificou ao Ajax para a fase de grupos da Liga de Campións. En maio de 2006 disputou a final da Copa contra o PSV, saltando ao terreo de xogo tralo descanso como substituto de Markus Rosenberg.[4]

Iniciou a campaña 2006/07 cun novo título da Supercopa, de novo sobre o PSV. No mercado invernal a prensa vencellouno a un posible traspaso ao Arsenal ou ao Newcastle, pero o xogador continuou no club neerlandés, co que ampliou o seu contrato tres anos máis.[5][6][3] En maio de 2007 gañou o seu segundo título de copa consecutivo, sendo esta vez titular ante o AZ Alkmaar, ao que o Ajax derrotou na quenda de penaltis.[7]

Liverpool

[editar | editar a fonte]
Ryan Babel co equipamento do Liverpool nos momentos previos a un partido de homenaxe a Jamie Carragher en 2010.

En xullo de 2007 foi traspasado ao Liverpool inglés, que pagou por el uns 17 millóns de euros.[8] Debutou na Premier League nun partido contra o Aston Villa en Villa Park, substituíndo na segunda metade a Jermaine Pennant,[9] e o 1 de setembro conseguiu o seu primeiro gol cos reds, nunha goleada por 6-0 sobre o Derby County.[10] Marcou catro goles en liga esa tempada, pero os seus mellores números conseguiunos na Liga de Campións. Na primeira fase anotou dous goles nun partido contra o Beşiktaş e marcou tamén contra o Olympique de Marsella. Xa na fase eliminatoria conseguiu ver porta nos cuartos de final contra o Arsenal e nas semifinais contra o Chelsea, aínda que o seu equipo caeu eliminado contra os blues na prórroga.[11] Pechou a súa primeira campaña en Liverpool cun total de 49 partidos, 10 goles e 7 asistencias.

No seu segundo partido da tempada 2008/09 saíu nos minutos finais desde o banco de suplentes e marcou o gol da vitoria sobre o Manchester United, tras recoller un pase da morte do seu compatriota Dirk Kuyt e bater ao tamén neerlandés Edwin van der Sar, dándolle así ao Liverpool o seu primeiro triunfo sobre o conxunto de Manchester en máis de catro anos.[12]

Na tempada 2009/10 marcou por primeira e única vez na súa carreira dous goles nun mesmo partido da Premier, nun partido ante o Hull City no que saltou ao terreo de xogo no minuto 68 no lugar de Fernando Torres.[13] Esa mesma campaña marcou un espectacular gol ante o Olympique de Lión na Liga de Campións, cun potente disparo dende fóra da área que superou ao gardameta francés Hugo Lloris.[14]

Nos seus tres anos e medio no Liverpool disputou un total de 146 partidos (a maioría deles saíndo dende o banco de suplentes), marcou 22 goles e repartiu 18 asistencias aos seus compañeiros. En xaneiro de 2011 anunciouse o seu traspaso ao 1899 Hoffenheim por uns sete millóns de euros.[15]

Hoffenheim

[editar | editar a fonte]

Debutou co Hoffenheim nun partido da Copa de Alemaña ante o Energie Cottbus e tres días despois xogou o seu primeiro encontro na Bundesliga contra o Schalke 04. Titular indiscutible no equipo alemán durante o seguinte ano e medio, disputou un total de 51 partidos oficiais, nos que marcou seis goles. Con todo, en agosto de 2012 desvencellouse do club.[16]

Tras saír de Alemaña regresou ao Ajax, co que asinou por un ano e onde recuperou o dorsal número 49 co que debutara anos atrás. Unha pequena lesión impediulle disputar máis de 16 partidos na Eredivisie, pero contribuíu con catro goles a un novo título de liga. Xogou ademais catro partidos da Liga de Campións e dous máis na Copa dos Países Baixos, marcando un gol contra o Utrecht na segunda rolda.[17]

Kasımpaşa

[editar | editar a fonte]
Babel xogando co Kasımpaşa en 2014.

Ao remate do seu contrato puxo rumbo a Turquía, fichando polo Kasımpaşa adestrado polo antigo xogador do Ajax Shota Arveladze e ao que se uniu tamén o defensa de Ámsterdam Ryan Donk.[18] No club turco disputou un total de 59 encontros ao longo de dúas campañas, todos agás dous como titular, e marcou 14 goles.

En xullo de 2015 cambiou de novo de país e asinou co Al Ain, vixente campión da liga dos Emiratos Árabes Unidos, onde ocupou o oco deixado polo eslovaco Miroslav Stoch. Xogou oito encontros co club árabe, ata que en decembro se produciu un conflito entre o Al Ain e o xogador relacionado con problemas de disciplina coa xerarquía do club a través do uso das redes sociais por parte do xogador. O club castigouno entón enviándoo a adestrar co filial.[19]

Deportivo da Coruña

[editar | editar a fonte]

O 15 de setembro de 2016 firmou un contrato de tres meses co Deportivo da Coruña para suplir a baixa por lesión de Joselu.[20] Converteuse así no segundo neerlandés nos 110 anos de historia do club, tras Roy Makaay. Debutou na xornada 5, da man do adestrador Gaizka Garitano, nunha derrota en Riazor fronte ao Leganés (1-2), e a pesar de que chegou en mal estado de forma física, axiña se volveu un xogador importante para o equipo.[21][22] Logrou o seu primeiro gol no seu terceiro partido, dándolle a vitoria ao Deportivo fronte ao Sporting de Gijón en Riazor (2-1), e viu porta en catro dos seus últimos cinco partidos, contribuíndo a sacar o equipo da zona de descenso.[21] Con todo, en decembro anunciou que por causa familiares non renovaría o seu contrato.[22]

Beşiktaş

[editar | editar a fonte]

En xaneiro de 2017 anunciouse o seu regreso a Turquía como novo xogador do Beşiktaş, co que asinou por dous anos e medio. A pesar de chegar coa tempada mediada, foi unha importante peza do equipo adestrado polo histórico Şenol Güneş. Xogou 24 partidos, todos como titular, e marcou 8 goles, contribuíndo ao 15º título de liga da historia do club.[23] Na tempada 2017/18 conseguiu a mellor cifra anotadora da súa carreira con 13 goles na Süper Lig, aos que sumou dous na Liga de Campións, ante o Porto e o RB Leipzig.

Ryan Babel co Beşiktaş en 2018.

O 15 de xaneiro de 2019 volveu á Premier League, fichando polo Fulham ata o final da campaña 2018/19.[24] Ás ordes de Claudio Ranieri primeiro e Scott Parker despois, disputou 16 encontros, aportando cinco goles e catro asistencias, pero non puido evitar o descenso do equipo ao Championship. O seu gol ao Cardiff City dende fóra da área foi elixido como o mellor gol do Fulham na tempada.[25]

Galatasaray

[editar | editar a fonte]

En xuño regresou a Turquía, asinando por tres anos co Galatasaray. O seu primeiro partido co club de Istambul supuxo tamén a conquista do seu último título. Foi na Supercopa de Turquía, na que o seu equipo derrotou ao Akhisarspor cun solitario gol de Younès Belhanda.[26] Disputou 20 encontros ás ordes de Fatih Terim e marcou cinco goles, ata que en xaneiro de 2020 se anunciou que saía cedido ao Ajax.[27]

Cesión ao Ajax

[editar | editar a fonte]

Xogou nove partidos co Ajax esa tempada, todos como titular, pero a súa terceira etapa no club da súa cidade rematou antes de tempo, ao sufrir en febreiro unha lesión no papo da perna que o deixou no dique seco ata o final das competicións. O seu balance total co Ajax nas súas tres etapas foi de 142 partidos oficiais e 30 goles.

Regreso ao Galatasaray

[editar | editar a fonte]

De regreso en Turquía volveu ser unha peza importante no ataque do conxunto de Terim, marcando oito goles a pesar de non xogar tan asiduamente como na campaña anterior. Xogou no club de Istambul ata a fin do seu contrato en xullo de 2022, acadando os 100 partidos e 17 goles.

Eyüpspor

[editar | editar a fonte]

A continuación fichou polo Eyüpspor, o cuarto e último club turco da súa carreira.[28] Xogou un ano co club do distrito de Eyüpsultan de Istambul na TFF 1. Lig, segunda categoría do país, disputando 29 partidos nos que conseguiu cinco goles, ata que o seu contrato foi rescindido en outubro de 2023.[29] Despois de máis dun ano sen equipo, en novembro de 2024 anunciou a súa retirada, aos 37 anos de idade.[30]

Selección nacional

[editar | editar a fonte]

Internacional coas categorías inferiores da selección neerlandesa, disputou o Campionato do Mundo Xuvenil de 2005 que se celebrou no seu propio país. Marcou dous goles durante o torneo, caendo eliminado xunto ao seu equipo nos cuartos de final ante Nixeria.[31]

Ryan Babel en 2007, nun dos seus primeiros partidos coa selección neerlandesa.

O 26 de marzo de 2005 debutou coa selección absoluta fronte a Romanía no estadio Giulești-Valentin Stănescu de Bucarest, nun partido correspondente á clasificación para o Mundial de 2006. Saltou ao terreo de xogo como substituto de Arjen Robben e marcou o segundo e último gol do encontro (2-0), converténdose no cuarto futbolista máis novo en marcar coa selección dos Países Baixos e no máis novo dende Piet de Boer en 1937.[32]

En 2006 e a pesar da súa xuventude, foi incluído na lista de 23 xogadores de Marco van Basten para o Mundial de 2006 en Alemaña, sendo o máis novo do equipo. Con todo, unha lesión de xeonllo impediulle disputar máis que un encontro ante a Arxentina no terceiro partido da primeira fase, con ambos equipos xa clasificados. Saltou á herba do Waldstadion de Frankfurt no minuto 56 substituíndo a Van Nistelrooy e o encontro rematou sen goles.[33]

Tralo Mundial volveu á selección sub-21, coa que participou na Eurocopa sub-21. Marcou un gol na primeira fase ante Portugal e outro na final contra Serbia, na que o seu equipo conquistou o título cunha vitoria por 4-1.[34] Ademais foi elixido mellor xogador da final.[35] En maio de 2008 entrou na lista de seleccionados da absoluta para a Eurocopa de Austria e Suíza, pero uns días despois caeu da convocatoria por lesión, sendo substituído por Khalid Boulahrouz.[36] Recuperouse a tempo para os Xogos Olímpicos de Pequín, onde marcou un gol na primeira fase, antes de caer nos cuartos de final contra a Arxentina de Leo Messi.[37]

O Mundial de 2010 supuxo a súa segunda convocatoria para unha Copa do Mundo. Aínda que o seu equipo acadou a final, onde perdeu contra España, Babel non chegou a xogar ningún minuto durante o torneo, permanecendo no banco en todos os encontros.[38]

Os anos posteriores ao Mundial apenas foi convocado pola selección, xogando só un partido en novembro de 2010 e dous case un ano despois. Con todo, en setembro de 2017, case seis anos despois da súa última convocatoria e sendo xogador do Beşiktaş, volveu ser chamado para o equipo nacional polo técnico Dick Advocaat para os encontros de clasificación para o Mundial de 2018 ante Belarús e Suecia.[39] Aínda que o equipo non conseguiu a clasificación, Babel continuou sendo convocado con asiduidade durante os seguinte anos, participando nas dúas primeiras edicións da Liga das Nacións da UEFA e na fase de clasificación para o Mundial de 2022.

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Ajax
Al Ain
Beşiktaş
Galatasaray
Países Baixos sub-21
  1. 1,0 1,1 1,2 Taylor, Daniel (15 de novembro de 2008). "With a little help from above, Babel aspires to central casting". The Guardian (en inglés). Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  2. "Biography". babelofficial.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de maio de 2010. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  3. 3,0 3,1 "Extension for Ryan Babel" (en inglés). 2 de febreiro de 2007. Arquivado dende o orixinal o 13 de marzo de 2007. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  4. "PSV loopt 'dubbel-dubbel' mis". psv.supporters.nl (en neerlandés). Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  5. "West Ham in for Ljungberg as Arsenal line up Dutch star". The Independent (en inglés). 14 de xullo de 2007. Arquivado dende o orixinal o 14 de xullo de 2007. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  6. Van Leeuwen, Gerrit (18 de xaneiro de 2007). "Babel catching Magpies eye" (en inglés). Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  7. "Ajax prolongeert KNVB beker" (en neerlandés). 6 de maio de 2007. Arquivado dende o orixinal o 4 de febreiro de 2010. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  8. "El Liverpool ficha a Babel por 17 millones". As (en castelán). 12 de xullo de 2007. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  9. "Aston Villa - Liverpool 2007/08". lfchistory.net (en inglés). Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  10. Bevan, Chris (1 de setembro de 2007). "Liverpool 6-0 Derby". BBC (en inglés). Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  11. "Chelsea 3-2 Liverpool (4-3)". BBC (en inglés). 30 de abril de 2008. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  12. "Babel propels Liverpool to win over Manchester United" (en inglés). 13 de setembro de 2008. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  13. "Liverpool 6-1 Hull". espn.com (en inglés). Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  14. "'Súper Hugo' en Lyon". UEFA (en castelán). 5 de novembro de 2009. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  15. "El Celta pregunta por el holandés Babel". Faro de Vigo (en castelán). 14 de agosto de 2012. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  16. "Hoffenheim release Babel" (en inglés). 31 de agosto de 2012. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  17. "Ajax 1-1 Utrecht". espn.com (en castelán). Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  18. "El reencuentro de Donk y Babel". ABC (en inglés). 21 de decembro de 2016. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  19. "Ryan Babel part of Al Ain 'reserve team'" (en inglés). 8 de setembro de 2016. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  20. "El Dépor anuncia la llegada de Ryan Babel". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de setembro de 2016. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  21. 21,0 21,1 "Las huellas de Lucas Pérez y Babel, imborrables para el Deportivo" (en castelán). 20 de febreiro de 2017. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  22. 22,0 22,1 "Babel anuncia su marcha del Dépor". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de decembro de 2016. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  23. "The fall and rise of Ryan Babel - how the former Liverpool man has rescued his career" (en inglés). 27 de marzo de 2018. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  24. "Babel Signs For Fulham" (en inglés). 15 de xaneiro de 2019. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  25. Fulham FC (26 de maio de 2019). RYAN BABEL GOAL OF THE SEASON (YouTube) (en inglés). 
  26. "Belhanda le da la triple corona turca al Galatasaray" (en castelán). 7 de agosto de 2019. Consultado o 14 de novembro de 2024. 
  27. "El Ajax cierra la cesión del exdeportivista Babel". As (en castelán). 9 de xaneiro de 2020. Consultado o 15 de novembro de 2024. 
  28. "Eyüplü. #Babel" (en turco). 22 de xullo de 2022. Consultado o 15 de novembro de 2024. 
  29. "Former Liverpool star Babel RELEASED by Turkish side 7 games into new campaign" (en inglés). 3 de outubro de 2023. Consultado o 15 de novembro de 2024. 
  30. "Ryan Babel anuncia su retirada a los 37 años". DxT Campeón (en castelán). 9 de novembro de 2024. Consultado o 15 de novembro de 2024. 
  31. "World Youth Cup (U-20) 2005 (Netherlands)". rsssf.org (en inglés). Consultado o 15 de novembro de 2024. 
  32. "Players - Ryan Babel". lfchistory.net (en inglés). Consultado o 15 de novembro de 2024. 
  33. "Países Baixos 0-0 Arxentina". FIFA (en inglés). Consultado o 15 de novembro de 2024. 
  34. "Dutch thrash Serbia 4-1 to win Euro under-21 title" (en inglés). 9 de agosto de 2007. Consultado o 15 de novembro de 2024. 
  35. "Babel pays tribute to best vintage". UEFA (en inglés). 25 de xuño de 2007. Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2007. Consultado o 15 de novembro de 2024. 
  36. "Babel could recover in five weeks" (en inglés). 2 de xuño de 2008. Consultado o 15 de novembro de 2024. 
  37. "Arxentina 2-1 Países Baixos". ESPN (en castelán). Consultado o 15 de novembro de 2024. 
  38. "Los 23 de Holanda, uno a uno". As (en castelán). 10 de xullo de 2010. Consultado o 15 de novembro de 2024. 
  39. "Ryan Babel back in Netherlands squad after six-year absence" (en inglés). 5 de novembro de 2019. Consultado o 15 de novembro de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]