Saltar ao contido

Rosquilla

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rosquillas na Romaría do Corpiño, en Lalín.
Rosquillas de masa.
Rosquillas fritidas en Asturias.

Unha rosquilla[1] (diminutivo de rosca) é un doce de pequeno tamaño en forma de rosca pequena elaborado principalmente cunha masa de fariña, ovos e azucre, que se enforna ou frixe en aceite e vai cuberta de azucre derretido.[2] Fanse con distintos tipos de masa, desde unhas masas máis ou menos esponxosas até masas de follado.

Un rosquilleiro ou rosquilleira é a persoa que fai ou vende rosquillas.

As rosquillas en Galicia

[editar | editar a fonte]

A primeira mención das rosquillas nun texto en galego data de 1746, no escrito de Frei Martín Sarmiento Coloquio de 24 gallegos rústicos:

  • ...Era un raparigo vasalo e galego do conde, e que estaba servindo no eido; Dixo que os confites se daban por cestos, e que as rosquilliñas se daban a centos ; os biscoitos largos, brancos e amarelos, se daban por feixes e monllos enteiros; Dos ovos fiados con muitos nobelos andaban por ducias, seus pratos ben cheos; Uns bolos tan grandes como un pan de mesto, que eran de fariña de trigo escolleito, con leite amasados sen ningún formento, con ovos mexidos...[3].

A primeira mención nun dicionario de lingua galega dunha rosquilla dáse en 1865, por Juan Manuel Pintos Villar, no seu Vocabulario gallego-castellano. Eladio Rodríguez describe en 1958 as rosquillas galegas, coma masa doce e delicada, que se forma en figura de roscas pequenas. Son famosas e teñen grande aceptación as rosquillas de Ribadavia, o mesmo as duras de améndoa envoltas en azucre solidificado, ca as brandas de fariña triga e ovo batido, que se recobren cunha masa de azucre.[4]

As rosquillas son uns dos doces máis propios da gastronomía de Galicia. Véndense normalmente en postos ambulantes nas festas, feiras, romarías, partidos e outros acontecementos, onde o seu consumo é case de obriga. Noutrora vendidas nun vime, hoxe véndense en paquetes de plástico; os procesos son industriais pero aínda son artesáns. Hoxe en día son famosas as rosquillas Ancla de Ponteareas e Cristaleiro de Gondomar. As rosquillas tradicionais son as rosquillas brancas ou de masa, feitas a base de masa de galleta, secas, ideais para tomalas soas ou molladas no leite ou no café; as rosquillas de masa de follado, molladas e brandas, elaboradas con masa de follado seguindo un proceso artesanal, os melindres; e os conguitos, o pequeno círculo central que resulta do corte das rosquillas[5]. Na casa pódense facer rosquillas fritidas.

Noutros lugares

[editar | editar a fonte]

En moitos países existen variedades de forma e sabor moi semellantes á tradicional rosquilla galega.

A rosquilla é un doce tamén moi típico español. Ao contrario que en Galicia, onde se comen en calquera festa, adóitase comer na Semana Santa. A súa orixe remóntase ao antigo Imperio romano, época na que a súa receita estendeuse a boa arte de Europa e da conca mediterránea.

O dónut (en inglés doughnut ou simplemente donut) é unha rosquilla esponxosa famosa pola gran difusión que souberon darlle os departamentos de mercadotecnia de certas marcas norteamericanas.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Denominación en galego en Portal das Palabras
  2. Definición en VV. AA. (2012) Dicionario de alimentación e restauración, Santiago de Compostela, Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega.
  3. Tesouro Informatizado da Lingua Galega
  4. Entrada rosquilla en Dicionario de Dicionarios da Lingua Galega
  5. "Web de Rosquillas Cristaleiro". Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2014. Consultado o 12 de outubro de 2014. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]