Rosalía Mera
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 28 de xaneiro de 1944 A Coruña, España |
Morte | 15 de agosto de 2013 (69 anos) A Coruña, España |
Causa da morte | hemorraxia cerebral |
Lugar de sepultura | Liáns |
Actividade | |
Ocupación | emprendedora, empresaria, filántropa |
Familia | |
Cónxuxe | Amancio Ortega (1966–1986; divorciada)[1] |
Fillos | Sandra Ortega Mera, Marcos Ortega Mera |
Premios | |
| |
Sitio web | paideia.es |
Rosalía Mera Goyenechea, nada na Coruña o 28 de xaneiro de 1944 e finada na mesma cidade o 15 de agosto de 2013, foi unha empresaria galega. Foi co fundadora de Inditex xunto con Amancio Ortega.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Tivo que deixar a escola con 11 anos para traballar nunha pequena empresa téxtil La Maja de costureira onde coñeceu a Amancio Ortega co que casaría e tería dous fillos, Sandra e Marcos[2]. Fundaron GOA, esta empresa coruñesa foi medrando ata converterse en Zara e finalmente en Inditex. Logo do seu divorcio en 1986, Rosalía Mera conservou o 7% das participacións no grupo. En 1986 comezou os estudos de Maxisterio onde se Diplomou. En 2004 abandonou o consello de administración de Inditex, mantendo a súa participación logo da cotización en bolsa.
Despois da separación comezou unha carreira de investimentos en diferentes proxectos e corporacións de ámbitos tan diversos como a construción, inmobiliarias, unha compañía de recoñecemento de neonatos polas pegadas dactilares, o audiovisual ou a biotecnoloxía. Neste último campo foi membro do consello de administración de Pharma Mar, do grupo galego Zeltia. No audiovisual posuíu parte do capital de Continental Producciones, Milou Films ou Tornasol Films, e desenvolveu un centro de iniciativas empresariais denominado Mans, e centrado no sector audiovisual. Ademais, en 2007 entrou no sector da enerxía solar creando quince firmas de explotación de parques fotovoltaicos[3]
A súa xestión económica realizábaa a través de sociedades de investimento como Rosp Corunna, Breixo Inversiones, Soandres de Activos ou Ferrado Inmuebles[4]. A revista estadounidense Forbes situouna como a 76ª muller máis influente do mundo en 2007[5], así como a 264ª persoa máis rica do mundo, cun capital estimado de 2.490 millóns de euros[6] Segundo esa mesma fonte, en 2007 sería a terceira persoa máis rica de Galicia, despois de Amancio Ortega e de Manuel Jove. A revista calculoulle en 2008 unha riqueza persoal de 1.964 millóns de euros (368ª do mundo)[7].
Ademais, foi a fundadora (1986) e presidenta da Fundación Paideia Galiza, unha ONG que traballa a prol da incorporación das persoas discapacitadas ao mercado laboral.
O 14 de agosto de 2013, estando de vacacións en Menorca, sufriu un accidente cerebrovascular. Faleceu o día seguinte no Hopital San Rafael da Coruña a onde fora trasladada en avión dende Menorca[8]. Foi enterrada no cemiterio da igrexa de Santaia de Liáns, en Oleiros (A Coruña).[9]
Trala morte, a participación do 7% en Inditex foi herdada pola súa filla Sandra Ortega.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Rosalía Mera, as primeiras puntadas dun mito". La Voz de Galicia. 19 de agosto de 2013. Consultado o 17 de setembro de 2013.
- ↑ Gómez, José Luis. Mundidiario, ed. "“Es tremendo que el dinero haga a la gente importante”, suele decir Rosalía Mera". Arquivado dende o orixinal o 16 de agosto de 2013. Consultado o 14 de agosto de 2013.
- ↑ Rodríguez, Julián (21 de xaneiro de 2008). "Rosalía Mera desembarca en la energía solar con 15 empresas". El País. Consultado o 17 de setembro de 2013.
- ↑ "Dos españolas entre las cien mujeres más poderosas del mundo". El País. 31 de agosto de 2007. Consultado o 17 de setembro de 2013.
- ↑ The 100 Most Powerful Women, Forbes. Comentado en galego en Galicia Hoxe Arquivado 28 de setembro de 2007 en Wayback Machine..
- ↑ The World's Billionaires (Forbes).
- ↑ Lista Forbes.
- ↑ "Morre Rosalía Mera, cofundadora de Inditex". La Voz de Galicia. 16 de agosto de 2013. Consultado o 17 de setembro de 2013.
- ↑ Rosalía Mera será enterrada este sábado en A Coruña.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Blanco, Xabier R. (2015). Rosalía Mera, el hilo suelto (en castelán). Madrid: La Esfera de los Libros. ISBN 9788490602782.