Romaría Viquinga de Catoira
A Romaría Viquinga de Catoira é unha festa profana que se celebra en Catoira nas contornas do castellum honesti, as actuais Torres de Oeste, cada primeiro domingo de agosto dende o ano 1961, lembrando o papel que tivo Catoira na defensa de Galiza fronte aos ataques normandos na procura do tesouro da Igrexa compostelá, e onde se escenifican as invasións viquingas ocorridas no lugar hai arredor de mil anos.[1]
Os veciños de Catoira vístense de guerreiros viquingos e de campesiños galegos da época para representar a loita. A festa comeza ás 10 da mañá coa música popular galega polas rúas da vila. Mais a festa en si faise arredor dos restos das torres e da Capela de Oeste, na beiramar da Ría de Arousa co río Ulla, onde se instala a feira medieval onde se ofrecen mexillóns e viño do Ulla. O cénit da romaxe ocorre co desembarque. Os veciños que fan de normandos arriban pola ría cunha réplica dun bote viquingo do século XI para tomar as torres. O resto dos veciños fan de habitantes da vila, que intentarán loitar contra o invasor na beiramar. Os participantes rematan pingando de viño e auga. Os festexos seguen cun xantar popular (sardiñada, polbo, empanada…), co son de fondo das gaitas. A festa remata coa verbena[2].
Marco histórico
[editar | editar a fonte]Catoira foi dende a antigüidade un lugar estratéxico, a entrada polo mar até Compostela, polo que xa dende a Idade Media estableceuse un importante complexo militar para a defensa do sepulcro do apóstolo dos ataques principalmente normandos e sarracenos, polo que se construíron diversas torres de defensa no fondo da ría, onde desemboca o río Ulla, as chamadas Torres de Oeste. Foi o rei de Galiza Afonso III o que mandou erguer no século IX, ademais da Catedral de Santiago, a reconstrución do ‘’Castellum Honesti’’ en Catoira. O castelo converteríase nun dos máis importantes de Europa, e deste consérvanse só, parte de dúas das grandes torres. O edificio seguiu medrando cos traballos do rei de Galiza e León, Afonso V, que venceu os normandos de Olaf Haraldson. Despois de que no século XII a monarquía doase o Castelo á mitra compostelá, os bispos Cresconio e Diego Peláez continuaron a fortificar a cidadela, para a defensa de Santiago. Ademais disque no Castelo naceu Diego Xelmírez, primeiro arcebispo de Santiago, xa que seu pai, o cabaleiro Xelmirio, fora alcaide da fortaleza no século XI. As torres impediron durante séculos o ascenso polo Ulla dos exércitos normandos e sarracenos; o deseño final do século XIII era un recinto elíptico con sete torres (fican no século XXI en pé, só dúas do século XI; as ruínas doutras dúas son do século XII, sendo de época romana os restos doutras que se orientan cara ao interior). No medio existía unha gran torre central. Na Alta Idade Media chegan a Jakobsland (Terra de Xacobe, nome que eles lle daban a Galiza) as primeiras vagas de piratas normandos atraídos polas novas sobre as riquezas da capital compostelá. Os viquingos saquean e queiman vilas en toda a costa, e entran pola Ría de Arousa acadando en 850 Iria Flavia, provocando a fuxida do bispo e do cabido a Compostela. Nos anos 859 e 968 fíxose, porén, unha boa defensa galega dende o ‘’Castellum Honesti’’ (Torres de Oeste), conseguindo deter o ataque escandinavo e impedindo que estes acadasen Compostela.
Despois de que o Reino de Galiza perdese o seu poder lexislativo, pasando a depender da coroa de Castela, e especialmente a partir do reinado dos Reis Católicos, Catoira entra nun período de progresiva decadencia. As torres servirán de canteira para as vilas da zona.
A festa
[editar | editar a fonte]A festa comezou a celebrarse en 1961. A primeira etapa foi a do Ateneo do Ullán entre 1961 e 1964. Todo comezou no ano 1959, cando o poeta e crego de Isorna, Faustino Rey Romero e mailo poeta catoirán Baldomero Isorna Casal, fundan o Ateneo do Ullán, un foro artístico e literario formado por intelectuais das terras do Ulla. Este grupo de intelectuais son quen decidiron en 1960, nunha das súas tertulias, que estaría ben celebrar a xeito de festa o desembarque do rei Ulfo. A primeira Romaría Viquinga tivo lugar o 29 de xullo do 1961, cunha misa na Capela de Santiago das Torres de Oeste, na memoria de Diego Xelmírez, e demais defensores da fortaleza. Ademais Pedro Montañés, coroado con pólas de árbores, representaba o temíbel viquingo Ulfo, e saltaba á terra dende a súa dorna, para ir ao encontro do bispo Cresconio, representado por Rey Romero que, con solemnes palabras, dominaba o invasor, facéndolle axenlloarse submisamente ante o representante da cristiandade. Despois tiña lugar un xantar campestre co son dunha banda de gaiteiros, ademais dun acto literario no que participaban escritores da comarca, e no que se basea o actual pregón das festas. Á noite, nas ameas das torres, acendíanse cacharelas para lembrar o xeito no que noutrora se anunciaba a arribada de piratas na ría[3].
A segunda etapa comeza en 1965 e dura até 1990, é o período de consolidación da romaría, desta volta patrocinada pola empresa local de Cerámica Domínguez do Noroeste S.A. e organizada polos seus traballadores. En 1988 a festa foi declarada de "Interese Turístico Nacional".[4]
A terceira e última etapa comeza en 1991, cando é o propio Concello de Catoira quen colle a rendas da festa, é o período de proxección internacional, orixinando o irmandamento coa vila dinamarquesa de Frederikssund. No ano 2002 a festa foi declarada de "Interese Turístico Internacional".[4][5]
Irmandades de Catoira
[editar | editar a fonte]A romaría é tamén importante para Galiza polo intercambio cultural sobre as invasións normandas que se vén desenvolvendo en Catoira co seu irmandamento en 1993 coa vila dinamarquesa de Frederikssund; e un ano máis tarde, en 1994 coa vila británica de Watchet, as tres ligadas historicamente polo desembarque viquingo.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Escultura nunha rotonda da vila de Catoira que conmemora a arribada viquinga.
-
Viquingos a celebrar a vitoria tralo desembarque.
-
Bocois de viño na festa.
-
Réplica dun barco viquingo na ría.
-
Drakar viquingo en Catoira.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Spain Info. "Cada primer domingo de agosto los habitantes de Catoira escenifican con un singular espectáculo las invasiones vikingas sufridas hace mil años.". Consultado o 6 de febreiro de 2017.
- ↑ Turismo de España
- ↑ A partir da información da páxina web do concello sobre a festa.
- ↑ 4,0 4,1 A Deputación promociona nove festas de interese turístico coa campaña 'Somos historias'
- ↑ "Páxinas Galegas". Arquivado dende o orixinal o 10 de marzo de 2016. Consultado o 10 de marzo de 2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Era viquinga |