Romanización de Galicia
- Para o sistema de transliteración, ver romanización (lingüística)
Romanización de Galicia | |
Mapa da Gallaecia de Diocleciano. | |
Historia | Historia de Galicia |
Cronoloxía | Cronoloxía de Galicia |
Categoría | Historia de Galicia |
Idade Antiga | |
Historia antiga de Galicia | |
Relacionados | |
Historia | Historia da lingua galega |
Artigos | Romanización (lingüística) Arquitectura romana en Galicia |
A romanización foi o proceso polo que os territorios conquistados polo Imperio Romano ían adoptando os costumes, técnicas, relixión e finalmente idioma destes.
Orixe e evolución
[editar | editar a fonte]O comezo de romanización de Galicia adóitase datar na expedición de Décimo, o Gallaico, e o seu fito de atravesar o río Lethes ou do esquecemento (o Limia). Porén, o noroeste peninsular non ficou integrado inmediatamente no mundo romano. Ao longo do século I foise estabelecendo un comercio, principalmente nas costas, ao que acompañaron varias expedicións militares (Craso, Perpenna, Xulio César), de maneira que cando Augusto emprendeu as Guerras Cántabras, o noroeste era xa unha simple base de operacións. O noroeste peninsular foi organizado sobre a base do sistema pre-existente en populi e castella, representado nas inscricións por un C invertido. No ano 74 dC, concedeuse o ius latii para toda a península.
O territorio pertenceu primeiro á provincia de Lusitania, logo á Tarraconensis e finalmente constituíuse a Gallaecia, xa no século III. Esta dividiuse en tres conventos (demarcacións) xurídicos: bracarense, lucense e asturicense. O latín foi substituíndo as linguas anteriores nun proceso que remataría probabelmente no século III d.C.
Os medios de subsistencia continuaron a ser os mesmos; na organización económica resultan relevantes dous elementos: dunha parte, a introdución da vila romana, residencia rural de luxo e explotación agrícola a un tempo, que se expandiría a partir do século III; doutra, o aproveitamento de minas, en especial de ouro, que decaería no século II. Nas minas empregábanse escravos, mais as villae foron atendidas por colonos. A estrutura social castrexa persistiría longo tempo en forma de aristocracia indíxena romanizada e de poboación rural.
Na Gallaecia o cristianismo foi introducido serodiamente, a mediados do século III, por soldados da Legio VII Gemina. Un episodio notorio foi a difusión do priscilianismo a fins do século IV.
As referencias documentais para o estudo da romanización en Galicia atópanse na obra de diversos escritores gregos e latinos. Unha listaxe dos principais sería o que segue: Apiano, Tito Livio, Floro, Orosio, Estrabón, Pomponio Mela, Plinio o Vello, Tolomeo, Rufo Festo Avieno, Hidacio e Martiño de Dumio, e no Itinerario de Antonino.
Trátanse de breves descricións de Galicia que, como a feita por Mela na súa obra Coreografía, achegan poucos datos, e que neste caso fala do territorio dos Celtici.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Arias Vilas, Felipe. A Romanización de Galicia. Historia de Galicia 4. Edicións A Nosa Terra. (1992).
- Tranoy, Alain. La Galice Romaine. Pub. du Centre Pierre París, 7. (1981).
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Xosé C. Villaverde Román, A Romanización do Morrazo. Agrupación Cultural NÓS, agosto (2000)
- Recompilación de novas na prensa sobre a romanización de GaliciaArquivado 02 de outubro de 2013 en Wayback Machine.
- Vídeo sobre a romanización de Galicia no Museo Provincial de Lugo
- Vídeo sobre a romanización de Galicia no Museo do Castelo de Santo Antón da Coruña
- Vídeo sobre a romanización de Galicia no Museo Arqueolóxico de Ourense