Reuben Fine
(1961) | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 11 de outubro de 1914 Nova York Estados Unidos |
Morte | 26 de marzo de 1993 Nova York, Estados Unidos de América |
País de nacionalidade | Estadounidense |
Educación | Universidade do Sur de California City College de Nova York |
Actividade | |
Lugar de traballo | Nova York |
Ocupación | Psicólogo, xogador de xadrez |
Nacionalidade deportiva | Estados Unidos de América |
Deporte | xadrez |
Título de xadrecista | Grande Mestre de Xadrez (pt) (1950) |
Participou en | |
1937 | Olimpíada de xadrez de 1937 (pt) |
1935 | Olimpíada de xadrez de 1935 (pt) |
1933 | Olimpíada de xadrez de 1933 (pt) |
Descrito pola fonte | Moskovskaia entsiklopedia: Litsa Moskvi |
Reuben Fine, nado o 11 de outubro de 1914 en Nova York e finado o 26 de marzo de 1993, foi un xogador de xadrez estadounidense, considerado un dos mellores do mundo durante a década de 1930. Foi tamén autor de varios libros de xadrez que seguen sendo populares hoxe en día. Logo da segunda guerra mundial, estudou psicoloxía, e escribiu varios libros sobre o tema.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Como xadrecista
[editar | editar a fonte]Aprendeu a xogar xadrez de nivel competitivo no famoso Marshall Chess Club en Nova York, achandando o camiño para moitos famosos grandes mestres como Bobby Fischer. Fine tamén foi considerado un dos mellores xogadores de xadrez rápido do mundo: podía conseguir empates contra o entón campión do mundo Alexander Alekhine, aínda que admitiu que as poucas veces que xogou co precursor de Alekhine, José Raúl Capablanca, este venceuno "sen piedade".
Antes de 1937 xa gañara unha serie de torneos internacionais e era un dos xogadores de máis éxito do mundo. Representou aos Estados Unidos en tres olimpíadas de xadrez, onde gañou cinco medallas, catro delas de ouro. Aínda que activo nos torneos dos Estados Unidos, nunca puido terminar primeiro no Campionato de Xadrez dos Estados Unidos, finalizando xeralmente detrás do seu rival americano, Samuel Reshevsky. Con todo, a marca en torneos internacionais de Fine nos anos 30 era superior ao de Reshevsky.
En 1938 empatou polo primeiro lugar con Paul Keres no prestixioso Torneo AVRO dos Países Baixos, un dos torneos máis famosos do século vinte. O gañador de AVRO, un torneo de dobre round robin, convertíase automaticamente no rival do campión do mundo, título entón sostido por Alexander Alekhine. Fine finalizou diante do futuro campión, Mikhail Botvinnik, do entón campión, Alekhine, e dos campións anteriores, Max Euwe e Capablanca, e dos grandes mestres, Samuel Reshevsky e Salomon Flohr. Fine gañou ambos dos seus xogos contra Alekhine. A segunda guerra mundial interrompeu todos os torneos e Alekhine morreu en 1946.
En 1941 Fine escribiu Basic Chess Endings, un compendio de análise de xogadas de peche que se considera un dos mellores traballos do seu tempo sobre o tema. O seu The Ideas Behind the Chess Openings tamén se considera un traballo importante, que se concentra na teoría subxacente nas aperturas máis que en secuencias de movementos particulares. Durante a segunda guerra mundial traballou para a mariña de guerra dos Estados Unidos, executando o extravagante cálculo da probabilidade de que submarinos alemáns emerxesen en determinados puntos do océano.
Logo da guerra, Fine continuou xogando ao xadrez, recibindo unha invitación da FIDE a participar no campionato mundial de 1948, debido ao seu triunfo no torneo AVRO. Estrañamente declinou participar, polo que xurdiron especulacións en canto á razón verdadeira da súa actitude. Na súa curta carreira no xadrez, Fine logrou marcas positivas contra campións anteriores e reinantes do mundo, tales como Lasker, Alekhine e Botvinnik, e ata un empate contra Capablanca.
Como psicólogo
[editar | editar a fonte]O motivo que deu Fine para non participar no campionato mundial de 1948 foi que traballaba na súa disertación doutoral en psicoloxía. Con todo, algúns suxiren que as súas razóns tiñan que ver coa agresiva actitude dos mestres rusos. Algunha evidencia disto aparece nunha entrevista a Larry Evans na revista Chess life.
Fine recibiu o seu doutoramento en psicoloxía da Universidade do Sur de California e abandonou a práctica profesional do xadrez para concentrarse na súa nova profesión. En 1956 escribiu o artigo "Psychoanalytic Observations on Chess and Chess Masters" (para un diario especializado no tema. Ese artigo converteuse en máis adiante no libro The Psychology of the Chess Player (A psicoloxía do xogador de xadrez), no que Fine dá un curioso enfoque freudiano ao asunto. Fine non foi o primeiro en examinar a mente dun xadrecista: Alfred Binet, o inventor da proba do cociente de intelixencia, estudara xa a funcionalidade mental dos bos xogadores de xadrez, e atopara que a miúdo posuían trazos mentais en común, tales como unha boa memoria.
Fine continuou xogando esporadicamente ao xadrez ao longo da súa vida (un xogo en 1963 contra Bobby Fischer foi incluído no libro de Fischer My 60 Memorable Games, pero preferiu centrarse en cuestións relativas á psicoloxía. Alguén observou que isto era "unha perda para o xadrez, e no mellor dos casos un empate para a psicoloxía". Fine publicou The History of Psychoanalysis en 1979, que foi seguido por outros libros seus sobre o tema.
Unha das súas crenzas máis interesantes era que a homosexualidade podía ser "curada", e as súas opinións con respecto a isto foron utilizadas en batallas legais que implicaban o tema, incluíndo a disputa lexislativa sobre unións do mesmo sexo en Hawai.
Obras publicadas
[editar | editar a fonte]- (1941) Basic chess endings, Nova York: David McKay Ed.
- (1943) The ideas behind the chess openings. Nova York: D. McKay Co.
- (1944) Chess and music . New York : [s.n]
- (1956).Psychoanalytic observations on chess and chess masters. Psychoanalysis, 4(3), 7-77.
- (1956) The Psychology of the Chess Player. Nova York : Dover Publications.
- (1979) A history of psychoanalysis. Nova York : Columbia University Press, 1979