Renacemento carolinxio
O Renacemento Carolinxio é o nome que recibe o rexurdimento da cultura clásica latina no seo do Imperio Carolinxio a fins dos séculos VIII e IX. Foi un período de renacemento intelectual e cultural, co pico de actividades ocorrido durante os reinados dos líderes carolinxios e Ludovico Pío. Durante este período houbo un aumento dos estudos de literatura, artes, arquitectura, xurisprudencia e litúrxicos. O período tamén viu o desenvolvemento do Latín Medieval e a minúscula carolinxia, provendo unha linguaxe común e un estilo de escritura que influíu na comunicación da maioría de Europa.
O uso do termo renacemento para describir este período é disputado debido a que a maioría dos cambios causados neste período foron case completamente limitados ao ámbito do clero, e debido a que o período careceu da ampla gama de movementos sociais do posterior Renacemento italiano [1]. Máis que un renacemento de novos movementos culturais, este período foi caracterizado por lograr recrear a cultura previa do Imperio Romano [2].
Debido a unha forte alianza do Estado e a Igrexa para levar a cabo as reformas, o Renacemento carolinxio (a diferenza do Italiano) non foi humanista nin antropocéntrico, senón que se centrou máis en aspectos teolóxicos e católicos.
Os carolinxios e a cultura irlandesa
[editar | editar a fonte]Á caída do Imperio Romano no século V, o seu lugar fora ocupado polos pobos bárbaros xermanos, os cales apagaron no continente europeo toda vida cultural latina. A finais do século VI, na Galia, o monxe e historiador Gregorio de Tours escribía: desgraciado do noso tempo, que viu perecer entre nós o estudo das letras. Porén Irlanda, que se librou das invasións xermánicas, preservou a antiga cultura grecorromana nos seus mosteiros, propagándose esta por Inglaterra. No século VIII, os monxes irlandeses e británicos eran a avanzada da civilización, tanto na conservación da cultura (como o historiador anglosaxón Beda o Venerable) como na súa difusión (como por exemplo Bonifacio de Alemaña, chamado o apóstolo dos xermanos). Desta maneira, os monxes xogaron un importantísimo papel na restauración da cultura clásica. Aínda así, o nivel cultural da época era anémico: mentres que na antiga Biblioteca de Alexandría os pergameos podían contarse por decenas de miles, a biblioteca do mosteiro de Saint Gall, a máis grande e importante da Europa do século VII (e fundada, non por nada, por irlandeses), tiña a irrisoria cantidade de 36 volumes. A cultura permanecía arrombada nos mosteiros, sen que os reis ou os nobres, e menos o campesiñado, entrasen en contacto coa mesma.
Contexto sociopolítico
[editar | editar a fonte]No século VIII, como consecuencia de varios procesos políticos, produciuse unha alianza entre os francos e o Papado. O rei franco Carlomagno levou a cabo unha serie de intensas campañas militares, que lle permitiron por primeira vez en séculos pacificar os vitais dominios europeos de Francia, Italia e Alemaña, quedando só Inglaterra e Hispania fóra da súa férula. Carlomagno era, desde os tempos do Imperio Romano, o primeiro rei que non dominaba só un señorío feudal grecorromano, senón que controlaba un vasto imperio, para o cal necesitaba un ben adestrado servizo civil que puidese soster unha agora necesaria burocracia estatal, polo que se decidiu a levar a cabo unha profunda reforma educativa, aparellada á súa reforma administrativa, que lle permitise soster por medios pacíficos no tempo o gañado pola conquista militar. Conta a anécdota que o propio Carlomagno, polas noites, estaba preocupado de aprender a ler e escribir.
O clero
[editar | editar a fonte]O Imperio Carolinxio marcou o inicio dunha nova concepción das relacións entre Igrexa e Estado. Carlomagno víase a si mesmo como un defensor do cristianismo en xeral, e da Igrexa Católica en particular. Ademais, como se mencionou anteriormente, os monxes eran os únicos nesta época que sabían ler e escribir, entón Carlomagno buscou a axuda dos cóengos para crear un sistema educativo novo.
Reforma educativa
[editar | editar a fonte]Como se mencionou anteriormente, o imperio de Carlomagno era o suficientemente enorme como para precisar dun aparello burocrático que o sostivese. Para iso eran necesarios servidores públicos que estivesen alfabetizados, é dicir, soubesen ler e escribir. A falta de persoas letradas significaba unha gran dificultade para o mantemento dun imperio tan grande. Un pequeno problema adicional foi que o Latín vulgar de fins do Imperio Romano de Occidente comezou a diverxer en dialectos rexionais (os precursores das hoxe coñecidas linguas romances) que estaban converténdose en mutuamente inintelixíbeis e só eruditos previdos dunha parte de Europa podían comunicarse con persoas doutros lugares de Europa.
Para tratar eses problemas, Carlomagno ordenou a creación de escolas e tamén atraeu moitos dos eruditos importantes da súa época á súa corte. O aliado de Carlomagno nestes mesteres foi un monxe chamado Alcuíno de York, quen era anglosaxón. Alcuíno e Carlomagno atopáronse en 781, e ao ano seguinte, Carlomagno chamouno para que lle axudase na súa reforma. Desta maneira, Alcuíno foi un dos principais promotores da reforma educativa. As escolas episcopais foron os grandes centros educativos da época. En Aquisgrán, a capital do Imperio Carolinxio, foi creada a Escola Palatina, cuxas funcións podían compararse coas que actualmente cumpre unha universidade.
Un dos principais reforzos foi a creación dun currículo estandarizado para uso nas recentemente creadas escolas. Alcuíno manexou esta campaña e foi responsábel da escritura de libros de texto, creación de listas de palabras, e estabelecemento do Trivium e o Quadrivium como bases para a educación [3].Outras contribucións deste período foi o desenvolvemento da Minúscula carolinxia, un "libro de man" usado primeiro nos mosteiros de Corbie e Tours que introduciu o uso das letras minúsculas. Unha versión estandarizada do Latín foi tamén desenvolvida o que permitiu amoedar novas palabras mentres que conservaba as regras gramaticais do Latín Clásico. Ese Latín Medieval converteu a linguaxe común e permitiu aos administradores e viaxeiros facerse entender a través de Europa [4].
Arte carolinxia
[editar | editar a fonte]A arte carolinxia é o período de ao redor de 100 anos, entre o 800 e o 900. Ademais de na escritura, este foi un período influente — o norte de Europa comprendeu as formas da arte romana mediterránea nun principio, escalando ata a Arte románica e eventualmente a Arte gótica no Oeste. Manuscritos ilustrados, metalurxia, esculturas en pequena escala, mosaicos e pinturas ao fresco sobreviven deste período.
Arquitectura carolinxia
[editar | editar a fonte]A arquitectura carolinxia é o estilo arquitectónico do Norte de Europa promovido por Carlomagno. O período no que se desenvolveu esta arquitectura esténdese de fins do Século VIII e durante o século IX ata o reinado de Otto I en 936, e foi unha tentativa consciente de crear un Renacemento Romano, emulando as arquitecturas romana, paleocristiá e bizantina, coa súa propia innovación, resultando en conclusión un carácter único.
Música carolinxia
[editar | editar a fonte]Na cultura Occidental, houbo unha ininterrompida tradición na práctica e teoría musical desde os máis antigos rexistros escritos dos sumerios (c. -2500) a través dos babilonios e persas descendendo á Antiga Grecia e a Antiga Roma. Porén, as migracións xermánicas dos anos 400 causaron unha ruptura con esta tradición. A maioría de Europa occidental para os seguintes séculos non entendía o grego, e as obras de Boecio, quen viu o que estaba acontecendo e traduciu antigos tratados gregos ao latín. Coa chegada das reformas de alfabetización de Carlomagno, quen estaba particularmente interesado en música, comezou un período de intensa actividade nos mosteiros de copiado e escritura de tratados en teoría musical — O tratado de Musica enchiriadis é un dos máis antigos e interesantes deles. Carlomagno intentou unificar a práctica de música de igrexa mediante a eliminación de diferenzas estilísticas rexionais. Hai evidencia de que na antiga notación musical Occidental, na forma de neumas in camp aperto (sen pentagrama), foi creada en Metz arredor do ano 800, como resultado do desexo de Carlomagno para que os músicos da Igrexa franca conserven os matices usados polos cantantes romanos [5]. A práctica e teoría musical occidental de hoxe en día comezou con Carlomagno.
Reformas económicas e legais
[editar | editar a fonte]Carlomagno viuse fronte a unha gran variedade de divisas ao comezo do seu reinado. Para corrixir problemas que esas varias divisas causaron, el estandarizou un sistema baseado nunha moeda de prata (a Livre tournois). Os Deniers foron cotizados cun valor de 240 deniers a unha Livre tournois. Un segundo valor, o solidus, foi tamén creado como unha moeda con valor de doce deniers ou trinta Livre tournois. O solidus non foi acuñado pero en lugar diso adoitábanse dar bonos tales como o "solidus de gran" os cales equivalían á cantidade de gran que doce deniers poderían adquirir [6].
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Norman F. Cantor (1993): The Civilization of the Middle Ages: a completely revised and expanded edition of Medieval history, the life and death of a civilization. HarperCollins. ISBN 0-06-017033-6
- Mortimer Chambers & Raymond Grew & David Herlihy & Theodore K. Rabb & Isser Woloch (1983): The Western Experience: To 1715. 3a edición. Alfred A. Knopf. Nova York. ISBN 0-394-33085-4
- Martin Scott (1964): Medieval Europe. Dorset Press. Nova York. ISBN 0-88029-115-X