Saltar ao contido

Reino de Mira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Mira foi un reino da parte occidental de Anatolia, que era tributario de Arzawa e despois dos hititas. Xurdiu sobre o 1430 a. C.. Atopábase ao norte e noroeste de Psidia (Hapalla).

O rei Maskhuiluwas foi asediado polos seus irmáns e obrigado a fuxir a Hattusas; o novo rei proclamado chamouse Kupanta-Kurunta, nome que parece indicar unha tendencia antihitita. Suppiluliumas I, que reinou no segundo cuarto do século XIV a. C., viu esta revolta perigosa e deu á súa filla en matrimonio a Maskhuiluwas, ao que despois instalou en Kuwaliya (Hapalla fíxose finalmente co control do reino de Mira) e utilizou o título de rei de Mira e Kuwaliya. O título de rei de Mira foi usado polo rei de Hapalla.

Piyama-Kurunta de Arzawa, en guerra co rei Mursilis II, atacou a Maskhuiluwas de Mira, e posibelmente destruíu a cidade de Impa, pero Maskhuiluwas rexeitouno nunha batalla e volveu á súa capital Hapanuwa, onde seguiu leal aos hititas aos que debía o trono.

Mursilis II, triunfante dos reis de Arzawa, foi a Kuwaliya, onde estableceu gornicións (entre elas en Impa), aparentemente para agradecer a Maskhuiluwas a súa axuda contra Arzawa. Tamén estableceu unha gornición en Hapanuwa e confirmou a Maskhuiluwas a terra de Kuwaliya e a de Mira. Hapalla foi concedida a un tal Targasnallis. Os reis de Mira-Kuwaliya, Hapalla e o río Seha asinaron un tratado recoñecendo ao reino Hitita como soberano ao mesmo tempo que se recoñecía a súa liberdade. Maskhuiluwas e a súa muller Muwatti (irmá de Mursilis) non tiveron fillos e pediron a Mursilis que recoñecese como sucesor ao sobriño (adoptado como fillo) Kupanta-Kurunta.

Un rei que as taboíñas mencionan como E.gal.pap (os dous puntos están por dúas letras que faltan) sublevouse ao oeste de Hatti durante dez anos. Maskhuiluwas cumpriu de momento a súa palabra e foi á beira do rei hitita pero despois, xa canso da súa tutela, uniuse ao rebelde e incitou á rebelión de Pitasa ou Pitassa.

Mursilis volveu a ir a Sallapa e cando ameazou a Maskhuiluwas, este fuxiu ao reino de Masa mentres o seu reino de Mira e Kuwaliya rendeuse. Mursilis invadiu Masa, causando moitos danos, e diante da ameaza por Masa, o rei rebelde foi obrigado a renderse e foi tratado con clemencia (era tío do rei) e enviado a Hattusas; no seu lugar Mursilis instalou a Kupanta-Kurunta. Suponse que E.gal.pap foi derrotado algún tempo despois. Maskhuiluwas foi enviado a gobernar unha cidade sagrada da rexión do río Siyanta, como gran sacerdote.

Kupanta-Kurunta de Mira era considerado membro da familia real xa que a súa nai (adoptiva) era princesa (irmá de Mursilis). Kupanta-Kurunta proporcionou continxentes militares do país ao exército hitita, continxentes que participaron na batalla de Qadesh no Orontes (sobre 1293 a. C.). No reinado de Muwatallis II morreu Kupanta-Kurunta e sucedeuno Kupanta-Lamna, fillo de Kupanta-Kurunta de Mira-Kuwaliya, descendente dos reis de Arzawa polo seu pai e dos reis hititas pola nai (a nai era filla de Suppiluliumas I)).

Urhi-Teshub chegou ao trono hitita baixo o nome de Mursilis III, e inmediatamente quixo depoñer algúns das gobernadores dos antigos estados de Arzawa e establecer o goberno directo e foi á zona para consolidar o seu poder. Na guerra civil entre Mursilis III e Hattusilis III non se menciona. Baixo Hattusilis III era rei Kupanta-Kurunta (II) segundo algúns o mesmo rei que subira ao trono sobre o 1280 a. C., xa que Kupanta-Lamna ou Lamma era a sumerización do nome.

Reis de Mira

[editar | editar a fonte]
  • Maskhuiluwas sobre 1350 a. C. (titulado rei de Mira e Kuwaliya).

Reis de Mira e Kuwaliya

[editar | editar a fonte]