Saltar ao contido

Recheo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pemento recheo.

En gastronomía chámase recheo á substancia ou mestura comestible empregada para encher unha cavidade noutro alimento. Énchense moitos alimentos, incluíndo carnes, verduras e froitas. Por exemplo, o recheo de pavo adoita consistir en pan relado ou en dados, pan fritido, cebola, apio, sal, pementa e outras especias e herbas como a salvia ou unha mestura feita expresamente.

Non se sabe cando se empregaron os recheos por primeira vez. A evidencia documental máis antiga é o libro de receitas romano De re coquinaria, obra de Apicio, que contén receitas de pito, lebre, porco e leirón recheos. A maioría dos recheos descritos consisten en verduras, herbas e especias, froitos secos e espelta, e con frecuencia contén fígado, miolos e outras vísceras picadas.[1]

Alimentos recheos

[editar | editar a fonte]
Fungos recheos de carne.

Ademais de encher a cavidade corporal de diversos animais, incluíndo mamíferos, aves e peces, poden encherse diversas pezas de carne tras desosalas ou abrir un corte nelas. Entre as receitas populares cóntanse as coxas de pito recheas e peito de tenreira recheo, así como o tradicional ganso ou pavo recheo do Nadal. Tamén se enchen ovos empregando diferentes receitas.

Moitos tipos de verduras tamén son adecuados para enchelos despois de retirarlles as sementes ou a polpa. Tomates, pementos, cabaciñas e cebolas poden prepararse deste xeito. Os repolos e outras verduras semellantes tamén poden encherse ou envolver con elas un recheo. Adoitan escaldarse primeiro, para facer máis flexibles as súas follas. Entón o interior pode substituírse por un recheo, ou ben inserirse pequenas cantidades de recheo entre as diferentes follas. O recheo pode cociñarse separadamente e servirse como acompañamento.