Saltar ao contido

Real Casa da Moeda do Canadá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Real Casa da Moeda do Canadá
Royal Canadian Mint
Monnaie royale canadienne



Edificio da sede da
Real Casa da Moeda do Canadá

TipoEstatal
Fundación2 de xaneiro de 1908
MatrizMinisterio de Facenda. Goberno do Canadá.
Localización Otava
Ontario
Canadá.
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas e medallas.
Beneficio operativo46,0 millóns de dólares (2018).[1]
Beneficio neto35,1 milló ns de dólares (2018).[1]
Número de empregados1.196 (2018)[1]
Na rede
https://www.mint.ca/
Facebook: CanadianMint Twitter: canadianmint Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

A Real Casa da Moeda do Canadá (en inglés: Royal Canadian Mint; en francés: Monnaie royale canadienne) é unha compañía canadense de titularidade estatal e propiedade da Coroa, establecida en 1908 e que opera baixo a Lei da Ceca Real Canadense, de 1985,[2][3] que se encarga da produción de todas as moedas de curso legal no Canadá e tamén para outros estados.[4]

Ademais, a RCMC ocúpase dos deseños e da manufactura de moedas de colección e de moedas de investimento cuñadas en metais preciosos (ouro, prata, paladio e platino), así como de medallas e de fichas comerciais de uso privado. Ofrece, tramén, servizos de ensaio e refino de prata e de ouro.[5][6]

Aínda que é de titularidade pública, a compañía ten o mandato de operar "en previsión de ganancias", ou sexa, con criterios comerciais e sen depender do apoio dos contribuíntes para financiar as súas operación.[7]

Tradicionalmente, o presidente da Real Casa da Moeda do Canadá coñécese co título de Master of the Mint ("Mestre da Ceca"), consonte a tradición británica. En 2018 tomou posesión como presidenta Marie Lemay, que dirixe un consello de administración que debe render contas ante o Ministerio de Facenda.[8]

A compañía foi nomeada unha das "100 mellores empresas do Canadá" por Mediacorp Canada Inc., entre 2007 e 2010.[9]

En abril de 2012, a ceca canadense anunciou que estaba a desenvolver unha criptomoeda denominada MintChip, para facilitar as transaccións anónimas co apoio do Goberno do Canadá.[10] Finalmente, abandonou o proxecto e transferiullo a unha entidade privada.[11]

A Real Casa da Moeda do Canadá divide as súas instalacións en dúas sedes, unha situada na capital, Otava, onde actualmente se cuña a maioría das series de moedas conmemorativas e de colección, e outra en Winnipeg, Manitoba, que centra as súas operacións na moeda circulante no país.[12][13]

As orixes: sede de Otava

[editar | editar a fonte]
Sede da Real Casa da Moeda do Canadá en Otava

Durante os primeiros cincuenta anos de moeda canadense (os centavos destinados a circular na Provincia do Canadá emitíronse por vez primeira en 1858), as moedas cuñáronse maioritariamente na Royal Mint, a ceca real de Londres e, en menor medida, na ceca privada de Heaton en Birmingham, Inglaterra. Á medida que o Canadá foi emerxendo como unha nación con dereito propio, apareceu tamén a súa necesidade de dotarse dunha moeda nacional. Como resultado, autorizouse a construción dunha sucursal da Royal Mint en Otava en 1901, logo de ser proposta por primeira vez en 1890.[7][14][15]

Durante unha breve cerimonia, o entón Gobernador Xeral do Canadá, Lord Grey e a súa esposa activaron as presas daquela primeira casa de moeda canadense o 2 de xaneiro de 1908, o que supuña a inauguración oficial da sucursal da Royal Mint en Otava.[16] As instalacións comezaron a funcionar con 61 empregados.[17] Tres anos despois, a ceca comezou a refinar o ouro por electrólise no seu departamento de ensaios, aínda que este método resultou ser demasiado lento e, en 1915, a Casa da Moeda introduciu un novo proceso de cloración desenvolvido en Australia para reducir os tempos de procesamento e aumentar a capacidade de refinaxe de ouro. Desde entón, a refinaría da ceca sufriu diversos cambios e o proceso de hoxe se utiliza é unha combinación de cloración e electrólise.[7]

Foi durante a Gran Depresión cando a ceca de Otava negociou a súa independencia con respecto á ceca real británica. En 1931, a Casa da Moeda de Otava pasou a denominarse Real Casa da Moeda do Canadá (Royal Canadian Mint) e comezou a render contas unicamente ao Ministerio de Facenda do país. No entanto, a ceca continuaba a confiar na Royal Mint a produción das matrices utilizadas para a fabricación dos cuños. En 1969, o Goberno canadense reorganizou a institución, que se converteu nunha "corporación da Coroa" sen dependencia do Ministerio de facenda, senón como unha compañía co seu propio consello de administración e capacidade de decisión autónoma.[7]

En 1979, o edificio da Real Casa da Moeda en Otava foi designado como Sitio Histórico Nacional, por representar o interese do Goberno polo uso do estilo arquitectónico "gótico Tudor" como distintivo da identidade da capital canadense, e tamén para valorizar o control do Canadá sobre a súa propia moeda.[7][18]

Nestas instalacións prodúcense as moedas conmemorativas e para o coleccionismo e as medallas, así como os lingotes e as barras para o comercio con metais preciosos. Ademais, fabrícanse tamén todas as matrices e os cuños para a cuñaxe tanto das moedas conmemorativas como das regulares destinadas á circulación. As refinarías de ouro e de prata e os laboratorios de ensaio están tamén nas instalacións de Otava, así como un equipo de enxeñaría avanzada para o desenvolvemento de proxectos de I D i.[7]

O derradeiro membro supervivente do primeiro cadro de persoal da ceca de Otava foi Owen Toller, quen comezou como traballador non cualificado e se retirou como oficial administrativo, logo de 45 anos de dedicación, o 6 de xaneiro de 1953.[17] Toller finou en 1987 aos 102 anos.

A sede de Winnipeg

[editar | editar a fonte]
Sede da Real Casa da Moeda do Canadá en Winnipeg

En novembro de 1960, o director da Real Casa da Moeda, N. A. Parker, informou o Ministro de Facenda acerca da necesidade dunhas novas instalacións, xa que as existentes estaban ao 100 % da súa capacidade. De feito, xa se estaban a producir na Casa da Moeda de Filadelfia, nos Estados Unidos, grandes cantidades de moedas de dez centavos, e tamén se subcontrataba a cuñaxe dalgunhas moedas conmemorativas. En 1963 e 1964, o Goberno considerou a posibilidade de construír unhas novas instalacións que puidesen estar operativas no prazo de dous anos, e o primeiro ministro Lester B. Pearson suxeriu a súa localización en Elliot Lake, Ontario. O executivo seguinte, dirixido por Pierre Trudeau, decidiu descentralizar moitos servizos e, como resultado das reclamacións feitas pola provincia de Manitoba pola súa perda de instalacións militares, en febreiro de 1970 propúxose situar alí, na cidade de Winnipeg, a nova sucursal da Casa da Moeda. Finalmente, a decisión tomouse en decembro de 1971; os terreos adquiríronse en 1972 e a construción comezou a finais dese mesmo ano.[7]

O edificio de Winnipeg ten unha aparencia moi diferente ao de Otava. O arquitecto Étienne Gaboury deseñou un rechamante edificio triangular que se ergue no medio dunha pradaría. A súa inauguración en 1976 permitiu reorganizar o labor da Real Casa da Moeda do Canadá, de maneira que a sede de Otava se especializou na cuñaxe de moedas de colección e de investimento, en tanto que a nova sede de Winnipeg se dedicou á subministración de moeda circulante tanto ao Canadá como a outros países.[7]

Desde a súa apertura en 1976, a ceca canadense de Winnipeg cuñou moeda circulante para 70 países. A modo de exemplo, produciu centavos para Cuba, pesetas para España, coroas para Noruega, fils para o Iemen, pesos para Colombia, coroas para Islandia, baht para Tailandia e a dólares para Hong Kong.[19][20]

Administración da compañía

[editar | editar a fonte]

A Real Casa da Moeda do Canadá é unha corporación da Coroa e opera ao abeiro da Lei da Casa da Moeda.[3] Ao servir ao interese público, este tipo de institucións ten unha autonomía administrativa superior á doutras institucións gobernamentais, o que lle favorece que poida operar de maneira comercial. Do mesmo xeito que as compañías do sector privado, a Casa da Moeda ten un consello de administración, composto por un presidente, un director xerente e oito directores de área. Tradicionalmente, o director xerente da compañía coñécese como Master of the Mint ("mestre de ceca").[8][21]

Directores da RCMC

[editar | editar a fonte]

Esta é unha listaxe dos directores xerentes da Real Casa da Moeda do Canadá desde a súa fundación:[7]

  • 1908-1919: James Bonar.
  • 1919-1925: Arthur H.W. Cleave.
  • 1925-1937: John Honeyford Campbell.
  • 1938-1944: Henry Edward Ewart.
  • 1946-1947: Alfred Percy Williams.
  • 1947-1953: Walter Clifton Ronson.
  • 1954-1959: Alfred Percy Williams.
  • 1959-1968: Norval Alexander Parker.
  • 1968-1970: E. F. Brown.
  • 1970-1975: Gordon Ward Hunter.
  • 1975-1981: Yvon Gariepy.
  • 1981-1982: D. M. Cudahy.
  • 1982-1986: James C. Corkery.
  • 1986-1993: M. A. J. Lafontaine.
  • 1993-1994: M. R. Hubbard.
  • 1994-2002: Danielle Wetherup.
  • 2002-2003: Emmanuel Triassi.
  • 2003-2005: David C. Dingwall.
  • 2005-2006: Marguerite Nadeau.
  • 2006-2014: Ian Bennett.
  • 2014-1015: Marc Brûlé.
  • 2015-2018: Sandra Hanington.
  • 2018-2019: Jennifer Camelon.
  • 2019 > : Marie Lemay.

O departamento gobernamental responsable da Real Casa da Moeda é o Departamento de Facenda. A compañía organízase arredor de catro liñas de negocio: servizo de metais preciosos e refinaría, moedas circulantes do Canadá, negocios co estranxeiro e numismática.[22]

Ingresos por liña de negocio

[editar | editar a fonte]
Moeda de Terra Nova circulante con valor de 10 centavos de dólar

(cantidades en millóns de dólares)

Moeda circulante

Canadá

Moeda de colección

Canadá

Moeda estranxeira Metais preciosos
2004 [23] 63,4 52,6 25,1 183,9
2005 [24] 111,2 56,5 43,8 224,4
2006 [25] 131,2 56,7 25,3 280,7
2007 [26] 174,3 56,3 115,0 286,3
2008 [27] 186,5 67,5 98,7 1.039,6
2009 [28] 185,3 72,3 65,0 1.700,0
2010 [29] 133,1 71,3 39,8 1.965,4
2011 [30] 136,7 93,0 34,0 2.895,7
2012 [31] 125,5 145,1 30,3 2.255,4
2013 [32] 133,4 167,0 78,2 2.996,5
2014 [33] 123,9 177,3 72,8 2.100,0
2015 [34] 94.3 198,7 67,3 2.613,8
2016 [35] 90,0 146,8 74,3 2.330,3
2017 [36] 104,1 172,5 63,9 1.350,8
2018 [22] 95,0 117,1 94,9 1.113,6

Produción

[editar | editar a fonte]

Moedas circulantes do Canadá

[editar | editar a fonte]

As misións principais da Real Casa da Moeda do Canadá son o abastecemento e a distribución de moeda para a súa circulación no Canadá, así como a asesoría ao Ministerio de facenda en todos os asuntos relacionados coa moeda. O artigo 7 da Lei da real Casa da Moeda indica que é a única entidade autorizada para a cuñaxe de moeda de curso legal, que no Canadá se compón dos valores de 5, 10, 25 e 50 centavos, e de 1 e 2 dólares.[3][37] Nos anversos de todas elas aparece o busto dos reis do Reino Unido, na súa condición de xefes de Estado do Canadá.[38]

Todas as moedas circulantes no Canadá cúñanse utilizando unha tecnoloxía de aceiro multicapa patentada pola propia empresa, as que teñen o valor facial expresado en centavos (cents) desde 2000 e as de 1 e 2 dólares a partir do 10 de abril de 2012.[39]

En marzo de 2012 o Goberno canadense decidiu o cesamento da produción de moedas dun centavo (coñecidas como pennies). A derradeira moeda deste valor foi cuñada na planta de Winnipeg o 4 de maio dese ano.[40][41]

Moedas circulantes doutros países

[editar | editar a fonte]

Moitos países recorreron á Real Casa da Moeda do Canadá para a fabricacación tanto das súas moedas de curso legal como de emisións conmemorativas ou de colección. Os clientes estranxeiros da Real Casa da Moeda do Canadá son gobernos, bancos centrais e departamentos do tesouro. En ocasións, encárgaselle unicamente a elaboración dos discos metálicos sobre os que posteriormente se realiza a cuñaxe en casas de moeda doutros países.[20] En 1970, o director da ceca, Gordon Ward Hunter, deulle un pulo á división de moeda circulante estranxeira que deu como resultado, entre outros, un importante contrato con Singapur e para a produción de seis millóns de pezas nunha aliaxe de cuproníquel.[42] Este foi o primeiro contrato internacional desde o que se asinara en 1937 coa República Dominicana para a cuñaxe de cinco millóns de pezas divisionarias.[43] O segundo contrato desta nova etapa foi, tamén en 1970, co Banco Central do Brasil, para a produción de 84 millóns de discos para as moedas de 50 centavos.[44][45][46]

En 1971, a República Democrática Popular do Iemen encargou dous millóns de pezas divisionarias de cinco fils e Islandia contratou a cuñaxe de dous millóns e medio de moedas dunha coroa.[47] Nese mesmo ano, o Banco de Xamaica contratou coa RCM a produción dunha moeda conmemorativa de dez dólares de prata e outra de vinte dólares de ouro, e Venezuela encargou cen millóns de moedas de cinco e dez centavos.[48] Tamén se cuñaron outras moedas para Bahamas, Bermuda, as Illas Caimán, Irán e a illa de Man. En 1973, as encargas estranxeiras totalizaron os 65 millóns de moedas e 70 millóns de discos para cuñar, e en 1974 a planta de Otava (daquela a única existente) estableceu o récord de 1.200 millóns de moedas cuñadas, entre as canadenses e as estranxeiras.[45][49]

Unha boa parte do rendemento da segunda planta fabril da RCMC, establecida en Winnipeg, débese precisamente á produción de moedas para outros países. É salientable a cuñaxe, en 1981, de 50 millóns das populares pezas de 20 centavos de Australia co ornitorrinco nos seus reversos. O seu negocio completouse nos anos seguintes con contratacións de estados como Cuba, Noruega, Iemen, Colombia, Islandia, Indonesia, Tailandia, Hong Kong, Barbados ou Uganda.[45]

En 2005, a Real Casa da Moeda do Canadá asinou un contrato por valor de 1,2 millóns de dólares para a cuñaxe de 50 millóns de moedas con valores de 5, 10 e 20 toea para Papúa Nova Guinea, e en 2008 estableceu un novo contrato con ese país para moedas de 50 toea en cores.[50][51] En 2006, a ceca canadense subministrou 230 millóns de moedas divisionarias ao Banco de Reserva de Nova Zelandia, con valores de 10, 20 e 50 centavos, cuñadas nun diámetro inferior ao das series dos anos anteriores, aproveitando a nova tecnoloxía de recubrimento multicapa desenvolvido na planta de Winnipeg.[45][52]

A ceca canadense produce para outros países moedas circulantes e de colección, discos para seren cuñados, medallas e fichas comerciais.[53] Tamén ofrece matrices, cuños, punzóns e calquera ferramenta necesaria para a cuñaxe, así como rolos e envoltorios para a empaquetaxe das moedas cuñadas. A ceca ten capacidade para producir 2.000 millóns de moedas e discos destinados á exportación.[20]

Refinaría e produtos de metais preciosos

[editar | editar a fonte]

A Real Casa da Moeda do Canadá ten unha liña de produtos destinados ao mercado do investimento en metais preciosos, composta por moedas, placas, lingotes e barras de ouro, prata, platino e paladio de grande pureza, así como grans de prata e de ouro destinados á industria xoieira e a outras aplicacións industriais.[54][55]

Barra de ouro co selo da RCMC

A compañía tamén ofrece, a clientes tanto canadenses como estranxeiros, servizos de procesamento de ouro e de prata, que inclúen a refinaxe, o ensaio e o almacenamento de seguridade.[56] A refinaxe na ceca faise sobre metais preciosos procedentes de diversas fontes, como a produción primaria, a industria, a reciclaxe e institucións financeiras.[55] A refinaría da RCMC refina o ouro bruto a ouro dunha pureza de 995 milésimas a través do proceso de cloración Miller, ou ben de 999 milésimas utilizando o proceso denominado Wohlvill, vertendo o metal en ánodos para a súa purificación electrolítica.[7][57]

En maio de 2007, a ceca produciu as súas primeiras moedas de investimento en ouro dunha pureza de 999 milésimas, correspondentes á serie coñecida como Maple Leaf ("folla de pradairo"), co peso dunha onza troy (31 g).[58] Produciuse tamén unha verssión desas moedas cun peso de 100 kg de ouro de 999 milésimas e valor facial dun millón de dólares, inicialmente con fins promocionais, aínda que posteriormente decidiuse fabricala baixo demanda ao presentárense compradores interesados.[16][54][59]

Moedas de colección e medallas

[editar | editar a fonte]
Medalla de prata dos Xogos Olímpicos de Inverno de 2010 en Vancouver

A Real Casa da Moeda do Canadá cuña moedas de colección e produtos relacionados destinados aos coleccionistas de moedas canadenses e do resto do mundo. Varias destas moedas recibiron premios internacionais da industria e, en 2010, a ceca vendeu todos os exemplares cuñados das 25 moedas de colección emitidas nese ano.

Estas moedas están feitas con metais tanto básicos como preciosos e producidas con innovacións tecnolóxicas como os hologramas, o esmaltado, o láser ou a incrustación de cristais, para as facer máis atractivas. A produción de medallas e de fichas comerciais encádrase tamén nesta liña de negocio da compañía.[53]

A ceca fabrica tamén unha gran variedade de condecoracións militares para o Ministerio de Defensa, entre elas a Medalla do Sacrificio, a condecoración e o broche das Forzas Canadenses, a Estrela da Campaña Xeral, a condecoración da Forza de Asistencia de Seguridade Internacional, as medallas de Servizo Xeral e de Servizo Especial, e a cruz Canadian Victoria. Outras condecoracións son as dedicadas aos veteranos e as medallas á antigüidade da Policía Montada do Canadá, e a outras institucións do Estado.[60][61]

Tamén se fabricaron na RCMC as medallas dos atletas dos Xogos Olímpicos de Montreal de 1976 e dos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Inverno de Vancouver de 2010. A ceca canadense produciu 615 medallas olímpicas e 399 paralímpicas na súa sede de Otava para os Xogos de Inverno de 2010.[60][62][63]

Outras medallas deportivas deseñadas e producidas pola ceca canadense foron os 4.283 exemplares para os Xogos Panamericanos e Parapanamericanos de Toronto de 2015.[64]

Premios acadados

[editar | editar a fonte]

Esta é unha listaxe dos premios acadados polas moedas producidas na Real Casa da Moeda do Canadá nos últimos anos:[65]

Ano Denominación do premio Entidade que o outorga Moeda, serie ou tema premiados
1985 Moeda do ano: mellor moeda. Krause Publications. Moeda de prata de 20 dólares: Xogos Olímpicos de 1988. Esquiador olímpico.[66]
1986 Moeda do ano: mellor moeda de ouro. Krause Publications. Moeda de ouro de 100 dólares: 450 aniversario da viaxe de Jacques Cartier.[67]
1988 Moeda do ano: mellor moeda de prata. Krause Publications. Moeda de prata dun dólar: 400 aniversario da travesía do estreito de Davis.[68]
1989 Moeda do ano: mellor moeda de prata. Krause Publications. Moeda de prata dun dólar: bicentenario da viaxe polo río Mackenzie.[69]
1993 Moeda do ano: mellor moeda de ouro. Krause Publications. Moeda de ouro de 100 dólares: coches antigos.[70]
1994 Moeda do ano: mellor moeda. Revista Munchen Magazin. Moeda de ouro de 200 dólares: Anne of green gables.[71]
1996 Moeda do ano: mellor moeda. Revista Munchen Magazin. Moeda de ouro de 100 dólares: 100 aniversario do achado de ouro en Klondike.[72]
1997 Mellor moeda. Singapore International Coin Show. Moeda de ouro de 200 dólares: arte contemporánea Haida.[73]
1998 Moeda do ano: mellor moeda de ouro. Krause Publications. Moeda de ouro de 100 dólares: Alexander Graham Bell.[74]
Moeda máis popular. Krause Publications. Moeda bimetálica circulante de 2 dólares: oso polar.[75]
1999 Excelencia na produción holográfica. Asociación Internacional de Fabricantes de Hologramas e Holografía. 20 aniversario da serie de moedas de ouro Maple Leaf.
2000 Moeda do ano: mellor moeda de ouro. Krause Publications. Moeda de ouro de 200 dólares: nai e fillo.[76]
Moeda tecnoloxicamente máis avanzada. Conferencia Mundial de Directores de Csas de Moeda. Moeda de prata de 20 dólares (con holograma): transportes.[77]
Moeda máis popular. Krause Publications. Moeda de prata dun dólar: 125 aniversario da Policía Montada do Canadá.[78]
2002 Moeda do Ano. Feira da Moeda de Asia. Serie de cinco valores Five Blessings ("Cinco beizóns") con simboloxía chinesa.
2006 Moeda máis innovadora do ano. Conferencia Mundial de Directores de Casas de Moeda. Moeda circulante de 25 cents (con cores): Remembrance Day.[79]
2007 Premios á excelencia na moeda: mellor moeda nova. Asociación Internacional de Asuntos Monetarios. Moeda de 25 cents (con cores): creando un futuro sen cancro de mama.[80]
Moeda do ano e moeda máis innovadora. Feira Mundial do Diñeiro (2008) Serie de moedas: Constelacións Osa Maior e Osa Menor.
Moeda máis inspiradora. Feira Mundial do Diñeiro (2008) Moeda de prata de 5 dólares: lazo rosa (contra o cancro de mama).[80][81]
2010 Premios á excelencia na moeda: mellor serie nova. Asociación Internacional de Asuntos Monetarios. Serie de moedas circulantes: Xogos Olímpicos e Paralímpicos de Inverno de Vancouver 2010.[81]
Moeda máis inspiradora. Feira Mundial do Diñeiro. Moeda dun quilo de prata da serie Towards Confederation ("cara á confederación").
2011 Moeda do ano: mellor moeda de prata. Krause Publications. Moeda de prata de 20 dólares: folerpa de neve de cristal incrustado.[82]
Moeda do ano: moeda máis artística. Krause Publications. Moeda de ouro de 300 dólares: Summer Moon Mask.
2012 Moeda do ano: moeda historicamente máis significativa. Krause Publications. Moeda de ouro de 100 dólares: 400 aniversario da descuberta da Baía Hudson.
Moeda do ano. VI Conferencia Internacional de Moedas Conmemorativas: Coin Constelation 2012 Moeda de ouro de 300 dólares (cun diamante incrustado): Queen's Diamond Jubilee.[83]
2013 Mellor innovación na moeda. Asociación Internacional de Asuntos Monetarios. Moedas circulantes de 1 e 2 dólares, de aceiro multicapa.
  1. 1,0 1,1 1,2 "Annual Report 2018". Páxina 34. Royan Canadian Mint / Monnaie royale canadienne.
  2. Stastna, K. (2012). "What are Crown corporations and why do they exist?". CBC. 1 de abril.
  3. 3,0 3,1 3,2 "Loi sur la Monnaie royale canadienne (LRC). 1985". En https://laws-lois.justice.gc.ca/fra
  4. "Circulation coins". Royal Canadian Mint / Monnaie royale canadienne.
  5. "Collecting coins". Royal Canadian Mint / Monnaie royale canadienne.
  6. "Bullion refined". Royal Canadian Mint / Monnaie royale canadienne.
  7. 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 Haxby, J. A. (1983).
  8. 8,0 8,1 "Corporate information: Board Members". Royal Canadian Mint.
  9. "Canada's Top 100 Employers (2020)". Canada's top 100.
  10. "Royal Canadian Mint to create digital currency". En The Star. 11 de abril de 2012.
  11. "Canadian Government to End ‘MintChip’ Digital Currency Program". Coindesk.com. 4 de abril de 2014.
  12. "Ottawa facility". Royal Canadian Mint / Monnaie royale canadienne.
  13. "Winnipeg Location". Royal Canadian Mint / Monnaie royale canadienne.
  14. "Sen título". En Hardware. 14 de febreiro de 1890. Páxina 3 (dous derradeiros parágrafos).
  15. "Motion: Cold coinage in Canada". En Debates of the Senate of the Dominio nof Canada. Otava. 1890. Páxina 170.
  16. 16,0 16,1 "History Arquivado 10 de abril de 2020 en Wayback Machine.". Royal Canadian Mint / Monnaie royale canadienne.
  17. 17,0 17,1 The CN Journal. Numismatic Association, Markham. Ontario. Vol. 53. Nº 1. Xaneiro-febreiro. 2008. Páxina 29.
  18. "Royal Canadian Mint National Historic Site of Canada". Canada's Historic Places.
  19. "Foreign coins struck by the Royal Canadian Mint Arquivado 03 de novembro de 2019 en Wayback Machine.". Canadian Numismatic Publishing Institute.
  20. 20,0 20,1 20,2 "Our services: Foreign coin production". Royal Canadian Mint.
  21. "Resilient and sustainable. Royal Canadian Mint Annual Report 2018 Arquivado 03 de xuño de 2020 en Wayback Machine.". Páxina 15. Royal Canadian Mint.
  22. 22,0 22,1 "Resilient and sustainable. Royal Canadian Mint Annual Report 2018 Arquivado 03 de xuño de 2020 en Wayback Machine.". Páxina 21. Royal Canadian Mint.
  23. "Appreciating Value. Royal Canadian Mint Annual Report 2004 Arquivado 04 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". Páxina 4. Royal Canadian Mint.
  24. "Thriving. Royal Canadian Mint Annual Report 2005 Arquivado 20 de outubro de 2020 en Wayback Machine.". Páxina 4. Royal Canadian Mint.
  25. "External Forces, Internal Strength. Royal Canadian Mint Annual Report 2006 Arquivado 25 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". Páxina 4. Royal Canadian Mint.
  26. "In anticipation of profit. Royal Canadian Mint Annual Report 2007 Arquivado 25 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". Páxina 4. Royal Canadian Mint.
  27. "Making History. Royal Canadian Mint Annual Report 2008 Arquivado 25 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". Páxina 4. Royal Canadian Mint.
  28. "World-Class Performance. Royal Canadian Mint Annual Report 2009 Arquivado 25 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". Páxina 4. Royal Canadian Mint.
  29. "We are here. Royal Canadian Mint Annual Report 2010 Arquivado 25 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". Páxina 2. Royal Canadian Mint.
  30. "From Main Street to Bay Street and Beyond. Royal Canadian Mint Annual Report 2011 Arquivado 25 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". Páxina 2. Royal Canadian Mint.
  31. "Breaking tradition. Royal Canadian Mint Annual Report 2012 Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". Páxina 30. Royal Canadian Mint.
  32. "Global leadership. Royal Canadian Mint Annual Report 2013". Páxina 16. Royal Canadian Mint.
  33. "Tomorrow's mint. Royal Canadian Mint Annual Report 2014 Arquivado 17 de outubro de 2019 en Wayback Machine.". Páxina 6. Royal Canadian Mint.
  34. "Focused on the future. Royal Canadian Mint Annual Report 2015 Arquivado 20 de outubro de 2020 en Wayback Machine.". Páxina 22. Royal Canadian Mint.
  35. "With pride and purpose. Royal Canadian Mint Annual Report 2016 Arquivado 04 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". Páxina 20. Royal Canadian Mint.
  36. "Delivering results. Royal Canadian Mint Annual Report 2017 Arquivado 08 de xullo de 2018 en Wayback Machine.". Páxina 21. Royal Canadian Mint.
  37. "Circulating coins". Royal Canadian Mint.
  38. "Faces of the monarch". Royal Canadian Mint.
  39. "Order Amending Part 2 of the Schedule to the Royal Canadian Mint Act". Canada Gazette. Government of Canada.
  40. "The penny's days are numbered". CBC. 29 de marzo de 2012.
  41. "Canada's Last Penny: Final Cent Struck In Winnipeg Friday As Currency Killed Arquivado 03 de xuño de 2020 en Wayback Machine.". Huffinton Post. 3 de xullo de 2012.
  42. "Singapore: planches produced for circulating coins Arquivado 04 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". Foreign coins struck by the Royal Cannadian Mint. Canadian Numismatic Publishing Institute.
  43. "Dominican Republic for circulation Arquivado 04 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". Foreign coins struck by the Royal Cannadian Mint. Canadian Numismatic Publishing Institute.
  44. "Brasil: planches produced for circulating coins Arquivado 04 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". Foreign coins struck by the Royal Cannadian Mint. Canadian Numismatic Publishing Institute.
  45. 45,0 45,1 45,2 45,3 "List of foreign countries with coinage struck at the Royal Canadian Mint Arquivado 03 de xuño de 2020 en Wayback Machine.". WordDisk.
  46. Bellomo, F. (2008). Páxina 148.
  47. "Yemen for circulation Arquivado 04 de febreiro de 2020 en Wayback Machine." e "Iceland for circulation Arquivado 04 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". Foreign coins struck by the Royal Cannadian Mint. Canadian Numismatic Publishing Institute.
  48. "Jamaica: numismatic issues Arquivado 04 de febreiro de 2020 en Wayback Machine." e "Venezuela for circulation Arquivado 04 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". Foreign coins struck by the Royal Cannadian Mint. Canadian Numismatic Publishing Institute.
  49. Bellomo, F. (2008). Páxina 149.
  50. "Papua New Guinea for circulation Arquivado 04 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". Foreign coins struck by the Royal Cannadian Mint. Canadian Numismatic Publishing Institute.
  51. "Royal Canadian Mint Secures Contract to Produce Currency Coins for Papua New Guinea Arquivado 06 de maio de 2021 en Wayback Machine.". Royal Canadian Mint.
  52. "New Zealand for circulation Arquivado 04 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". Foreign coins struck by the Royal Cannadian Mint. Canadian Numismatic Publishing Institut e.
  53. 53,0 53,1 "Medals, medallions & tokens from the Royal Canadian Mint". Royal Canadian Mint.
  54. 54,0 54,1 "Bullion products Arquivado 19 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". Royal Canadian Mint.
  55. 55,0 55,1 "Refinery". Royal Canadian Mint.
  56. "Our services". Royal Canadian Mint.
  57. "Metal refining Arquivado 04 de maio de 2020 en Wayback Machine.". Royal Canadian Mint.
  58. "Why choose Royal Canadian Mint Bullion Arquivado 02 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.". Royal Canadian Mint.
  59. "The Million Dollar Coin – a true milestone in minting". Royal Canadian Mint.
  60. 60,0 60,1 "10 Things You Probably Didn't Know About Medal-Making in Canada". Royal Canadian Mint.
  61. McCreery, C. (2010). The Canadian Forces’ Decoration. Directorate of Honours and Recognition. National Defence Headquarters.
  62. "2010 Olympic medal design unveiled". En CBC. 15 de outubro de 2009.
  63. "Vancouver 2010 Medals". Royal Canadian Mint.
  64. "TO2015 Unveils One-of-a-Kind Medals - A Unique Product of the Americas Arquivado 06 de maio de 2021 en Wayback Machine.". Royal Canadian Mint.
  65. "Award-winning coins". Royal Canadian Mint.
  66. "20 Dollars - Elizabeth II Alpine Skiing". Numista.
  67. "100 Dollars - Elizabeth II Jacques Cartier". Numista.
  68. "1 Dollar - Elizabeth II Davis Strait". Numista.
  69. "1 Dollar - Elizabeth II MacKenzie River". Numista.
  70. "100 Dollars - Elizabeth II The Featherstonhaugh". Numista.
  71. "200 Dollars - Canada Anne of Green Gables". Numista.
  72. "100 Dollars - Elizabeth II Klondike". Numista.
  73. "200 Dollars - Elizabeth II Raven Bringing Light to World". Numista.
  74. "100 Dollars - Elizabeth II Alexander Graham Bell". Numista.
  75. "2 Dollars - Elizabeth II 3rd portrait, Silver Proof Issue". Numista.
  76. "200 Dollars - Elizabeth II Mother and Child". Numista.
  77. "20 Dollars - Elizabeth II The Toronto". Numista.
  78. "1 Dollar - Elizabeth II Royal Canadian Mounted Police". Numista.
  79. "25 Cents - Elizabeth II Remembrance Day". Numista.
  80. 80,0 80,1 Serie Pink Ribbon: "25 Cents" / "5 Dollars". Numista.
  81. 81,0 81,1 "The Royal Canadian Mint Wins Coveted Awards at the 2008 World Money Fair in Berlin, Germany". En Coin News. 4 de febreiro de 2008.
  82. "20 Dollars - Elizabeth II Blue Crystal Snowflake". Numista.
  83. "300 dollars - The Queen’s Diamond Jubilee". Collectors coins. Coin database.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]