Real Casa da Moeda de Noruega
Real Casa da Moeda de Noruega –Den Kongelige Mynt– | |
---|---|
Complexo arquitectónico da Real Casa da Moeda de Noruega | |
Tipo | - Real Casa de Moeda (ata 2003) - Compañía privada (desde 2003). |
Fundación | 1686 |
Matriz | Samler Huset Group B. V. |
Localización | Kongsberg Noruega. |
Industria | Cuñaxe. |
Produtos | Moedas e medallas. |
Notas | |
Monumento Nacional de Noruega (2004)]]. | |
Na rede | |
http://www.myntverket.no/sider/tekst.asp?side=8 | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Real Casa da Moeda de Noruega (en noruegués: Den Kongelige Mynt), situada na cidade de Kongsberg, é a ceca que se encarga da cuñaxe das moedas de curso legal en Noruega, do sistema monetario da coroa norueguesa.[1]
As instalacións da ceca en Kongsberg, compostas polos tres edificios principais da ferrería, os talleres de cuñaxe e a residencia do mestre de ceca, foron declarados Monumento Nacional de Noruega en 2004.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]A casa de moeda fundouse en 1686 como unha parte do complexo de minaría de prata de Kongsberg (Kongsberg Sølvverk), na que se transformaba en moeda a prata extraída. A vea deste metal fora descuberta na zona en 1623 e nos primeiros anos a prata enviábase a Dinamarca para a súa cuñaxe, mais en 1628 determinouse que sería máis rendible facer todo o proceso na propia Noruega. Inicialmente, Cristián IV mandara construír unha ceca en Hovedtangen, na fortaleza de Akershus, en Christiania, e non foi ata 1686 cando a ceca se achegou ao complexo mineiro, nas novas instalacións de Kongsberg. A vinculación entre a ceca e a explotación mineira mantívose ata o pechamento desta última en 1957.[3]
En 1806, a Real Casa da Moeda pechou as súas portas e todo o seu equipamento foi enviado á Casa da Moeda de Dinamarca, en Copenhague, e as instalacións vendéronselle a un industrial local, fabricante de armas, mais o estoupido das guerras napoleónicas e a falta de moedas en circulación causaron que a ceca se reabrira no mesmo lugar en 1808.[3]
Nos seus inicios, a Real Casa da Moeda dependía da autoridade real danesa e gobernábase desde Copenhague. A partir da independencia de Noruega de 1814, desde 1816 o Ministerio de Finanzas noruegués asumiu a xestión da empresa, ata que en 1962 pasou a pertencer ao Banco Central de Noruega. En 2001 constituíuse como unha empresa privada, aínda que tendo o Banco Central de Noruega como accionista único.[3]
O 4 de xuño de 2003 o Banco Central desvinculouse totalmente da Casa da Moeda, ao lle vender o 50 % das accións á empresa Samlerhuset AS (unha distribuidora numismática privada neerlandesa) e o 50 % restante á Casa da Moeda de Finlandia. A privatización da empresa fixo que se modificase a súa denominación a Det Norske Myntverket ("Casa de Moeda Norueguesa").[4] Finalmente, en 2015, a compañía Samlerhuset adquiriulle á ceca finlandesa a súa participación e pasou a ser a única propietaria.[5]
Á parte da cuñaxe do circulante noruegués e doutros países, a compañía acadou prestixio pola súa produción de medallas, o que motivou que se lle leve confiando a cuñaxe das medallas de ouro do Premio Nobel da Paz, que se outorga en Noruega, desde hai máis de cen anos, cando se lle outorgara por vez primeira a Henry Dunant e a Fréderic Passy en 1901.[6]
Museo da Real Casa da Moeda de Noruega
[editar | editar a fonte]As coleccións históricas representativas da actividade da Real Casa da Moeda de Noruega en Kongsberg durante máis de 300 anos organízanse nun museo corporativo, que se constitúe como unha división do Museo Noruegués da Minaría. Nel amósanse moedas, medallas, ferramentas, modelos de moedas e outros obxectos relacionados coa cuñaxe, e tamén hai unha biblioteca numismática especializada.[7][8]
O museo é propiedade do Banco Central de Noruega, onde, por razóns de seguridade, se custodia unha parte da colección de moedas que non se exhiben no museo.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Mints of the World: Royal Norwegian Mint". Mints of the World.
- ↑ "Den kongelige mynt". Ficha da ceca na web da Dirección do Patrimonio Cultural de Noruega.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "Det Norske Myntverkets historie – over 330 års stolt tradisjon Arquivado 03 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.". Sitio web da Norske Myntverkets.
- ↑ "Sale of the Royal Norwegian Mint". Norges Bank.
- ↑ "Mint of Norway". Samler Huset Group B. V.
- ↑ "Nobels Fredsprismedalje – verdens mest prestisjefylte medalje". Sitio web da Norske Myntverkets.
- ↑ "Our Collections: The Coin and Medal Collection". Sitio web do Museo da Minaría de Noruega.
- ↑ "Norsk Bergverksmuseum Kongsberg". Showcaves.com
- ↑ "Norges Bank og Norsk Bergverksmuseum enige om forvaltningsavtale". Norges Bank.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Real Casa da Moeda de Noruega |