Saltar ao contido

Rally Mil Vistas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Competición deportivaRally Mil Vistas
Tipocarreira automobilística Editar o valor en Wikidata
Deporterally Editar o valor en Wikidata
OrganizadorSenra Sport Editar o valor en Wikidata
Parte deCampionato de Galicia de Rally Editar o valor en Wikidata
Localización  e  Datas
PaísEspaña Editar o valor en Wikidata
Vixencia1990 – 1994 Editar o valor en Wikidata
Datos estatísticos
Máis títulosGermán Castrillón Permuy (3) Editar o valor en Wikidata

O Rally Mil Vistas foi unha proba de rally que se celebrou anualmente entre 1990 e 1994 no concello de Muros e nos arredores, organizada por Senra Sport. A primeira edición celebrouse co nome de Rally da Coruña resultando gañador Germán Castrillón cun Ford Sierra Cosworth, pasando a chamarse nas seguintes edicións "Rally Mil Vistas". Era puntuable para o Campionato de Galicia de Rally.

En 1990 a Escudería Centollo, que viña organizando o Rally da Coruña dende os anos 60 cedeulle os dereitos de uso do nome a Senra Sport, o equipo fundado por Manuel Senra pouco antes, que deste xeito pasou a organizar o rally en Muros, aínda que co nome de 18º Rally da Coruña.[1] Ademais de por Muros, aquela primeira edición discorreu polos concellos de Carnota, Dumbría, Mazaricos e Vimianzo,[2] resultando gañadores Germán Castrillón e Estrella Castrillón a bordo dun Ford Sierra Cosworth, mentres que Manuel Senra e José Maceiras remataban segundo co seu Peugeot 205 GTI e o lucense José Luis Montero cun Lancia Delta Integrale completaba o podio.[3] Ademais con esta vitoria, Castrillón lograba os puntos necesarios para proclamarse campión galego por primeira vez na súa carreira.[4]

En 1991 a proba pasou a chamarse Rally Mil Vistas, facendo referencia ás vistas paisaxísticas que posúe a contorna no que se celebraba.[5] Germán Castrillón, que acudiu ao rally con José Manuel López Castrillón como copiloto, substituíndo a súa tía Estrella Castrillón que se recuperaba aínda do grave accidente sufrido no 27º Rally Rías Baixas, volveu lograr a vitoria, facilitada polos problemas dos seus principais rivais: Manuel Senra, que estaba marcando os mellores tempos nos primeiros treitos, tivo que retirarse despois de que o seu Peugeot 309 GTI quedase sen presión do aceite, mentres que o Citroën AX Sport de Arturo Rial e Mario Pazos caeu ao río, tendo que saíren polo portón traseiro.[6] A pesar do seu abandono, o rally serviulle a Rial para proclamarse campión galego por segunda vez, xa que o seu principal rival no campionato, Antonio Garrido, non acudiu á proba. Javier Piñeiro e Carlos Cascallar ocuparon o segundo caixón do podio, mentres que Miguel Dopico e Álvaro Louro fixeron o propio no terceiro.[6]

O Rally Mil Vistas de 1992 foi a derradeiro cita da tempada e chegouse a el co título xa decidido a favor de Castrillón, polo que este preferiu non participar. Sen o seu máximo rival, Manuel Senra, de novo co 309 GTI, logrou a vitoria comodamente por diante dos Citroën AX Sport de Javier Paz e Juan Carlos Táboas, nunha carreira marcada polas malas condicións meteorolóxicas, que provocaron numerosos abandonos e problemas aos participantes.[7]

A edición de 1993 estaba programada inicialmente para outubro pero problemas burocráticos fixeron que se adiase ata decembro, pechando deste xeito a tempada 1993. Germán Castrillón logrou a súa terceira vitoria, esta vez conducindo un Ford Escort Cosworth, co que lle sacou máis dun minuto a Miguel Dopico, que levaba un coche do mesmo modelo, e máis de dous minutos ao leonés Roberto Méndez, sobre un Renault Clio 16v. Senra, que foi segundo gran parte do rally, tivo que abandonar a falta de catro treitos pola rotura dun palier.[8]

En 1994 celebrouse a quinta e derradeira edición do rally. Nesta ocasión, na que destacaron as ausencias de Germán Castrillón e Manuel Senra, a vitoria foi para Miguel Dopico, seguido por Arturo Rial e José María Magdaleno.[9][10]

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Ano Edición Piloto Copiloto Vehículo Campionato
1990 18º Rally da Coruña Galicia Germán Castrillón Galicia Estrella Castrillón Ford Sierra Cosworth Galicia
1991 2º Rally Mil Vistas Galicia Germán Castrillón Galicia José M. López Castrillón Ford Sierra Cosworth Galicia
1992 3º Rally Mil Vistas Galicia Manuel Senra Galicia José Maceiras Peugeot 309 GTI 16v Galicia
1993 4º Rally Mil Vistas Galicia Germán Castrillón Galicia Estrella Castrillón Ford Escort Cosworth Galicia
1994 5º Rally Mil Vistas Galicia Miguel Dopico Galicia Álvaro Louro Ford Escort RS Cosworth Galicia
  1. Arévalo, Fernando (5 de novembro de 1990). "Senra Sport organizará el Rally de La Coruña, el próximo día 17". La Voz de Galicia (en castelán). p. 43. 
  2. "Cincuenta pilotos participarán en el rally que transcurrirá por Dumbría y Vimianzo". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de novembro de 1990. p. 52. 
  3. Arévalo, Fernando (19 de novembro de 1990). "Castrillón aún no se ve campeón gallego de rallies". La Voz de Galicia (en castelán). p. 44. 
  4. "Mañana se cierra la inscripción para el Rally de Ferrol, último del campeonato gallego". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de novembro de 1990. p. 42. 
  5. "Una carrera con mil vistas". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de novembro de 1991. p. 45. 
  6. 6,0 6,1 Arévalo, Fernando (4 de novembro de 1991). "El regreso al futuro de Germán Castrillón". La Voz de Galicia (en castelán). p. 50. 
  7. Arévalo, Fernando (15 de novembro de 1992). "Senra puso fin a su mala racha". La Voz de Galicia (en castelán). p. 60. 
  8. Arévalo, Fernando (13 de decembro de 1993). "Castrillón se quedó sin rivales". La Voz de Galicia (en castelán). p. 57. 
  9. Caamaño, Abel (7 de agosto de 1994). "Dopico ganó ayer la quinta edición del Rally Mil Vistas". La Voz de Galicia (en castelán). p. 41. 
  10. "Magdaleno encabeza la Copa Clío tras el segundo puesto del Rally de Muros". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de agosto de 1994. p. 41. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]