Saltar ao contido

Rabeno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Na mitoloxía galega, o rabeno é un ser mítico, humano ou de forma humana, que axexa ás mulleres nos campos, corredoiras e lugares deshabitados para abusar delas, o que evoca a figura dos sátiros da mitoloxía grega ou os faunos da mitoloxía romana. Risco di que é un sátiro dexenerado e vido a menos.

Descríbese como un ser masculino de aspecto humano, magro e de alta estatura, de cor pálida, macilenta, palliza ou amarelada; e de feito, outro dos nomes que recibe o rabeno é o de marelo. Adoita vestir traxes claros e cubrirse con gorra de viseira. Dise del que pode contaxiar a lepra ou algunha outra enfermidade da pel, o que o asemella ó home das bubas.[1]

A palabra rabeno, -a adoita aplicarse realmente a animais co rabo máis curto do habitual ou ó que llo cortaron, como tamén rabelo e rabón. Risco di que este ser mítico só lle falta o rabo para ser un fauno. Cómpre ter presente que un dos moitos nomes populares galegos do demo é o de rabeno (e mais o seu contrario, rabudo), o que incide no concepto maléfico que os labregos teñen do rabeno. No mesmo sentido, a lenda negra en Galicia tamén aseguraba que os xudeus tiña rabo.

Noutras culturas existen seres semellantes. Así, no País Vasco teñen ó Basajaun (que significa señor do mato), un ser aparentemente humano, que vive nos bosques e que se caracteriza por ter o pé de planta circular. Igualmente, en Asturias teñen o Busgoso e en Cantabria, o Trento.

Na Idade Media corría a crenza na existencia do home salvaxe, un ser mitolóxico que habitaba nos bosques e que tiña o corpo cuberto de abundante pelo, agás na cara, mans e pés. Viña a reprersentar o lado salvaxe, bestial, da natureza humana que carecía de calquera control sobre instintos e paixóns. A gran diferenza respecto ó rabeno e seres semellantes é que existían tanto homes como mulleres salvaxes aínda que se representan maioritariamente (en pinturas, miniaturas, como tenantes de escudos, etc) en forma masculina.

  1. Pola contra, existe a crenza de que a sífilis (ou mal ruín), e outras enfermidades venéreas, curaban se se mantiña sexo cunha muller virxe. Cuba engade que en África din que a sida se cura violando a unha virxe.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]