República Socialista Soviética de Uzbekistán
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2015.) |
Ўзбекистон Совет Социалистик Республикаси (uz) Узбекская Советская Социалистическая Республика (ru) | |||||
Himno | Hino da República Socialista Soviética do Uzbequistão (pt) | ||||
---|---|---|---|---|---|
Lema | «Proletarios de todos os países» | ||||
Localización | |||||
| |||||
Estado histórico | Unión Soviética | ||||
Capital | Bukhara (1924–1925) Samarcanda (1925–1930) Tashkent (1930–1991) | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 19.906.000 (44,49 hab./km²) | ||||
Lingua oficial | Lingua usbeka lingua rusa | ||||
Relixión | ateísmo de estado e Estado laico | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 447.400 km² | ||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 27 de outubro de 1924 | ||||
Disolución | 26 de decembro de 1991 | ||||
Sucedido por | Uzbekistán | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | república soviética | ||||
Moeda | Rublo soviético | ||||
A República Socialista Soviética de Uzbekistán (en uzbeko: Ўзбекистон Совет Социалистик Республикаси, O`zbekiston Sovet Sotsialistik Respublikasi; en ruso: Узбекская Советская Социалистическая Республика, Uzbekskaya Sovetskaya Sotsialisticheskaya Respublika), tamén coñecida como a RSS de Uzbekistán, foi unha das repúblicas que formaban a URSS. En 1991, a RSS de Uzbekistán independizouse e foi renomeado como "República de Uzbekistán."
Historia
[editar | editar a fonte]En 1924, as fronteiras políticas en Asia central foron trocadas por outras fronteiras étnicas, determinadas polo Comisario de Lenin para as Nacionalidades, Iosif Stalin. A República Socialista Soviética Autónoma do Turquestán, a República Popular de Buxara, e a República Popular de Corasmia foron abolidas e os seus territorios foron divididos en cinco repúblicas soviéticas separadas, unha delas a República Socialista Soviética Uzbeka, creada o 27 de outubro de 1924. Ao ano seguinte, converteuse nunha das repúblicas da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS).
Xénese da nación uzbeka
[editar | editar a fonte]Os bolxeviques que tomaron o poder en Rusia logo da Revolución de Outubro de 1917, atopáronse cunha forte resistencia por parte dos nacionalistas uzbekos (basmachis). Unha vez reprimida esta resistencia, os comunistas buscaron aliados entre os musulmáns progresistas xa que detectaron que unha represión demasiado severa podería provocar que os musulmáns do Turquestán se unisen ó exército branco. Algo que inquedaba dun xeito especial ós bolxeviques era o "panturanismo" (unión dos pobos turcos) o que explica que quixeran eliminar até o propio nome de Turquestán.
Uzbekistán, como república e como nación única e diferenciada, naceu logo de que o 27 de outubro de 1924 diversas entidades territoriais existentes en Asia Central (unha parte do Turquestán, da república de Buxara e da de Jwarizm) foran reagrupadas na República Socialista Soviética de Uzbekistán (RSS de Uzbekistán). As cinco repúblicas de Asia Central naceron a raíz da repartición territorial realizado baixo os auspicios do comisario para as nacionalidades da época, Stalin, segundo a distribución étnica das súas poboacións. Así creáronse numerosos encraves uzbekos en territorio kirguís e taxiko e viceversa. En 1936, a RSS de Uzbekistán ampliouse ó integrarse a República autónoma de Karakalpaquistán, que denantes formaba parte da RSS de Casaquistán.
Baixo o poder de Stalin
[editar | editar a fonte]En 1928, Stalin ordenou a colectivización forzosa de tódolos campesiños da Unión Soviética. A revolta dos basmachis uzbekos (esencialmente de orixe campesiña) iniciouse en 1916 e foi reprimida cara a 1926. A revolta comezou novamente pouco despois e non finalizou até os anos 1940.
Durante os anos 1937-38, durante as "grandes purgas" de Stalin, foron executados numerosos funcionarios e nacionalistas uzbekos, como o antigo primeiro ministro, Fayzullo Xojayev (Faizullá Jodzháyev, en transliteración do ruso). O islam foi tamén obxecto da represión de Stalin que buscaba acadar unha Unión Soviética completamente atea. A maioría das mesquitas foron pechadas e moitos activistas musulmáns executados.
Durante a segunda guerra mundial, Uzbekistán acolleu a milleiros de familias soviéticas que fuxían da invasión hitleriana, incluídos numerosos orfos de guerra, o que acelerou a ‘’rusificación’’ da república, sobre todo da súa capital, Tashkent. Unha parte das industrias pesadas da zona europea da URSS tamén foi evacuada. Estas fábricas situáronse en Uzbekistán logo da guerra, o que contribuíu á industrialización da zona.
Trala guerra
[editar | editar a fonte]A loita dos bolxeviques para acadar a emancipación das mulleres uzbekas foi un éxito: nos anos 50, eran moi poucas as que aínda levaban o chador e tódalas mozas recibían a mesma educación pública que os homes. O analfabetismo, case total en 1924, foi erradicado por completo cara a 1950.
O 26 de abril de 1966, a capital uzbeka e a súa rexión víronse seriamente afectados por un terremoto; iniciouse un extenso programa de reconstrución grazas á participación de tódalas repúblicas soviéticas. Isto provocou a cuarta onda de inmigración rusa no país, trala da época colonial, a dos bolxeviques e a que chegou coa segunda guerra mundial.
O 4 de xaneiro de 1966 organizouse en Tashkent a conferencia indo-paquistaní que permitiu o reinicio das relacións diplomáticas entre ámbolos dous países.
Despois de 1966, a capital uzbeka desenvolveuse de xeito considerable, converténdose na cidade máis poboada e moderna de toda Asia Central. Entre os anos sesenta e os anos oitenta, Tashkent albergou un prestixioso festival internacional de filmes de Asia, África e América Latina.
O problema do algodón
[editar | editar a fonte]Un tema que afectou de xeito notable á historia de Uzbekistán nos anos 1960-1980 foi o desenvolvemento intensivo do cultivo de algodón, ordenado por Moscova no marco da especialización das repúblicas soviéticas. A planificación soviética púxose como obxectivo producir seis millóns de toneladas do "ouro branco" uzbeko. Este desenvolvemento desenfreado, unido a un desmelloramento nas condicións das terras cultivábeis, tivo un impacto catastrófico sobre a ecoloxía da rexión: o emprego desproporcionado de fertilizantes químicos e de defoliantes envelenou a terra e as augas, mentres que a drenaxe acelerada dos recursos dos ríos Amu Daria e Sir Daria para o rego levou a un descenso do volume do mar de Aral, lugar de desembocadura destes ríos, que en corenta anos pasou a ter a metade da súa superficie.
Coa presión exercida por Moscova para que se producira aínda máis algodón, os dirixentes uzbekos desenvolveron un sistema corrupto para falsificar estatísticas. O xefe do partido e da República nesa época, Sharaf Rashidov, o seu contorno e o xenro de Leonid Brezhnev víronse involucrados no problema do algodón imaxinario, obtendo beneficios en ouro para o orzamento do Estado uzbeko así como para o peto dos principais implicados. En 1983, momento no que se desenmascarou a fraude, a maior da historia da Unión Soviética, Rashidov finou dunha crise cardíaca.
Malia a importancia deste asunto e da vontade do actual poder uzbeko de manter silencio sobre o seu pasado soviético, Rashidov está considerado como un dirixente que investiu no desenvolvemento da República e que, para obter de Moscova unha certa autonomía, practicou un xogo sutil de influencias e de emprego dos fallos do aparato soviético en beneficio de Uzbekistán.
O "tema uzbeko" e as súas consecuencias políticas
[editar | editar a fonte]Tralo escándalo do algodón de 1983, importantes acusacións de corrupción caeron dende Moscova sobre todo o territorio uzbeko, levándose a cabo unha importante investigación federal dirixida polos investigadores anti-fraude Gdlian e Ivanov. O resultado foi que case a totalidade do Estado uzbeko foi substituído e unha parte foi á cadea. O control directo de Moscova reforzouse, sobre todo durante o período de goberno do antigo xefe da KGB Yuri Andropov). Os dirixentes uzbekos fóronse sucedendo até 1990 xa que Moscova non quería que permaneceran no cargo o tempo suficiente para desenvolver unha nova estrutura de corrupción. Os efémeros xefes uzbekos foron Usmanjodzháyev (1983), Salimov (1983-1986), Nishanov (1986-1988), Jabibulláyev (1988-1989) e Ibraguimov (1989-1990).
Os pogroms dos turcos mesxetiáns
[editar | editar a fonte]En xuño de 1989, en plena Perestroika, producíronse unha serie de violentos enfrontamentos no val de Fergana que derivaron en auténticos pogroms destinados aos turco-mesxetiáns, deportados en 1944 dende Xeorxia por Stalin. Preto de 40.000 mesxetiáns fuxiron de Uzbekistán dos que 15.000 refuxiáronse en Rusia. A orixe destes pogroms é incerto: non se sabe se son consecuencia do nacionalismo uzbeko ou ben dun recrudecemento dos conflitos interétnicos que sucedéronse por toda a Unión Soviética a finais dos anos noventa.
Relacións con respecto á URSS
[editar | editar a fonte]Beneficiarios de importantes subvencións destinadas a solucionar o seu déficit de especialización no sector primario, Uzbekistán foi un fervente defensor de manter a URSS cando comezaron a escoitarse voces liberais grazas á perestroika e á glásnost. No referendo que organizou en 1991 Mikhail Gorbachev sobre o mantemento da URSS, unha esmagadora maioría de uzbekos votou "si".
Despois de diversas negociacións, a maioría das repúblicas soviéticas, incluída Uzbekistán, aceptaron un novo tratado que constituía unha URSS renovada (a Unión de repúblicas soberanas soviéticas) que convertía a estas repúblicas en soberanas dentro dunha federación cun presidente, unha política exterior e unha política militar común. O tratado debía ser asinado o 20 de agosto de 1991 pero as reticencias de Ucraína fixeron que os dirixentes uzbekos adoptaran unha postura de espera, agardando á evolución dos acontecementos. Rusia declarou entón a supremacía das leis rusas sobre as soviéticas. Anticipándose á ruptura da antiga URSS, o Sóviet Supremo da RSS de Uzbekistán declarou finalmente a independencia do país o 31 de agosto de 1991, ratificada máis tarde nun novo referendo que esta vez obtivo unha maioría esmagadora en favor da independencia.