Saltar ao contido

Provincia do Vierzo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa da Provincia do Vierzo (1786) de Tomás López.

A Provincia do Vierzo foi unha división administrativa provincial aprobada na Organización territorial de España de 1822. Comprendía a actual comarca do Bierzo (León), municipios hoxe repartidos entre as provincias de Lugo e Ourense e municipios da provincia de León alleos á actual comarca do Bierzo.

Introdución

[editar | editar a fonte]

Existiron diversas entidades administrativas bercianas durante a historia. Así, O Bierzo era unha das corenta provincias que formaban a Coroa de Castela desde o Repartimento de 1591.[1] Posteriormente, e ata a división territorial de Floridablanca, en 1789, uníaselle, habitualmente, a León e Asturias, referíndose nos documentos a ela como Partido de Ponferrada ou Provincia do Vierzo.

Tras 1789 faise necesaria unha nova reorganización do territorio, pero os sucesivos intentos de integrar O Bierzo na Provincia de León ou na Prefectura de Astorga[2] fan que a rexión do Bierzo siga reclamando o status de Provincia, aínda durante a guerra, e aínda existindo dous sectores enfrontados, que aínda que defendían no fondo o mesmo, formulábano de distintos xeitos:[3]

  • Partidarios do Antigo Réxime ou Conservadores: partidarios da división en Partidos.
  • Liberais: división inspirada no modelo departamental francés de 1791.

Sexa como fóra, necesitábase unha nova división, adecuada aos novos tempos, que sería impulsada pola incipiente burguesía, e para iso facía falta un novo modelo de estado.[1]

Antecedentes históricos

[editar | editar a fonte]
Carta dos Reis Católicos, dada en Salamanca o 2-12-1486, na que se fala sobre a Igrexa de Santo Tomás de las Ollas que se atopa na provincia del Bierso.

Como reflicte na súa obra o coñecido arqueólogo e historiador valisoletano Tomás Mañanes na súa obra, "El Bierzo romano y prerromano":[4] "Desde antigo esta zona individualizouse polos seus caracteres propios e vai ter sempre unha consideración señorial e administrativa baseada na súa delimitación xeográfica e a súa importancia estratéxica como lugar de paso".

Podemos atopar diversos exemplos desa identidade ao longo da historia do Bierzo, desde o afastado século VII no que se fala de territorio bergidense, ata cartas no 1567 en solicitando unha independencia administrativa. Como pon de relevancia o historiador astorgano José María Luengo, os bercianos seguían chamando, ao Bierzo, provincia, independentemente da fórmula administrativa na que se encadrase O Bierzo.[5] Xa no 1735, na portada da rarísima edición: "Príncipe da historia do soado santuario da nosa Señora das Hermitas", escrito por Juan Manuel de Contreras, di que era cura da parroquial de Santalla "na provincia do Bierzo" e en 1786, Tomás López realizou un mapa no que se pon de relevo a denominación habitual de "Provincia do Vierzo".

En 1780 constitúense os partidos de León, Asturias e Ponferrada.[6] En 1789 divídese a actual provincia de León en tres partes: León, Astorga e Ponferrada.[7]

En 1809 (durante a ocupación francesa) ao Bierzo chamóuselle Departamento do Sil converténdose os Partidos que formaban a división de 1780, nos seguintes: Asturias chamouse Departamento do Cabo de Peñas; León chamouse Departamento do Esla e Ponferrada, Departamento do Sil.

En 1810, o rei Xosé Bonaparte estableceu unha prefectura en Ourense da que dependía a subprefectura do Sil (o que actualmente é O Bierzo, Laciana e Valdeorras).

En resumo: durante o Antigo Réxime, a Provincia de Ponferrada, mantívose, cun carácter administrativo principalmente dentro da actual Castela e León (e en períodos máis ou menos curtos con Asturias, León e tamén con Ourense) a cal estaba dividida en intendencias en torno ás cidades con voto a Cortes.

A creación da Provincia do Vierzo. O Trienio Liberal

[editar | editar a fonte]

Tras a xura da Constitución de 1812 polo Rei o 9 de marzo de 1820 iníciase nas Cortes un novo proceso, con carácter de urxencia, de organización administrativa do Reino, nomeándose unha comisión.

A Provincia do Vierzo suscita numerosos problemas cuxo orixe é a rivalidade entre as dúas principais cidades da rexión: Ponferrada (468 veciños) e Vilafranca do Bierzo (690 veciños) enfrontadas desde a guerra representando a primeira aos novos poderes económicos, a nova burguesía (comerciantes e industriais), e a segunda aos poderes tradicionais do Antigo Réxime (pequena nobreza, terratenentes, clero). Ambas cidades poñen todos os seus recursos e argumentos ao servizo da obtención da capitalidade provincial.

No proxecto de división provincial do cartógrafo mallorquín Bauzá e do enxeñeiro Larramendi de 1821 contemplábase a creación da Provincia de Ponferrada, que quedaría, posteriormente descartada en favor da Provincia do Vierzo con capital en Vilafranca do Bierzo.

En setembro de 1821 a comisión encargada, decide constituír a Provincia do Vierzo, pero aínda queda por determinar a capitalidade comezándose o debate en si, o 10 de outubro, buscando as dúas candidatas apoios e argumentos ata o último momento resultando que o 15 de outubro prevalecen os argumentos de Vilafranca do Bierzo que pasa a ser a capital da Provincia do Vierzo.

O 27 de xaneiro de 1822[8] publícase o Decreto polo que O Bierzo convértese en provincia. Conta entón con 86.365 habitantes e exerce a súa xurisdición sobre os Partidos Xudiciais de Vilafranca do Bierzo, Ponferrada, Toreno e O Barco de Valdeorras, limitando ao norte con Asturias (ata o porto de Leitariegos), ao leste con León, ao sur con Zamora (o límite será a serra de Cabrera) e ao oeste con Lugo e Ourense (a fronteira será o antigo límite de Galicia).[9]

Posteriormente, o 31 de agosto de 1822 adhírese á provincia do Vierzo a comarca de Laciana, na fronteira norte e pequenos cambios nos outros puntos cardinais.[10]

Deputados provinciais

[editar | editar a fonte]
Sede da antiga Deputación da Provincia do Vierzo ou Provincia de Villafranca del Vierzo. Actualmente Convento dos Pais Paúles.

O 10 de marzo de 1822 noméase Xefe Político da Provincia do Vierzo ao avogado liberal, Juan de Zárate y Murga.

Os deputados que forman a Deputación Provincial son os mesmo que foron elixidos polo Bierzo para formar parte da Deputación Provincial de León cando O Bierzo formaba parte dela, establecéndose formalmente a toma de posesión das actas de deputados o 5 de maio de 1822 e o 3 de agosto a elección de xurados e Fiscal. Os deputados son Benito Lorenzo, párroco de Calamocos; Francisco Monasterio del Palacio, párroco de Bembibre; Eustaquio Mª. González Yebra y Cabeza de Vaca, veciño de Ponferrada; Manuel Mª. Losada, de Portela; Tomás Aquino Prada, de Rubiana; Antonio Valcarce, de Ponferrada; e Genadio Núñez, de Vilafranca. Os suplentes serían Joaquín Válgoma (Cacabelos), Francisco Francia (Vilafranca) e Pedro Regalado Gabilanes (Columbrianos). A sede da Deputación será o Colexio dos Xesuítas de Vilafranca. O 21 de agosto o coronel Carlos de Villapadierna é nomeado novo Xefe Político.

Final da provincia

[editar | editar a fonte]
División territorial de España en 1822 coa Provincia do Vierzo.

Trala invasión francesa de 7 de abril de 1823 (os Cen Mil Fillos de San Luís) só O Bierzo e Galicia, no cuadrante noroeste da Península Ibérica, seguían fieis á Constitución.

O Bierzo atopábase en estado de guerra desde o 16 de abril coas tropas do xeneral Bourke á entrada do Bierzo, preparándose para resistir, pero un armisticio (que non se comunica ás forzas bercianas comandadas polo coronel Francisco Colombo) retira as tropas constitucionais a Lugo o 4 de xullo. O mesmo día enviados do exército realista chegan aos concellos de Ponferrada e Vilafranca do Bierzo, destruíndo calquera simboloxía constitucional.

As forzas bercianas ao mando do novo Xefe Político da Provincia do Vierzo, Nicolás de Castro (con carácter interino), inician unha resistencia desde as montañas do oeste berciano. Acentuadas de rebeldes e malia as partidas enviadas para contelas, contraatacan e o 17 e 18 de agosto de 1823 toman Vilafranca do Bierzo e Ponferrada, respectivamente restablecendo a orde constitucional durante 4 días. As forzas constitucionais bercianas resisten ata finais de setembro.

Os novos gobernantes comezan as purgas contra os constitucionalistas, pero os distintos concellos e a poboación non colaboran negándose a delatar a simpatizantes constitucionais coas máis diversas escusas.[11] O 1 de outubro de 1823 decláranse nulas as actuacións do Goberno Constitucional, deixándose en suspenso a Provincia do Vierzo.

Tras un breve período no que O Bierzo forma parte da provincia de Lugo[12] e de Ourense e un novo arranxo administrativo no ano 1832 no que se inclúe ao Bierzo como "provincia segregada de Ourense e León",[13] o 30 de novembro de 1833 desígnase unha nova división territorial, creada por Javier de Burgos, na que non existe xa ningunha provincia berciana. A antiga provincia do Vierzo, é dividida en tres: a maior parte forma parte da provincia de León mentres once localidades pertencentes desde antigo ao meiriñado de Aguiar (Bierzo Oeste) foron outorgadas á provincia de Lugo e gran parte do que hoxe é a comarca de Valdeorras (cinco municipios actuais) pasan a formar parte da provincia de Ourense. Segundo o deputado leonés, Benito Lobato, "era partidario de deixar para Ourense unha parte do Bierzo con tal de manter a maior porción con León".[14]

Posteriormente houbo novos proxectos de organización territorial que contemplaban unha provincia berciana, tamén proposta como Provincia de Ponferrada, pero non chegaron a realizarse.

No 2021, o partido bercianista Coalición por el Bierzo presentou, a través do Bloque Nacionalista Galego e co gallo do douscentos aniversario da creación da "Provincia do Vierzo", unha iniciativa no parlamento galego para recoñecer o dereito do Bierzo a se converter en provincia e decidir o seu encaixe territorial mediante unha consulta popular.[15][16]

  1. 1,0 1,1 Historia do Bierzo. Edición do Instituto de Estudios Bercianos e o Diario de León. "La Provincia de El Bierzo". Autor Miguel J. García González
  2. Decreto do Rei Xosé Bonaparte, 17 de abril de 1810
  3. "Historia de El Bierzo. La Provincia de El Bierzo" Miguel J. García González.ISBN 84-88635-02-8
  4. Ed. Centro de Estudios San Isidoro. 1981
  5. José María Luengo. "Noticias históricas sobre la provincia del Bierzo". Semanario Promesa, páx. 19 1953
  6. Flórez, España Sagrada, t. XVI,20
  7. Diccionario Geográfico Universal. D. Antonio Vegas. 1795
  8. Gaceta de Madrid 1822
  9. "División provisional do territorio español de 27 de xaneiro de 1822". Arquivado dende o orixinal o 14 de decembro de 2009. Consultado o 31 de decembro de 2012. 
  10. Gaceta de Madrid 1822
  11. Entre as actas dos concellos bercianos atopamos frases como: "(...) non atopar actas dos anos pasados."
  12. García de la Foz: "Crónica de la provincia de León", páx. 8
  13. Matinot, "La provincia", 10-12
  14. J. Burgueño Rivero, 1995
  15. Bierzo, Coalición por El (2021-01-28). "CB presenta una histórica propuesta en el Parlamento de Galicia para recuperar la Provincia en su Bicentenario" (en castelán). Consultado o 2021-01-30. 
  16. Bloque Nacionalista Galego (2021). Proposición non de Lei sobre a "Provincia do Vierzo" (PDF). 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]