Polifemo
Nome orixinal | (el) Πολύφημος |
---|---|
Biografía | |
Grupo étnico | Ciclope |
Celebración | Mitoloxía grega |
Familia | |
Parella | Galatea |
Fillos | Keltos, Galas, Ilirio, Helpe |
Pais | Poseidón e Toosa |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Enciclopedia de Otto |
Na mitoloxía grega, Polifemo (en grego antigo Πολύφημος Polyphêmos, ‘de moitas palabras’) é o máis famoso dos ciclopes, fillo de Poseidón e da ninfa Toosa[1]. Era pastor de ovellas na illa dos Ciclopes e adóitase representar como un xigante barbudo cun só ollo na fronte e, por veces, coas orellas puntiagudas dun sátiro.
Polifemo na Odisea de Homero
[editar | editar a fonte]Poseidón apoiara o exército aqueo durante a Guerra de Troia pero acabou convertido nun inimigo acérrimo de Odiseo. Esta inimizade acentuaríase ata o extremo despois de que Odiseo cegase a Polifemo, sen saber que era fillo de Poseidón, e o deus provocáralle ó heroe un sen número de contratempos durante a viaxe de regreso dende Troia a Ítaca, que se prolongou durante dez anos. Xa dende o comezo da epopea da Odisea é evidente esta xenreira contra Odiseo na asemblea que celebran os deuses para acordar o retorno de Odiseo:
""Pero Poseidón, que cinxe a terra, mantense decontino, sen tregua, enfurecido a causa do ciclope, ó que lle cegou o ollo, a causa de Polifemo, cuxo poder é supremo sobre tódolos ciclopes. Deuno a luz a ninfa Toosa, filla de Forcis, que reina sobre o mar estéril. unha vez que se uniu a Poseidón en cóncavas grutas. Por iso, en efecto, Poseidón, o sacudidor da terra, non chega a dar morte a Odiseo pero afástao da súa terra patria"Odisea I, 68-75
No canto IX da Odisea, Odiseo e doce dos seus homes chegaron á illa dos Ciclopes e entraron nunha gran cova, o fogar de Polifemo[2], na que puideron comer dos queixos, cabuxos e outras viandas que alí había. Ó pouco chegou o ciclope cos seus rabaños e pechou a porta cunha gran rocha[3]. Ó descubrir ós home de Odiseo dentro da cova negouse a ofrecerlles a hospitalidade que o heroe solicitara, antes ó contrario procedeu a comerse a dous deles[4]. Tras dormir e almorzar con outros dous mariñeiros, saíu coas súas ovellas, deixándoos pechados dentro.
Durante a noite, Odiseo argallara a forma de escapar[5]. Para iso, cortou un tronco de oliveira que atopara na cova, puírono e endurecérono ó lume. Cando regresou Polifemo e acomodou o gando na cova, comeu outros dous mariñeiros pero, antes de que se deitase a dormir, Odiseo achegóuselle para ofrecerlle un odre de viño doce (que lle dera Marón (ou Maro), fillo dun sacerdote de Apolo, ó principio da viaxe). Da pureza do viño dá idea o feito de que antes de bebelo cumpría mesturalo "cruzando unha copa con vinte medidas de auga"[6]. Polifemo agradeceu o presente e prometeu, a cambio, que a Odiseo o comería o último, logo bebeu sen tino e caeu bébedo, momento que aproveitaron Odiseo e os seus para cravarlle a estaca que tiñan preparada no seu único ollo, deixándoo cego.
Polifemo comezou a berrar pedindo axuda ós outros ciclopes pero cando estes preguntaban que quen o estaba atacando, el contestaba que "Ninguén". Odiseo dixéralle que o seu nome era "υτις", outis, que pode traducirse como «Ningún home» ou «Ninguén». Os ciclopes, ó escoitar que Ninguén o fería, entenderon que Polifemo toleara, chegando á conclusión de que o maldicira un deus, e polo tanto non interviron. Para poder saír da cova, Odiseo e os seus tiñan que esperar a que o propio Polifemo retirara a pedra da porta, pois eles non podían con ela, pero o ciclope, cego, apalpaba as ovellas para asegurarse de que os homes de Odiseo non ían sobre elas. Así que o que fixeron foi atarse todos ó ventre das ovellas e colocar outras dúas, unha a cada lado, evitando así ser detectados.
Unha vez fóra da cova, escaparon correndo e levaron áncoras, aproveitando a ocasión de subir un bo número de carneiros ben cebados á nave. Cando xa estaban lonxe de abondo, Odiseo puido burlarse de Polifemo xactándose de que "Non te feriu ninguén, senón Odiseo, conquistador de cidades!" e facendo fincapé no feito de que fora castigado por Zeus por faltar á lei da hospitalidade. Polifemo lembrou nese momento que o adiviño Télemo xa lle agoirara que o deixaría cego un tal Odiseo, pero que esperaba que fose un mortal grande e moi forte, non un ser pequeno e sen forzas[7] e lanzou entón unha maldición sobre Odiseo, xunto con pesadas rochas que caeron tras o barco e que a piques estiveron de lanzalo contra a costa[8].
Polifemo en O Ciclope de Eurípides
[editar | editar a fonte]Este episodio da Odisea recóllese humoristicamente no único drama satírico conservado de Eurípides, titulado O Ciclope[9] no que se lle atribúe ao monstro unha tendencia homosexual. As liñas xerais da trama coinciden coa descrición de Homero, se ben se reduce sustancialmente o espazo temporal, desde os dous días e dúas noites no texto de Homero ata unhas poucas horas no de Eurípides.
Na comedia, Odiseo chega á illa buscando auga e comida e atópase con Sileno[10], un vello sátiro que atende en condicións de escravitude a Polifemo, mentres que os seus fillos, os sátiros, pastorean o gando. Odiseo pídelle comida e ofrece pagarlle con viño, algo que Sileno acepta encantado tras tantos anos privado de alcohol. Cando Sileno está a sacar queixos e años para darllos a Odiseo aparece Polifemo e esixe explicacións. Sileno, morto de medo, só sabe contestar que os estranxeiros lle estaban a roubar a comida e que el intentaba evitalo, o que Odiseo nega irado, apoiado polo corifeo (o director do coro nas traxedias clásicas, representando neste caso ós sátiros).
Odiseo ofrece máis viño a Polifemo ata embriagalo e, aproveitando que o ciclope se deita con Sileno, crávalle a estaca no ollo. Unha vez indefenso o monstro, xa poden escapar, e Odiseo lévase consigo ós sátiros, liberándoos da escravitude.
Polifemo na Eneida de Virxilio
[editar | editar a fonte]No libro III da Eneida, Virxilip conta cómo Eneas e os seus compañeiros, tras ser despedidos por Héleno e navegar desde Epiro até Sicilia, encontráronse con Aqueménides, un desventurado compañeiro de Odiseo, esquecido por este na cova da illa dos Ciclopes[11]. Logo de escoitar as súas súplicas de socorro e ceder ante elas, foron descubertos por Polifemo que, cun pavoroso clamor —que conmoveu o océano— advertiu da presenza dos intrusos ao resto dos ciclopes[12]. Aterrorizados, Eneas, Aqueménides e o resto da tripulación, lograron por fin escapar coa axuda dos ventos[13].
Polifemo nas artes
[editar | editar a fonte]Na pintura e escultura
[editar | editar a fonte]A presenza de Odiseo na pintura mural, cerámica, mosaico e escultura clásicas ata os nosos días é moi abundante, e o episodio do seu encontro con Polifemo nos seus sucesivos momentos foi especialmente representado. O momento en que Odiseo lle ofrece o viño a Polifemo reflíctese xa en vasos arcaicos, urnas funerarias etruscas e mosaicos, ata o século IV d. C.
O momento dramático en que Odiseo e os seus cegan a Polifemo xorde xa no século VII a. C., na ánfora de Eleusis do coñecido como Pintor de Polifemo, pero pouco a pouco vai desaparecendo da iconografía. O mesmo motivo aparecerá representado no conxunto escultórico de Sperlonga (c. 15 d. C.), que logo se describirá.
Tamén se reflicte xa no século VII a. C. o momento da fuxida da cova de Odiseo e os seus compañeiros baixo o ventre das ovellas, por veces en forma de friso. E o momento no que Polifemo lanza as rochas contra a nave ten xa poucas representacións (por exemplo, en pinturas pompeianas).
Na Idade Moderna seguen reinterpretándose estes momentos, en obras de Rubens (1636), Poussin (c. 1660), Turner (1829), Wiertz (1860) ou Pérez Villlta (Ulises e Polifemo, 1984).
Xa noutro contexto, tamén as desgraciadas relacións de Polifemo e Galatea foron motivo de inspiración para distintos artistas, como Giulio Romano (1528), Nicolas Poussin (1649), Odilon Redon (c. 1880) ou Francis Picabia (c. 1926). Auguste Rodin creou en 1888 unha escultura que recolle o momento en que Polifemo mata a Acis, o amado de Galatea.
-
Ánfora de Eleusis
-
Mosaico de Polifemo (Villa romana del Casale, Piazza Armerina, Sicilia)
-
Ulises, desde o barco, increpa a Polifemo (William Turner, 1829, National Gallery Londres)
-
Polifemo (Auguste Rodin, 1888)
-
O ciclope (Odilon Redon, c. 1914)
Grupo escultórico da gruta de Tiberio en Sperlonga
[editar | editar a fonte]Mención especial merece un conxunto escultórico descuberto en 1957 na cidade de Sperlonga, na costa do mar Tirreno da península italiana, durante a construción dunha estrada. O lugar foi un vello centro romano de veraneo, onde o emperador Tiberio (42 a. C. - 37 d. C.) mandou construír unha villa que incluía un comedor no interior dunha gruta natural na que se abría un estanque artificial comunicado con outro natural, exterior, máis amplo. A gruta acollía un conxunto de esculturas de gran tamaño que representaban diferentes episodios mitolóxicos, entre eles o enfrontamento de Odiseo con Polifemo. Outros tres grupos ("grupo de Escila e Caribdis", "Odiseo e Aquiles" e "Odiseo e Diomedes roubando o Paladio") completaban o conxunto. Xa no exterior estaba outra escultura que representaba o "Rapto de Ganimedes".
No momento do achado, as esculturas estaban completamenmte destruídas en innumerables fragmentos, o que explica que na reconstrución se botan en falta amplas zonas das figuras. A destrución puido deberse á caída do teito da gruta ou a unha destrución intencionada por parte dos monxes que ocuparon a villa no século IV e esnaquizaron as estatuas, para encher o estanque cos anacos.
En 1963 creouse no lugar o Museo Archeologico Nazionale e Area Archeologica di Sperlonga, que acolle a reconstrución e mais outras pezas arqueolóxicas atopadas na villa.
Na literatura: Acis e Galatea
[editar | editar a fonte]No seu ditirambo Ciclope ou Galatea, Filóxeno de Citera, un poeta dos séculos V-IV a. C., tratou por primeira vez o amor desgraciado de Polifemo por Galatea, unha nereida. Seguiuno o poeta grego de Sicilia Teócrito, quen escribiu dous poemas polo ano 275 a. C. sobre dito amor. Posteriormente, Ovidio retomou a trama nas súas Metamorfoses, introducindo o personaxe de Acis, amado de Galatea.
Segundo a versión ovidiana, cando Galatea rexeitou ao ciclope por ser demasiado badoco, en favor de Acis, un pastor siciliano, Polifemo, celoso, matouno cun croio. Galatea transformou o sangue de Acis nun río de Sicilia que leva este nome. Así Acis transformouse nun deus río.
Pero existen outras versións nas que esta relación acaba ben. Galatea termina namorándose do ciclope e acaban tendo varios fillos: Gálata, Celto e Ilirio, deuses epónimos dos gálatas, os celtas e os irilios, respectivamente.
A historia da traxedia romántica de Acis e Galatea foi continuada na literatura e música occidentais. Así, por exemplo, na literatura española o poeta barroco Luis Carrillo y Sotomayor é autor da Fábula de Acis y Galatea. Pero, sen dúbida, a versión máis coñecida é a que escribiu Góngora, Fábula de Polifemo y Galatea, que tivo diversas continuacións.[14]
Na música
[editar | editar a fonte]Por último, Georg Friedrich Händel estreou en 1718 a ópera Acis e Galatea, cun libreto de John Gay, Alexander Pope e John Hughes.
Outros personaxes mitolóxicos
[editar | editar a fonte]Adicionalmente, un dos argonautas chamábase Polifemo. Axudou a Heracles na súa procura de Hilas, e ambos foron abandonados polo Argo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Filla de Forcis, unha divindade mariña.
- ↑ Homero non dá datos que permitan identificar esta illa, pero tradicionalmente se cre que se trata de Sicilia, e a cova do ciclope estaría situada na aba do monte Etna. Esta situación xa consta así na comedia de Eurípides.
- ↑ Cando Odisea relata as súas aventuras a Alcínoo, rei dos feacios, que o acolle e axuda, describe o tamaño desta rocha con estas palabras: "Que non poderían mover vinte e dous carros robustos de catro rodas" (Odisea IX, 241.
- ↑ Polifemo coñecía o lume, pero comía carne crúa. Estes ciclopes eran xente túzara, sen leis, vivían lonxe uns doutros dedicados ó pastoreo, descoñecendo a agricultura.
- ↑ Tanto na Ilíada como na Odisea, Homero denomina a Odiseo cos epítetos cualificativos de o moi mañoso, o moi astuto, de moitas argucias, de moitas tretas, rico en ardides e conceptos similares. Tamén insiste unha e outra vez, no carácter mentireiro, moinante, falso, truán do heroe.
- ↑ Odisea IX, 210.
- ↑ Odisea IX, 507.
- ↑ Pseudo-Apolodoro: Epítome VII, 4-9.
- ↑ Os diferentes autores non achegan unha datación, nin sequera aproximada, desta obra, aínda que parece haber acordo en que se trataría dunha obra tardía.
- ↑ Nome xenérico dos sátiros chegados a vello. Dise que foi el quen educou a Dioniso.
- ↑ Cómpre advertir que na Odisea non aparece este personaxe.
- ↑ "Outros cen ciclopes terribles habitan esparexidos estas curvas ribeiras e vagan polos cumes dos seus montes" (Eneida III, 643).
- ↑ Virxilio: Eneida III, 590-691.
- ↑ Cruz Casado, Antonio (1990). "Secuelas de la Fábula de Polifemo y Galatea: versiones barrocas a lo burlesco y a lo divino". Criticón (49): 51–59. ISSN 0247-381X.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Polifemo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Elvira Barba, Miguel Ángel (2008 (3ª ed 2017)). Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex. ISBN 9788477378464. (en castelán) [especialmente, px. 482.483]
- Eurípides (2021 (11ª ed)). Tragedias I (El cíclope. Alcestis. Medea. Los Heráclidas. Hipólito. Andrómaca. Hécuba). Cátedra. ISBN 9788437605456. (en castelán)
- Graves, Robert (2019). Los mitos griegos. Gredos. ISBN 9788424999940. (en castelán) [especialmente px. 775-778]
- Grimal, Pierre (1981, 1ª ed; 2017, 7ª reimpr.). Diccionario de mitología griega y romana. Paidós. ISBN 9788449324574. (en castelán)
- Hixino (2009). Fábulas mitológicas. Alianza Editorial. ISBN 9788420650722. (en castelán) [especialmente, Fábula 125]
- Homero (trad. Carlos García Gual) (2005, 1ª ed; 2019, 5ª reimpr). Odisea. Alianza Editorial. ISBN 9788420674629. (en castelán)
- Pseudo-Apolodoro (2016 (3ª ed)). Biblioteca mitológica. Alianza Editorial. ISBN 9788491044277. (en castelán)
- Virxilio (1986 (7ª reimpr. 1996)). Eneida. Alianza Editorial. ISBN 8420601942. (en castelán)
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Imaxes de Polyphemus en The Warburg Institute Iconographic Database (en inglés)
- «Polyphemus» en Greek Mythology Link (en inglés)
- «Polyphemus» en Theoi Project (en inglés)
- Espacio narrativo: Estatuas de Sperlonga, una Odisea de mármol y memorias] (en castelán) [consultado o 31.12.2023]
- L’“Odissea di marmo”: la grotta di Tiberio a Sperlonga (en italiano) [consultado o 31.12.2023]
- Odiseo, el viaje infinito, conferencia de Eva Tobalina (catedrática de Historia Antiga na Universidade de Navarra), conferencia de Raíces de Europa, 14.08.2021 (en castelán) [consultado o 31.12.2023]