Piyama-radu
Piyama-radu foi un guerreiro posibelmente de Lazba (Lesbos) de onde era o seu avó, que intentou crear un reino á fronte dun continxente de aventureiros de Wilusa, Ahhiyawa, Millawanda, Seha e Arzawa (o antigo reino e outros territorios da rexión).
En tempo de Muwatallis II púxose ao servizo de Ahhiyawa nunha posíbel loita contra os hititas e despois casou coa filla de Atpa, rei de Millawanda. Lesbos era unha dependencia do rei de Seha, que permanecía leal aos hititas. Manapa-Tarhunta de Seha non participou ao lado do seu soberano o gran rei hitita nunha campaña contra Wilusa alegando estar moi doente (segundo unha carta quedara imposibilitado); talvez durante algún momento desta enfermidade, Piyama-radu atacou Lazba onde o seu avó minara a lealdade dos da illa ao rei de Seha. O Saripu (¿delegado?) de Seha en Lazba, e o Saripu do gran rei hitita na illa serían incitados polo avó a se rebelaren e, ao final, fixérono e pasáronse a Piyama-radu. O final da historia non se coñece, pero en todo caso Piyama-radu, coa axuda de Ahhiyawa e de Millawanda continuou o enfrontamento cos hititas durante bastante tempo. É preciso supoñer que os hititas e o novo rei de Seha, Masturi, probabelmente fillo e sucesor de Manapa-Tarhunta, acabaron reconquistando Lazba e que Piyama se estableceu en Millawanda co seu sogro.
Coa guerra civil entre Mursilis III e Hattusilis III, Wilusa e Ahhiyawa (e ben seguro tamén Millawanda) apoiaron a Mursilis, e ao ser este derrotado volvéronse de feito independentes. En Lukka a situación é pouco coñecida, pero aparentemente houbo desordes e a rexión púxose baixo a dirección dun home chamado Tawagalawa, irmán do rei de Ahhiyawa. Tawagalawa foi identificado co homérico Eteocles, fillo de Andreos de Orcómeno; Tawagalawa comezou a atacar territorio hitita, de xeito que Hattusilis III perdeu pronto o control da situación no suroeste, e a xente de Lukka chegou ao río Hulaya, distrito fronteirizo con capital en Hawaliya e aos distritos veciños de Natas, Parha (despois Perge en Panfília), Harhasuwanta e outros, de xeito que toda a costa ata Kizzuwatna quedou fóra do control do rei hitita. Os distritos fronteirizos de Wasuwatta e Harputtawana caeron en mans de rebeldes axudados por Lukka.
Esta situación foi aproveitada por Piyama-radu para invadir territorio hitita desde Millawanda e conquistou a terra do río Hulaya, chegando á Terra Baixa Hitita ata Nahita. Hattusilis marchou contra as forzas de Lukka e os demais rebeldes, incluíndo Piyama-radu, e expulsounos da Terra Baixa e da zona do río Hulaya, pero sen chegar á costa occidental, nin probabelmente a Panfília. Entón nomeou o seu sobriño Ulmi-Tesup (Kurunta), fillo de Muwatallis II, rei dun gran reino do suroeste, con capital en Tarhuntasa, que gobernou baixo o nome de Kurunta. Nos seguintes anos Kurunta dominou ata a costa ao sur, e ao oeste ata o río Kastaraya (Kaistros) e a cidade de Parha (Perge) na chaira panfilia.
Ao final do reinado, Wilusa volveu ser outra vez vasalo do rei hitita. Kurunta de Tarhuntasa entrevistouse co rei de Ahhiwaya a Millawanda e acordouse a retirada dos aqueos de Lukka, que retornou a control hitita, e os xefes locais apresuráronse a proclamaren a súa lealdade ao rei de Tarhuntasa e ao gran rei hitita. Entre os que se someteron estaba Piyama-radu, que estaba na cidade de Sallapa no momento en que escribiu a Hattusilis, quen fora a Lukka a afianzar a súa autoridade, e sometéuselle. Neste momento proclamárase rei de Arzawa e esperaba volverse un rei vasalo.
Hattusilis enviou ao seu herdeiro a Millawanda, onde se atopou con Piyama-radu e ambos subiron a un carro con Piyama-radu diante en signo de submisión. Pero Piyama-radu non se fiaba dos hititas e rexeitou comparecer na presenza de Hattusilis en Hattusa se antes non era recoñecido rei (de Arzawa seguramente), o que supuxo unha humillación para o príncipe herdeiro; Piyama-radu mantivo a súa lealdade, pero a distancia. Hattusilis foi ao oeste e cando chegou a Wiyanawanda, escribiulle e díxolle que lle enviase un delegado á cidade de Yalanda (baixo control de Piyama) para facer o acordo; pero Piyama-radu, que fora aumentando as súas sospeitas para co rei hitita, enviou ao seu irmán Lahurzi, que fixo unha emboscada aos hititas en tres lugares próximos a Yalanda. Aínda así, os hititas puideron chegar á cidade; Lahurzi retirouse e a cidade foi destruída.
Desde alí Hattusilis foi a Apawiya e escribiu a Piyama-radu a Millawanda ordenándolle comparecer. Tamén escribiu ao rei de Ahhiyawa protestando polas actividades de Piyama desde Millawanda, suxeito de Ahhiwaya; o rei aqueo deu permiso ao rei hitita para facer comparecer a Piyama (ordenouno a Atpa de Millawanda) e Hattusilis dirixiuse a Millawanda. A esta cidade entrou como gran rei e alí compareceu Tawagalawa (ex gobernante de Lukka) para ofrecer a súa lealdade ao rei. Atpa escoitou as queixas contra Piyama-radu pero este, mentres, colleu un barco e escapou. Hattusilis dirixiuse entón ao rei de Ahhiwaya e fíxolle unha relación das ofensas de Piyama-radu. Atpa e o rei de Ahhiyawa, que probabelmente seguían apoiando a Piyama, trataron de desculpalo; Hattusilis esixiu o retorno do sete mil prisioneiros (civís) feitos por Piyama en terras de Hatti, e intentou un acordo que evitase a guerra a pesar de que Piyama-radu escapaba ao castigo, acordo que finalmente se estableceu. Pero Piyama xa fora ao norte e actuaba na costa de Wilusa, onde había establecementos aqueos nos que recrutou novos continxentes, e entón intentaba crearse un reino alí, en Masa (Bitinia) e Karkissa (na costa do mar de Mármara) ou Karkiya (Caria).
Hattusilis, por medio do rei de Ahhiwaya ofreceu outra vez a Piyama-radu o sometemento a cambio do perdón. Non se sabe como foron os acontecementos, pero finalmente o rei de Ahhiwaya capturou a Piyama-radu e o entregou aos hititas.
Seguramente morreu prisioneiro en Hattusa ou algún outro lugar do Imperio Hitita.