Saltar ao contido

Pinnípedes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Pinnípede»)
Pinnípedes
Pinnipedia

Rango fósil: oligocenoholoceno (actualidade)

Foca común
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Placentalia
Orde: Carnivora
Suborde: Caniformia
Superfamilia: Pinnipedia
Illiger, 1811[1]
Subfamilias e Familias
Morsa.
Monachus schauinslandi.

Os pinnípedes (Pinnipedia) son unha superfamilia de mamíferos carnívoros da suborde dos caniformes.

Xunto cos cetáceos e os sirenios, son os únicos mamíferos adaptados á vida acuática, e adoitan vivir preto das costas, que utilizan para descansar, reproducirse e parir, estratexia reprodutora que recordan dos seus antepasados terrestres. Diferéncianse doutras especies de mamíferos mariños por teren pelo en todo o corpo e, con el e sobre todo coa grosa capa de graxa subepidérmica, conseguen o illamento térmico que precisan para a súa vida no mar.[2]

O seu corpo é alongado, coas patas curtas e as mans e os pés palmados en forma de aleta. Están presentes en todos os océanos e mares do mundo, menos no mar Caribe, onde abundaba unha especie, Neomonachus tropicalis, que se extinguiu probabelmente a mediados do século XX.

Adoitan seren gregarios, e se alimentan de peixes, moluscos e crustáceos.

Divídense en tres familias, as dos otaríidos (osos, lobos e leóns mariños), a dos fócidos (focas) e a dos odobénidos (cunha soa especie, a morsa).

O maior pinnípede é o elefante mariño, da familia dos fócidos, que pode medir ata 7 m de lonxitude.

Características

[editar | editar a fonte]

Son de tamaño grande, con lonxitudes que oscilan entre 1,4 e 5,7 m ou máis, e pesos de entre os 60 kg e as 3,5 t. O corpo é fusiforme, coa cabeza arredondada ou deprimida, o pescozo curto, así como a cola, que non se utiliza para a locomoción. Os principais mecanismos propulsores na auga son os membros, que están transformados en aletas e que sobresaen do tronco só na súa porción distal.[3]

Os pavillóns auditivos externos non existen (morsas e focas) ou é moi pequeno (nos otaríidos). O sentido do oído parece ser moi importante; a abertura do conduto auditivo péchase cando o animal se mergulla, e as vibracións poden transmitirse só polas súas paredes. O mesmo ocorre coas aberturas nasais. Os ollos son moi grandes e están adaptados á visión dentro e fóra da auga.[3]

A pelaxe é pouco densa, e presentan unha grosa capa adiposa baixo a tamén grosa pel, debaixo da derme, con funcións de illamento térmico, reserva enerxética e flotación. As vibrisas son numerosos e longas, formando bigotes e patillas.[2][3]

O cranio é parecido aos dos carnívoros fisípedes, pero coa parte facial acurtada; a caixa cranial é ancha e aplanada, con órbitas moi grandes. Os dentes adoitan seren pequenos, e os utiliza principalmente para suxeitar as presas, e non para triturar o alimento, polo que tenden a ter unha forma simple e uniforme, coa excepción da morsa que teñen os dentes caninos moi agrandados formando unhas chamadas defensas, pero que utilizan máis ben para escavar no fondo do mar que como defensa. O aparello dixestivo comprende un estómago simple, un intestino moi longo cun cego pequeno.[3]

O aparello respiratorio está adaptado para as inmersións prolongadas (as focas poden descender até os 200 m de profundidade, aínda que normalmente só chegan aos 100 m; as aberturas nasais, situadas ao final do fociño, mantéñense constantemente pechadas na inmersión, accionadas por músculos, e ábrenas só para respirar. Os pinnípedes poden permanecer baixo a auga até media hora, pero o normal é que o fagan só durante algúns minutos.[3]

Distribución

[editar | editar a fonte]

Os pinnípedes distribúense pola maioría dos mares e océanos do mundo, coa excepción das zonas máis cálidas do océano Índico, e son máis abundantes nos mares fríos, probabelmente debido á maior cantidade de alimento nestas augas. Os otaríidos viven fundamentalmente no hemisferio sur, pero grazas ás correntes frías alcanzan o ecuador, e tamén habitan no Pacífico norte. A área de distribución das morsas está limitada ás augas árticas. E as focas preséntanse nos mares de ambos os hemisferios. A foca barbuda e a anelada están distribuídas por todo o ártico; a foca común vive en dúas rexións separadas: o Atlántico norte e o Pacífico norte (polo que se cre que habitaba nos mares árticos antes da última glaciación. As focas frade son as típicas das augas máis cálidas, con tres especies do xénero Monachus presentes en tres zonas illadas: o Mediterráneo, o Pacífico, cerca das illas Hawai, e o Caribe (até mediados do século XX, cando se extinguiu Monachus tropicalis). Outro grupo de focas limítase ao Antártico. E un caso especial preséntano as focas do mar Caspio e do lago Baikal.[3]

Bioloxía

[editar | editar a fonte]

Reprodución

[editar | editar a fonte]

Non se sabe moito acerca da bioloxía dos pinnípedes cando están no mar, xa que a maior parte das observacións proceden das épocas que pasan en terra. Porque a diferenza dos cetáceos, son anfibios e poden moverse por terra máis ou menos torpemente. E só poden parir en terra.

Colonia de leóns mariños.

A maioría aparecen nas costas unha vez ao ano, na época da reprodución. Nesta época son moi gregarios e forman grandes colonias. Normalmente son os machos os primeiros en chegar, e comezan a loitar polo seu territorio. Cando chegan as femias, os machos forman haréns, que defenden de forma activa fronte aos outros machos. Os machos sobrantes, quedan fóra dos límites da colonia. Pouco tempo despois da chegada das femias ten lugar o parto, seguido dunha nova fecundación. No parto nace polo xeral unha cría, que é coidada pola nai durante catro ou cinco meses. Durante o tempo en terra, ás veces varios meses, os machos viven sen alimento, a base da graxa acumulada.[3]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

O alimento dos pinnípedes é moi variado: peixes, crustáceos, cefalópodos e algúns outros moluscos. As morsas aliméntanse principalmente de bivalvos, cuxo corpo extraen da cuncha antes de tragalos. A dieta de Lobodon carcinophagus consiste case totalmente de crustáceos peláxicos. E a chamada "foca leopardo" (Hydrurga leptonyx) e, máis raramente, outras especies, aliméntanse de pingüíns e crías de foca.[3]

Evolución

[editar | editar a fonte]

Os pinnípedes derivan de carnívoros terrestres, os antigamente denominados fisípedes (Fissipedia), hoxe caniformes). As estruturas do pulso e o encéfalo, así como outros trazos, suxiren que se deberon separar dos caniformes despois de que todos os carnívoros desenvolveran todas as súas estruturas típicas. Coñécense membros fósiles desta superfamilia desde o oligoceno, e xa nesta época presentaban todas as características propias de animais mariños, e incluso existían xa algunhas familias viventes; só a familia dos Desmatophocidae†, relacionada coa dos otaríidos, non existe actualmente, pero coñécese até o terciario final. Porén, so é posíbel propoñer algunhas poucas hipóteses preliminares sobre a orixe dos pinnípedes. As diversas diferenzas existentes entre os otaríidos e as morsas, por unha parte, e das focas pola outra, levaron a varios taxónomos a concluír que cada un destes grupos debeu orixinarse a partir de grupos separados de carnívoros: os leóns mariños e as morsas, a partir de osos, e as focas, a partir de lontras. Segundo outros taxónomos, este sería un grupo monofilético, e a súa división actual en familias tería lugar despois da súa adaptación á vida acuática.[3]

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Os pinnípedes divídense en tres familias actuais e dúas extintas:

Nota sobre a clasificación

[editar | editar a fonte]

Os pinnípedes até hai pouco tempo clasificábanse nunha orde separada da dos carnívoros (por exemplo, véxase Kowalski, K., 1981). Pero diversos estudos indican que comparten moitas semellanzas cos carnívoros terrestres e por iso agora están incluídos na orde dos carnívoros, e mesmo dentro da suborde dos caniformes, dividíndose nas tres familias citadas. Os leóns mariños e as morsas están moi emparentados cos osos, mentres que as focas están máis relacionadas coas lontras.

Os pinnípedes e o home

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Caza de focas.
Caza de focas en Terra Nova (Canadá). Debuxo dos anos 1880.

Desde tempo inmemorial cázanse todas as especies de focas. Estes animais son de importancia básica para os esquimós e outros pobos que viven moi ao norte.
Entre os séculos XVII e XIX cazáronse focas de maneira moi intensa para aproveitar a súa pel e a graxa, o que conduciu a moitas especies ao bordo da extinción.
Na actualide limitouse a caza destes animais, e as súas poboacións están aumentando os seus efectivos.
O otaríido Gallorhinus ursinus L. é o pinnípede máis apreciado pola súa pel, que alcanza elevados prezos no mercado. Antigamente a súa poboación era moi numerosa (estimábase nuns 2,5 millóns de individuos), pero a súa distribución en terra reducíase a só unhas poucas colonias de reprodución, e foi tan drasticamente reducida que a comezos do século XX acordouse un pacto internacional polo que se prohibía a súa caza peláxica e, de acordo con este tratado, podían sacrificarse anualmente uns 60 000 machos novos, e só cando estiveran en terra. O 15 % deste número asignouse ao Canadá e ao Xapón, como compensación pola perda dos dereitos de caza en mar aberto; do resto, obtéñense peles moi valiosas nos Estados Unidos. Os longos caninos das morsas son aínda hoxe obxecto de estima polos esquimós como material para a fabricación de obxectos de adorno.[3]

  1. Illiger, J. K. W. (1811). Prodromus Systematis Mammalium et Avium. Sumptibus C. Salfeld. pp. 138–39. 
  2. 2,0 2,1 Díaz d'a Silva e Cartelle (2007), p. 96.
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 Kowalski, K. (1981), pp. 464-473.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Díaz d'a Silva, J. I. e Cartelle, Y. (2007): "Fócidos" en Guía dos mamíferos de Galicia, pp. 96–103. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 978-84-96893-20-7.
  • Dugui, R. e Robineau, D. (1987): "Pinnípedos de Europa" en Guía de los mamíferos marinos de Europa, pp. 158–186. Barcelona: Ediciones Omega. ISBN 84-282-0811-5.
  • Kowalski, K. (1981): "Pinnipedia" en Mamíferos. Manual de teriología, pp. 464–472. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
  • Pérez Alberti, A. (dir.) (1982): Xeografía de Galicia. Tomo I. O medio. A Coruña: Edicións Sálvora. ISBN 84-85779-12-6.
  • Ríos Panisse, M. C. (1983): Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. II. Mamíferos, aves y algas. Verba, anexo 19. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compoostela. ISBN 84-7191-291-0.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]