Picoplancto
O picoplancto é a fracción do plancto composta por especies que miden entre 0,2 e 2 μm. Poden ser fundamentalmente especies fotosintéticas ou heterótrofas. Tamén pode haber algunhas especies mixótrofas (poden utilizar distintas fontes de enerxía e carbono). O picoplancto consta de especies procarióticas e eucarióticas.
O picoplancto é o responsable da maioría da produción primaria nas grandes correntes circulares (xiros) oligotróficos do océano. O picoplancto distínguese polo seu tamaño do nanoplancto (2-20 μm) e do microplancto (20-200 μm).[1] Como son especies pequenas, teñen unha maior razón superficie:volume, o que lles permite obter os escasos nutrientes presentes neses ecosistemas. Nótese que o prefixo do Sistema Internacional pico- úsase neste termo de forma pouco estrita, xa que son máis grandes que o que o prefixo indicaría, e ademais, o nanoplancto e o microplancto son só de 10 a 100 veces máis grandes, respectivamente.
As arqueas supoñen o 34% do picoplancto procariótico nas augas superficiais costeiras do Antártico, pero tamén son moi abundantes noutros océanos.[2]
O picoplancto fotosintético está composto por procariotas e eucariotas. Entre os procariotas os máis salientables son cianobacterias, entre os que destacan os xéneros Synechococcus (de zonas ecuatoriais mesotróficas) e Prochlorococcus (de zonas tropicais oligotróficas, onde pode chegar aos 100 millóns de células por litro.[3]) Entre o picoplancto eucariótico coñécense unhas 50 especies de algas, algunhas de clases especiais novas como Pelagophyceae (xénero Pelagomonas) e Bolidophyceae (Bolidomonas), e outras pertencentes ás Chlorophyceae (xénero Nanochloris), Prasinophyceae (Micromonas, Ostreococcus, Pycnococcus), Prymnesiophyceae (Imantonia) e Dictyochophyceae (Florenciella). As análises xenéticas de mostras mariñas descubriron tamén unha grande abundancia de Haptophyta e Cryptophyta entre o picoplancto.[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Alexander Vershinin. "Phytoplankton in the Black Sea". Russian Federal Children Center Orlyonok. Arquivado dende o orixinal o 12 de agosto de 2011. Consultado o 13 de xullo de 2014.
- ↑ Delong, E.F.; Wu, K.Y.; Prezelin, B.B.; Jovine, R.V.M. (1994). "High Abundance of Archaea in Antarctic Marine Picoplankton". Nature 371 (6499): 695–697. doi:10.1038/371695a0. PMID 7935813. Retrieved 2008-07-01.
- ↑ Partensky, F. et al. (1999). Prochlorococcus, a marine photosynthetic prokaryote of global significance. Microbiology and Molecular Biology Reviews 63: 106-27.
- ↑ Moon-van der Staay, S. Y. et al. (2001). Oceanic 18S rDNA sequences from picoplankton reveal unsuspected eukaryotic diversity. Nature 409: 607-10.