Saltar ao contido

Perseo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Perseo, coa cabeza de Medusa.

Perseo Περσεύς, o lendario fundador de Micenas e da dinastía micénica dos Aqueos, foi o primeiro dos heroes da mitoloxía grega cuxas fazañas na derrota de varios monstros deron pé á creación dos mitos dos deuses olímpicos. Perseo decapitou a gorgona Medusa, e salvou a Andrómeda do monstro mariño Ceto.[1]

Nacemento

[editar | editar a fonte]
Perseo sostendo a cabeza de Medusa (fresco de Pompeia)

Segundo a versión do Pseudo-Apolodoro e a de Pausanias, un oráculo anunciara a Acrisio, rei de Argos, que morrería a mans do seu propio neto. Para evitalo, Acrisio fixo encerrar a súa filla Dánae nunha torre de bronce (ou nunha cámara subterránea dese material) para impedir que tivese trato con ningún varón. Con todo, o rei dos deuses, Zeus, transformouse nunha choiva de ouro que caeu en Dánae desde o teito e deixouna embarazada. Pero había outra tradición que dicía que fora Preto, irmán de Acrisio, quen seducira a Dánae. En calquera caso, a princesa concibiu a Perseo. Ao decatarse Acrisio, non crendo divino o nacemento do neno, arroxouno con Dánae ao mar nun cofre de madeira. O mar foi acougado por Poseidón por petición de Zeus, e a nai e o fillo sobreviviron e alcanzaron a costa da illa de Sérifos. Nesa illa gobernaba o rei Polidectes, e o seu irmán Dictis recolleu a muller e o neno, a quen criaría como se fose o seu fillo.[2][3][4]

Expedición para matar a Medusa

[editar | editar a fonte]
Pintura de Joachim Wtewael: Perseo liberando a Andrómeda. Museo do Louvre. París. Os pintores renacentistas asociaron a miúdo, erroneamente, o voo de Perseo co cabalo alado Pegaso. Na tradición dos mitos gregos, Perseo voa cas súas sandalias aladas.

Máis tarde, Polidectes namorouse de Dánae. Pensando que o mozo Perseo podía ser un estorbo para os seus plans, intentou librarse del mediante unha estrataxema: fixo crer a todo o mundo que pretendía conquistar a princesa Hipodamía e pediu aos habitantes da illa que cada un lle entregase un agasallo como presente, para poder ofrecelo á súa vez á princesa. Perseo dixo que non poñería reparos para entregar calquera cousa: ata se fose a cabeza de Medusa, que era unha das tres Gorgonas e podía converter en pedra os homes só coa mirada. Polidectes aceptou como agasallos os cabalos doutros habitantes da illa, pero non aceptou os de Perseo, e mandoulle que lle trouxese a cabeza da Gorgona que lle prometera.[2][5]

Perseo partiu, guiado polos deuses Atenea e Hermes, en busca das fillas de Forcis: as graias, irmás das gorgonas. As graias eran tres anciás que só tiñan un ollo e un dente para as tres, e íanllos pasando unha á outra. Perseo arrebatoulles o ollo e o dente, e, a cambio de devolverllos, obrigounas a confesar onde vivían as Hespérides, pois Atenea dixéralle que elas lle darían armas para vencer a gorgona.

Así, Perseo atopou as ninfas, das que obtería un zurrón máxico (kibisis) para conter a cabeza sen perigo. Hermes deulle unhas sandalias aladas, Zeus deulle a súa fouce de adamante e o casco de Hades, que volvía invisible a quen o levase posto. Ademais, recibiu de Atenea un escudo brillante como un espello.

Armado con estes obxectos, Perseo chegou a introducirse na morada das Gorgonas, que, como as Graias, eran fillas de Forcis. Mentres estaban durmidas as Gorgonas, Perseo achegouse a elas. Atenea guiou a man de Perseo, que ademais usou como espello o escudo de bronce que lle prestou a deusa para ver a Medusa sen mirala directamente. Así, Perseo alcanzou a cortar a cabeza da Gorgona, da que naceron o cabalo alado Pegaso e o xigante Crisaor. Perseo saíu do palacio das Gorgonas. Esteno e Euríale, as irmás inmortais de Medusa, buscaron a Perseo pero non puideron atopalo porque o casco de Hades o facía invisible.[5][6]

Rescate de Andrómeda

[editar | editar a fonte]
Perseo mata a Polidectes.

Ao chegar a Etiopía ou, noutras versións, a Iafa, Perseo atopou a Andrómeda encadeada a unha rocha: mandárana deixar alí os seus pais, os reis Cefeo e Casiopea, para que fose devorada por un monstro mariño que fora enviado polos deuses como castigo por xactarse Casiopea de ser máis fermosa que as nereidas.[7] Un oráculo de Amón dixera que só se verían libres do monstro se lle era ofrecida Andrómeda como alimento. Perseo quedou prendado de Andrómeda e decidiu liberala. Tras pedir a man da princesa a Cefeo e Casiopea, matou o monstro coa súa espada, ou, segundo outras versións, petrificando unha parte do monstro ao mostrarlle a cabeza de Medusa.[6][8][9][10]

Durante o banquete de vodas con Andrómeda, chegou Fineo, tío paterno dela e á vez o seu prometido. Comezou unha batalla entre quen apoiaban o enlace e os partidarios de Fineo. Perseo matou a moitos, pero, ao ver a inferioridade numérica do seu bando, non tivo máis remedio que empregar a cabeza de Medusa para converter en pedra a Fineo e os que o acompañaban.[11] Perseo e Andrómeda lograron finalmente casar e chegaron a ter sete fillos: os varóns Perses, Alceo, Heleo, Méstor, Esténelo e Electrión, e unha filla chamada Gorgófone.[12]

  1. Pausanias: Descrición de Grecia, II, 15, 4.
  2. 2,0 2,1 Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitolóxica, II, 4, 1.
  3. Descrición de Grecia, II, 23, 7.
  4. Horacio: Odas, III, 16, 1.
  5. 5,0 5,1 Biblioteca mitológica, II, 4, 2.
  6. 6,0 6,1 Biblioteca, II, 4, 3.
  7. O nome que se dá a este monstro mariño e a outros é o de Ceto (κῆτος), que comparten coa deusa mariña do mesmo nome e cunha oceánide.
  8. Descrición de Grecia, IV, 35, 9.
  9. Metamorfose: IV, 669 - 789.
  10. Luciano de Samosata: Diálogos mariños (Ἐνάλιοι Διάλογοι), IX, 14: Tritón e as nereidas.
  11. Metamorfose, V, 1- 249.
  12. Biblioteca, II, 4, 5.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]