Permacultura
A permacultura é un sistema de principios de deseño agrícola e social focalizados na simulación ou directamente no uso de padróns e características observados no ecosistema natural. O termo permacultura foi desenvolto e acuñado por David Holmgren, por entón un estudante de grado no Departamento de Deseño Medioambiental na Universidade de Educación Avanzada de Tasmania, e Bill Mollison, profesor titular en Psicoloxía Ambiental na Universidade de Tasmania, en 1978.[1]
Concepto
[editar | editar a fonte]A verba "permacultura" aludía inicialmente á "agricultura permanente",[2][3] pero pasou tamén a equivaler a "cultura permanente", xa que se entendía que os aspectos sociais eran unha parte conformante dun sistema verdadeiramente sostible tal e como referenciaba a filosofía de agricultura natural de Masanobu Fukuoka.
Conta con diversas ramas que inclúen, se ben non se limitan a, deseño ecolóxico, enxeñería ecolóxica, deseño ambiental, e construción. A permacultura tamén inclúe a xestión integrada dos recursos hídricos que desenvolven a arquitectura sostible, e hábitat rexenerativo e autorregulado así como sistemas agrícolas modelados a partir de ecosistemas naturais.[4][5]
En palabras de Mollison:
A permacultura é unha filosofía de traballar con, e non contra a natureza; de observación prolongada e ben meditada en vez dun labor longo e desconsiderado; e de observar todas e cada unha das funcións propias das plantas e dos animais, en lugar de tratar calquera área como un sistema de produción única.[6]
Os doce principios
[editar | editar a fonte]Os 12 principios da permacultura que máis asiduamente se sinalan foron descritos inicialmente por David Holmgren no seu libro Permaculture: Principles e Pathways Beyond Sustainability (2002), traducible como "Permacultura: Principios e Camiños máis alá da Sostibilidade. Inclúen:
- Observar e interactuar.
- Adquirir e almacenar enerxía.
- Obter un rendemento.
- Aplicar autorregulación e aceptar retroalimentación (Feedback).
- Usar e valorar fontes renovables e servizos.
- Non producir residuos.
- Deseñar dende os patróns cara aos detalles.
- Integrar en lugar de segregar.
- Efectuar solucións pequenas e lentas.
- Usar e valorar a diversidade.
- Usar bordos e estimar o marxinal.
- Utilizar e responder ao cambio creativamente.
Zonas
[editar | editar a fonte]As zonas son unha forma de organizar de forma intelixente a contorna humana conforme ás súas necesidades. As zonas máis frecuentadas ao longo do día débense emprazar próximas ao fogar (a zona 0), é dicir, nas zonas 1 e 2, e as que son visitadas menos frecuentemente nas zonas da 3 á 5.
- Zona 0: a casa ou fogar no centro. Este é o punto de partida para que as persoas que habitan este lugar aforren esforzos para chegar ao resto das áreas, cubrindo do mesmo xeito as súas necesidades de auga e aproveitando recursos naturais como a luz solar. Así créase un modelo sostible onde vivir e traballar. Esta zona é unha designación informal, xa que Bill Mollison non a define en ningún dos seus libros.
- Zona 1: é a zona máis próxima ao fogar. Os elementos que se queiran establecer nesta zona deben ser os que máis se visiten, como as hortas onde hai plantas que se empregarán a diario como perexil, leituga, amorodos, etc. Tamén se pode localizar aquí unha zona de residuos orgánicos como un composteiro.
- Zona 2: aquí pódense sementar plantas perennes que requiran un mantemento menos frecuente que na zona 1. Unha visita ocasional para controlar as malas herbas ou podar. Aquí pódense atopar árbores froiteiras, cabazas, patacas, etc. É tamén un lugar ideal para colocar favos ou composteiros.
- Zona 3: a área onde se deben situar os principais cultivos como negocio. Despois do establecemento desta zona, requírese un mantemento mínimo como a rega e o control de malas herbas grazas ao mulch ou manta morta, que é unha cuberta que pode estar composta de palla, restos vexetais ou cortiza de piñeiro para protexer o chan do sol e evitar a evaporación da humidade facilmente.
- Zona 4: esta debería ser unha zona de bosques semisalvaxe. Está destinado a proporcionar forraxes, recoller alimentos salvaxes (como cogomelos) e leña.
- Zona 5: debe ser unha zona totalmente salvaxe, sen intervención humana algunha agás a observación da natureza e os seus ciclos. Ten a finalidade a preservar bacterias, fungos e insectos que axudarán ás zonas anteriormente mencionadas.
Historia
[editar | editar a fonte]En 1929, Joseph Russel Smith tomou un termo anterior como subtítulo para Tree Crops: A Permanent Agriculture (Cultivos de Árbores: Unha Agricultura Permanente), un libro no que resume a longa experiencia de experimentación tanto con froitas e froitos secos como con cultivos para a alimentación humana e animal.[7]
Smith vía o mundo como un todo interrelacionado e suxeriu sistemas mixtos de árbores e cultivos debaixo. Este libro inspirou a moitos individuos decididos a acadar unha agricultura máis sostible, tales como o cultivo dos montes no Xapón da década de 1930, do que foi pioneiro Toyohiko Kagawa.[8] A definición de agricultura permanente, como a que pode ser sostida indefinidamente, foi apoiada por P.A. Yeomans, australiano que escribiu Water for Every Farm, do inglés, Auga para todas as granxas. Yeomans introdiciu un enfoque baseado na observación do uso da terra na súa Australia natal na década de 1940, e o Deseño Keyline como unha forma de xestionar a subministración e distribución hídrica na década de 1950.[9]
En observacións de Holmgren, os traballos de Stewart Brand foron unha influencia temperá.[10] Outras inspiracións iniciais inclúen a Ruth Stout e a Esther Deans, quen foron pioneiras na xardinería sen escavación e Masanobu Fukuoka, quen a finais de 1930 no Xapón comezou a decantarse por hortos de sementeira directa (labranza cero), xardíns e agricultura natural.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Holmgren and Mollison (1978). Permaculture One. Transworld Publishers. p. 128. ISBN 0552980757.
- ↑ King 1911.
- ↑ Paull , John (2011) The making of an agricultural classic: Farmers of Forty Centuries or Permanent Agriculture in China, Korea and Japan, 1911-2011, Agricultural Sciences, 2 (3), pp. 175-180.
- ↑ Hemenway 2009, p. 5.
- ↑ Mars, Ross (2005). The Basics of Permaculture Design. Chelsea Green. p. 1. ISBN 978-1-85623-023-0.
- ↑ Mollison, B. (1991). Introduction to permaculture. Tasmania, Australia: Tagari.
- ↑ Smith, Joseph Russell; Smith, John (1987). Tree Crops: A permanent agriculture. Island Press. ISBN 978-1-59726873-8.
- ↑ Hart, Robert (1996), Forest Gardening, UK: Green Books, ISBN 978-1-60358050-2; ISBN 1-900322-02-1; p. 41
- ↑ Mollison, Bill (September 15–21, 1978). "The One-Straw Revolution by Masanobu Fukuoka". Nation Review; p. 18
- ↑ "Holmgren, David (2006). "The Essence of Permaculture". Holmgren Design Services. Retrieved 10 September 2011.". Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2008. Consultado o 26 de maio de 2008.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Bill Mollison.
- David Holmgren.
- Geoff Lawton.
- Agricultura ecolóxica, Agroecología e Silvicultura.
- Bioconstrucción.
- Acuaponía.
- Agrarismo.
- Masanobu Fukuoka.
- Ecoloxismo, Ecoloxía fonda e Ecoloxía radical.
- Cambio Climático, Decrecemento e Downshifting.
- Biomímese.
- Ecoaldea.
- Xardinería forestal.
- Feiras de produtos ecolóxicos.