Saltar ao contido

Pelerinaxes I

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Pelerinaxes I
Ben-Cho-Shey, Risco e Otero Pedrayo no pazo Gaión.[1]
Título orixinalPelerinaxes. Itinerario de Ourense ao San Andrés de Teixido
Autor/aRamón Otero Pedrayo
Ilustrador/aVicente Risco
OrixeGalicia
Linguagalego
Xénero(s)Libro de viaxes
Editorialeditorial Nós
Data de pub.25 de setembro de 1929
Páxinas236
editar datos en Wikidata ]

Pelerinaxes I é un libro de viaxes escrito por Ramón Otero Pedrayo, con prólogo e debuxos de Vicente Risco, editado por vez primeira en setembro de 1929 pola Editorial Nós.

No santuario do San Andrés non rezaron bispos nin reises. Carlo Magno non chegou a mollar a súa barba frorida nistas augas batidas por ventos infindos do mar e esprito lonxano. Ninguén pensou en afirmar os camiños, nin en botar arcos de ponte pros pelengrinos de San Andrés. É culto galego e mariño. Galego no senso de pobo, de capa social apegada ó granito e a pizarra.
Ramón Otero Pedrayo: Pelerinaxes I (1929)

Características

[editar | editar a fonte]

O libro conta a viaxe realizada por Otero Pedrayo (que na altura contaba con 39 anos de idade), Vicente Risco (tiña 42 anos) e Xosé Ramón Fernández-Oxea (31 anos) en xullo de 1927, desde Ourense até Santo André de Teixido. O texto inclúe un prólogo de Vicente Risco, no que explica que a viaxe se debe ao interese por coñecer a súa terra a pé, sen facelo como turistas nin en vehículos motorizados, e tamén con propósito científico, ao recadar coñecementos de xeografía, etnografía e socioloxía galega.

Santo André de Teixido.
Ides lêr o roteiro d’unha viage á pé, que uns galegos, nin turistas nin deportistas, fixemos cruzando do Sul pr’o Norte caxque toda a terra de Galiza, referido por quen millor sabe referir hoxe en día n-esta nosa terra, e ilustrado por quen puxo nas cousas que vía toda a curiosidade esculcadora dos seus ollos, cheos á aquela hora de contentamento (...).
Velaquí o camiño de Teixido. Quen de vivo aló non vaia, terá qu’ir de morto, en figura de cobra ou lagartiña. Gracias a Deus, nós levamos já isa angueira feita...
D’Ourense ao San Andrés de Teixido, veleiquí a terra toda debaixo dos nosos pés. E ollai com’andades, qu’ides por terra sagrada.
Prólogo de Vicente Risco

O texto combina a erudición poética de Otero á hora de describir a paisaxe, coa fina ironía e o talento artístico de Risco.

A viaxe comeza o luns 4 de xullo na praza do Ferro de Ourense, preto da rúa da Paz onde naceran e vivían Risco e Pedrayo. Cruzan o Miño pola ponte Nova e seguen a estrada de Santiago de Compostela. Collen o Camiño Real até Cudeiro e logo a estrada por Sobral e Gustei. Seguen cara a Cambeo e O Empalme da estrada de Santiago de Compostela coa de Lugo, onde toman a parva. Continúan cara a Reádegos e A Pena, onde estaba a vella casa consistorial de Vilamarín, e pouco despois deixan a estrada e toman os camiños que descenden o val do Barbantiño, cara a León e O Río. Xantan nunha pousada de Pazos, e pola tarde seguen polas Lamas de Aguada, Trasar de Sabugueiro e Trasar de Carballo, até chegaren a Viana.

Ó día seguinte saen por Axulfe e Comezo cara a Riazón e Nuxilde, onde se acollen nun forno. Seguen por Penasillás e San Cristovo até a estrada de Chantada a Rodeiro (a posterior C-533, actual LU-213), e van xantar a San Vicente (Argozón). Seguen por Xestoso, Campos e Susá até Cerdeda, e despois atravesan Cal de Mourelle, Olveda, Pereiras, Amoexa e Caira. Finalmente chegan até Casa de Naia e Monterroso, onde Otero compón unha oda ao xamón. Dormen no hotel Palace. O mércores 6 visitan a vila e a igrexa de Esporiz, sobre a que Ben-Cho-Shey fai un artigo para a revista Céltiga que aparece incluído no texto. Pola tarde saen cara a Palas de Rei, onde os acolle o boticario Avelino García Armesto.

Ó xamón, en Monterroso, 5 de xullo de 1927.

O día 7 collen o autobús Castromil até Lugo. Alí reúnense con Evaristo Correa Calderón, e xantan no mesón Santa Comba con el e outros amigos. Despois de facer sobremesa no Circo das Artes retoman a ruta cara a Outeiro de Rei e Rábade, onde dormen. O venres 8 de xullo xantan bacallau no mesón de Gaibor, e ás catro da tarde chegan a Vilalba, onde os agarda Antonio Noriega Varela.

O sábado 9 de xullo Noriega acompáñaos un pedazo pola estrada das Pontes de García Rodríguez. Xantan no mesón de Candamil, onde Risco cura as vinchocas de Otero. O domingo pola mañá Risco e Fernández-Oxea queren seguir camiñando cara a Ortigueira, e Otero Pedrayo vai até aló nun vehículo. Naquela vila tiñan previsto ofrecer unha conferencia galeguista, mais finalmente non saíu adiante.

O luns 11 de xullo (festividade de san Bieito de Nursia) cruzan a ría en barca motora até Mera, onde agardan por eles varios amigos que os acompañan no tramo final. Otero Pedrayo non pode camiñar e vai de a cabalo nun faco. Na reitoría de Santo André toman café e fuman co crego, Andrés Miragaya. Finalmente diríxense cara a Cariño para iniciar o camiño de volta.

O martes 12 xantan en Cariño cos amigos que os acompañaron e mais co crego da vila. Despois collen un auto até Viveiro, onde saúdan a Ramón Villar Ponte. Logo continúan en auto até Mondoñedo, Vilalba e Lugo, e desde alí van en tren até Monforte de Lemos e Ourense.

Edicións e obras relacionadas

[editar | editar a fonte]

O libro apareceu publicado por editado pola Editorial Nós en setembro de 1929. En 1993 Ediciós do Castro fixo unha edición facsimilar, e en xuño de 2017 foi publicado de novo por Editorial Galaxia[2].

A raíz da viaxe outras persoas fixeron o mesmo percorrido e a crónica correspondente. En 1984 os xornalistas Valentín González Carrera e Miguel Losada foron con dous amigos, e escribiron o libro Viaje al fin de los mundos (Deputación da Coruña, 1987). En 1988, co gallo do 100 aniversario do nacemento de Otero Pedrayo, os biólogos Rodrigo Pérez Pintos, Pura Marcet Miramontes e Fernando Sedano fixeron a ruta, que deu pé no Atlántico Diario ao texto Paseo por un país arrasado.

En 2015 Santiago Lamas e Alfonso Mato gañaron o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio coa obra De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de nós ao cabo do mundo. Neste texto analizan o libro de Otero Pedrayo e comparan o itinerario con outras obras literarias sobre viaxes, peregrinacións e rutas turísticas.

En 2016 editouse o filme Pelerinaxes, dirixido por Simone Saibene e interpretado por Carmen Méndez, Alfonso Míguez, Isabel Risco e Ruth Sabucedo. Luzía, unha investigadora licenciada en audiovisuais, percorre as oito etapas do camiño entre Ourense e Santo André de Teixido para rematar un proxecto audiovisual iniciado na universidade xunto cun compañeiro, finado anos atrás nun accidente[3][4].

  1. Fundación Penzol - X. F. (8/2/2020) "Peregrinar coa Xeración Nós en tempo real" La Voz de Galicia.
  2. Pelerinaxes. Itinerario de Ourense ao San Andrés de Teixido Arquivado 30 de xaneiro de 2018 en Wayback Machine., ficha do libro no sitio web de Galaxia.
  3. Pelerinaxes, ficha da película en Film Affinity.
  4. Pelerinaxes, ficha da película na web da Editorial Galaxia.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Arias, P. (2017). "Pelerinaxes, de Otero Pedrayo: unha homenaxe ao territorio e ás xentes que o poboan". Grial 55 (215): 10–11. ISSN 0017-4181.Arias&rft.date=2017&rft.genre=article&rft.issn=0017-4181&rft.issue=215&rft.jtitle=Grial&rft.pages=10-11&rft.volume=55&rft_val_fmt=info:ofi/fmt:kev:mtx:journal" class="Z3988"> 
  • Lamas, S. e Mato, A. (2016): De camiños, viaxeiros e camiñantes. Peregrinos de Nós ao cabo do mundo. Ed. Galaxia. ISBN 9788498656916

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]