Saltar ao contido

Pedro Henríques de Castela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaPedro Henríques de Castela
Biografía
Nacemento1355 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Morte2 de maio de 1400 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata (44/45 anos)
Ourense, España Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaigrexa de San Pedro de Lugo Editar o valor en Wikidata
Condestable de Castela
Pertegueiro maior de Santiago
Conde de Trastámara Condado de Trastámara
Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloConde de Trastámara
Conde de Lemos
Condado de Sarria Editar o valor en Wikidata
FamiliaHouse of Enríquez (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
CónxuxeSabela de Castro Editar o valor en Wikidata
FillosLeonor Enríquez, Constanza Enríquez, Fadrique Enríquez de Castilla, Beatriz Henríquez de Castro Editar o valor en Wikidata
PaiFadrique Alfonso, Lord of Haro Editar o valor en Wikidata
IrmánsAlfonso Enríquez
Leonor Enríquez de Castilla Editar o valor en Wikidata

Pedro Henríques de Castela, tamén coñecido como Pedro Enríquez de Castilla,[1] nado contra 1355,[2] e finado en Ourense o 2 de maio de 1400, foi un magnate castelán, fillo ilexítimo de Fadrique Afonso de Castela, mestre da Orde de Santiago.[3] [4] [5]

Era neto do rei Afonso XI de Castela.[5]

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Dominios en Galicia

[editar | editar a fonte]

Foi conde de Trastámara, de Lemos, de Sarria, de Viana e do Bolo,[2] señor de Traba e de Castro Caldelas, e tamén pertegueiro maior de Santiago, comendeiro maior dos bispados de Mondoñedo[6] e Lugo,[7] e de numerosos mosteiros galegos, como o de Santa María de Meira e San Xoán de Poio,[8] o que o convertía no magnate «máis poderoso»,[9] ou no «gran señor de Galicia»,[10] e continuador da saga de membros da realeza ou vinculados con ela,[11] como o infante Filipe de Castela, Pedro Fernández de Castro, Fernán Ruiz de Castro,[12] e Henrique de Trastámara,[13] que tiveron grandes posesións e exerceron destacados cargos neste Reino.[12]

Dominios en León e Castela

[editar | editar a fonte]

No último período da súa vida exerceu o cargo de condestable de Castela,[2] e conseguiu os señoríos de Ponferrada, Villafranca del Bierzo, Alba de Tormes e Paredes de Nava,[14] e, aínda que todas as súas posesións foron confiscadas en 1384 e 1394, conseguiu recuperalas en ambas as ocasións.[15]

O prestixioso medievalista Juan Torres Fontes sinalou que a «súa actividade no terreo político foi grande, aínda que sempre sen sorte estando sempre nun segundo piano, e nada fixo no aspecto militar e menos aínda exerceu o seu oficio de condestábel, só útil para cobrar os emolumentos que lle correspondían.[16]

Conflito co arcebispo de Santiago

[editar | editar a fonte]

Cómpre salientar o conflito que mantivo, entre 1384 e 1388, co arcebispo de Santiago de Compostela Juan García Manrique.

En 1384 ambos os dous grandes señores iniciaron un preito pola posesión de diversas propiedades entre as que figuraban unhas casas na praza das Mazarelas de Santiago de Compostela, a fortaleza e o territorio de Castro de Montes, na Terra de Montes, e a torre da Barreira, na parroquia de Riobó, que eran reclamadas por ambos os magnates, xunto coas terras desas zonas.[17] O preito intentouse resolver perante a Real Audiencia e Chancelaría de Valladolid, sendo os oidores nese momento o arcebispo de Toledo Pedro Tenorio, o bispo de Oviedo Gutierre de Toledo, e os doutores Álvar Martínez, Juan Alfonso e Pero Fernández. E na sentenza que se pronunciou en Torrijos sobre o preito o 17 de marzo de 1384,[18] quedou establecido que o conde Pedro Henríques debería devolver todas esas propiedades ao arcebispo compostelán nun prazo de trinta días a contar desde a publicación da sentenza, e aboar os costos do proceso, que ascenderon a mil trescentos cincuenta e nove marabedís.[19]

Pero a pesar de que na sentenza emitida en Torrijos en 1384 quedara establecido que todos eses bens deberían ser devoltos ao arcebispo polo conde de Trastámara, este último, alegando diversos dereitos e argüíndo «un pretexto detrás doutro», conseguiu pospoñer a aplicación da sentenza e retivo todos eses bens, xa que no caso das vivendas da praza das Mazarelas alegaba que se realizaran nelas traballos considerábeis ás súas expensas, aínda que admitiu que as tomara ilegalmente e pola súa «propia autoridade».[20]

Porén, o 24 de novembro de 1388, achándose o arcebispo Juan García Manrique e o conde Pedro Henríques en Medina del Campo, ambos os dous acordaron someterse ao veredicto que emitira unha comisión, á que outorgaron amplos poderes, que estaba composta por Lope Gómez de Lira, Fernán Peres de Andrade o Boo e Juan Rodríguez de Biedma, e quedou establecido que esta comisión ou tribunal tería potestade para facer cumprir o veredicto que se establecera acerca do destino deses bens e para sancionar cunha multa de 10 000 dobras de ouro castelás ao arcebispo ou ao conde en caso de que algún deles non se sometera ao veredicto establecido.[20]

E o 10 de decembro de 1388, en Medina del Campo, os membros da comisión antes mencionada sentenciaron que o conde de Trastámara xamais tivera «dereito ningún» sobre as casas da praza das Mazarelas, polo que foi obrigado a devolvelas ao arcebispo xunto con outras propiedades e a conseguir que a súa esposa, a condesa Isabel de Castro, aceptara a sentenza e se comprometera a respectala no futuro.[21]

Así e todo, a sentenza non foi totalmente desfavorábel para o conde, xa que para evitar que no futuro se produciran «discordias et contiendas et debates» quedou establecido que o arcebispo entregaría ao conde en dous prazos consecutivos 300 marcos de prata en concepto das sumas que o conde investira nesas propiedades e outros 30 000 marabedís «da moeda vella» polo que gastara nas casas da praza das Mazarelas.[21]

  1. Algúnos autores tamén o mencionan co nome de Pedro Enríquez ou, en menor medida, cos de Pedro de Castela, Pedro de Castro ou Pedro Enríquez de Castro. E o eclesiástico e historiador Antonio López Ferreiro sinalou que talvez adoptou este último nome tras o seu matrimonio con Isabel de Castro, filla do conde Álvar Pérez de Castro. Cf. López Ferreiro (1903), p. 222. Outros autores aseguran que o conde Pedro e os seus descendentes son «mal chamados Enríquez» e que deberían apelidarse Castela. Cf. Presedo Garazo e Framiñán Santas (2005), p. 113.
  2. 2,0 2,1 2,2 Salazar y Acha 2000, p. 449.
  3. González Crespo 1988, pp. 297-298.
  4. Martínez Sopena 1977, p. 27.
  5. 5,0 5,1 Acuña Rubio 2006, pp. 22-23.
  6. Villaamil y Castro 1873, pp. 27 e 33.
  7. Correa Arias 2008, p. 175.
  8. Villaamil y Castro 1873, p. 27.
  9. Múgica Seco 2012, p. 449.
  10. VV.AA. y Muñoz Gómez 2008, p. 125.
  11. Cendón Fernández y Barral Rivadulla 2003, pp. 371-373.
  12. 12,0 12,1 Pardo de Guevara y Valdés 2000a, pp. 128-131.
  13. Valdeón Baruque 1996, p. 17.
  14. Ruano 1779, p. 243.
  15. VV.AA. e Muñoz Gómez 2008, p. 127.
  16. Torres Fontes 1971, p. 68.
  17. Pardo de Guevara y Valdés 2000, p. 225.
  18. López Ferreiro 1903, pp. 224-225.
  19. Pardo de Guevara y Valdés 2000, pp. 225-226.
  20. 20,0 20,1 Pardo de Guevara y Valdés 2000, p. 226.
  21. 21,0 21,1 López Ferreiro 1903, p. 226.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]