Pedro Fernández de Andrade II
Biografía | |
---|---|
Nacemento | A principios século XV |
Morte | Segundo cuarto século XV |
Lugar de sepultura | Mosteiro de Santa María de Monfero |
4º Señor de Pontedeume | |
1431 – valor descoñecido ← Nuno Freire de Andrade, o Mao – María de Andrade ⊟ | |
Señor de Ferrol | |
Señor de Vilalba | |
Familia | |
Familia | Casa de Andrade |
Fillos | María de Andrade |
Pais | Nuno Freire de Andrade, o Mao e Beatriz de Valdés |
Pedro Fernández de Andrade II foi o cuarto Señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba. Herdou os señoríos do seu pai Nuno Freire de Andrade, o Mao por ser o primoxénito dos dous fillos que este deixou. O seu outro fillo, Fernán Pérez de Andrade, chamado o Mozo, chegaría tamén a posuír os señoríos dos Andrade.
Legados e doazóns
[editar | editar a fonte]Pouco se sabe deste Señor de Andrade. Polo seu testamento, datado en 1435, sábese que lle legou ao Mosteiro de Santa Catarina de Montefaro unha leira chamada dos Queimados. Así mesmo establecera algunhas fundacións con varias cargas piadosas no mosteiro de Monfero, onde recibiría sepultura. Á súa morte quedou como única herdeira a súa filla María de Andrade, menor de idade, polo que gobernou baixo a tutela do seu tío Fernán Pérez de Andrade, O Mozo.
Feitos salientables
[editar | editar a fonte]Diego de Samboulo
[editar | editar a fonte]Pedro Fernández de Andrade II, ao igual que os seus antecesores nos señoríos, mantivo constantes litixios cos mosteiros da zona. Nun destes, co mosteiro de Caaveiro, o rei Xoán II, dispuxo que devolvese aos frades os bens que lles tiña retidos, así como ao vasalo destes, don Diego de Saboulo, a quen tiña preso. Pedro Fernández contestara ao requirimento dicindo que non podería cumprir á segunda parte de liberar a Diego de Samboulo, xa que estando el en Castela, aconteceu que o seu irmán Fernán Pérez, o prendera no castelo de Andrade por ciertos eçesos e crímines quel avía fecho e que trantando de fuxir do castelo, saltou encadeado dos muros do castelo indo morrer alí mesmo, habendo testemuñas de tal feito.
Pouco críbles resultan as explicacións do Andrade, pois á vista do empeño que puxeron os frades de Caaveiro para acadar a súa liberdade, debía ser persoa de calidade e estimada.
Estes feitos serviron para que o coñecido escritor Francisco Tettamancy publicara en Lugo no 1903 unha lenda en verso co título deste persoeiro.
Pedro Padrón
[editar | editar a fonte]Foi Pedro Padrón procurador do Concello da vila de Ferrol, que fora nomeado polos seus veciños para protestar perante o rei Xoán II polas continuas aldraxes ás que os tiña sometidos o señor de Andrade. Con tal intención presentouse Pedro Padrón en Zamora o 18 de xaneiro de 1432, onde estaba daquela Xoán II, o cal non o quixo recibir. Trantando de evitar que a súa viaxe non fose estéril, solicitou a presenza dun escribano e un notario para que recollesen por escrito as súas protestas e demandas. Neste escrito de protesta invocaba ata cinco foros de reis anteriores onde se recoñecían ou ratificaban á vila de Ferrol unha serie de dereitos como o de gobernárense por si mesmos, polo cal reclamaban a nulidade do nomeamento dos señores de Andrade como señores de Ferrol.
Algún efecto debeu ter esta protesta xa que non se confirmou a Pedro Fernández de Andrade no señorío da terra ferrolá, se ben os seus descendentes recuperaríano. Así en 1440, nun foro outorgado polos frades de Montefaro, Fernán Pérez de Andrade, o Mozo, asina como titor da súa sobriña dona María de Andrade, señora das vilas de Pontedeume, Ferrol e Vilalba. E o 9 de xullo de 1442, xa morta María de Andrade, o rei Xoán II confirmaría a Fernán Pérez o Mozo no señorío de Ferrol.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Antonio Couceiro Freijomil: Historia de Pontedeume, 4ª ed. 1995. Xunta de Galicia ISBN 84-453-1437-8
Pedro Fernández de Andrade II Nacemento: ? Falecemento: ?
| ||
Aristocracia galega | ||
---|---|---|
Precedido por Nuno Freire de Andrade, o Mao
|
IV Señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba 1431 – ? |
Sucedido por María de Andrade |