Paredes, Ponteareas
Paredes | |
---|---|
Igrexa de San Cibrán de Paredes. | |
Concello | Ponteareas[1] |
Provincia | Pontevedra |
Coordenadas | 42°15′27″N 8°31′01″O / 42.25754863, -8.51705363 |
Poboación | 49 hab. (2022) |
Entidades de poboación | 3[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
San Cibrán de Paredes é unha parroquia que se localiza no concello de Ponteareas. Ten tres entidades de poboación: O Picouto, O Ramallal e O Toucedo.
Demografía
[editar | editar a fonte]Segundo o IGE,[2] en 2022 tiña 49 habitantes (23 homes e 26 mulleres), o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 72 habitantes.
Situación
[editar | editar a fonte]A parroquia de Paredes encóntrase no límite nororiental da depresión do río Tea, na prolongación natural que representa o pequeno e encaixado val do río Borbén, que serve de unión entre as terras montañosas do interior da provincia e o val do río Miño.
Historia
[editar | editar a fonte]A primeira mención coñecida da parroquia é nun documento do ano 1113, no cal Urraca de León doa "Paretem" e outras posesións a Pelai Velázquez, iniciándose neste momento a súa vinculación cos señores de Sobroso, tal e como apunta Ramón Rodríguez. Francisco Ávila cita un documento do ano 1549 no que o bispo de Tui, Juan de San Millán, confirma a repartición dos seus décimos; do documento despréndese que ademais de ser unha das parroquias máis pequenas da diocese, posuía xa nese momento unha das economías máis precarias, o que posteriormente significaría a salvación de parte do seu patrimonio.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]Igrexa de San Cibrán de Paredes
[editar | editar a fonte]O templo atópase na ladeira do monte Laredo. Ten restos románicos datados no século XIII, como os múltiples canzorros na parte superior dos muros laterais do templo e unha antefixa, que se alza sobre o vértice oriental do tellado da nave, formada pola combinación dunha cruz patada e outra de santo André, ou de catro lazos, integrada polas follas fusiformes dun cuadrifolio que ocupa os ángulos da primeira. A primeira reforma que se lle fixo data do ano de 1816, na que un mestre canteiro de Vigo consolidou a ábsida, o que probablemente supuxo a eliminación da antiga seteira e a apertura dun novo van rectangular no muro sur lateral da igrexa. A segunda reforma data do ano de 1875, na cal se fixo unha reedificación da nave, na que lle engadiron varios metros máis de lonxitude, fíxose unha nova fachada e un novo beirado en substitución do románico no muro sur e os primeiros metros do norte dende a fachada occidental. Tamén se substituíron os abeirados da ábsida, creouse a sancristía do muro sur e engadíronse os pináculos e cruces que ornamentan os vértices dos tellados.
Necrópole medieval de San Cibrán de Paredes
[editar | editar a fonte]Baixo os arredores da propia igrexa hai tumbas moi antigas de pedra. Moitas aínda conservan a súa fabrica medieval, da antiga necrópole medieval de Paredes.
Cruceiro do adro
[editar | editar a fonte]Situado no adro ao norte da igrexa. Posúe unha plataforma cuadrangular de dous chanzos. Ten un pedestal cúbico coas caras lisas e con arestas superiores e rebaixadas. Ten un varal de sección oitavada e posúe un capitel de forma cúbica con adornos e un anel de encontro co varal. A cruz non ten figuras.
Viacrucis
[editar | editar a fonte]Camiño ó redor da igrexa, formado por cruces de sección rectangular sobre o muro do adro. Algunhas destas cruces están perdidas.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Paredes
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Paredes no concello de Ponteareas (Pontevedra) | |
---|---|
Parroquias de Ponteareas
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
- ↑ IGE (ed.). "IGE - Nomenclátor estatístico de Galicia" (en galego). Consultado o 26 de febreiro de 2023.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Jonathan Zúñiga Puga (8 de xaneiro de 2013). "Parroquias: Paredes, un balcón de tradición sobre súa pequena ribeira". Ponteareas. Historia viva.
- Ramos Díaz, Manuel (2013). "Paredes" pp. 901-903. Enciclopedia del románico. Pontevedra. Fundación Santa María la Real. ISBN 978-84-15072-62-1 (en castelán).