Saltar ao contido

Pandeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pandeiro
Adufe, Pandeiro cadrado
Información
ClasificaciónPercusión
Instrumentos relacionadosPandeira
Pandeireta

Un pandeiro, adufe ou pandeiro cadrado, é un instrumento musical membranófono de percusión directa. Está formado por un marco cadrado de madeira e un parche de pel animal cosido sobre el.

Características

[editar | editar a fonte]

Estes antigos instrumentos de procedencia mediterránea eran xa coñecidos polas culturas mesopotámicas e no antigo Exipto. Na Península Ibérica o seu uso conservouse até a actualidade en diferentes rexións como Asturias, León, Cataluña[1] ou Portugal. En Galiza, aparece reproducido entre a iconografía románica dalgunhas igrexas desde o século XIII: San Miguel do Monte, San Martiño de Agudelo, Santa María de Ucelle,etc.[2]

Perspectiva interior dun pandeiro

O adufe, que foi o nome orixinal en galego para o instrumento até a súa substitución polo termo pandeiro,[3] consiste basicamente nunha pel, normalmente de cabra ou ovella, que envolve un bastidor de madeira fabricado con tal propósito. As medidas do bastidor varían, existindo algúns modelos máis pequenos, que se sosteñen coa man esquerda, e outros máis grandes que apoian nos dous antebrazos. Mesmo foi achado nos Ancares un tipo especial de pandeiro, de grandes dimensións, que tocaban dúas persoas cos puños co fin de escorrentar as treboadas.[4][5]

Para mellorar a súa sonoridade, os pandeiros cadrados adoitaban levar no interior varios bordóns tensados contra o parche. Tamén se lle introducían garavanzos, axóuxeres ou mesmo pequenas pedras que soaban ao percutir sobre o instrumento. Existían tradicionalmente diferentes xeitos de tanxelo,[6][7] e acostumaba acompañarse o seu son grave co son agudo das ferreñas, como testemuñan moitas das cantigas recollidas nos cancioneiros. O adufe foi empregado copiosamente por toda a xeografía galega para o acompañamento do canto e do baile en seráns e foliadas.[8] Porén, coa aparición da pandeireta a finais do século XIX, foi relegado nas preferencias populares até desapareceren por completo en moitos lugares.[9] De feito, nas recollas etnográficas iniciadas na década de 1980, só se atoparon en Galiza tocadoras en activo nas comarcas ourensás de Verín e Viana, e nas pontevedresas do Condado, da Paradanta e de Vigo.[10][2] A esta última pertencía unha das máis recoñecidas tocadoras galegas de pandeiro cadrado: María Grande Sobral (Maruxa das Cortellas).[11][12] Nas Frieiras destacou como intérprete e informante a señora Concha do Canizo.[13][14]

  1. "Recuperant el pandero quadrat". VilaWeb.cat (en catalán). Consultado o 2021-09-30. 
  2. 2,0 2,1 Prego Fernández, Luis (2016). "A pandeira e o pandeiro". Aturuxo (15): 38–39. 
  3. "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega » Pandeiro (cadrado)". Consultado o 2021-10-04. 
  4. Camafeita, Olga (2010). "Pandeiro". Dicionario da música popular en Galicia (PDF). Rinoceronte editora. 
  5. CanleXacarandaina (2020). A Maragata (MELIDE) (Gala 40 anos de música tradicional Xacarandaina) (Youtube). 
  6. "#22 Luis Prego. Al-Duff. Diferentes suxeicións do adufe/pandeiro galego". Percusión Galega. 2018-06-07. Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2021. Consultado o 2021-10-04. 
  7. "#33 Al-Duff. Luis Prego: tipoloxías de ataques para o pandeiro galego". Percusión Galega. 2018-10-04. Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2021. Consultado o 2021-10-04. 
  8. Feijóo, Julia (2016). “Este pandeiro que toco”. La entrevista etnográfica como herramienta para la reconstrucción del mapa histórico del repertorio acompañado de pandero cuadrado en Galicia (PDF). Actas do III Encontro Ibero-americano de Jovens Musicólogos (en castelán) (Tagus-Atlanticus Associação Cultural). p. 338. 
  9. Díaz, Xabier (2014). "As ferreñas fanlle o son..." Concerto didáctico. p. 18:05. 
  10. Feijóo, Julia (2016). “Este pandeiro que toco”. La entrevista etnográfica como herramienta para la reconstrucción del mapa histórico del repertorio acompañado de pandero cuadrado en Galicia (PDF). Actas do III Encontro Ibero-americano de Jovens Musicólogos (en castelán) (Tagus-Atlanticus Associação Cultural). p. 333-335. 
  11. Alalá nº 23 (2006). Maruxa das Cortellas. TVG. 
  12. Feixoo, Xulia (2017-12-09). "Maruxa das Cortellas". aCentral Folque. Consultado o 2022-08-19. 
  13. "O pandeiro de Concha do Canizo". Diario Cultural. 2022-08-18. Consultado o 2022-08-19. 
  14. Feixoo, Xulia (2021-11-23). "Concha do Canizo". aCentral folque. Consultado o 2022-08-19. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Carpintero Arias, Pablo (2010). Os Instrumentos musicais na tradición galega. Difusora de Letras, artes. ISBN 8492958057.Pablo&rft.aulast=Carpintero Arias&rft.btitle=Os Instrumentos musicais na tradición galega&rft.date=2010&rft.genre=book&rft.isbn=8492958057&rft.pub=Difusora de Letras, artes.&rft_id=http://www.consellodacultura.gal/asg/instrumentos/os-membranofonos/pandeiro-cadrado/&rft_val_fmt=info:ofi/fmt:kev:mtx:book" class="Z3988">