Saltar ao contido

Oscillococcinum

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Tubo aberto de tabletas de Oscillococcinum

Oscillococcinum (ou Oscillo[1][2]) é unha preparación homeopática que se vende para aliviar os síntomas da gripe, aínda que non está demostrado que proporcione ningún beneficio máis alá do placebo. É unha preparación bastante popular nalgúns países, especialmente en Francia e Rusia.

Oscillococcinum promociónase segundo o principio homeopático non probado de que "o similar cura o similar" e que unha doenza pode curarse con pequenas cantidades da substancia que causa síntomas similares. A empresa francesa Boiron é o seu único fabricante. Oscillococcinum utilízase en máis de 50 países e leva producíndose desde hai uns 65 anos.

Oscillococcinum foi proposto orixinalmente como remedio polo médico francés Joseph Roy, que se baseou nunha identificación errada que el fixera dunha suposta bacteria oscilante que el nomeou oscillococcus que atopara en vítimas da epidemia de gripe española de 1917–1918. J. Roy dixo que detectara a mesma bacteria tamén en pacientes de cancro e en fígado de pato e propuxo unha preparación homeopática como remedio para a gripe española. Dito microbio que J. Roy dixo que vira non foi nunca observado independentemente por ningún outro investigador. Ademais, sábese perfectamente que a gripe é causada por un virus e non por unha bacteria.[3]

A preparación obtense do fígado de pato e é extremadamente diluída ata 200C (na escala de dilucións homeopáticas), unha proporción dunha parte de víscera de pato en 10400 partes de auga, polo que polos principios da química non é razoablemente esperable que conteña ningunha molécula do principio activo.[4] Os homeópatas afirman que as moléculas deixan unha "impronta" na dilución que causa os efectos curativos no corpo; aínda que non hai ningunha proba que apoie este mecanismo de eficacia, alén do efecto placebo.[5][6][7]

Orixe e historia

[editar | editar a fonte]

A palabra Oscillococcinum foi acuñada polo médico francés Joseph Roy (1891–1978) no seu libro de 1925 Vers la connaissance et la guérison du cancer (Cara ao coñecemento e a cura do cancro).[4][8] Roy escribiu que estando no servizo militar durante a epidemia de gripe española de 1917 observara unha bacteria oscilante no sangue das vítimas da gripe, que el denominou Oscillococcus.[9]

Roy seguidamednte afirmou ter observado o microbio no sangue de pacientes que tiñan enfermidades virais como o herpes, varicela e herpes zóster.[9] Pensaba que era o axente causante de enfermidades tan variadas como eccema, reumatismo, tuberculose, sarampelo e cancro. Roy buscou a presenza da bacteria en varios animais ata que creu que a atopara no fígado dun pato branco Pekín (Anas platyrhynchos).[9] Como tamén cría que o detectara en sangue de pacientes de cancro, probou unha terapia similar ás vacinas con eles, pero non tivo éxito.[9]

O microbio nunca foi observado independentemente por ningún outro investigador, e non está claro que foi o que Roy realmente viu, se viu algo.[10] Ademais, a ciencia médica desbotou hai tempo a teoría do "xerme universal" de Roy, e, por exemplo, o reumatismo non está causado por unha bacteria e o sarampelo é causado por un virus moito máis pequeno do que é posible observar cun microscopio óptico como os usados por Roy.[4]

As preparacións modernas que se venden adoitan prepararse a partir do corazón e fígado do pato Cairina moschata (ver a sección Preparación para máis detalles).[11]

En Francia, a venda de todos os produtos fabricados segundo o principio de dilución korsakoviano estivo prohibida ata 1992, coa excepción de Oscillo, grazas a unha medida especial que se adoptou sobre el.[9] En 2000, Oscillococcinum era unha das medicinas que estaba entre as 10 primeiras vendidas en Francia, era publicitada nos medios de comunicación e era prescrita para a gripe e o arrefriado común.[9] En 2008 vendíase en case toda Europa e as vendas deste produto nos Estados Unidos eran de 15 millóns de dólares ao ano.[11]

Preparación

[editar | editar a fonte]

Os ingredientes dun tubo dun gramo de Oscillococcinum son os seguintes:

  • Ingrediente activo: Anas Barbariae Hepatis et Cordis Extractum (extracto do fígado e corazón do pato Cairina moschata) 200CK HPUS 1 × 10−400 g[11], o cal quere dicir que a dilución é tan grande que contería unha masa de principio activo moito menor que a masa dun protón (a masa do protón é 1,67 × 10−24 g[11]), polo que non se pode esperar que conteña ningunha molécula do principio.
  • Ingrediente inactivo: 0,85 g sacarosa, 0,15 g lactosa (por tanto, é 100% azucre.[12])

A dilución 200CK indica que a preparación se fixo realizando unha serie de 200 dilucións en serie do ingrediente de partida, que é un extracto de corazón e fígado de pato.[11] Cada paso de dilución implica realizar unha dilución 1:100, onde a primeira mestura contén un 1% do extracto, a segunda contén o 1% da primeira mestura, e así sucesivamente ata realizar 200 dilucións.[11] O K indica que se prepara polo método korsakoviano (de Semen Korsakov), no cal se mide o 1% da preparación en cada etapa e despois é diluída, baléirase un só recipiente repetidamente, vólvese a encher e sacódese vigorosamente (en terminoloxía homeopática estas sacudidas chámanse sucusión), e asúmese así que o 1% permanece no recipiente cada vez.[13] Coa disolución final imprégnase a pílula de azucre e déixase que se evapore. A dilución 200C é tan extrema que a pílula final non contén nada do material orixinal.[11][14]

Oscillococcinum considérase xeralmente un produto inofensivo. Cando lle preguntaron a Gina Casey, portavoz da empresa Boiron (a empresa que fabrica oscillococcinum), se un deses produtos feitos de corazón e fígado de pato era seguro, respondeu así: "Por suposto que é seguro. Non contén nada" ("Of course it is safe. There's nothing in it.").[12]

Non hai evidencias científicas convincentes que que Oscillococcinum teña ningún efecto a non ser o efecto placebo.[15] Ningún dos seus ingredientes activos está presente nunha dose do produto final, nin hai evidencias cribles de que o fígado de pato sexa efectivo para aliviar (ou causar) os síntomas da gripe. Os homeópatas afirman que as moléculas diluídas deixan unha especie de "impronta" no seu remedio, pero non se coñece ningún mecanismo por medio do cal isto puidese ocorrer.[11][16] A homeopatía é xeneralizadamente considerada como unha pseudociencia entre os expertos científicos.[17] Como explicou o crítico da medicina alternativa Robert L. Park, algunhas das características da gripe parecerían nun exame superficial suxerir que Oscillococcinum funciona. Como a gripe normalmente cura por si soa despois de pasados certo número de días, o curso natural da doenza é unha potencial fonte de erro á hora de estimar a eficacia de calquera intervención: se un toma calquera medicación e despois a gripe cúrase, hai a tendencia na xente de atribuír isto á medicación tomada, incluso se a infección curou por si soa,[11] o cal é un exemplo da falacia informal post hoc ergo propter hoc. Alguén que superou unha infección por unha cepa suave da gripe pode atribuír esta levidade da doenza á eficacia da preparación homeopática e non ao feito de que se tratase dunha cepa suave, e podería recomendala a outras persoas, espallándose así a popularidade do remedio.[11] Ademais, a explicación máis probable da súa efectividade cos síntomas da gripe é que os pacientes están diagnosticando incorrectamente síntomas similares aos da gripe propios de varias enfermidades causadas por rinovirus ou rinite alérxica a algunha substancia, atribuíndoos a unha gripe que non teñen.[11]

Unha revisión de 2005 dos tratamentos da gripe (vacina, medicina, homeopatía) concluíu que a popularidade do Oscillococcinum en Francia non podía ser sostida por ningunha evidencia da súa eficacia.[18]

Nunha revisión de 2007, a eficacia de remedios non convencionais contra a gripe estacional non puido ser establecida máis alá da dúbida razoable, e as evidencias que se atoparon e examinaron eran escasas e limitadas a estudos con "tamaños de mostra pequenos, baixa calidade metodolóxica ou tamaños de efectos clinicamente irrelevantes", e que os resultados se reforzan usando as estratexias convencionais de tratar a gripe.[6]

Unha revisión Cochrane publicada en decembro de 2015 atopou que debido á pobre calidade dos estudos revisados non había evidencias suficientes para chegar a unha conclusión sobre se Oscillococcinum é útil para tratar a gripe.[15]

Demandas legais e críticas

[editar | editar a fonte]

Nos Estados Unidos as organizacións educativas sen ánimo de lucro Center for Inquiry (CFI) e a asociada Committee for Skeptical Inquiry (CSI) enviaron peticións á FDA estadounidense, criticando a empresa Boiron por etiquetar e anunciar de forma enganosa o remedio Oscillococcinum. "Unha petición quéixase de que o empaquetado de Boiron de Oscillococcinum inclúe o ingrediente activo alegado (fígado e corazón de pato) só en latín. Outra petición quéixase de que o anuncio na web de Boiron deste produto implica que recbiu a aprobación da FDA". Ronald Lindsay, o presidente e xefe executivo do CFI e CSI, sostén que "se Boiron vai vender aceite de serpe, o menos que pode facer é utilizar o inglés nas súas etiquetas".[19]

Presentouse unha demanda colectiva contra Boiron en nome de "todos os residentes de California que mercaron Oscillo en calquera momento durante os pasados catro anos". A demanda acusaba a Boiron de "anunciar falsamente que Oscillo ten a capacidade de curar a gripe porque contén un ingrediente activo que afirma que está probado que elimina os síntomas da gripe en 48 horas". A demanda tamén sinalaba que o ingrediente activo indicado no produto Oscillococcinum (Oscillo) "é en realidade fígado e corazón do pato Carina moschata ... e que non ten ningunha cualidade medicinal coñecida".[20] Chegouse a un acordo, no que Boiron negaba calquera actuación incorrecta, pero estaba de acordo en facer varios cambios na súa comercialización do produto.[21] Estes cambios incluían engadir no seu empaquetado notas como "Estes 'Usos' non foron avaliados pola Administración de Alimentos e Medicinas" (FDA) e "C, K, CK e X son dilucións homeopáticas".[22]

Desde 2011, presentáronse nos Estados Unidos polo menos dúas demandas colectivas en nome dos consumidores que mercaron Oscillococcinum contra Boiron, alegando que Boiron anuncia falsamente que Oscillo ten a capacidade de curar a gripe.[23][24] Chegouse a unha proposta de acordo en agosto de 2012.[25] Aínda que este acordo foi apelado no Tribunal de Apelacións dos Estados Unidos da sala 9ª (circuit) por un dos demandantes que se opoñia ao acordo, o 24 de febreiro de 2015 a sala 9ª tomou a decisión de ratificar a aprobación do acordo da demanda colectiva.[26]

As ameazas legais de Boiron contra Samuele Riva por escribir críticas contra ela na súa páxina web foron rexeitadas pola empresa que alberga a súa páxina web, e díxose que este fracaso produciu un efecto publicitario contrario contra Boiron (ver efecto Streisand).[27]

  1. "Oscillo may help, but not by much". Los Angeles Times. 2008-02-18. 
  2. "How is "Oscillococcinum" pronounced?". Oscillo.com. 2013-01-24. Consultado o 2013-11-08. 
  3. "Flu - NHS Choices". National Health Service. April 2015. Consultado o 2017-01-14. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Nienhuys, Jan Willem (2003-08-23). "The True Story of Oscillococcinum". Consultado o 2007-02-23. 
  5. E Ernst (December 2002). "A systematic review of systematic reviews of homeopathy". Br J Clin Pharmacol 54 (6): 577–582. PMC 1874503. PMID 12492603. doi:10.1046/j.1365-2125.2002.01699.x. 
  6. 6,0 6,1 Ruoling Guo, Max H. Pittler, E Ernst (November 2007). "Complementary Medicine for Treating or Preventing Influenza or Influenza-like Illness". The American Journal of Medicine 120 (11): 923–929.e3. PMID 17976414. doi:10.1016/j.amjmed.2007.06.031. 
  7. "Questions and answers about homeopathy. 8. What has scientific research found out about whether homeopathy works?". US National Institute of Health (NCCAM research report). April 2003. Consultado o 2009-03-04.  NCCAM Publication No. D183
  8. Roy, Joseph (1925). Vers la connaissance et la guérison du cancer: vue nouvelle sur la constitution de la vie [Towards Knowledge and the Cure of Cancer: A New Vision About the Constitution of Life] (en francés). Ed. du Raisin. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 Abgrall, Jean-Marie (2000). Healing Or Stealing?: Medical Charlatans in the New Age. Algora. pp. 40–41. ISBN 978-1-892941-51-0. 
  10. "The Curious "Science" of Oscillococcinum". Office for Science and Society, McGill University. 2012-12-20. Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2013. Consultado o 2013-04-11. 
  11. 11,00 11,01 11,02 11,03 11,04 11,05 11,06 11,07 11,08 11,09 11,10 Park, Robert L. (2008). Superstition: Belief in the Age of Science. Princeton University Press. pp. 143–147. ISBN 978-0-691-13355-3. 
  12. 12,0 12,1 Dan McGraw. Flu Symptoms? Try Duck. U.S. News & World Report 2/9/97 page 2
  13. Kayne SB, Caldwell IM (2006). Homeopathic pharmacy: theory and practice (2 ed.). Elsevier Health Sciences. p. 97. ISBN 978-0-443-10160-1. 
  14. Park, Robert L. (2002). Voodoo Science: The Road from Foolishness to Fraud (reprint ed.). Oxford University Press. p. 53. ISBN 978-0-19-860443-3. 
  15. 15,0 15,1 Mathie, RT; Frye, J; Fisher, P (28 January 2015). "Homeopathic Oscillococcinum® for preventing and treating influenza and influenza-like illness.". The Cochrane Database of Systematic Reviews 1: CD001957. PMC 6726585. PMID 25629583. doi:10.1002/14651858.CD001957.pub6. 
  16. Toufexis Anastasia (25 September 1995). "Is homeopathy good medicine?". Time. p. 2. Arquivado dende o orixinal o 23 de outubro de 2012. Consultado o 2008-04-20. (o número de páxina dáse para a versión on line)
  17. National Science Board (April 2002). "Chapter 7 - Science and Technology: Public Attitudes and Public Understanding". Arlington, Virginia: National Science Foundation Directorate for Social, Behavioral and Economic Sciences. Arquivado dende o orixinal o 16 de xuño de 2016. Consultado o 17 de abril de 2021. 
  18. Van; der Wouden, JC; Bueving, HJ; Poole, P. (Nov 2005). "Preventing influenza: an overview of systematic reviews.". Respir. Med. 99 (11): 1341–9. PMID 16112852. doi:10.1016/j.rmed.2005.07.001. 
  19. "Citizen Petition calls on US FDA to review regulation of homeopathic drugs". The Pharma Letter. 18 September 2011. Consultado o 2011-09-20. Cita orixinal: One petition complains that Boiron’s packaging for Oscillococcinum lists the alleged active ingredient – duck liver and heart – in Latin only. Another petition complains that Boiron’s web ad for this product implies that it has received FDA approval. - If Boiron is going to sell snake oil, the least they can do is use English on their labels. 
  20. "Boiron Oscillococcinum Class Action Lawsuit". Top Class Actions. 8 August 2011. Consultado o 2011-09-24. Cita orixinal: falsely advertises that Oscillo has the ability to cure the flu because it contains an active ingredient it claims is proven to get rid of flu symptoms in 48 hours. ...is actually Muscovy Duck Liver and Heart ... and has no known medicinal quality. 
  21. "The Law Office of Ronald A. Marron, APLC and Patton Boggs LLP Announce Preliminary Approval of Class Action Settlement". Consultado o 30 May 2012. 
  22. "Gallucci v. Boiron, Inc. et al Settlement Agreement" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de marzo de 2013. Consultado o 30 May 2012. Cita orixinal: These 'Uses’ have not been evaluated by the Food and Drug Administration. ... C, K, CK e X are homeopathic dilutions. 
  23. Holter, Mike (8 August 2011). "Boiron Oscillococcinum Class Action Lawsuit". TopClassActions.com. Consultado o 2013-11-08. A demanda legal dicía "Desafortunadamente, os defensores obviaron informar aos consumidores da verdade sobre Oscillo e o seu suposto ingrediente activo". "A verdade é que o ingrediente activo indicado en Oscillo, Anas Barbariae Hepatis et Cordis Extractum, nin é activo para combater a gripe nin é realmente un ingrediente en Oscillo". (Orixinal: "Unfortunately, Defendants fail to inform consumers of the truth regarding Oscillo and is purported active ingredient". "The truth is that the listed active ingredient in Oscillo, Anas Barbariae Hepatis et Cordis Extractum, is neither active in combating the flu nor is it actually an ingredient in Oscillo.") 
  24. "Henry Gonzales v. Boiron Inc. et al" (PDF). CourthouseMews.com. August 4, 2011. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de marzo de 2016. Consultado o 17 de abril de 2021. 
  25. "Gallucci v. Boiron, Inc., et al." (PDF). gilardi.com. August 13, 2012. Arquivado dende o orixinal (PDF) o April 16, 2016. Consultado o 2013-11-08. Pursuant to the Court’s April 25, 2012 Order Granting Preliminary Approval (“PA Order”, Dkt. 89), Plaintiffs Salvatore Gallucci, Amy Aronica, Kim Jones, Doris Petty, and Jeanne Prinzivalli respectfully submit this Memorandum in support of their Motion for Final Approval of the proposed classwide Settlement with Defendants Boiron, Inc. and Boiron USA, Inc. 
  26. Bucher, Anne (2015-02-25). "9th Circuit Upholds Boiron Homeopathic Remedy Settlement". TopClassActions.com. Consultado o 2015-05-20. O martes, a sala 9ª do Tribunal de Apelacións dos EUA ratifica un acordo de demanda colectiva do remedio homeopático de Boiron despois de desestimar a un obxector que argumentara que o acordo de 2012 era resultado dunha colusión. Na súa apelación á sala 9ª, o obxector Henry Gonzales argumentaba que o acordo da demanda colectiva de Boiron non era xusto, razoable e adecuado. Tamén argumentaba que a cantidade de 5 millóns de dólares do acordo do anuncio falso representa menos do 1% das vendas polo miúdo de Boiron e que os membros da demanda colectiva terían tido mellores posibilidades dun acordo xusto se a demanda colectiva tivese ido a xuízo. O tribunal de apelación de tres maxistrados non deu a razón a Gonzales e considerou que o xuíz de distrito dos EUA John A. Houston non abusara da súa discreción ao aprobar o acordo da demanda colectiva de Boiron en 2012. (Orixinal: On Tuesday, the 9th U.S. Circuit Court of Appeals upheld a Boiron homeopathic remedy class action settlement after disagreeing with an objector who had argued the 2012 deal was the result of collusion. In his appeal to the 9th Circuit, objector Henry Gonzales argued that the Boiron class action settlement was not fair, reasonable and adequate. He also argued that the $5 million false advertising settlement amount represents less than 1 percent of Boiron’s retail sales and that Class Members would have had a better shot at a fair deal if the class action lawsuit had gone to trial. The three-judge appellate panel disagreed with Gonzales and found that U.S. District Judge John A. Houston did not abuse his discretion by approving the Boiron homeopathic remedy class action settlement back in 2012.) 
  27. The Web’s Backstroke Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine.. "In a classic case of "harm set, harm get", a French homeopathy giant earns public condemnation after threatening a private critic with legal action." Lab Times, May 2011

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]