OSIRIS-REx
OSIRIS-Rex | |
---|---|
Representación de OSIRIS-REx arredor de Bennu. | |
Tipo | Científico. |
Fabricante | Lockheed Martin Space Systems |
Organización | Universidade de Arizona/NASA |
Data de lanzamento | 8 de setembro de 2016, 23:05 GMT[1][2][3][4] |
Foguete portador | Atlas 5[1][5] |
Sitio de lanzamento | Cabo Cañaveral, rampla 41[1][6] |
Obxectivo da misión | Estudo e retorno de mostras do asteroide 101955 Bennu.[1][6] |
NSSDC ID | 2016-055A |
Masa | 1528 kg[1] |
Dimensións | Aproximadamente cúbica, 2,72 m de altura x 3,1 m de ancho. |
Insignia da misión | |
OSIRIS-REx (Origins, Spectral Interpretation, Resource Identification, Security, Regolith Explorer) é unha sonda espacial da Universidade de Arizona e da NASA lanzada o 8 de setembro de 2016 mediante un foguete Atlas 5 desde Cabo Cañaveral para estudar e recoller mostras do asteroide 101955 Bennu.[1][6][5]
Características
[editar | editar a fonte]OSIRIS-REx é a terceira misión do programa New Frontiers. Foi deseñada para estudar e recoller mostras dun asteroide próximo á Terra, 101955 Bennu, un asteroide carbonáceo de categoría Apolo, potencialmente perigoso. Os obxectivos de OSIRIS-REx son:
- Traer á Terra polo menos 60 gramos de material do asteroide, e ata un máximo de 2 kg.
- Cartografar as propiedades globais do asteroide, químicas e mineralóxicas.
- Documentar a textura, morfoloxía, química e propiedades espectrais do sitio de recollida de mostras.
- Medir a desviación da órbita do asteroide a causa de forzas non gravitatorias, como o efecto Yarkovsky.
- Caracterizar as propiedades globais do asteroide comparándoo coas observacións desde terra.
A nave foi lanzada o 8 de setembro de 2016 e chegou Bennu en decembro de 2018, estudandoo ata a recollida de mostras que tivo lugar en outubro de 2020. OSIRIS-REx deixará Bennu en 2021 para enviar as mostras recollidas nunha cápsula de reentrada atmosférica na Terra en setembro de 2023.[1][6][5]
A forma da nave é aproximadamente cúbica, con 2,72 m de altura e 3,1 m de ancho, e con dous paneis solares cunha superficie total de 8,5 m2 que xeran enerxía que é almacenada en varias baterías de ións de litio. A masa ao lanzamento, incluído propelente, era de 1529 kg. O sistema de propulsión usa propulsores de 200 N de impulso alimentados por hidracina e as comunicacións teñen lugar a través dunha antena parabólica de 2 m de diámetro. O mecanismo de recollida de mostras usa un brazo robótico denominado TAGSAM (Touch and Go Sample Acquisition Mechanism) cun cabeceiro cunha área de recolección e un sistema de chorros de nitróxeno para mover o regolito da superficie do asteroide e metelo no sistema de captura.[1][6][5]
Ademais do sistema de recollida de mostras OSIRIS-REx leva a bordo os seguintes instrumentos:[1][6][5]
- OSIRIS-REx Camera Suite (OCAMS), un conxunto de cámaras.
- OSIRIS-REx Laser Altimetry (OLA), un altímetro láser para estudar a forma do asteroide.
- OSIRIS-REx Visible and IR SPectrometer (OVIRS), un espectrómetro para lonxitudes de onda visibles e infravermellas.
- OSIRIS-REx Thermal Emission Spectrometer (OTES), un espectrómetro para estudar a emisión térmica do asteroide.
- Spacecraft Telecom, para facer experimentos de gravidade e calcular a masa de Bennu.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 1,8 NASA (14 de maio de 2020). "OSIRIS-REx" (en inglés). Consultado o 13 de decembro de 2020.
- ↑ N2YO (2020). Real Time Satellite Tracking, ed. "OSIRIS-REX" (en inglés). Consultado o 13 de decembro de 2020.
- ↑ Claude Lafleur (2020). "OSIRIS-REx" (en inglés). Consultado o 13 de decembro de 2020.
- ↑ "Note verbale dated 31 May 2017 from the Permanent Mission of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (17-09009 (E)). 21 de decembro de 2017: 2. Consultado o 24 de novembro de 2024.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Gunter Dirk Krebs (2020). Gunter's Space Page, ed. "OSIRIS-REx (New Frontiers 3)" (en inglés). Consultado o 13 de decembro de 2020.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 6,5 Mark Wade (2020). "OSIRIS-Rex" (en inglés). Consultado o 13 de decembro de 2020.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: OSIRIS-REx |