Saltar ao contido

Niña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Este artigo trata sobre a carabela, para o fenómeno meteorolóxico véxase: La Niña.
Santa Clara
«La Niña»

Réplica da carabela La Niña, no Peirao das Carabelas de Palos de la Frontera (Huelva)
Historial
Estaleiro estaleiros do Porto de la Ribera, Moguer (Huelva)
Tipo carabela (segundo fontes)
Operador Juan Niño
Posta en grella entre 1487 e 1490
Destino descoñecido
Características xerais
Desprazamento 100,30 t apc
Eslora 21,40 metros
Manga 6,28 metros
Calado 1,78 metros
Tripulación 20 homes

A Niña foi unha das tres carabelas que usou Cristovo Colón na súa primeira viaxe ao Novo Mundo en 1492, xunto coa Pinta e a Santa María, que era a nao capitá (o navío que dirixía a expedición ao ir nel Cristovo Colón).[1] Posteriormente atravesou o Atlántico en moitas expedicións descubridoras e exploradoras do novo continente.

Estaleiros da Niña no Porto de Moguer.

A Niña foi mandada construír en 1488 polo armador moguereño Juan Niño, con madeiras de piñeiro e aciñeira dos montes moguereños, nos antigos estaleiros do Porto de Moguer. Na súa botadura sobre o Río Tinto, a nave recibiu o nome de Santa Clara en honra ao Mosteiro de Santa Clara de dita vila, aínda que pasou á posteridade co nome dos seus propietarios, os irmáns Niño.[2][3]

Os irmáns Niño tiveron unha salientábel participación nos preparativos e desenvolvemento da viaxe descubridora. Unha vez superadas as primeiras reticencias ao proxecto de Cristovo Colón, convertéronse en férreos defensores da viaxe ultramarina e puxeron todo o seu empeño en levar a cabo a empresa colombina. Convenceron a mariñeiría moguereña e ao resto de mariños que decote navegaban con eles, para que se alistasen na viaxe descubridora. Achegaron, á súa costa, a carabela Niña, sendo os responsábeis dos preparativos da súa nave, que se realizaron en xullo de 1492, no Porto de Moguer, tal e como quedou recollido nos preitos colombinos.[2]

A Niña partiu á viaxe descubridora, o 3 de agosto de 1492, contando coma capitán a Vicente Yáñez Pinzón, con Juan Niño como propietario e mestre, e levando unha tripulación total entre dezanove e vinte e dúas persoas. Unha listaxe das máis completas da mesma pode ser:[4]

Tripulación da carabela “A Niña”

1.- Vicente Yáñez Pinzón, capitán, (Palos)
2.- Juan Niño, propietario e mestre, (Moguer)
3.- Sancho Ruiz de Gama, piloto, (Santoña)
4.- Bartolomé Roldán, aprendiz de piloto, (Moguer)
5.- Bartolomé García, contramestre, (Moguer)
6.- Mestre Alonso, físico (Moguer)
7.- Alonso de Morales, carpinteiro, (Moguer)
8.- Francisco Niño, mariño, (Moguer)
9.- Juan Arraes, mariño, (Moguer)
10.- Andrés de Huelva, cho, (Huelva)
11.- Diego Lorenzo, despenseiro, (Huelva)
12.- Fernando de Triana, cho (Sevilla)
13.- García Alonso, cho, (Palos)
14.- Juan Arias, cho, (Tavira)
15.- Juan Romero, mariño,
16.- Miguel de Soria, servente, (Lepe)
17.- Pedro Arraes, mariño, (Moguer)
18.- Pedro Sánchez, mariñeiro, (Montilla)
19.- Rodrigo Monge, mariño, (Palos)

O seu primitivo velame latino foi transformado a velas cadradas na escala que a frota descubridora realizou nas Illas Canarias, e xa na illa de La Española instalouse, xunto cos seus paus de trinquete, maior e contramesana, un novo pau de mesana. As velas da Niña carecían de rizos, polo que non tiñan un sistema de cabos que permitise reducir a superficie en caso de forte vento. As enxarcias que sostiñan os paus estaban enganchadas nos costados do buque. A carabela carecía de castelo de proa, mentres que o alcázar era bastante pequeno.[3]

O 12 de outubro de 1492 a viaxe arribou e descubriu o Novo mundo. Tralo encallado da carabela Santa María o 25 de Nadal de 1492, A Niña converteuse na nave capitá da expedición. Colón elixiuna por ser a máis “veleira” da expedición, tal e como mencionou o 12 de febreiro no seu diario: “se non fose a carabela diz que moi boa e ben aderezada, temería perderse”. Ao mando da Niña regresou Colón e Pedro Alonso Niño como piloto maior.[2]

Na viaxe de regreso, o 14 de febreiro de 1493, á altura das Illas dos Azores cruzáronse cunha forte tempestade que estivo a piques de facer naufragar as embarcacións. Co paso das horas a violencia da tempestade provocou a perda de contacto entre as carabelas, e a tripulación da Niña comeza a temer o peor sobre o sino da Pinta. En tan difícil transo, Cristovo Colón, decidiu botar sorte, a promesa de peregrinar en romaría ao Mosteiro de Santa Clara de Moguer]], coma acción de grazas por superar tan difícil situación. Este Voto colombino foi a promesa que lle tocou en sorte realizar ao propio Colón.[5] A causa do temporal separáronse as carabelas, e a Niña viuse obrigada a atracar nas Illas dos Azores, localizadas a 850 millas de Portugal e controladas por este país. Alí, Colón foi arrestado e ceibado posteriormente para, por mor doutro temporal, terminar atracando en Lisboa o 4 de marzo, onde se entrevistou co rei Xoán II de Portugal; Colón informouno do seu descubrimento.[2][3]

A Niña no Peirao das Carabelas.

Tras arribar de novo ao porto de Palos el 15 de marzo de 1493, encamiñouse cara ao Porto de Moguer para cumprir o voto realizado, con Cristovo Colón, os Niño e o resto da tripulación, algúns indios e papagaios. A xente, alegre, viunos chegar á igrexa do mosteiro de Santa Clara onde cumpriron co voto. Acenderon unha candea e estiveron a noite en vixía. Testemuña do momento foi Juan Rodríguez Cabezudo que confesa nas probanzas do Almirante de 1515 o seguinte:

" ... entraron dentro de la carabela donde el dicho almirante venía e les motró el dicho almirante carátulas de oro que traía de las dichas Yndias e seys o siete yndios que traía de allá e con un cuchillo quitó el dicho almirante un poco de oro a vn indio e se lo dio ... "
Archivo General de Indias, Signatura: PATRONATO,12,N.2,R.3 (fls. 33v-34r.)

Nas mesmas declaraba Martín González:

" ... vino el año de noventa e tres e tornó al puerto dsta villa e así el dicho almirante como todos los que venían con él dezían públicamente que avían descubierto e hallado las dichas yndias e otras muchas yslas ... "

O 25 de setembro do mesmo ano a carabela Niña formou parte da frota da segunda viaxe de Colón. Xa nas novas terras, partiu como capitá dunha viaxe de exploración na que se descubriron Xamaica e a costa sur de Cuba. No porto de La Española un ciclón afundiu, no verán de 1495, a todos os barcos amarrados a porto, agás esta carabela, que aínda que sufriu algúns danos, foi o único navío que non naufragou. Esta capacidade de se manter a flote foi quizais determinante para que a Niña servise de modelo ao primeiro barco construído nas Américas, a carabela Santa Cruz, coñecida coma A India. Regresou a España coa segunda expedición colombina o 11 de xuño de 1496.[3]

Nos anos posteriores, pasou a ser propiedade da coroa española, encoméndase o goberno da Niña a Alonso Medel, quen realizou coa carabela varias viaxes comerciais. No percorrer dunha destas expedicións foi apañada por barcos corsarios franceses, algúns de cuxos tripulantes, naturais de El Puerto de Santa María, foron subornados con 30 ducados por Medel, e axudaron ao español a fuxir dos corsarios.[2]

En setembro de 1497 participou nunha viaxe comercial a Roma, cidade na que fora fretada por Marco de Baeza. Na viaxe de retorno foi asaltada e apresada por un corsario no porto de Cagliari. Trala súa liberación, regresou de novo ás Indias participando en actividades mercantís e de exploración das illas e beiramar americana.

A derradeira viaxe da Niña foi unha expedición a La Española, despois de que o navío fose reparado e calafateado en Palos, cun custo de 35.000 marabedís. Apenas 35 días despois da súa partida, A Niña arribou á actual Haití nunha das viaxes transatlánticas máis rápidas da historia.

A partir dese momento houbo máis fiábeis da sorte da Niña, aínda que unha mención a unha carabela Santa Clara, gobernada por Alonso Prieto en 1508, leva a pensar que a carabela moguereña, unha das naves máis sonadas da historia, navegou aínda uns anos máis entre o vello e o novo continente.

  1. Aínda que a Santa María é referida como nao nalgunhas ocasións no Diario da Viaxe de Colón compilado por Bartolomé de las Casas, aclárase repetidas veces que tamén era unha carabela, co que o termo nao pode referirse a navío e non necesariamente ser unha carraca, malia constar que era a carabela máis grande.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 González Cruz, David (2012). Descubridores de América, Colón, los marinos y los puertos. Sílex Ediciones. ISBN 978-84-7737-739-9. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 ROPERO REGIDOR, Diego (2003). Moguer y América en la era de los descubrimientos. Moguer (Huelva): Col. "Biblioteca Nueva Urium", nº 2. Archivo Histórico Municipal; Fundación Municipal Cultura. ISBN 84-607-8932-2. 
  4. GrandesExploradoresBBVA.com. "Grandes Exploradores de la Historia. Cristóbal Colón. La Figura. Tripulación del primer viaje de Colón". Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2013. Consultado o 25 de setembro de 2015. 
  5. ARTEHISTORIA. "Diario de a bordo. Cristobal Colón. Primer viaje America.". Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2013. Consultado o 18 de xullo de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • ROPERO REGIDOR, Diego. La "Niña II" Aventura transoceánica por la ruta del primer viaje colombino : historia y documentos. Caja Provincial de Ahorros, 1987)
  • ROPERO REGIDOR, Diego. Los lugares colombinos y su entorno. Fundación Ramón Areces, Madrid, 1992.
  • FERNÁNDEZ VIAL, Ignacio; OLLERO MARÍN, Álvaro, Las tres carabelas. Deputación Provincial de Huelva, Huelva, 1998. (ISBN 84-8163-139-6)
  • BORDA CAMACHO, Germán, Visiones de Pero Alonso Niño, descubridor de América. Ed. Archivo Histórico Municipal; Fundación Municipal Cultura, Moguer, 2001.
  • ROPERO REGIDOR, Diego. Moguer y América en la era de los descubrimientos. Col. "Biblioteca Nueva Urium", nº 2. Archivo Histórico Municipal; Fundación Municipal Cultura, Moguer, 2003. (ISBN 84-607-8932-2)
  • FERNÁNDEZ VIAL, Ignacio, Los marinos descubridores onubenses. Deputación Provincial de Huelva, Huelva, 2004. (ISBN 84-8163-352-6).
  • GONZÁLEZ CRUZ, David, Descubridores de America, Colón, los marinos y los puertos. Editorial Silex, Huelva, 2012. (ISBN 978-84-7737-739-9).

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]