Saltar ao contido

Neocolonialismo

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O neocolonialismo é o control indirecto que exercen as antigas potencias coloniais sobre as súas antigas colonias ou, en sentido amplo, os Estados hexemónicos sobre os subdesenvolvidos. Estes países non disfrutan dunha independencia plena, senón que están sometidos aos ditados culturais, políticos, lingüísticos e, especialmente, económicos, doutro.

O neocolonialismo é diferente ao colonialismo, que se caracteriza por un control directo. Así, emprégase a forza militar para a ocupación do país e establécense colonos procedentes da metrópole no territorio suxeito á dominación.

Trala liberación política das colonias mantivéronse xeralmente as antigas estruturas económicas. A dependencia das importacións da metrópole, a concentración da produción en certas materias primas para exportar a Europa e Norteamérica, a carencia dos medios técnicos e do capital, e a conservación en certos casos da propiedade da industria en mans de colonizadores supoñen a continuación do control económico sobre estes países.

A desvalorización das materias primas que exportan e a venda de bens manufacturados de maior valor engadido xeran un déficit comercial nocivo para estes países. A débeda externa asumida por moitos países é tamén un factor relevante no proceso.

Rexións suxeitas a neocolonialismo

[editar | editar a fonte]

A independencia das colonias europeas en África foi consecuencia de moitos factores, entre eles o desexo dos pobos africanos de independizarse, inspirados pola independencia da India, e o resentimento popular contra o racismo e a desigualdade. Pero, ademais, as dúas novas potencias xurdidas trala segunda guerra mundial, a Unión Soviética e os Estados Unidos de América, non participaran na repartición de África e querían asegurar a súa influencia na zona. As dúas superpotencias financiaron os intereses independentistas e aos novos Estados. Trataban así de relanzar a súa industria de armamento, estender a súa ideoloxía e obter o control económico da rexión.

Para alimentar, educar e modernizar ás súas masas, África tomou emprestadas grandes cantidades de diñeiro de varios países, banqueiros e compañías. Gran parte deste diñeiro foi despilfarrado por ditadores corruptos e non revertiu no benestar dos pobos; ademais, a débeda minguou a independencia dos Estados africanos.

Centroamérica, Suramérica e México

[editar | editar a fonte]

Moitos países latinoamericanos recorreron ás grandes potencias para mercar armamento e tentar sacar aos seus pobos da pobreza. A estes países resultoulles moi difícil pagar a débeda externa e as potencias aproveitáronse destas débedas para converter tales países, como Colombia, Venezuela, Perú, México ou outros, nas súas neocolonias.