Saltar ao contido

Navalla de Ockham

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Navalla de Occam»)

A Navalla de Occam, ou principio da parsimonia ou principio de economía, é un principio atribuído ao monxe franciscano e lóxico do século XIV Guillerme de Occam. Constitúe a base do reducionismo metodolóxico.

Na súa forma máis simple, a Navalla de Occam afirma que non se deben facer máis asuncións que as necesarias. A formulación en latín, é Pluralitas non est ponenda sine necessitate, ou "Dadas dúas teorías igualmente preditivas, escolle a máis simple".

Por exemplo, despois dunha tormenta vese que caeu unha árbore. Baseándose na evidencia da tormenta e a árbore caída, unha hipótese razoábel sería que a tormenta tirou coa árbore. Esta é unha teoría que require suspender a incredibilidade moi pouco, xa que existen conexións lóxicas fortes que unen o que xa se sabe desta solución (ver e escoitar tormentas tende a indicar a existencia de tormentas: as tormentas teñen o poder preciso para derrubar árbores). Unha hipótese rival que pretenda que a árbore foi derrubada por unha banda de marcianos de 200 metros de altura require varias asuncións adicionais con varias debilidades lóxicas resultantes de inconsistencias co que xa se sabe (relativas á existencia mesma de alieníxenas, a súa capacidade e vontade de viaxar distancias interestelares, a súa capacidade e desexo de, con ou sen intención, derrubar árbores e a bioloxía alieníxena que lles permita ter 200 metros de altura na gravidade terrestre), e é, polo tanto, menos preferíbel.

Variacións

[editar | editar a fonte]

O principio exprésase habitualmente como Entia non sunt multiplicanda praeter necessitatem, ou "As entidades non deberían ser multiplicadas alén da necesidade", mais este enunciado foi escrito por autores posteriores e non aparece nos escritos coñecidos de Occam. Isto tamén se aplica a non est ponenda pluritas sine necessitate ("as pluralidades non deberían suporse sen necesidade").

Isto pódese interpretar de dous modos lixeiramente diferentes. Un é a preferencia pola teoría máis simple que dea conta dos datos. O outro é a preferencia polo conxunto máis simple dunha teoría dada que dea conta dos datos. A diferenza consiste simplemente en que é posíbel que dúas teorías distintas expliquen os datos igual de ben pero que non teñan relación a unha coa outra. Non comparten elemento común ningún. Poderíase argüír que, neste caso, a Navalla de Occan non suxire unha preferencia. O que acontece é que a Navalla de Occam só intervén cando unha teoría suficiente ten algo engadido que non mellora o seu poder preditivo. A Navalla de Occam elimina estes elementos teóricos adicionais.

O principio da Navalla de Occam ten inspirado numerosas expresións, incluídas: "parsimonia dos postulados" ou o "principio de simplicidade o principio KISS (en inglés "Keep It Simple, Stupid": Manteno Simple, Estúpido).

Outra reformulación, en termos máis formais, é o que fornece a teoría da información como lonxitude mínima da mensaxe.

Leonardo da Vinci é posterior a Occam e ten unha variante que iguala sofisticación a simplicidade: A simplicidade é a mellor sofisticación.

A Navalla de Occam adoita enunciarse así:

De entre dúas teorías ou explicacións equivalentes, sendo todo o demais igual, prefírese a máis simple.

Hai quen prefire a formulación de Isaac Newton: Non se deben admitir máis causas para as cousas naturais que as que son á vez verdadeiras e suficientes para explicar as súas aparencias.

Tamén se atopa desta maneira: A explicación máis simple é normalmente a mellor. Isto é simplificar demasiado (Ver a sección sobre a ciencia porque a Navalla de Occan só se debe usar para escoller entre dúas teorías científicas que sexan igualmente preditivas. O segundo problema co "mellor é o simple" é que a Navalla de Occam non pretende escoller a "mellor" teoría, senón que se limita a propor a simplicidade como factor decisorio ao escoller entre dúas teorías que polo demais son iguais. É posíbel que, con máis información, a teoría máis complexa poida resultar ser correcta a maioría das veces. A Navalla de Occam non pretende que isto vaia acontecer, mais suxire que se utilice a teoría máis simple até termos outra razón que nos obrigue a mudar de criterio.

Tradicionalmente, atribúeselle a formulación deste principio a Guillerme de Occam (1285-1349), aínda que entia non sunt multiplicanda praeter necessitatem non aparece nos seus escritos. Débeselle a John Ponce de Cork (1639). Existen varias frases semellantes, como frustra fit per plura quod potest fieri per pauciora ("en vano facemos por moito o que se pode facer por pouco"), non est ponenda pluritas sine necessitate ("as pluralidades non deberían suporse sen necesidade"), si duae res sufficeient ad eius veritatem, superfluum est ponere aliam (tertiam) rem ("se dúas cousas son dabondo para o propósito da verdade, é superfluo supor outra").

As orixes do que acabou por coñecerse como Navalla de Occam pódense trazar até as obras de filósofos anteriores, como Duns Scoto (1265-1308), e mesmo Aristóteles. Realmente, esta frase non aparece até o século XIX nas obras de Sir William Rowan Hamilton.

Xustificacións

[editar | editar a fonte]

Os nomes alternativos que recibe débense á asociación con simplicidade e parsimonia. Con anterioridade ao século XX críase que a xustificación metafísica para a Navalla de Occam era a simplicidade. Pensábase que a natureza era simple e que as nosas teorías sobre a natureza debían reflectir esa simplicidade. Desde comezos do século XX, cando os científicos deron en mostrar un mundo cada vez máis complexo, os filósofos pasaron as xustificacións ao campo da epistemoloxía: xustificacións indutivas, pragmáticas, probabilidade etc. Por iso, a Navalla de Occam concíbese actualmente como un principio metodolóxico.

A Anti-Navalla de Chatton

[editar | editar a fonte]

Walter Chatton foi un contemporáneo de Guillerme de Occam que deseñou unha "anti-navalla": "Se tres cousas non chegan para verificar unha proposición afirmativa sobre as cousas, débese adicionar unha cuarta, e así". Este principio non tivo o mesmo éxito, aínda que houbo quen se adherise a el e tivese a súa propia versión, como Leibniz e Kant. O primeiro mantiña que Deus creara o mundo co maior número posíbel de criaturas. Kant afirmaba que "A variedade dos seres non debe ser diminuída precipitadamente".

Dúas variantes literarias son a da 'Patafísica, a "ciencia das solucións imaxinarias" inventada por Alfred Jarry, que pretende nada menos que ver cada acontecemento no universo como completamente único e non suxeito a máis leis que as súas propias e a de Borges, no seu conto "Tlön, Uqbar, Orbis Tertius".

Na ciencia

[editar | editar a fonte]

A Navalla de Occam constitúe a perspectiva básica do método científico. Hai que subliñar que se trata dun argumento heurístico que non fornece necesariamente de respostas correctas: é unha guía non estrita para escoller a hipótese científica que, no momento presente, contén o menor número de asuncións non probadas.

Ao mesmo tempo, sen o principio da Navalla de Occam non existe a ciencia. A actividade primordial da ciencia, a formulación de teorías e a selección da teoría máis prometedora a partir da análise das probas recollidas, non é posíbel sen un método que permita escoller entre as teorías que dan conta das probas. Isto é así porque, para cada conxunto de datos, existe un número infinito de teorías que son consistentes con eses datos, o que se coñece como Problema da indeterminación. Por exemplo, se se investiga a teoría de Newton segundo a que toda acción ten unha reacción igual e oposta, pódense imaxinar teorías alternativas que resulten igual de ben: para cada acción hai unha acción oposta da metade da intensidade, pero unhas criaturas indetectábeis e benevolentes magnifican a acción oposta coa súa propia enerxía de maneira que parece igual. Estas criaturas morrerán todas no ano 2055 e, nese momento, a natureza observábel do universo mudará instantaneamente. Esta é unha teoría alternativa que se axusta á evidencia observábel actual tan ben como a teoría de newton. É máis, agora mesmo non somos quen de recoller probas de que unha teoría é superior á outra. Dado que a segunda teoría afirma que esas criaturas son indetectábeis, non será posíbel distinguir entre as dúas teorías até 2055. Ademais, cada teoría ten implicacións profundamente diferentes sobre o que acontecerá no futuro (podemos escoller vivir as nosas vidas de maneira diferente se sabemos que a vida, tal e como a coñecemos, cesará no ano 2055). E finalmente, pódese ver que hai un número infinito de teorías simplemente (e con pouca creatividade), aumentando o ano: 2056, 2057,... Dado que hai un número infinito de teorías que respostan igual de ben á evidencia e todas fan predicións radicalmente diferentes, se a ciencia non pode escoller entre elas, a ciencia non poderá determinar nunca ningunha teoría útil. De momento só existe un xeito de escoller entre ese número infinito de teorías, a Navalla de Occam, que se volve polo tanto imprescindíbel para a ciencia.

A Navalla de Occam non é equivalente á idea de que "a perfección é a simplicidade". Isto era o que Albert Einstein tiña en mente probabelmente cando, en 1933 escribiu que "O obxectivo supremo de toda teoría é facer os elementos básicos irredutíbeis tan simple e tan poucos, sen ter que ceder na representación adecuada dun só dato da experiencia", o que se parafrasea a miúdo como "As teorías deben ser tan simples como sexa posíbel, e non máis simples". Con frecuencia a mellor explicación é moito máis complicada que a explicación máis simple posíbel porque require menos asuncións.

A Navalla de Occam ten actuado na historia da ciencia de dous xeitos. Un é a redución ontolóxica por eliminación e o outro é a competición inter-teorética. Do anterior son exemplos de redución por eliminación: O ímpeto da física aristotélica, os montores anxélicos da mecánica celeste medieval, os catro humores da medicina antiga e medieval, a posesión diabólica como explicación das enfermidades mentais, o floxisto da química premoderna e os espíritos vitais da bioloxía premoderna.

Do segundo caso hai tres exemplos da historia da ciencia nos se escolleron as teorías máis simples de dúas en competencia, das que cada unha explicaba todos os fenómenos observados, preferíndoas ás súas competidoras, máis complexas: o modelo heliocéntrico copernicano da mecánica celeste sobre o modelo xeocéntrico de Tolomeo, a teoría mecánica da calor sobre a teoría do calórico e a teoría einsteniana do electromagnetismo sobre a teoría do éter luminífero.

Na relixión

[editar | editar a fonte]

Na filosofía da relixión, utilízase ás veces a Navalla de Occam para cuestionar os argumentos a favor da existencia de Deus. Ningunha destas aplicacións se considera definitiva porque as asuncións enfrontadas non están definidas con precisión. Ademais, o principio é só unha guía para escoller a mellor teoría a partir do coñecemento actual, non da "verdade".

Galileo Galilei satirizou o mal uso da Navalla de Occan no seu Diálogo. Nel, o principio represéntao Simplicio. Galileo presenta con ironía que se se quixer comezar a partir dun número pequeno de entidades, poderíase considerar sempre o uso das letras do alfabeto como entidades fundamentais, dado que a partir delas se pode construír todo o coñecemento humano.

Os creacionistas utilizan ás veces a Navalla de Occam para a súa defensa da creación da terra, argüíndo que a súa é unha teoría máis simple que a da evolución. Non obstante, o principio non afirma que o "máis simple" sexa o verdadeiro. E ademais o creacionismo ignora conscientemente os datos comprobados para pecharse nunha afirmación non científica como é a existencia de Deus.